Diario Oficial de Galicia
luns, 25 de xuño de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

121


Páxina do Dog:

10.946


Data da Disposición:


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:

Orde


Título:

Orde conxunta do 8 de xuño de 2007, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Innovación e Industria, pola que se convocan premios a recursos educativos para a sociedade da información, para o profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos para o ano 2007.



Orde conxunta do 8 de xuño de 2007, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Innovación e Industria, pola que se convocan premios a recursos educativos para a sociedade da información, para o profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos para o ano 2007.

Nos vindeiros anos a tecnoloxía terá unha maior relevancia no desenvolvemento social e económico de Galicia, xa que contar cun espazo nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado e mais o benestar da cidadanía galega na sociedade do coñecemento dependerá en gran medida da competencia tecnolóxica das galegas e dos galegos, entre outras que lles permitan satisfacer as necesidades sociais nun marco de sostibilidade.

No momento actual existe unha demanda social crecente destes servizos, tanto desde os ámbitos académico e profesional coma desde sectores cada vez máis amplos de poboación interesados na adquisición constante de novos coñecementos. Atendendo a esta demanda, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Innovación e Industria entenden que o éxito da cidadanía galega na adaptación á sociedade da información require dunha nova alfabetización que para chegar ao conxunto dos galegos debe ser abordada a través do sistema educativo.

Esta convocatoria é unha iniciativa conxunta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Innovación e Industria que pretende contribuír ao recoñecemento do esforzo de adaptación por parte do profesorado ao uso das tecnoloxías de información e comunicación no ámbito educativo. Así mesmo, a convocatoria destes premios pretende favorecer a creación de recursos multimedia de contrastada eficacia didáctica, accesibles, axustados aos contidos curriculares vixentes no ensino non universitario e á realidade galega, susceptibles de ser usados na aula ou no fogar por parte do profesorado, o alumnado e as familias, polo que, para tal fin, e polo mesmo,

DISPOÑEN:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto desta orde é convocar 16 premios a recursos educativos para a sociedade da información 2007 e establecer as súas bases reguladoras coa finalidade de fomentar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación no contorno educativo galego.

Artigo 2º.-Modalidades, número e dotación dos premios.
Poderase participar nesta convocatoria por catro modalidades, coa seguinte dotación económica e número de premios:

Modalidade A: ferramentas de autor.
a) Un primeiro premio de 6.000 €.
b) Un segundo premio de 4.000 €.
c) Un terceiro premio de 3.000 €.
Modalidade B: materiais curriculares web.
a) Un primeiro premio de 6.000 €.
b) Un segundo premio de 4.000 €.
c) Dous terceiros premios de 3.000 €.
Modalidade C: galerías de imaxes e vídeos didácticos.
a) Un primeiro premio de 3.000 €.
b) Dous segundos premios de 2.000 €.
c) Tres terceiros premios de 1.000 €.
Modalidade D: aplicacións de software libre.
a) Un primeiro premio de 6.000 €.
b) Un segundo premio de 4.000 €.
c) Un terceiro premio de 3.000 €.
Artigo 3º.-Asignación económica.
1. A cantidade total destinada a premios é de 52.000 euros, e o pagamento das modalidades A e D, por un importe de 26.000 €, farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.571A.640.1 da Consellería de Innovación e Industria, cofinanciados con fondos Feder, e o das modalidades B e C, por un importe de 26.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.423A.640.1 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2007.

2. Os premios poderán ser declarados desertos. Con carácter excepcional, e por acordo motivado do xurado, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá determinar a redistribución da contía de premios declarados desertos entre algunha das outras categorías e modalidades da convocatoria.

Artigo 4º.-Destinatarios.
Poderá participar nesta convocatoria profesorado, a título individual ou en grupo, destinado en centros educativos de ensino non universitario sostidos con fondos públicos. O profesorado participante nestas modalidades deberá estar en activo e impartindo ensino en niveis non universitarios.

Artigo 5º.-Requisitos.
Os materiais que se presenten por calquera das catro modalidades contempladas deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Requisitos xerais.
-Todos os materiais presentados deben acompañarse dunha memoria na que se recolla a exposición e descrición das características técnicas do software e hardware necesarios para a utilización dos programas, así como a descrición do procedemento de elaboración do recurso e dos medios utilizados.

-Os materiais presentados polas modalidades B e C versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos non universitarios e, con excepción dos vídeos, presentarán unha guía didáctica integrada no recurso á que se poderá acceder dende o propio recurso.

