Diario Oficial de Galicia
luns, 8 de setembro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

173


Páxina do Dog:

16.695


Data da Disposición:

28 de agosto de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE TRABALLO


Rango:

Decreto


Título:

Decreto 194/2008, do 28 de agosto, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2009 na Comunidade Autónoma de Galicia.



Decreto 194/2008, do 28 de agosto, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2009 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas das festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.


En virtude destas facultades, na nosa comunidade autónoma, e ao coincidir con domingo dúas festas de carácter estatal, o 1 de novembro, Todos os Santos, e o 6 de decembro, Día da Constitución, facendo uso da posibilidade recollida no artigo 45.3º do Real decreto 2001/1983, optouse pola súa substitución polos días 17 de maio, Día das Letras Galegas, e 19 de marzo, día de San Xosé, que pola súa significación xa foron implantadas como festas laborais noutras ocasións, seguindo, deste xeito, o criterio de festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.


Non obstante, no ano 2009 dáse a circunstancia de que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, coincide tamén con domingo, polo que se debe asignar outro día como festivo para a nosa comunidade.


Así, seguindo o criterio do Estado de trasladar ao luns inmediatamente seguinte aquelas festas estatais que coincidan con domingo, coa finalidade de non producir ningún prexuízo e aproveitando que o 8 de decembro, martes, é tamén festivo, proponse trasladar o 6 de decembro, Día da Constitución, ao luns, 7 de decembro.


Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Traballo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, levada a cabo na súa reunión do vinte e oito de agosto de dous mil oito,


DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o establecido no artigo 37.2º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non se producir modificación no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 serán as seguintes:


1 de xaneiro: Aninovo.

6 de xaneiro: Día de Reis.

19 de marzo: San Xosé.

9 de abril: Xoves Santo.

10 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

25 de xullo: Día Nacional de Galicia, Santiago Apóstolo.

15 de agosto: A Asunción.

12 de outubro: Día da Hispanidade.

7 de decembro: Día da Constitución (trasladado ao luns).

8 de decembro: A Inmaculada.

25 de decembro: Nadal.

As festas mencionadas terán carácter retribuído e non recuperable.

Artigo 2º

Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, o artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e o artigo 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo/a delegado/a da Consellería de Traballo en cada unha das provincias da comunidade autónoma, por proposta do Pleno dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 3º

De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1º terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.


Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil nove.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño
Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez
Conselleiro de Traballo




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es