Diario Oficial de Galicia
martes, 21 de agosto de 2007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

161


Páxina do Dog:

14.026


Data da Disposición:

23 de xullo de 2007


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR


Rango:

Orde


Título:

Orde do 23 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, destinadas a pequenas e medianas empresas (Pemes) para a realización de programas ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.



Orde do 23 de xullo de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, destinadas a pequenas e medianas empresas (Pemes) para a realización de programas ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración autonómica ao que lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e funcións en materia de igualdade de xénero, tal e como se establece no artigo 1º do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A Secretaría Xeral da Igualdade é o órgano ao que lle corresponden, entre outras funcións, o deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas que a Xunta de Galicia realice en materia de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, de loita contra a discriminación por razón de sexo, e de promoción da igualdade entre mulleres e homes.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral é un feito indubidable e cómpre que se produza un cambio no contexto social xa que os papeis de xénero asignado se poñen en cuestión, tendo xa experimentado unha importante evolución ata chegar a situación actual. Son necesarios, polo tanto, novos paradigmas que axuden a un desenvolvemento axeitado, coherente e sustentable no tempo.

En xeral, existe na poboación galega unha percepción de que é complicado compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral e moitas veces descoñécense, tanto polas empresas como polos seus traballadores e traballadoras, as posibilidades e as medidas que se poden pór en práctica para tentar levalo a cabo.

Por outra parte, as responsabilidades familiares son concibidas na maior parte dos casos como propias das mulleres, o que actúa, unha vez máis, como factor de desigualdade. Desde os poderes públicos, débense adoptar medidas que favorezan as accións dirixidas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen que isto afecte negativamente as posibilidades de acceso ao emprego e as condicións de traballo das mulleres.

Ante este escenario, a Secretaría Xeral da Igualdade, consciente da necesidade de promover accións que favorezan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral así como do impacto social que estes cambios están a supoñer, considera necesario abordar, a través de accións concretas a nivel particular e coherentes no seu conxunto, medidas favorecedoras da conciliación que dean resposta ás novas demandas da sociedade.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Na súa virtude e no uso das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
O obxecto da presente orde é regular as bases e o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás pequenas e medianas empresas (Pemes) domiciliadas en Galicia ou que acometan as accións subvencionables nos seus centros de traballo establecidos en Galicia, para a realización de accións destinadas a promover a elaboración e posta en marcha nestas empresas de programas ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Artigo 2º.-Financiamento.
1. As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.312G.470.0, código de proxecto 2007 00070, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por un importe máximo de 441.625 euros, participando neste financiamento a Unión Europea a través do Fondo Social Europeo nun 80%.

2. As subvencións que se concedan serán adxudicadas ata o límite dos créditos dispoñibles na aplicación orzamentaria citada, tendo en conta os principios de publicidade, igualdade, concorrencia competitiva e obxectividade na súa concesión, regulándose conforme o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.
1. A tramitación de solicitudes e concesión destas subvencións axustarase ao disposto no Regulamento CE nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006), segundo o cal a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada, axustarase así mesmo ao establecido no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nesta orde e demais normativa de aplicación.

2. En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro da presente orde rexerá o disposto no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as empresas domiciliadas en Galicia ou que acometan proxectos subvencionables nos seus centros de traballo establecidos en Galicia, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, que reúnan a condición de micro, pequena ou mediana empresa (Pemes).

Para estes efectos considerarase PEME, a empresa que empregue menos de 250 persoas, e cuxo volume de negocio anual non exceda de 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros, así como que cumpra co criterio de independencia segundo os criterios definidos na recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003. Para o seu cómputo e límites sinalados no caso de empresas asociadas ou vinculadas efectuarase tal e como dispoñen as liñas 2 e 3 do artigo 6 do anexo da antedita recomendación.

Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións obxecto desta convocatoria as empresas públicas ou participadas.

2. Os requisitos que deben reunir as empresas beneficiarias das subvencións deberán manterse mentres non se execute a acción subvencionada e se xustifique de acordo co establecido nesta orde.

3. En ningún caso poderán obter a condición de beneficiaria das subvencións obxecto desta convocatoria, as micro, pequenas e medianas empresas, Pemes, nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5º.-Accións subvencionables.
1. Estas subvencións teñen como finalidade o financiamento do desenvolvemento de programas ou accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, podéndose conceder para:

a) Elaboración e implantación de programas a favor da conciliación persoal, familiar e laboral. Estes programas deberán conter como mínimo, unha diagnose da situación previa da empresa, medidas que se deben adoptar a prol da conciliación, obxectivos que hai que cumprir e prazos, sistemas de avaliación interna e externa.

b) Estudos que teñan como obxectivo analizar a viabilidade de realizar unha reorganización do traballo que facilite a conciliación da vida persoal, familiar e laboral de homes e mulleres da empresa.

c) Gastos derivados de servizo de atención a menores, de atención a persoas maiores, a persoas enfermas e/ou discapacitadas, sempre que os conceptos que se van subvencionar non estean financiados por outros departamentos da Administración autonómica.

d) Asistencia técnica para a implantación de sistemas de xestión de recursos humanos cunha perspectiva de xénero que contribúan á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

e) Gastos derivados da implantación de novos sistemas de organización do traballo que faciliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral de mulleres e homes na empresa.

f) Gastos de formación en materia de conciliación.
g) Calquera outro gasto que teña como finalidade facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

2. Terá carácter prioritario as solicitudes de subvención para a elaboración de programas a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, recollidos na alínea a).

