Diario Oficial de Galicia
venres, 17 de abril de 2009

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS


Número do Dog:

73


Páxina do Dog:

7.475


Data da Disposición:

1 de abril de 2009


Sección:

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS


Organismo:

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 1 de abril de 2009, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se formaliza a incorporación de novos méritos polas persoas aspirantes xa inscritas e a selección de novas persoas aspirantes para vinculacións temporais nas institucións sanitarias deste organismo en categorías de persoal médico de familia, pediatra, persoal médico de urxencias hospitalarias, odontóloga e odontólogo, persoal de enfermaría (DUE), matrona e matrón, auxiliar de enfermaría e cociñeira e cociñeiro.



Resolución do 1 de abril de 2009, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se formaliza a incorporación de novos méritos polas persoas aspirantes xa inscritas e a selección de novas persoas aspirantes para vinculacións temporais nas institucións sanitarias deste organismo en categorías de persoal médico de familia, pediatra, persoal médico de urxencias hospitalarias, odontóloga e odontólogo, persoal de enfermaría (DUE), matrona e matrón, auxiliar de enfermaría e cociñeira e cociñeiro.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e SAE, sobre selección temporal de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde asinado o 6 de maio de 2004, e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño, establécese que unha vez publicado o pacto se formalizará e se publicará a convocatoria de aspirantes.


En cumprimento e ao abeiro desta norma, por medio da resolución da División de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 9 de xuño de 2004 (DOG nº 113, do 14 de xuño), formalizouse a primeira convocatoria de selección de aspirantes nas categorías de persoal médico de familia, persoal de enfermaría (ATS/DUE), pediatras, odontólogos e odontólogas, matronas e auxiliares de enfermaría.


A devandita convocatoria tivo continuidade no tempo, para as categorías citadas, así como a de cociñeiras e cociñeiros, na materializada pola resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do 29 de xuño de 2006 (publicada no DOG nº 132, do 10 de xullo). A través dela procedeuse tanto a formalizar a apertura da selección de novas persoas aspirantes, como á incorporación dos novos méritos que estivesen interesadas en presentar aquelas persoas aspirantes destas mesmas categorías, que xa figuraban inscritas en virtude da convocatoria ordinaria de xuño de 2004 e das sucesivas incorporacións automáticas realizadas desde a publicación do mencionado pacto sobre selección temporal, con base na súa norma 6.3.1.


Pola súa vez, por medio da Resolución do 26 de abril de 2006 (DOG nº 90, do 11 de maio) deste mesmo centro directivo, formalizouse a primeira convocatoria para a selección de aspirantes a vinculacións temporais na categoría de persoal médico de urxencias hospitalarias. A convocatoria recollía, así mesmo, os procesos de incorporación automática citados.


En congruencia co anterior e tomando en consideración o tempo transcorrido desde as convocatorias de selección temporal materializadas nos meses de maio e xullo de 2006; e de xeito acompasado, pola súa vez, ás ineludibles necesidades asistenciais, este órgano directivo estima a conveniencia de proceder a formalizar a selección de persoas aspirantes para vinculacións temporais das categorías de persoal médico de familia, pediatras, persoal médico de urxencias hospitalarias, odontólogas e odontólogos, persoal de enfermaría (DUE), matronas e matróns, auxiliares de enfermaría e cociñeiras e cociñeiros; así como incorporar os novos méritos que estivesen interesadas en presentar aquelas persoas aspirantes destas mesmas categorías, que xa figuran inscritas en virtude das convocatorias ordinarias formalizadas polas resolucións do 26 de abril e do 29 de xuño de 2006.


En cumprimento do establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 91/2007, do 26 de abril (DOG nº 100, do 25 de maio), de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, esta resolución abrangue a selección do persoal estatutario temporal, para as categorías referidas, nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do citado decreto. Non obstante e coa finalidade de non adiar este proceso, queda demorada a formalización da selección temporal do persoal de enfermaría (DUE) da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxa convocatoria terá carácter complementario respecto desta resolución e na que se atenderán de xeito específico as peculiaridades de índole organizativa e das condicións da prestación de servizos desta entidade, de xeito que, dentro do inescusable cumprimento do establecido no vixente pacto de selección temporal, non supoña, porén, menoscabo para a atención das emerxencias sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia.


