Diario Oficial de Galicia
venres, 19 de agosto de 2005
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
159
Páxina do Dog:14.442
Data da Disposición:12 de agosto de 2005
Sección:III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango:
Orde
Título:
Orde do 12 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral.
Orde do 12 de agosto de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral.
A actividade administrativa da Consellería do Medio Rural incrementada recentemente polo aumento de competencias operado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro, implica unha concentración de funcións ao redor do seu titular que aconsella, dado o volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda no beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutelas dos intereses públicos exixe.
Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Primeiro.-Administración de persoal.
Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 15 da Lei da función pública de Galicia, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.
Segundo.-Contratación.
1. Delégase no secretario xeral o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:
a) O inicio e a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación do gasto correspondente, así como, se é o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 72 da Lei de contratos das administraciones públicas.
b) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas, de cláusulas administrativas particulares e dos modelos tipo destes.
c) A adxudicación e formalización dos contratos; as prerrogativas da súa interpretación, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes prerrogativas que, de
acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación.
d) A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.
e) A dirección, inspección e control dos contratos, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución.
Tercero.-Gestión financeira e orzamentaria.
1. Delégase no secretario xeral, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle ao conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:
a) Os gastos de persoal.
b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que lle afecten á secretaría xeral ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.
c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos.
2. Delégase no secretario xeral o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos que hai que xustificar, sen prexuízo das competencias dos delegados provinciais respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.
3. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables nos que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, correspondéndolle aos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.
Cuarto.-Xestión patrimonial.
Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe ao titular da consellería.
Quinto.-Subvencións e sancións.
Delégase no secretario xeral da consellería a competencia para resolver os procedementos de concesión de axudas e subvencións, e se é o caso, acordar o seu reintegro e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Así mesmo, delégase no secretario xeral a competencia para a imposición das sancións que lle correspondan ao titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta.
Sexto.-Recursos e reclamacións.
1. Delégase no secretario xeral o exercicio das competencias seguintes:
a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados.
b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.
c) Resolver as reclamacións previas á vía civil e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.
Sétimo.-Comisións de servizo con dereito a indemnización.
A designación das comisións de servizo, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente da Consellería do Medio Rural.
Oitavo.-Réxime interno.
A disposición de todo o relativo ao réxime interno da consellería, cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.
Noveno.-Fundacións.
Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións lle atribúe ao protectorado destas.
Décimo.-Criterios complementarios.
1. Na aplicación das delegacións contidas nesta orde, teranse en conta os seguintes criterios:
a) Enténdese comprendido na delegación no secretario xeral o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.
b) Atribúeselle ao secretario xeral o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.
2. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.
3. En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2ª da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime jurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.
4. En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas na presente orde quedarán encomendadas aos directores xerais seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estrutura orgánica da consellería, ao longo do tempo en que persistan as mencionadas causas.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 14 de setembro de 2004, e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido na presente orde.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2005.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN
LOCAL
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es