Diario Oficial de Galicia
venres, 15 de maio de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

94


Páxina do Dog:

8.869


Data da Disposición:

12 de maio de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO


Rango:

Orde


Título:

Orde do 12 de maio de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2009-2010.



Orde do 12 de maio de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2009-2010.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o Decreto 307/1989, do 23 de novembro, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresan a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas como privadas, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos.


A Consellería de Cultura e Turismo é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural, e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos. Son as súas funcións a protección, inventario, restauración, acrecentamento e difusión do patrimonio cultural, así como velar pola conservación dos arquivos e do patrimonio documental de Galicia.


A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículum académico, polo que é preciso poñer un límite no desfrute das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posible, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.


Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras das concesións destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas normas de desenvolvemento.


Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria correspondente ao programa 2009-2010 de bolsas de formación en arquivos mediante colaboración dirixida en diversos arquivos de Galicia.


2. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas coa organización e descrición de arquivos municipais de Galicia e outros arquivos de interese galego. Os bolseiros realizarán a súa actividade en diversos arquivos públicos e privados nos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura e Turismo, e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e por persoal técnico con funcións de titores e coordinadores designados por aquela.


3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.


4. A formación comprenderá unha parte teórica que non superará o 20% do total da bolsa e será impartida por persoal técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e polas titoras nomeadas para coordinar as ditas bolsas.


Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas os solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:


1. Ter licenciatura universitaria cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e en arquivística.


2. Acreditar dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial.


3. Non ter desfrutado con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e cinco meses (25) en bolsas das convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a organización e descrición de arquivos galegos.


4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas condedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.


Artigo 3º.-Número, duración e importe das bolsas.

1. O número de prazas convocadas será de dezaseis (16), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 5º desta convocatoria.


2. As bolsas terán un carácter plurianual, cunha duración de doce meses (12), contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, de acordo co centro de destino.


3. O importe de cada bolsa non excederá a cantidade de doce mil euros (12.000 €).


4. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e 2010, por un importe total de cento noventa e dous mil euros (192.000 €), repartidos da seguinte maneira:


Anualidade 2009: 96.000 €.

Anualidade 2010: 96.000 €.

Artigo 4º.-Presentación das solicitudes, documentación e prazos.

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo da convocatoria por calquera das seguintes vías:


a) Preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia en San Caetano ou nas súas delegacións.


b) Nas oficinas de correos, en sobre aberto para o selado da solicitude.

c) Por calquera outra das previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


O modelo de solicitude estará ao dispor dos interesados no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou nas súas delegacións. Así mesmo, tamén se poderá obter na páxina web desta consellería: http://culturaedeporte.xunta.es/oficina/, na epígrafe de trámites e axudas, para ser cuberto.


As solicitudes poderán presentarse cubertas a máquina ou á man, pero neste caso deberá facerse en letras maiúsculas e con caracteres lexibles.


2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


3. Documentación que hai que presentará:

a) Solicitude segundo modelo que figura como anexo na convocatoria.

b) Fotocopia do DNI.

c) Fotocopia compulsada do expediente académico coas cualificaciones obtidas nas diferentes materias.


d) Fotocopia compulsada da acreditación do curso de iniciación ou equivalente de lingua galega.


e) Fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos cales se achegue proba documental.


f) Declaración responsable de non estar incurso en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións que establece o artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.


4. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento.


5. Serán causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.


Artigo 5º.-Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Titulación académica:

1) Licenciatura nunha universidade da Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto.

2) Especialización:

-Especialidade universitaria en arquivística: 2 puntos.

-Máster en arquivística: 2 puntos.

-Escola-obradoiro en arquivística: 2 puntos.

-Cursos de doutoramento en arquivística: 2 puntos.

b) Formación complementaria:

1) Cursos de arquivística, diplomática, paleografía e historia das institucións:

-Con acreditación expresa de 100 horas ou máis de duración: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,40 puntos.


-Con acreditación expresa de 60 horas ou máis de duración: 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.


-Con acreditación expresa de 40 horas ou máis de duración: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.


-Con acreditación expresa entre 25 e 40 horas ou máis de duración: 0,20 puntos, ata un máximo de 1 punto.


-Con acreditación expresa entre 10 e 25 horas de duración: 0,10 puntos, ata un máximo de 0,80 puntos.


2) Congresos, xornadas e seminarios:

-Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.


3) Cursos de informática:

-Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.


-Por cursos de informática en xeral con acreditación expresa de 40 horas ou máis: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.


-Por cursos de informática aplicada aos arquivos: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.



Os cursos e congresos non específicos que se acrediten, correspondentes aos números 1) e 2) deste puntos deberán acompañarse de seu correspondente programa.


c) Experiencias profesionais previas directamente relacionadas cos arquivos:

-Pola realización de traballos remunerados en organización e descrición de arquivos públicos municipais ou na elaboración do censo-guía: 1 punto por cada mes completo ata un máximo de 15 puntos.