Cumprindo, pola súa vez, o preceptuado no apartado 5º da norma I.2 do pacto sobre selección temporal, e logo do acordo da comisión central de seguimento do pacto celebrada o 22 de abril de 2008, será de aplicación a puntuación derivada dos exames aprobados nos procesos selectivos da última oferta pública de emprego ordinaria do Servizo Galego de Saúde, formalizada no ano 2006, para todas as categorías de persoal licenciado sanitario incluídas nela e nesta convocatoria, para os efectos da selección temporal dos aspirantes pertencentes a estes colectivos (persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias e pediatras de atención primaria); de xeito análogo ao resto de categorías incluídas no actual sistema de selección temporal. A fase de oposición inclúese co grao de proporcionalidade e na ponderación correspondente á estrutura dos baremos recollidos como anexos do actual pacto, aplicándose, polo tanto, un total de 18 puntos pola superación dos correspondentes exercicios, excluído o de lingua galega.


Esta resolución ten en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, polo que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, a Directiva comunitaria do 9 de febreiro de 1976 e o previsto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes, na redacción modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.


Logo do acordo do contido desta convocatoria no seo da comisión central de seguimento do pacto celebrada o 15 de decembro de 2008, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 46/2006, do 23 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 56, do 21 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 8 de maio de 2006 (DOG nº 99, do 25 de maio), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, esta división


RESOLVE:

Primeira.-Obxecto.

Por medio desta resolución procédese a convocar as novas persoas aspirantes interesadas en presentar a súa solicitude de inscrición nas listas que se confeccionen en aplicación do pacto de selección temporal de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño), para o acceso ás vinculacións temporais neste organismo, nas categorías de persoal médico de familia, pediatras, persoal médico de urxencias hospitalarias, odontólogas e odontólogos, persoal de enfermaría (DUE), matronas e matróns, auxiliares de enfermaría e cociñeiras e cociñeiros.


Procédese, así mesmo, a abrir o prazo para a incorporación dos novos méritos que estean interesadas en presentar aquelas persoas que xa figuran inscritas en virtude da convocatoria ordinaria publicada mediante Resolución do 29 de xuño de 2006 (DOG nº 132, do 10 de xullo) das categorías citadas no parágrafo anterior; así como, para persoal médico de urxencias hospitalarias, as persoas inscritas na convocatoria formalizada pola Resolución do 26 de abril de 2006 (DOG nº 90, do 11 de maio).


Tamén se abre o prazo para a incorporación dos novos méritos que estean interesadas en presentar aquelas persoas aspirantes, para todas as categorías citadas, que actualmente figuran inscritas en virtude das sucesivas incorporacións automáticas realizadas nos meses de xullo e outubro de 2006; marzo, xullo e outubro de 2007; marzo, xullo e outubro de 2008 e marzo de 2009.


A este proceso e á selección temporal que del derive seranlle aplicables as normas previstas no pacto de selección temporal para vinculacións temporais do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 104, do 1 de xuño) e as demais que resulten no seu desenvolvemento.


Segunda.-Solicitudes e prazo.

1. Solicitudes.

1.1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que corresponda a cada categoría, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos exixidos e méritos alegados polos e polas aspirantes.


As persoas aspirantes non poderán solicitar a súa inclusión en máis dunha categoría profesional, coa excepción das categorías de persoal médico de familia e persoal médico de urxencias hospitalarias, que serán compatibles entre si.


1.2. Para adquirir a condición de aspirante, será requisito imprescindible presentar a solicitude.


1.3. Así mesmo, deberán presentar a súa solicitude as persoas aspirantes xa admitidas nas listaxes confeccionadas por mor da convocatoria ordinaria anterior e as incorporacións automáticas sinaladas no punto primeiro, para actualizar méritos ou ben para modificar condicións previamente consignadas. Nestes dous supostos deberán marcar a epígrafe relativa a Incorporacións sucesivas.


