Diario Oficial de Galicia
venres, 9 de maio de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

89


Páxina do Dog:

8.355


Data da Disposición:

28 de abril de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 28 de abril de 2008 pola que se modifica a do 11 de decembro de 2006 pola que se recoñece a indicación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas da súa utilización nos viños de mesa producidos na área xeográfica delimitada.



Orde do 28 de abril de 2008 pola que se modifica a do 11 de decembro de 2006 pola que se recoñece a indicación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas da súa utilización nos viños de mesa producidos na área xeográfica delimitada.

O Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola determina, no seu artigo 51, que os Estados membros poderán establecer condicións para a utilización de indicacións xeográficas na designación dos viños de mesa. O seu anexo VII prevé que poderá utilizarse na designación dun viño de mesa con indicación xeográfica a mención viño da terra acompañada do nome da unidade xeográfica, non sendo nese caso obrigatoria a denominación viño de mesa.

Ademais, para esta categoría de viños é de aplicación o Regulamento (CE) 753/2002 da Comisión, do 29 de abril, que fixa determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1493/1999, no que respecta á designación, denominación, presentación e protección de determinados produtos vitivinícolas, dispoñendo no seu artigo 28 os aspectos mínimos que deben recoller as normas estatais de utilización da mención viño da terra.

Así, e dentro deste marco normativo, a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, recolle no seu artigo 19, de carácter básico, as condicións mínimas que deben cumprir estes viños. Posteriormente, o Real decreto 1126/2003, do 5 de setembro, polo que se establecen as regras xerais de utilización das indicacións xeográficas e da mención tradicional viño da terra na designación dos viños, concreta máis as ditas condicións.

Por outra parte, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, dedica o seu capítulo II do título III ás denominacións xeográficas de calidade, entre as que se inclúe a mención viño da terra.

No ámbito territorial de Galicia existen na actualidade tres indicacións xeográficas de viño da terra, entre as que se atopa o Viño da Terra de Barbanza e Iria, regulado pola Orde do 11 de decembro de 2006 (DOG nº 241, do 18 de decembro).

Así mesmo, para completar o marco legal vixente, hai que citar a Resolución do 22 de febreiro de 2001, da entón Dirección Xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pola que se estableceron, con carácter xeral, as condicións para a utilización das indicacións xeográficas nos viños de mesa.

Porén, a evolución da denominación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria pon de manifesto a necesidade de mellorar e cambiar determinados aspectos referidos ao seu funcionamento, co fin de garantir un maior control da orixe destes viños, das condicións da súa elaboración e da súa calidade. Por iso, considérase conveniente establecer unha nova regulación que modifique a anterior en determinados aspectos, para o logro dos obxectivos sinalados.

Por todo o anterior,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modificación da orde da Consellería do Medio Rural do 11 de decembro de 2006.

Mediante esta orde modifícanse determinados preceptos da Orde do 11 de decembro de 2006 pola que se recoñece a indicación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria e se establecen as normas da súa utilización nos viños de mesa producidos na área xeográfica delimitada, e se introducen novos preceptos, nos termos que a continuación se sinalan:

Un.-Modifícase o artigo 7º da orde da Consellería do Medio Rural do 11 de decembro de 2006, que queda redactado co seguinte teor literal:

«Artigo 7º.-Obrigas xerais dos viticultores.
Os viticultores que produzan uvas con destino á elaboración de viño da terra de Barbanza e Iria deberán:

a) Ter as viñas legalmente inscritas no Rexistro vitícola de Galicia, con indicación de que a produción se pretende amparar baixo a denominación viño da terra de Barbanza e Iria.

b) Presentar a declaración anual de colleita de uva perante o servizo provincial do Fogga na Coruña ou en Pontevedra segundo corresponda, de acordo co establecido no anexo II do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción, do sector vitivinícola».