-Os materiais deberán ser presentados en lingua galega, agás aqueles que versen sobre as materias de lingua castelá e literatura, que poderán estar en castelán, e lingua estranxeira, que poderán estar no idioma estranxeiro obxecto do traballo. En todo caso, a guía didáctica e a memoria deberán estar obrigatoriamente redactadas en galego.

-Todos os traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser orixinais, non comercializados e non premiados con anterioridade.

-Deberá incluírse toda aquela información escrita, tanto a dirixida ao profesorado como a dirixida ao alumnado, que se considere relevante para un bo aproveitamento do recurso.

-O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

-Entregaranse por duplicado en CD-ROM claramente identificados e incluirán os códigos fonte.

-Os materiais presentados en que aparezan imaxes de menores deberán acompañarse obrigatoriamente da correspondente autorización, segundo modelo que figura no anexo IV para uso da súa imaxe asinada polos pais, titores ou representantes legais dos menores.

-En todos os materiais educativos eliminaranse os estereotipos sexistas ou discriminatorios e fomentaranse o igual valor de homes e mulleres.

-No caso de que os autores non dispoñan da plena propiedade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polos posuidores destes en que aceptan as bases deste concurso. O feito de que un produto necesite para o seu funcionamento e libre distribución software propietario-comercial e/ou dereitos que non poidan ser cedidos polo concursante será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

-Na modalidade D -aplicacións de software libre- será obrigatorio a utilización da Forxa de software libre de Mancomun http://forxa.mancomun.org/ como plataforma de desenvolvemento da aplicación.

2. Requisitos técnicos.
Ademais de cumpriren estes requisitos xerais, os materiais presentados a esta convocatoria deberán cumprir necesariamente os requisitos técnicos que se especifican no anexo V.

Co fin de facilitar a publicación na web, recoméndase consultar a «Guía de boas prácticas para a publicación en web» dispoñible no Portal galego de contidos educativos, no enderezo http://www.edu.xunta.es/contidos/guia_boas_practicas/.

En todas as modalidades poderán utilizarse os recursos existentes na Iniciativa galega polo software libre Mancomun.org da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.

Artigo 6º.-Solicitudes, presentación da documentación e prazo de presentación.
1. Solicitude.
a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, asinada polo autor/a ou, se é o caso, polo coordinador/a responsable do grupo de traballo, segundo modelo que figura no anexo I.

b) Certificación do/a director/a do centro educativo no que estea destinado cada docente, que deberá incluír o DNI e NRP, acreditativa de que o/a autor/a ou cada membro do grupo presta os seus servizos como persoal docente no devandito centro, segundo modelo que figura no anexo II.

c) Declaración xurada ou promesa de pertencerlle os dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade dos materiais ou produtos presentados; de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados e tampouco obtivo bolsa para a elaboración dos produtos presentados, nin foron sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro doutros programas, segundo modelo que figura no anexo III.

d) Cada participante debe achegar unha copia compulsada do seu DNI e unha certificación bancaria de que é titular da conta declarada na solicitude.

e) Autorización, se é o caso, para o uso de imaxe de menores, segundo modelo que figura no anexo IV.

f) No caso de que os autores non dispoñan da plena propiedade dos dereitos do traballo presentado terán que achegar un escrito asinado polos posuidores deses dereitos onde se declare a aceptación das bases desta convocatoria.

g) En todas as modalidades deberá presentarse unha copia impresa da memoria e por duplicado en CD-ROM claramente identificados e que incluirán os códigos fonte.

h) Relación asinada do material que se presenta.
2. Presentación de documentación.
Esta documentación, anexos, así como as dúas copias en CD-ROM do material e a memoria correspondente presentaranse en sobre pechado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se envíe por correo certificado, a documentación que deberá xuntarse ao traballo terá que ser datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando non se achegue a documentación exixida, as persoas interesadas serán requiridas para a súa presentación nun prazo máximo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación efectuada.

3. Prazo de presentación.
O prazo de presentación a esta convocatoria comezará ao día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 15 de setembro de 2007.

Artigo 7º.-Comisión de selección.
Os materiais presentados que se axusten a esta convocatoria serán valorados por unha comisión presidida pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue e integrada polos seguintes vogais:

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, ou persoa en quen delegue

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas de Información da Educación, ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue

-A persoa titular do Servizo de Innovación Educativa.
-A persoa titular do Servizo de Desenvolvemento da Sociedade da Información.
-Catro asesores técnicos das consellerías implicadas.
Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria actuará como secretario/a con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles materiais que coiden pertinentes.

Artigo 8º.-Criterios de selección.
Para a valoración dos materiais presentados, a comisión basearase nos seguintes aspectos de calidade técnica e contido educativo segundo as distintas modalidades:

Modalidade A. Ferramentas de autor.
-Facilidade de uso por parte do profesorado, incluído aquel con escasos coñecementos técnicos (25%).