As persoas aspirantes que se limiten a incorporar novos méritos non terán que aboar taxas no concepto de inscrición nas listaxes, pero si marcar a epígrafe da solicitude correspondente a Actualización de méritos.


Aqueloutras que varíen as condicións consignadas na solicitude anterior, poden realizar unha modificación non substancial ou unha modificación substancial, entendendo por tal aquela que implique mudanza de categoría, de listaxe ou de área de xestión.



No primeiro caso, deberán marcar a epígrafe correspondente á Modificación non substancial sen ter que aboar taxas. No segundo suposto, teñen que marcar a epígrafe correspondente a Modificación substancial e achegar, xunto coa solicitude, o xustificante de ter aboado as taxas de acordo co previsto na disposición novena desta resolución.


Para estes efectos, cómpre incidir en que as novas instancias nas cales unha persoa aspirante inscrita nas listaxes ata agora vixentes solicite a entrada ou saída de calquera das listas específicas (curta duración, áreas especiais, etc.) agora en vigor e nas cales aquela figura xa admitida, supoñen unha modificación substancial que necesariamente require o aboamento das taxas. Polo tanto, naqueles supostos en que unha persoa que teña cuberta a epígrafe relativa a Incorporacións sucesivas, e que malia ter solicitado o cambio de lista, non acredite o aboamento das correspondentes taxas, non quedará afectado o mantemento da/o aspirante como admitida/o, mais tampouco variarán as condicións consignadas na solicitude da convocatoria anterior. Isto é, manterase inscrita/o na mesma categoría e área sanitaria e na mesma lista, ou listas (tanto xeral como específica), en que figurase na convocatoria precedente.


1.4. As persoas que se inscriben por primeira vez nestas listaxes deberán cubrir na solicitude o cadro correspondente a Primeira inscrición, e xuntala co xustificante do aboamento de taxas consonte o previsto na disposición novena desta resolución.


1.5. Os modelos normalizados de solicitude estarán a disposición dos interesados na páxina web do Servizo Galego de Saúde http://www.Sergas.es/gal/personal/PerListadosContratacion.asp, nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, nos centros e complexos hospitalarios e nas xerencias de atención primaria do organismo.


1.6. As solicitudes poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e nos rexistros dos centros hospitalarios e das xerencias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, así como nos órganos e nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e dirixiranse á dirección provincial do Servizo Galego de Saúde que corresponda coa provincia da área de xestión solicitada. As áreas de xestión e as provincias figuran no propio modelo de solicitude.


2. Prazo:

As solicitudes no modelo normalizado, xunto coa documentación necesaria acreditativa dos requisitos e méritos, presentaranse no prazo máximo de vinte días naturais, prazo que comezará o día 20 de abril e rematará o 9 de maio de 2009 (estando os dous días incluídos).


De incumprirse este prazo de presentación, as persoas aspirantes que se inscriban por primeira vez serán excluídas do proceso de selección, e as que xa figuran admitidas nas listaxes anteriores non poderán actualizar os seus méritos ou modificar as condicións previamente consignadas.


Terceira.-Requisitos.

1. As persoas aspirantes deberán acreditar documentalmente posuír, ou estar en condicións de cumprir, dentro do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:


a) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.


b) Acreditar a nacionalidade española ou dun país da Unión Europea ou, de ser o caso, dispor de autorización para poder residir e traballar legalmente en España.


c) Posuír a titulación que, segundo se fai constar no modelo de solicitude, habilita para o exercicio da profesión correspondente, ou a formación requirida para o acceso. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditarse a habilitación mediante documento que acredite de xeito fidedigno a súa homologación.


d) Acreditar o aboamento de taxas, salvo os supostos previstos na base novena desta resolución.


e) Non estar separada mediante expediente disciplinario do servizo de calquera Administración pública, nin atoparse inhabilitada por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas nin, de ser o caso, para a correspondente profesión.


