Diario Oficial de Galicia
martes, 15 de maio de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

93


Páxina do Dog:

7.860


Data da Disposición:

27 de abril de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 27 de abril de 2007 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de bolsas de residencia para a realización de estudos universitarios de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo no curso 2007-2008 en centros do sistema universitario de Galicia, destinadas aos galegos e galegas e aos seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio español fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.



Orde do 27 de abril de 2007 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de bolsas de residencia para a realización de estudos universitarios de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo no curso 2007-2008 en centros do sistema universitario de Galicia, destinadas aos galegos e galegas e aos seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio español fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Con esta convocatoria preténdese que os galegos e galegas, ou os seus descendentes, residentes noutra comunidade autónoma, teñan a posibilidade de formarse nas universidades do sistema universitario de Galicia e, ao mesmo tempo, contribuír ao fortalecemento das súas orixes galegas.

Polo que antecede, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
Convócanse bolsas de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos galegos e galegas, ou aos seus descendentes, que teñan a súa residencia familiar en territorio español fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de estudos universitarios presenciais de 1º ciclo e 1º e 2º ciclo, no curso académico 2007/2008, conducentes a titulacións de carácter oficial e validez nacional nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña y Universidade de Vigo).

Artigo 2º.-Orzamento.
Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinarase a cantidade total de 40.000 euros, con cargo á partida orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería.

Artigo 3º.-Período.
As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2007/2008.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes.
Poderán solicitar estas axudas os estudantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais- fillos-netos) e ter a súa residencia familiar en territorio español fóra da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da publicación desta convocatoria.

b) Acreditar a súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para seguir os estudos regrados de primeiro ou primeiro e segundo ciclo para os que solicita a bolsa no curso 2007-2008.

c) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1 punto calculada segundo o protocolo de colaboración ao que se refire o artigo 8º desta orde. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno/a multiplicarase por un coeficiente corrector de 1,35 puntos.

Os/as alumnos/as que inicien por primeira vez o primeiro curso universitario, ter unha nota de acceso á universidade igual ou superior a 5,5 puntos.

d) Cursar estudos presenciais de 1º ou 1º e 2º ciclo conducentes a títulos universitarios de carácter oficial e validez nacional nunha universidade do sistema universitario de Galicia e estar matriculado dun curso completo, ou como mínimo de 60 créditos, agás naqueles casos en que por razóns académicas non lles sexa posible e o poidan xustificar documentalmente.

e) O alumnado que foi beneficiario desta bolsa na convocatoria anterior, para serlle concedida unha nova, deberá ter superados o 50% das materias ou créditos en que estivese matriculado no curso 2006/2007.

Quedan excluídos desta convocatoria os alumnos que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional, agás que esta sexa unha titulación de 1º ciclo necesaria para continuar estudos de 2º ciclo.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.
1. As solicitudes segundo o modelo ED 428A, que se publica como anexo a esta orde, asinado polo interesado e todos os membros da familia computables para os efectos tributarios, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia - Subdirección Xeral de Universidades, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Se a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

Para os efectos de información, poderase consultar o portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es.

2. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
a) Copia do DNI/NIF do/a solicitante e de todos os membros da familia computables para os efectos tributarios.

b) Copia compulsada do libro de familia ou documento acreditativo da súa condición de galego/a ou ascendencia galega.

c) Certificado de empadroamento nun concello de fóra da comunidade autónoma de todos os membros da unidade familiar.

d) Certificación académica orixinal completa, ou copia compulsada dela con expresión da nota media simple do expediente, en que se fará constar o número de créditos superados, segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias dos estudos realizados polo/a solicitante, a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas, así como a escala de notas aplicada polo centro onde realizou os seus estudos. Para os/as que accedan ao 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo, certificación académica do 1º ciclo dos seus estudos universitarios.