-Calidade técnica do material xerado pola ferramenta (25%).
-Variedade de actividades e exercicios que se poden deseñar coa ferramenta (25%).

-Calidade da documentación, con explicacións exhaustivas e claras que favorezan o emprego da ferramenta (25%).

Modalidade B. Materiais web.
-Deseño pedagóxico, relevancia e volume dos contidos respecto ao total do currículo da materia, así como cantidade de exemplos, exercicios e suxestión de diferentes aplicacións didácticas na aula (20%).

-Aproveitamento pedagóxico de todas as potencialidades das tecnoloxías empregadas, facilidade de manexo, calidade do deseño gráfico, interactividade (20%).

-Estrutura do material que permita a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e propostas pedagóxicas que ofrezan distintos niveis de aprendizaxe (20%).

-Calidade da documentación do programa, facilidade de modificación por parte do profesorado e transferibilidade aos centros educativos (20%).

-Nivel de accesibilidade da aplicación para as persoas con algunha discapacidade (20%).

Modalidade C. Vídeos e galerías de imaxes.
-Adaptación á realidade galega, á súa diversidade, aos seus valores e sinais de identidade (20%).

-Aproveitamento didáctico das imaxes presentadas (20%).
-Calidade técnica e artística das fotografías ou ilustracións, ou filmacións (20%).

-Contribución a unha visión global do tema escollido (20%).
-Que as imaxes estean xeorreferenciadas, especialmente se se trata de fotos relacionadas con paisaxe, natureza, monumentos, etc. (20%).

Modalidade D. Aplicacións de software libre.
-Utilización de licenzas libres como a EUPL, GPL da FSF ou calquera outra das recollidas na Open Source Initiative (http://www.opensource.org/licenses/) (15%).

-Calidade do desenvolvemento e da documentación, así como o uso apropiado da forxa (15%).

-Innovación da proposta presentada (20%).
-Índice de comunidade: grao de reusabilidade, estratexia de difusión empregada, relación con outras comunidades, participación na listaxe de correos, etc. (20%).

-Posibilidade de usarse en multiplataforma (15%).
-Interese da aplicación para a comunidade educativa (15%).
Artigo 9º.-Resolución.
1. A proposta de concesión de premios emitida pola comisión elevaráselle á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia, logo da presentación polos beneficiarios da súa declaración de que o material presentado é inédito ou, polo menos, non foi comercializado, e de que non obtivo ningún premio desde que se presentou a esta convocatoria.

2. Contra esa resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de tres meses unha vez rematado o prazo máximo de presentación de solicitudes.

Artigo 10º.-Certificación.
A Administración educativa recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados, mediante expedición de certificado persoal, as actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Aplicarase para cada premio a equivalencia de 20 horas, que nas autorías colectivas (catro persoas como máximo) se distribuirán, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, entre o profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior ao 25%, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.

Artigo 11º.-Pagamento dos premios.
1. O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que sexa colectivo (catro persoas, como máximo), o pagamento farase a todos os integrantes do grupo segundo as porcentaxes de participación declaradas na solicitude.

2. Os premios estarán suxeitos á retención fiscal correspondente.
3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º.-Difusión e publicación dos materiais premiados.
A presentación a esta convocatoria implicará, no caso dos traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Innovación e Industria dos dereitos de explotación.

No caso de que os autores decidisen difundir por outras vías os traballos premiados, deberán contar coa autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Innovación e Industria e indicar o premio de que foi obxecto.

Os autores/as quedarán comprometidos a realizaren as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os ficheiros de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 13º.-Retirada da documentación.
Os interesados ou os seus representantes poderán retirar a documentación e materiais non premiados na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución de concesión desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o citado prazo, procederase á súa destrución, agás os que sexan obxecto de recurso.

Disposición adicional
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, as consellerías convocantes publicarán nas súas páxinas web oficiais a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Delegación de competencias.
Autorízase á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Recursos.
Contra esta orde os interesados poden interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (coas modificacións da Lei 4/1999), ou ben directamente recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Terceira.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2007.
Fernando Xabier Blanco Álvarez Laura Sánchez Piñón
Conselleiro de Innovación Conselleira de Educación
e Industria e Ordenación Universitaria

ANEXO V
Requisitos técnicos do material presentado a concurso.
1. Requisitos técnicos xerais.
-Os materiais en contorno web executaranse a partir dunha páxina inicial «index.html».