Así mesmo, non serán admitidas a trámite as solicitudes das persoas aspirantes que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas previstas nos citados pactos, coa excepción do previsto na norma xeral 11.2.4 do pacto vixente.


f) Quenda de promoción profesional temporal: reunir a condición de persoal estatutario fixo con praza en propiedade nunha categoría estatutaria e contar, como mínimo, con dous anos de servizo activo como persoal fixo; e posuír a titulación requirida para prestar servizos na categoría a que se opta.


2. Será absolutamente imprescindible para a admisión e, de ser o caso, valoración dos méritos das persoas aspirantes, achegar a documentación acreditativa destes dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación ou documentación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración. Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, tanto aqueles que incorporen as persoas aspirantes xa inscritas, como os presentados por quen acceda por primeira vez.


Cuarta.-Listaxes especiais.

As persoas aspirantes das categorías que se especifican poderán solicitar as listaxes indicadas nesta disposición, previstas na norma xeral 12 do pacto sobre selección temporal.


A opción ás listaxes especiais formalizarase no modelo normalizado de solicitude, para as categorías en que constan tales opcións de maneira expresa nos modelos de instancia.


Cada aspirante poderá solicitar a inclusión en todas ou nalgunha das listaxes especiais que constan no modelo de solicitude. Sen prexuízo do anterior, as persoas aspirantes na categoría de persoal de enfermaría que figuren como admitidas na condición de titular, tanto na listaxe de curta duración de urxencias de atención primaria, como de curta duración de atención especializada, deberá optar por unha delas no momento da publicación das listaxes definitivas de cada unha das ditas listaxes, por escrito formalizado perante a dirección provincial correspondente dentro do prazo de dez días desde a publicación daquelas. De non formalizar a opción dentro do prazo, será dada de baixa nunha das dúas listas, segundo se determine por instrucións da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde.


A) Curta duración de atención especializada.

Os aspirantes das categorías de persoal de enfermaría (DUE) e auxiliares de enfermaría poderán solicitar a súa inscrición para vinculacións de curta duración en atención especializada, indicando o centro ou complexo.


Logo da súa determinación no seo da comisión central de seguimento do pacto, declararase o número de aspirantes necesario en cada centro.


A relación de persoas aspirantes que figuren como admitidas nestas listas en cada institución sanitaria será publicada nos taboleiros de anuncios dos centros e da dirección provincial correspondente.


B) Longa duración para urxencias extrahospitalarias en atención primaria.

Poderase solicitar o acceso a vinculacións de longa duración do novo modelo de urxencias en atención primaria nas categorías de persoal médico de familia e persoal de enfermaría (DUE). Esta solicitude non exclúe a selección para o acceso a vínculos de longa duración (duración prevista igual ou superior a un ano ou praza vacante) pola listaxe ordinaria.


C) Outras vinculacións para urxencias extrahospitalarias.

Nas categorías de persoal médico de familia e persoal de enfermaría (DUE), para o acceso á cobertura da atención urxente extrahospitalaria mediante vínculos diferentes aos anteriores, e á cobertura de atención ordinaria de duración igual ou inferior a un mes, deberá formalizarse a opción na epígrafe correspondente do modelo de solicitude.


D) Áreas especiais.

Os aspirantes das categorías de enfermaría e auxiliares de enfermaría que acrediten dous meses de servizos prestados nas áreas especificadas no modelo, ou ben, na categoría de enfermaría, acrediten posuír a titulación ou formación específica nunha concreta especialidade, poderán presentar a solicitude para figurar nesas listaxes especiais, marcando a correspondente área no modelo de solicitude.


E) Persoal médico de familia co diploma de puericultor/a.

As persoas aspirantes inscritas na listaxe de médico/a de familia, que acrediten o diploma de posgrao en puericultura, poderán solicitar o acceso á lista especial de persoal médico puericultor, sinalando a epígrafe correspondente do modelo de solicitude de médica e médico de familia. Os servizos prestados por mor de vínculos en prazas de pediatría por esta listaxe especial serán computados en médico/a de familia.


Quinta.-Documentación.

