Diario Oficial de Galicia
xoves, 17 de xaneiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

12


Páxina do Dog:

1.198


Data da Disposición:

11 de xaneiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS


Rango:

Orde


Título:

Orde do 11 de xaneiro de 2008 pola que se establece o procedemento para solicitar as axudas temporais ao sector pesqueiro para o mantemento da competitividade na actividade pesqueira, acollidas ao réxime de minimis, establecidas polo Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro.



Orde do 11 de xaneiro de 2008 pola que se establece o procedemento para solicitar as axudas temporais ao sector pesqueiro para o mantemento da competitividade na actividade pesqueira, acollidas ao réxime de minimis, establecidas polo Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro.

As administracións públicas, en cumprimento do mandato recollido no artigo 130 da Constitución e das demandas do sector, acordaron establecer un réxime temporal de axudas ao sector pesqueiro para o mantemento da súa competividade, acollidas ao réxime de minimis. Estas axudas establécense mediante Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, acolléndose ao réxime de minimis previsto no Regulamento (CE) nº 875/2007, da Comisión, do 24 de xullo de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro e que modifica o Regulamento (CE) nº 1860/2004.


Os potenciais beneficiarios están determinados en relación cun período subvencionable pechado e un censo definido das empresas pesqueiras beneficiarias en tanto cumpran os requisitos previstos no real decreto de referencia, sendo polo tanto de aplicación o previsto no artigo 19.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en canto a non resultar necesario fixar unha orde de prelación das solicitudes presentadas.


O Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, atribúe ás comunidades autónomas a xestión e o pagamento destas axudas. Os créditos necesarios para a dita xestión serán territorializados de acordo co disposto no artigo 86 da Lei 47/2004, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.


Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,


DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer na Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento para a solicitude e xestión das axudas previstas no Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, polo que se establece un réxime temporal de axudas para o mantemento da competitividade da actividade pesqueira.


Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os armadores de buques pesqueiros pertencentes ás listas terceira e cuarta do Rexistro de Matrícula de Buque que reúnan as seguintes condicións:


a) Domicilio fiscal da empresa na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en situación de alta no Censo de Frota Pesqueira Operativa da Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.


c) Ter exercido unha actividade pesqueira ou auxiliar durante un mínimo de 45 días no período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005.


d) No caso de barcos de nova construción, que entrasen en servizo con posterioridade ao 1 de novembro de 2004, os seus titulares subrogaranse nos dereitos pertencentes aos titulares dos barcos substituídos, que produciran baixa no Censo de Frota Pesqueira Operativa.


e) Estar ao dia nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.


Artigo 3º.-Contía das axudas.

1. A contía da axuda será a que resulte de aplicar o coeficiente de 0,095 euros sobre o volume en litros de subministracións de gasóleo das facturas xuntadas polo beneficiario e correspondentes ao período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005, sen que a axuda por beneficiario poida superar o importe dos 30.000 euros brutos durante tres exercicios fiscais.


2. Restarase do importe da axuda que corresponda a cada beneficiario o importe de axudas de minimis percibidas durante o exercicio fiscal correspondente e aos dous anos anteriores, tal e como se establece no Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo de 2007. De terse producido cambios na titularidade da embarcación nos dous últimos anos fiscais, deducirase o importe da axuda que corresponda a cada beneficiario as percibidas polos anteriores armadores nos duos últimos anos fiscais.


3. A contía global máxima para as axudas de minimis a que se refire o Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, están suxeitas á limitación establecida no anexo do Regulamento (CE) nº 875/2007, ademais da sinalada no punto 1. No caso de que o importe global das axudas solicitadas supere o volume máximo de axuda a que se refiere este artigo, procederase ao rateo entre os beneficiarios do importe global máximo destinado a estas subvencións.


Os potenciais beneficiarios destas axudas están determinados en relación cun período subvencionable pechado e un censo definido de empresas pesqueiras en canto cumpran os requisitos previstos no Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, sendo polo tanto de aplicación o previsto no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en canto a non resultar necesario fixar unha orde de prelación das solicitudes presentadas.


Artigo 4º.-Entidades colaboradoras.

1. As asociacións do sector pesqueiro poderán actuar como entidades colaboradoras na xestión e o pagamento das axudas, de acordo co disposto nos artigos 9, 10, 12 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que cumpran os requisitos establecidos para os efectos polos preceptos aludidos.


2. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e as precitadas entidades subscribirán un convenio de colaboración no cal se establecerán as condicións e as obrigas asumidas por estas na xestión das axudas de minimis reguladas neste orde, así como as actuacións que realizarán tanto a Administración da comunidade autónoma e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O contido mínimo do convenio será o que se deduce da normativa de subvencións tanto autonómica como estatal.


3. As entidades colaboradoras participantes na xestión das axudas poderán recibir pola colaboración efectuada, unha compensación económica que se determinará no convenio de colaboración que se asine, así como os gastos financeiros, os xuros derivados dos créditos bancarios asinados e os gastos de corretaxe, se é o caso, á conta da subvención regulada nesta orde.


Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. As solicitudes irán dirixidas á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, coa documentación sinalada no artigo 6, conforme o modelo que se xunta no anexo a esta orde, que figura así mesmo no enderezo da internet http://webpesca.xunta.es, presentándose na sede das entidades colaboradoras, cuxa lista será publicada no enderezo da internet sinalada anteriormente.