Artigo 6º.-Importe, incompatibilidade e concorrencia das subvencións.
O importe das subvencións poderá acadar con carácter xeral unha contía máxima do 50% do orzamento total da actividade realizada coas seguintes limitacións:

a) No caso das accións establecidas no artigo 5º.1 a), as subvencións non poderán superar os 20.000 euros.

b) No resto das accións establecidas no artigo 5º.1, as subvencións non poderán superar os 10.000 euros.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividadeque se vai realizar.

As empresas solicitantes das subvencións previstas nesta orde deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

Así mesmo, na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a descrita no parágrafo anterior.

Artigo 7º.-Solicitudes, documentación e prazos.
1. As solicitudes de subvencións, debidamente asinadas e segundo o modelo oficial que figura como anexo I, presentaranse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar (edificio administrativo San Caetano, s/n, CP 15781, Santiago de Compostela), ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación, orixinal ou debidamente compulsada, que de seguido se relaciona:

a) Anexo II (modelo de declaración xurada), en que consta:
-Declaración expresa de que todos os datos que figuran na solicitude, nos seus anexos e demais documentos son certos e que a dita empresa pertence á categoría de PEME, de acordo cos criterios establecidos na recomendación da Comisión Europea do 6 de maio de 2003 (DOCE do 20 de maio), sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas.

-Declaración de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre os requisitos establecidos nela.

-Declaración expresa de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude de cantas axudas ou subvencións suxeitas ao réxime de minimis, así como calquera outra axuda para a mesma actividade ou proxecto, procedentes de calquera administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais.

-Declaración expresa de que os provedores non están vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

-Declaración expresa de que se está dada de alta no IAE na actividade principal e no grupo ou epígrafe que corresponda.

b) Anexo III ( modelo de compromiso coa utilización da lingua galega), se é o caso.

-Declaración voluntaria de compromiso de utilización da lingua galega en todas as relacións que a empresa manteña coa Administración autonómica, así como en todos os elementos que deriven da materialización e publicidade das actuacións subvencionables, de acordo co establecido no artigo 6.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

c) Anexo IV: ficha de datos básicos.
d) Documentación xurídico-administrativa da empresa solicitante (orixinal ou copia cotexada) que deberá estar en vigor:

-Escritura pública de constitución e estatutos, modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

-CIF da entidade solicitante ou NIF, no caso de tratarse dun/dunha empresario/a individual.

-Documento público acreditativo de poder suficiente da persoa física que actúe en nome e representación da empresa solicitante.

-Fotocopia do documento de identidade/NIF da persoa ou persoas (en caso de poder mancomunado) que exerzan a representación.

e) Memoria explicativa do programa ou acción que se presenta, que incluirá, polo menos, unha descrición pormenorizada da acción que se vai desenvolver, a orixe da iniciativa, as características do centro de traballo en que se vai desenvolver, a descrición pormenorizada do programa ou acción que se vai realizar, o interese, a oportunidade e os obxectivos, o calendario de actuación, o orzamento desagregado e detallado ao máximo dos diferentes gastos, e aspectos que poidan ser obxecto de valoración conforme o artigo 10 º desta orde.

f) Declaración responsable na cal se faga constar que a empresa desenvolve a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, que o programa ou acción para a que se solicita subvención non está executado e que as medidas que se implanten, se é o caso, se van manter polo menos tres anos, agás substitución por outras máis favorables para as traballadoras e traballadores.

g) Declaración responsable, se é o caso, de que a empresa dispón dun plan de igualdade en vigor, para os efectos do previsto no artigo 10º a), achegando copia del.

h) Tal e como se establece no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á solicitude de subvención, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención (circunstancia que se acreditará mediante factura co seu correspondente pagamento). A escolla entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa memoria de solicitude, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta máis vantaxosa. As ofertas presentaranse coa solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada no punto anterior será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos nesta orde, a interesada será requirida para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistida na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8º.-Consentimentos e autorizacións.
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 43 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, a presentación da solicitude da concesión da subvención comportará a autorización da solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificacións telemáticas.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web, coas precisións previstas nas leis.

Artigo 9º.-Instrución.
1. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, crearase unha comisión de valoración para o efecto e que estará composta por:

a) Presidenta: a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade.
b) Dous vogais: a xefa de Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade e o xefe de sección administrativa da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos/das compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos nomee a secretaria xeral da Igualdade.