1. Xunto coa solicitude e demais documentos que figuran como requisitos, coa copia do DNI debidamente compulsada, as persoas interesadas deberán achegar os xustificantes dos requisitos exixidos e dos méritos alegados, agás aqueles que xa fosen presentados, de ser o caso, na mesma categoría por mor da anterior convocatoria ordinaria no ano 2006, ou nas incorporacións automáticas previstas na norma xeral 6.3.1 do vixente pacto de selección temporal, e que polo tanto, en ambos os dous supostos, xa figuran no expediente da persoa interesada. A acreditación dos documentos efectuarase nos termos previstos nesta convocatoria, mediante documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas, segundo se recolle no modelo de solicitude, e con base no disposto nos anexos do propio pacto para o baremo correspondente á categoría solicitada.


2. De acordo co indicado no parágrafo anterior, xunto coa documentación necesaria para a baremación das epígrafes de desemprego, experiencia profesional, e acceso e incorporación ao réxime de selección temporal, deberá presentarse o seguinte:


2.1. Para a acreditación do desemprego: certificado acreditativo expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos tres últimos anos (certificado de vida laboral), ou ben declaración xurada e asinada no espazo reservado do modelo de solicitude, polo que se autoriza ao Servizo Galego de Saúde para que solicite a vida laboral á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, co obxecto de acreditar o tempo de desemprego.


2.2. Para a acreditación de servizos prestados:

-En institucións sanitarias públicas ou entidades públicas: certificado asinado polo director ou directora da institución sanitaria, ou responsable do órgano administrativo, en que conste toda a información necesaria para a baremación.


-En institucións ou empresas privadas: requírese a certificación en que conste toda a información necesaria para a baremación e, ademais, o informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou calquera outro documento de carácter público, en que se ratifique a veracidade dos datos reflectidos no certificado; de xeito particular, a cotización polo grupo correspondente á categoría de que se trate, e os períodos de prestación efectiva de servizos nela.


Para estes efectos, cómpre aclarar que a soa presentación da vida laboral non acredita os servizos prestados. Repútase insuficiente, así mesmo, a simple presentación do contrato ou contratos laborais para valorar este mérito, toda vez que o contrato non acredita de seu a efectiva prestación de servizos nas datas recollidas nel ata a súa conclusión, na categoría de referencia.


2.3. Na categoría de médicas e médicos de familia, para acreditar a participación no réxime de selección temporal: certificación expedida pola xerencia de atención primaria correspondente.


3. Non será preciso presentar certificación ou documentos xustificativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos a: experiencia profesional, dispoñibilidade en médica/o de familia, formación académica, formación especializada, formación continuada e coñecementos do idioma galego xa tidos en conta na anterior convocatoria ordinaria do ano 2006, ou nas incorporacións automáticas posteriores e que, polo tanto, xa constan no expediente da persoa interesada.


Así mesmo, non será preciso que presenten certificado dos servizos prestados nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde aquelas persoas aspirantes que xa figuren inscritas nas listaxes vixentes, por valorarse os citados servizos, de xeito directo e automatizado, desde os aplicativos de persoal e nóminas dos centros do organismo.


Para a valoración da epígrafe de dispoñibilidade na categoría de persoal médico de familia realizarase un proceso automatizado de valoración de méritos, sen que sexa necesario achegar xustificación ningunha.


4. Non será necesario acreditar documentalmente a superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición das categorías de persoal de enfermaría, auxiliares de enfermaría e cociñeiras e cociñeiros, convocadas polo Servizo Galego de Saúde por resolución do 8 de agosto de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 156, do 14 de agosto); persoal médico de familia, convocada pola Resolución do 19 de decembro de 2006 (DOG nº 246, do 26 de decembro); persoal médico de urxencias hospitalarias, pediatras e matróns e matronas, convocada pola Resolución do 22 de decembro de 2006 (DOG nº 247, do 27 de decembro); xa que se dispón destes datos, de xeito fidedigno, nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde.


Sexta.-Reserva de vinculacións temporais para persoas con discapacidade.