Dous.-Engádense, logo do artigo 7º, tres novos artigos á orde da Consellería do Medio Rural do 11 de decembro de 2006, co seguinte contido:

«Artigo 7º bis.-Obrigas xerais dos elaboradores.
Os operadores que elaboren viños que pretendan ser comercializados como viño da terra de Barbanza e Iria deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Ter inscrita a adega de elaboración no rexistro de industrias agrarias da delegación provincial que corresponda da consellería competente en materia de agricultura, sen prexuízo da súa inscrición noutros rexistros nos que fose obrigatorio.

b) Comunicar ao órgano de control e certificación a data de recepción da vendima, cunha antelación mínima de sete días, coa finalidade de que poida ser sometida aos controis pertinentes. Así mesmo, tamén se notificará a data de remate da vendima nun prazo de 48 horas.

c) Presentar as declaracións de produción e existencias de cada campaña ante o Servizo Provincial do Fogga da Coruña ou Pontevedra, segundo corresponda, nas que se incluirán as anotacións relativas ao viño de terra de Barbanza e Iria, de acordo co modelo establecido no anexo III do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva e produción, do sector vitivinícola.

d) Presentar ao órgano de control e certificación, antes do 10 de decembro de cada ano, as declaracións de entrada de uva e de produción de viño na campaña, segundo os modelos que figuran nos anexos I e II, respectivamente, desta orde.

e) Ter á disposición da inspección de defensa da calidade alimentaria da consellería competente en materia de agricultura e do órgano de control e certificación, copia dos albarás ou facturas de venda dos produtos amparados pola denominación xeográfica Viño da Terra de Barbanza e Iria. Nestes documentos deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e lote, entendendo por lote o conxunto de unidades de venda dunha partida determinada, procesada en circunstancias idénticas.

f) Manter unha axeitada rastrexabilidade do produto, para o que se cumprirán as seguintes obrigas:

-O traslado ás plantas de embotellamento realizarase en envases de máis de 60 litros, xunto co correspondente documento de acompañamento no que conste a certificación da orixe expedida polo órgano de control e certificación.

-Levarase a contabilidade específica para estes viños e os produtos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, mediante os correspondentes rexistros de entradas e saídas de graneis, o modelo que se utilizará será o que figura no anexo III desta orde, sen prexuízo doutros rexistros de contabilidade a que obrigue a normativa xeral.

Porén, aqueles elaboradores que comercialicen a súa produción e non exceda os 3.000 litros/campaña, poderán levar a contabilidade mediante anotación no reverso das súas declaracións anuais de produción.

-Faranse as anotacións e cubriranse os libros rexistro de entradas e saídas, dispoñendo de probas suficientes da exactitude de todas as mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño e á procedencia e variedade das uvas empregadas na súa elaboración.

-Diferenciaranse coa lenda viño da terra de Barbanza e Iria, os depósitos que conteñan este tipo de viños, indicando numeración, volume e as indicacións facultativas que se pretendan utilizar na súa comercialización, de acordo co previsto no Regulamento (CE)753/2002.

-Remitiranse ao servizo provincial competente en materia de industrias e calidade agroalimentaria correspondente, copia dos documentos de acompañamento das partidas expedidas, coa certificación de orixe outorgada polo órgano de control e certificación.

-Con carácter xeral, deberase cumprir o disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación aos documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector.

Artigo 7º ter.-Obrigas xerais dos embotelladores.
Os operadores que embotellen viños que pretendan ser comercializados como viño da terra de Barbanza e Iria deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Ter inscrita a adega no rexistro de industrias agrarias e no rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcohólicas da delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de agricultura, sen prexuízo da súa inscrición noutros rexistros nos que fose obrigatorio.

b) Presentar perante o correspondente servizo provincial do Fogga as declaracións de existencias de cada campaña, nas que se incluirán as anotacións correspondentes ao viño da terra de Barbanza e Iria, de acordo co modelo establecido no anexo I do Real decreto 1227/2001, do 8 de novembro, sobre declaracións de existencias, colleita de uva, e produción, do sector vitivinícola.

c) Ter á disposición da inspección copias dos albarás ou facturas de venda dos produtos amparados por esta denominación xeográfica.