2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da entrada en vigor desta orde.


Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade do solicitante. Se non consta a letra fiscal, deberá presentar, ademais, fotocopia do documento de identificación fiscal. No caso de tratarse de persoas xurídicas, deberán xuntar o documento que acredite a representación e fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.


b) Facturas correspondentes á subministración de combustible realizado durante o período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005.


c) Certificación da Capitanía Marítima acreditativa do requisito establecido no artigo 2º desta orde ou certificación da Secretaría Xeral de Pesca Marítima para aqueles buques que operen en augas de países terceiros e non dispoñan de certificación da Capitanía Marítima.


d) Acreditación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas pendentes por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.


e) Declaración escrita en relación coas axudas de minimis ou outra axuda do Estado recibidas no exercicio fiscal actual e nos dous anos fiscais anteriores, con referencia expresa aos buques cuxa titularidade orixinaron as ditas axudas e os cambios de titularidade que, se é o caso, se producisen respecto a eles, segundo o modelo do anexo II.


2. No caso de que algunha documentación da sinalada neste artigo estivese xa en poder da comunidade autónoma ou do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, non será necesaria a súa nova presentación, conforme o establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que na solicitude se faga constar a data e órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedeemento a que corresponda.


Artigo 7º.-Tramitación das solicitudes e emenda.

1. As entidades colaboradoras comprobarán e acreditarán o cumprimento das condicións e requisitos determinantes da concesión da subvención.


2. Unha vez realizada a anterior comprobación, remitirán á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca unha relación dos beneficiarios que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Estes datos facilitaranse a través da aplicación informática que constitúe a bases de datos común na cal se verterán os datos de todas as comunidades autónomas e que conterá para cada beneficiario o nome do solicitante, NIF, código do buque ou buques, nome e número de inscrición de matrícula e folio do buque ou buques e o importe proposto da subvención.



3. Se a documentación presentada fose incompleta ou tivese erros emedables, a entidade colaboradora requirirá os solicitantes para que no prazo de 10 días hábiles, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa advertencia de que se non o fixesen se lles terá por desistidos na súa solicitude, de acordo co dito artigo e cos efectos previstos no seu artigo 42.1º.


4. Á vista dos datos facilitados polas entidades colaboradoras, de acordo co previsto no punto 2 deste artigo, a Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, remitiralle á Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a relación de solicitudes con expresión de nomes e apelidos ou razón social, NIF ou CIF, e volume de consumo de gasóleo xustificado e, se é o seu caso, as axudas de minimis outorgadas pola comunidade autónoma ao beneficiario.


5. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, unha vez determinado o límite común do volume de gasóleo subvencionable, comunicará a dotación orzamentaria correspondente ás axudas xestionadas pola comunidade autónoma.


6. Á vista do anterior, o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca proporalle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos a resolución das solicitudes, sen superar a contía máxima global establecida para a comunidade autónoma.


Artigo 8º.-Resolución e pagamento.

1. Unha vez que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación proceda á territorialización do crédito existente, de conformidade co establecido no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria, procederase á xeración de crédito tal e como se indica no artigo 13 desta orde, para que posteriormente a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, resolva a concesión ou denegación das solicitudes de axuda e o seu pagamento.


Aos beneficiarios das axudas confiriráselles un prazo de dez días para que as acepten, e se transcorre este sen producirse manifestación expresa, entenderanse tacitamente aceptadas, segundo dispón o artigo 21.5º da Lei de subvencións de Galicia.


2. As solicitudes que, unha vez transcorridos seis meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non tivesen unha comunicación de resolución poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo.


3. Na resolución sobre a concesión da axuda constará expresamente que o seu importe está financiado con cargo aos orzamentos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e que a axuda está acollida ao réxime de minimis.


4. Os beneficiarios están obligados a facilitar toda a información que a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas lles requiran no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.


5. Os pagamentos faranse dunha soa vez polo importe concedido.

6. A falsidade dos datos ou falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos dos solicitantes que incorran nesta situación e, polo tanto, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades que procedan, logo da apertura do correspondente expediente.


Artigo 9º.-Recursos administrativos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao de recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben recurco contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.


Artigo 10º.-Reintegro das axudas.

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.


Artigo 11º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación do contido desta orde de axudas. Así mesmo, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.


2. Así mesmo, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como as sancións impostas, conforme o previsto no establecido no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Artigo 12º.-Publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario ao que se imputan, o beneficiario, a cantidade e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, se é o caso.


2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13 punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará na súa páxina web oficial (http://webpesca.xunta.es) a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na dita páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2º da Lei de subvencións de Galicia.


Artigo 13º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2008.


2. Unha vez que a comunidade autónoma teña constancia da distribución territorial dos créditos consignados para tal efecto, procederase a efectuar a oportuna xeración de crédito.


Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación o Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, polo que se establece un réxime temporal de axudas ao sector pesqueiro para o mantemento da competitividade da actividade pesqueira, acollidas ao réxime de minimis; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.


Segunda.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2008.

María Carmen Gallego Calvar
Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos
Ver referencia pdf "01200D008P094.PDF"
Ver referencia pdf "01200D009P099.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es