Nos termos que indique esta división, logo de negociación no seo da comisión de seguimento deste pacto, farase unha reserva do 5% das vinculacións temporais en período estival das categorías con maior oferta de selección para o persoal que acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e que así o indique e acredite xunto coa solicitude.


Sétima.-Comisión de baremación.

Para proceder á avaliación da documentación e solicitudes presentadas polas persoas aspirantes, en cada dirección provincial constituirase unha comisión de baremación que estará composta por persoal desta e das xerencias de atención primaria correspondente ás áreas que lle estean adscritas.


O número de compoñentes da comisión será determinado pola propia dirección provincial, logo de coñecer o número de solicitudes rexistradas.


Oitava.-Entrada en vigor das listaxes.

As listaxes que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na publicación das listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas.


A publicación das listaxes provisionais e definitivas formalizarase nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e das xerencias de atención primaria, hospitais e complexos hospitalarios, así como tamén na páxina web do organismo (www.sergas.es).


Novena.-Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e as que soliciten unha modificación substancial, deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.


O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas xunto coa solicitude de inscrición nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, nos centros e complexos hospitalarios e nas xerencias de atención primaria e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co modelo de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.


Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, á lenda Oficinas virtuais e tributaria. Premerase entón a lenda Servizos de acceso libre, e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase Taxas, prezos, multas e sancións. Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.


En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.


Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%.


As tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade e a través do título oficial de familia numerosa.


Así mesmo, non terán que aboar esta taxa as persoas aspirantes xa inscritas en procesos precedentes que só incorporen novos méritos ou que fagan modificacións non substanciais das condicións consignadas con anterioridade.


No caso de erro ou discrepancia co importe autoliquidado, establecerase unha exclusión provisional, que poderá ser emendada no prazo de reclamacións á resolución de publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas.


As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data da resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.


Décima.-Incorporación automática de novas persoas aspirantes.

1. En aplicación do disposto na norma xeral 6.3.1 do pacto sobre selección temporal, as persoas aspirantes interesadas poderán presentar a súa solicitude, sen necesidade dunha previa convocatoria, durante os quince primeiros días dos meses de xullo e outubro de 2009, e nas mesmas datas nos anos sucesivos, de ser o caso. Indicarase no modelo o período de solicitude -mes (marzo, xullo, outubro) e ano- e a prelación virá determinada pola orde derivada do citado prazo e da prelación de aspirantes que resulte da avaliación dos seus méritos. As solicitudes deberán ser dirixidas ás direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde (ou xerencias de atención primaria, para a categoría de persoal médico de familia).



2. As direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde divulgarán un recordatorio da apertura do citado prazo na segunda quincena do mes anterior ao que corresponda. Terán a disposición das persoas interesadas os modelos normalizados de solicitude.


3. Coas solicitudes presentadas por mor da incorporación automática, realizarase a valoración consonte o baremo da categoría correspondente, e procederá a publicación das listaxes provisionais e definitivas de puntuacións.


4. A lista que resulte pasará a integrarse nas listaxes vixentes en virtude deste proceso, polo número de orde que resulte, ao final das listaxes extraordinarias publicadas en último lugar en cada categoría.


5. Unha vez resoltas e publicadas as listaxes definitivas deste proceso xeral, as persoas aspirantes incorporadas por mor desta epígrafe pasarán a figurar ao final das integradas na listaxe resultante do mencionado proceso xeral. No caso de pretender figurar nas dúas listaxes, xeral e subsidiaria, serán dadas de baixa na listaxe subsidiaria agás que, xunto coa solicitude de inscrición na lista automática, soliciten simultaneamente por escrito perante a dirección provincial correspondente a súa baixa na listaxe ordinaria, ou na automática precedente, de ser o caso, na que veña figurando como admitida a persoa aspirante.


6. Idéntico tratamento outorgarase á listaxe que resulte das persoas aspirantes que se incorporen a estas listaxes pola quenda de promoción interna temporal.


Santiago de Compostela, 1 de abril de 2009.

Antonio José Fernández Paniagua
Director xeral da División de Recursos Humanos
e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego
de Saúde
Ver referencia pdf "07300D020P051.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es