Nas anteditas copias deberán quedar perfectamente identificadas as partidas vendidas por marca e lote de embotellamento, entendendo por lote o conxunto de unidades de venda dunha partida determinada, embotellada ou envasada en circunstancias idénticas.


d) Manter unha axeitada rastrexabilidade do produto, para o que se cumprirán as seguintes obrigas:

-Levarase a contabilidade específica para estes viños e os produtos vitivinícolas utilizados na súa elaboración, os modelos que se utilizarán son os que figuran no anexo III desta orde.

-Faranse as anotacións e cubrirase o libro rexistro de embotellamentos sendo o modelo que se utilizará é o que figura no anexo IV desta orde, e se é o caso, o de entradas e saídas (anexo III), dispoñendo de probas suficientes da exactitude de todas as mencións que se refiran á natureza, identidade, calidade, composición e orixe do viño e á procedencia e variedade das uvas empregadas na súa elaboración.

-Diferenciaranse coa lenda viño da terra de Barbanza e Iria, os depósitos que conteñan este tipo de viños, indicando numeración, volume e as indicacións facultativas que se pretendan utilizar na súa comercialización, de acordo co Regulamento (CE) 753/2002.

-Presentarase perante o servizo provincial competente en materia de industrias e calidade agroalimentaria que corresponda, con anterioridade á súa utilización, para o seu rexistro e verificación do cumprimento da normativa que lle é exixible, o modelo de etiqueta que se pretenda empregar, así como as súas modificacións. O dito servizo, nun prazo de quince días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa presentación, emitirá informe, que será remitido ao interesado e ao órgano de control e certificación.

-Con carácter xeral, deberase cumprir o disposto na orde da Consellería de Agricultura do 12 de xuño de 1996, pola que se regulan as normas de aplicación aos documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector.

Artigo 7º quáter.-Sistema de control da orixe e calidade do viño da terra de Barbanza e Iria.

1. Os operadores que queiran comercializar con destino ao mercado viño da terra de Barbanza e Iria, solicitarán ao órgano de control e certificación, cos impresos indicados no anexo V, as contraetiquetas necesarias para cada partida de viño que pretendan embotellar, as cales serán subministradas unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, o modelo (na súa aplicación en branco e negro) é o que figura no anexo VI desta orde.

2. O órgano de control e certificación poderá realizar análises fisico-químicas e organolépticas, independentemente das que preceptivamente deberá realizar o operador. Como resultado destas análises o órgano de control e certificación poderá decidir non outorgar as contraetiquetas á partida de viño analizada, sen prexuízo da súa posible comercialización como viño de mesa, se cumpre os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación».

Tres.-Engádense dous novos parágrafos ao artigo 8º da orde da Consellería do Medio Rural do 11 de decembro de 2006, coa seguinte redacción:

«3. O embotellamento destes viños realizarase en botellas de vidro coas capacidades admitidas pola lexislación vixente.

4. Nas etiquetas comerciais incluirase, ademais das mencións obrigatorias que correspondan, a lenda viño da terra de Barbanza e Iria, na súa versión en galego ou en castelán. As mencións da etiquetaxe presentaranse con caracteres claros, lexibles, indelebles e suficientemente grandes para que destaquen axeitadamente do fondo sobre o que se imprimen e para que se poidan distinguir claramente do conxunto das demais indicacións inscritas e grafismos utilizados».

Disposición transitoria
Produtos en curso.-Os viños acollidos ou que pretendan acollerse á denominación Viño da Terra de Barbanza e Iria elaborados, almacenados ou postos en circulación antes da entrada en vigor desta orde que cumprisen a normativa preexistente poderán ser comercializados ata o esgotamento das existencias.

Disposición derradeira
Entrada en vigor.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2008.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural
Ver referencia pdf "08900D006P035.PDF"


[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es