2. Esta comisión poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación do proxecto.

3. As solicitudes de subvención admitidas e a súa documentación, serán remitidas á comisión de valoración para que, unha vez valoradas, proceda a propor a concesión ou denegación das axudas seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 10º.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán as contías das axudas propostas, que en ningún caso superarán o 50% do importe solicitado ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos para a concesión da subvención.
As solicitudes serán avaliadas cos criterios obxectivos que se relacionan de seguido:

a) Primaranse ante todo os proxectos presentados por aquelas empresas que están desenvolvendo un programa de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas relacións laborais. A valoración máxima será de 7 puntos.

b) Grao de participación de traballadoras e traballadores na proposta presentada. A valoración máxima será de 5 puntos.

c) Grao de definición e viabilidade do programa ou accións. A valoración máxima será de 4 puntos.

d) Número de mulleres e homes que van resultar beneficiarios/as do programa ou accións. A valoración máxima será de 4 puntos.

e) A achega económica da empresa en relación co custo total do proxecto. A valoración máxima será de 3 puntos.

f) A aplicación das accións establecidas, a contornos máis xerais. A valoración máxima será de 3 puntos.

g) Os elementos innovadores do programa ou accións en relación co obxectivo de favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A valoración máxima será de 2 puntos.

h) Emprego da lingua galega no desenvolvemento das accións, se é o caso, ata 2 puntos.

Artigo 11º.-Resolución.
Á vista das valoracións emitidas pola comisión de valoración e recollidas na acta da reunión, a secretaria xeral da Igualdade elevará unha proposta de resolución e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar ditará resolución de concesión ou denegación da subvención solicitada.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.
As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde, esgotan a vía administrativa, e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Aceptación ou renuncia.
1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez (10) días naturais desde a notificación da concesión sen que a empresa beneficiaria comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Obrigas das empresas beneficiarias.
1. Son obrigas das empresas beneficiarias das subvencións:
a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención na forma e prazo establecidos.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da acción subvencionable, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión ou desfrute da subvención.

c) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

d) Facer constar en toda a información ou publicidade que se efectúe da actividade ou obxecto da subvención que esta subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, e está cofinanciada pola Unión Europea, Fondo Social Europeo, segundo a normativa aplicable, tal e como se recolle no artigo 3º.2 desta orde.

e) Someterse as actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a entidade concedente, ás de control financeiro que correspondan, se for o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta documentación lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas empresas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas, outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

i) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida nos supostos recollidos no artigo 18º desta orde.

j) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 15º.-Xustificación.
1. Para cobrar a subvención concedida, a empresa beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada) nos lugares sinalados no artigo 7º desta convocatoria, tendo como prazo máximo para presentalo ata o 15 de novembro de 2007.

a) Solicitude de pagamento da subvención (anexo VI).
b) Declaración complementaria, actualizada, das axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución para a mesma actividade, procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de ser o caso declaración de axudas de minimis obtidas e solicitadas. No caso de ser beneficiaria dalgunha das axudas referidas, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa subvención outorgada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) Memoria en que se constate a realización das actividades realizadas indicando, se procede, o grao de consecución dos obxectivos.

d) Xustificantes dos gastos: facturas dos/as provedores/as en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data da acción subvencionable e a data límite de xustificación. En ningún caso se admitirán gastos efectuados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007.

e) Xustificación dos pagamentos: transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio da acción subvencionable e a data límite de xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o/a receptor/a e o/a emisor/a do pagamento. Non se admitirán pagamentos en efectivo.


f) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realizar o pagamento e na cal conste a razón social e o CIF da empresa subvencionada, así como o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

g) Documentación que acredite a publicidade do cofinanciamento da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo (FSE), segundo o sinalado no artigo 14º d) desta convocatoria.

h) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000 euros no suposto de servizos para asistencia técnica, a beneficiaria ten que solicitar como mínimo tres ofertas a diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo. A elección da oferta debe achegarse na xustificación tal e como se establece no artigo 31.3º da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Calquera outro documento que se requira durante a tramitación do expediente para a verificación da actuación subvencionada.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a beneficiaria presentase a documentación xustificativa, entenderase que renuncia á subvención. Neste caso, o vicepresidente ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Forma de pagamento.
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da vicepresidencia, antes do proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. A percepción da subvención terá lugar unha vez que a documentación xustificativa sexa verificada e, se é o caso, se comprobe a materialización do cumprimento da realización da acción subvencionada e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión.

3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esa minoración non supoña unha realización deficiente da acción.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en calquera caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, á súa revogación.

Artigo 18º.-Reintegro.
1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta orde, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. No suposto de que, por condicións específicas da resolución de concesión ou pola súa contía, a empresa beneficiaria coide que non é posible realizar o programa ou actividade que se subvenciona poderá renunciar a ela. No caso de que o pagamento se materializase, a interesada procederá ao reintegro das cantidades percibidas máis o xuro de demora correspondente.

Artigo 19º.-Seguimento e control.
1. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas ás actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, e ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, ás previstas na lexislación do Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, de ser o caso, procedan.

Disposicións adicionais
Primeira.-As beneficiarias destas subvencións quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade, para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2007.
Anxo M. Quintana González
Vicepresidente da Igualdade e do Benestar
Ver referencia pdf "16100D003P010.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es