No suposto do alumnado que accede ao primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias deberá presentar o certificado da comisión organizadora das probas de acceso a estudos universitarios -no caso de Galicia, da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG)- conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Así mesmo, para o alumnado titulado de FP II, ciclos formativos de grao superior e módulos de nivel III que solicite o ingreso nos estudos ou nas titulacións de primeiro ciclo a que lle dá acceso a súa titulación, deberá presentar a certificación académica dos estudos realizados con expresión da nota media do expediente.

e) Xustificante de matrícula correspondente ao curso académico 2007-2008.
f) Declaración xurada do/a solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao pagamento.

g) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/a solicitante, en que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

h) No caso en que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar suficientemente esta circunstancia, os medios económicos cos que conta e a titularidade ou aluguer do seu domicilio, que para todos os efectos, será o que o alumno habite durante o curso escolar. De non xustificar suficientemente estes extremos, a solicitude será obxecto de denegación.

i) O alumnado que teña a súa residencia familiar e domicilio fiscal nas comunidades autónomas de Navarra e País Vasco deberá presentar copia selada pola Axencia Tributaria da declaración da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio 2006 ou certificado resumo, expedido pola Axencia Tributaria, de tela presentado. As persoas non obrigadas a declarar presentarán certificación dos datos existentes na Administración, expedida pola Axencia Tributaria.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 29 de setembro de 2007.
Artigo 6º.-Tramitación.
Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria polo Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, órgano instrutor deste procedemento, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.


Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. www.edu.xunta.es.

As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación estarán expostas desde o día 26 de outubro ao día 5 de novembro de 2007 (ambos os dous incluídos). Os/as interesados/as poderán, durante este prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.
A selección de candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente: o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

-Vogais:
O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade da Coruña.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

O titular do órgano competente en materia de estudantes da Universidade de Vigo.
O/a xefe/a do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.
-Secretario/a: un/a funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 8º.-Selección e contía.
1. A selección farase en réxime de concorrencia competitiva en función da nota media simple do expediente académico do alumno.

A determinación da contía total que percibirá o beneficiario será realizada pola comisión avaliadora atendendo aos seguintes criterios:

a) Valoración do expediente académico do/a alumno/a coa obtención da nota media simple, calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG do día 23 de marzo de 2005 (Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo).

A contía máxima que se lle asignará por este concepto non poderá exceder de 1.200 euros por cada beneficiario.

b) Valoración das circunstancias económicas da unidade familiar en que estea integrado o beneficiario, establecéndose un baremo segundo os ingresos económicos da unidade familiar.

A contía máxima asignada ao beneficiario por este concepto será de 800 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar, establecendo tramos proporcionalmente ata un máximo de renda de 9.500 euros/membro.

c) Finalmente, terase en conta a distancia entre a residencia familiar do alumno da comunidade autónoma de fóra de Galicia e a sede da universidade en que vaia realizar os estudos.

Por este concepto, a contía individual máxima non excederá de 1.000 euros.
2. O importe global económico total destinado a cada beneficiario, que non poderá superar os 3.000 euros, obterase da suma das contías de cada un dos criterios anteriores.

Artigo 9º.-Resolución.
Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do sistema universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na cal constará a relación de persoas que obteñen a axuda, outra de suplentes e outra de denegados coas causas de denegación, se os houber.

Os/as solicitantes aos que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada, no prazo de tres meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes corrrespondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.
1. No caso de terse producido variación nos datos achegados na declaración xurada de axudas presentada coa solicitude, o beneficiario deberá achegar, no prazo de 10 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da orde de resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, unha nova declaración xurada en que consten os cambios producidos.

2. As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 11º.-Incompatibilidades.
1. Estas bolsas son incompatibles coa percepción de soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a bolseiro/a, con calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, cando a contía percibida por estes conceptos sexa superior ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2006 (importe anual 5.749,20 euros), así como con calquera outra bolsa destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as.
1. O alumnado que resulte beneficiario destas bolsas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria, especialmente respecto ás seguintes obrigas:

a) Incorporarse á universidade en que vai realizar os estudos ao comezo do curso académico 2007/2008 e cursar os estudos nos cales se atope matriculado, con carácter presencial.

b) Residir durante o curso académico en Galicia.
c) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente e a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Disposicións adicionais
Primeira.-A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Consellería de Economía e Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda na unidade familiar. Todo isto enténdese sen prexuízo do establecido no artigo 5º punto 2.i).

b) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvencións ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.


c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Esta orde adaptase ás normas básicas do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o titular da dirección xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2007.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria
Ver referencia pdf "09300D003P008.PDF"
Ver referencia pdf "09300D003P008.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es