-Para asegurar a compatibilidade do material presentado cos servidores web, os nomes de todos os arquivos ou carpetas deberán conter unicamente letras minúsculas (agás o ñ), números, guións baixos e puntos. Non se aceptará ningún traballo onde os nomes dos ficheiros conteñan letras maiúsculas, eñes, acentos, espazos en branco ou outros caracteres especiais.

-Se as páxinas incluísen compoñentes multimedia que requirisen unha instalación de módulos adicionais no navegador, deberá advertirse isto na páxina inicial e indicar as instrucións de descarga, instalación e configuración necesarias.

Os materiais que fagan uso do contorno web deberán aterse aos criterios xerais de deseño, navegabilidade e uso que se indican:

-Sempre que sexa posible, evitar no corpo do texto as barras de desprazamento (scroll).

-Ter en conta a correcta visualización nas últimas versións dos navegadores e sistemas operativos máis usados.

-Usar follas de estilo (CSS).
-Tender á máxima estandarización e a empregar unha simboloxía unívoca e fácil de comprender.

-Presentar en todas as páxinas un menú que permita o acceso rápido ao resto dos contidos do recurso.

-Mediante iconas ou texto, indicarlle a quen navega en que sección se encontra, a onde pode ir, como pode volver á páxina principal, etc.

-Co fin de achegar os contidos aos usuarios, facer un deseño atractivo, amigable e funcional das interfaces.

-Para evitar tempos de descarga excesivos, evitar a sobrecarga de imaxes.
-Favorecer, na medida do posible, a accesibilidade do recurso.
Os materiais en contorno web poderán ser estáticos ou dinámicos.
-No caso de ser estáticos realizaranse en formato HTML (extensión .htm) e poderán incluír elementos en SVG, flash, java, etc.

-No caso de páxinas dinámicas, baseadas en linguaxes de programación de páxinas web en modo servidor, só se usarán produtos de licenza libre. Neste caso, á parte do material propiamente dito, incluiranse no CD as aplicacións servidores necesarias. Terase en conta que o proxecto presentado, sexa na modalidade que sexa, deberá ser compatible cos servidores da consellería. A infraestrutura dispoñible sobre a cal se deben poder executar é a seguinte:

-S.O. Linux Red Hat AS 2.1.
-Servidor web Apache 1.3.
-PHP 4.
-MySQL Server 4.
No caso de ser preciso, pódese habilitar un directorio Cgi-bin dentro do directorio raíz do concursante para que poida incluír scripts en Perl. De ser así, os servizos informáticos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resérvanse o dereito a revisar e eliminar todos aqueles scripts que degraden en exceso o servizo ou supoñan algún tipo de problema para a seguridade do servidor. Para estes casos, o camiño ao intérprete de Perl é o seguinte: /usr/bin/perl.

Os concursantes que desexen dispoñer de base de datos MySQL no seu proxecto deberán solicitarllo á consellería, que lles asignará unha base de datos no servidor, así como un usuario e un contrasinal para utilizala. Só dispoñerán dunha base de datos no servidor, dentro da que poderán crear as táboas que sexan necesarias. O proxecto deberá ir acompañado dun ficheiro de configuración no que se indique o usuario, o contrasinal e o nome da base de datos, de modo que os administradores de sistemas da consellería poidan modificala se for necesario para o seu funcionamento.

2. Requisitos técnicos específicos para a modalidade C.
As galerías de imaxes presentadas dentro da modalidade C cumprirán obrigatoriamente os seguintes requisitos.

-Contar cun mínimo de 75 imaxes.
-As imaxes deberán vir libres de marcas de auga.
-Virán presentadas en contorno web, en formato JPEG, en tres tamaños, de xeito que aparezan páxinas iniciais a modo de índice en que se inclúan as miniaturas das fotos, permitan o acceso directo a cada unha delas en formato mediano e posibiliten a descarga da versión de maior resolución (mínimo 2Mpx).

-Cada imaxe deberá ir acompañada dun pé de foto suficientemente explicativo: motivo, aplicación didáctica, data e lugar (se é significativo).

-Preferentemente virán xeorreferenciadas, especialmente se se trata de fotos relacionadas con paisaxe, natureza, monumentos…

Os vídeos dixitais presentados dentro da modalidade C cumprirán obrigatoriamente os seguintes requisitos:

-O tamaño da pantalla será formato PAL (720×576).
-A duración será de 8-10 minutos como máximo.
-A velocidade de 25 fps.
-Deberase procurar un compromiso entre a calidade e o tamaño do arquivo.
-As imaxes deberán ser orixinais. No caso de usar imaxes alleas nunca poderán sobrepasar o 10% da duración total do vídeo.



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es