-Pola realización de traballos remunerados en organización e descrición noutro tipo de arquivos públicos: 1 punto por cada mes completo, ata un máximo de 9 puntos.


-Pola realización de traballos remunerados en organización e descrición de arquivos privados: 0,50 puntos por cada mes completo, ata un máximo de 6 puntos.


-Pola realización de prácticas non remuneradas en organización e descrición de arquivos públicos ou privados con dirección técnica certificada: 0,10 puntos por mes completo ata un máximo de 1,20 puntos.


d) Formación en lingua galega:

-Curso de perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

Artigo 6º.-Instrución e avaliación.

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida poderáselles reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o que se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fixeren, teranse por desistidos da súa solicitude de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


2. A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos do Servizo de Arquivos e Museos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo de Arquivos e Museos. No caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural nomear un suplente. A comisión formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.


3. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, formulará a proposta de resolución provisional que se fará pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo e nos dos seus departamentos territoriais. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.


4. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.


Artigo 7º.-Resolución e recursos.

1. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural elevaralle o informe, xunto coa proposta de resolución definitiva, a/o titular da Consellería de Cultura e Turismo, que resolverá sobre a concesión das bolsas.


2. A/o titular da Consellería de Cultura e Turismo resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.


3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lles conceden as bolsas convocadas, poderanse designar ademais os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.


4. Esa resolución, así como os actos que se deban notificar de forma conxunta a todos os interesados e, en particular, os requirimentos de emenda e de trámite de audiencia, publicaranse no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo e nos dos seus departamentos territoriais, e nos outros medios de comunicación que se sinalen, de ser o caso, esta publicación substiuirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.


5. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación aos interesados ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.


Artigo 8º.-Publicidade.

1. A resolución farase pública, para os efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo e nos dos seus departamentos territoriais.


Así mesmo, e para os efectos meramente informativos, esta resolución publicarase tamén na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.


A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.


2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura e Turismo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.


3. Ademais, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas que superen individualmente os tres mil euros (3.000 €).


4. Incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros publicos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización do solicitante que figure na convocatoria.


Artigo 9º.-Aceptación das bolsas.

1. Os bolseiros que resultasen adxudicatarios dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación. Non obstante, para aqueles centros que xa contasen con bolseiro no ano anterior, terán preferencia as persoas que estivesen destinadas neles.


2. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación de resolución da concesión nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo, e nos dos seus departamentos territoriais, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5º da Lei de subvencións de Galicia.


3. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.


4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.


Artigo 10º.-Pagamento das bolsas e xustificación.

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e unha vez que o beneficiario teña presentada a documentación fixada no artigo 11º d).


2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.


3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.


Artigo 11º.-Obrigas dos bolseiros.

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os bolseiros seleccionados quedan obrigados a:


a) Incorporarse ao destino adxudicado dentro do prazo que estipule a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida. Non obstante, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar un aprazamento de ata un máximo de 15 días naturais na incorporación á bolsa, que se concederá tras a petición expresa do interesado/a e por causas debidamente xustificadas e acreditadas.


b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.


c) Seguir as indicacións técnicas das persoas que os coordinen.

d) Entregar mensualmente informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, memoria explicativa de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de gozo da bolsa.


e) Presentar antes do primeiro pagamento unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.


f) Así mesmo, antes do primeiro pagamento, deberán presentar unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.


Artigo 12º.-Desenvolvemento das bolsas.

1. O director xeral do Patrimonio Cultural poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado, nos seguintes casos:


a) Por un prazo de quince días naturais, por petición do interesado, logo do informe favorable do coordinador da bolsa.


b) Por motivos de enfermidade, accidente, maternidade -ata unha duración máxima de dezaseis semanas, agás que se trate de parto múltiple- ou paternidade. En todo caso, este tempo de interrupción non poderá exceder o 20% do tempo total de duración da bolsa.


2. O pagamento da dotación económica da bolsa proporcional á duración do período de interrupción procederá só se é recuperado e sempre que sexa posible dentro do exercicio orzamentario e que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.


3. Por petición dos interesados, ao remate da bolsa a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tras o informe favorable dos coordinadores e entrega dos informes e memorias da actividade realizada, expedirá certificación acreditativa desta.


4. As bolsas non implicarán relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura e Turismo, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.


5. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, os bolseiros deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura e Turismo e do centro onde estiveron destinados.


6. Unha vez rematado o período de gozo da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.


Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.


Artigo 14º.-Renuncias, revogación e reintegros de cantidades.

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o gozo desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. Esta dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.


2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.


3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora cando proceda nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


4. A renuncia durante o período de gozo da bolsa inhabilitará o seu adxudicatario/a para os efectos de presentación na seguinte convocatoria, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.


Artigo 15º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Artigo 16º.-Réxime xurídico.

Para todos aqueles extremos non previstos nestas bases aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e a súa normativa de desenvolvemento, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa vixente que resulte de aplicación.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Patrimonio Cultural para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 12 de maio de 2009.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo
Ver referencia pdf "09400D015P021.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es