Diario Oficial de Galicia
venres, 31 de xullo de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

149


Páxina do Dog:

12.966


Data da Disposición:

30 de xullo de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 30 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador.



Orde do 30 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador.

Por Orde ministerial do 2 de febreiro de 1976 aprobouse o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador. Posteriormente, este regulamento foi modificado por orde da entón Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 19 de abril de 2004.


Con posterioridade a esas datas producíronse cambios normativos importantes no réxime xurídico das denominacións de orixe e no réxime de funcionamento dos seus consellos reguladores. No ámbito da nosa comunidade autónoma ese cambio tivo lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e posteriormente coa do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o seu decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal a que se deberán axustar as denominacións de orixe e os seus consellos reguladores, sendo a novidade de máis alcance a configuración destes órganos como corporacións de dereito público con personalidade xurídica de seu.


A nova situación complétase, no caso das denominacións de carácter vínico, coa aprobación da Lei estatal 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, que introduce, entre outras novidades, a regulación dun novo réxime sancionador que derroga e fai inaplicable o recollido no regulamento desta denominación de orixe.


Por iso faise necesario aprobar un novo Regulamento para a denominación de orixe Ribeiro e para o seu Consello Regulador, adaptado a este novo marco legal, o cal é obxecto desta orde.


Segundo o anterior, tras a proposta do Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario,


DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador.


Apróbase o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador, que figura como anexo desta orde.


Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De conformidade co que se dispón na Lei 24/2003, da viña e do viño, do 10 de xullo, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, así como coa Organización Común do Mercado Vitivinícola, quedan protexidos coa denominación de orixe Ribeiro os viños que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos nel e na lexislación vixente.


Artigo 2º.-Extensión da protección.

A denominación de orixe Ribeiro quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, na Lei 24/2003, da viña e do viño, neste regulamento e demais normativa de aplicación.


Artigo 3º.-Órganos competentes.

A defensa da denominación de orixe Ribeiro, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos viños amparados, quedan encomendados ao Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro e ao seu órgano de control, á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no marco das súas respectivas competencias.


Artigo 4º.-Manual de calidade.

1. A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Consello Regulador, o manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante manual de calidade, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación da denominación de orixe e, en particular, as relativas ao proceso de control e certificación.


2. O manual de calidade recollerá os criterios cualitativos que dean dereito á certificación, ben procedan da lexislación aplicable, ben sexan adoptados polo propio Consello Regulador de acordo co artigo 26.2º i) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e o viño. Tamén recollerá os criterios técnicos de inspección fixados pola consellería competente en materia de agricultura ou, no seu defecto, polo Consello Regulador.


Capítulo II

Da produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

1. A zona de produción dos viños protexidos pola denominación de orixe Ribeiro está constituída polos terreos que o Consello Regulador, tras o informe do seu órgano de control, considere aptos para a produción de uvas das variedades que se indican no artigo 6º, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación de orixe, e que se atopen nos termos municipais e lugares seguintes:


Concellos de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada; as parroquias de Banga, Cabanelas e O Barón, no concello do Carballiño; as parroquias de Pazos de Arenteiro, Albarellos, Laxas, Cameixa e Moldes no concello de Boborás; os lugares de Santa Cruz de Arrabaldo e Untes no concello de Ourense, e do concello de Toén os lugares de Puga, A Eirexa de Puga, O Olivar, a aldea de Feá e Celeirón e a parroquia de Alongos; e o lugar da Touza do Concello de San Amaro.


2. A cualificación dos terreos, para os efectos da súa inclusión na zona de produción, realizaraa o Consello Regulador, tras o informe do seu órgano de control, deberán quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica e acreditando a súa inscrición previa no Rexistro Vitícola de Galicia.


3. O Consello Regulador poderá acordar a ampliación da zona de produción para incluír aqueles terreos pertencentes a outros termos municipais e parroquias de similares características edafolóxicas, climáticas e vitícolas que tradicionalmente puidesen estar vinculados á denominación de orixe. Tal ampliación trasladarase, logo de informe do órgano de control e por acordo do Pleno do Consello Regulador, á consellería competente en materia de agricultura, a cal tramitará o oportuno expediente para a modificación do contido do número 1 deste artigo, de acordo co procedemento establecido na lexislación vixente na materia.


Artigo 6º.-Variedades.

1. Sen prexuízo do establecido na alínea 3 deste artigo, a elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente con uvas das variedades seguintes:


Caíño tinto, caíño bravo, caíño longo, garnacha tintureira, ferrón, sousón, mencía, tempranillo e brancellao, entre as tintas, e coas variedades brancas treixadura, palomino, torrontés, godello, macabeo, albillo, loureira e albariño.


2. Destas variedades considéranse como principais a treixadura e os caíños. O Consello Regulador fomentará o cultivo destas variedades.


3. Os tostados brancos elaboraranse exclusivamente a partir de uvas das variedades treixadura, loureira, torrontés, godello e albariño e os tostados tintos das variedades caíño tinto, caíño bravo, caíño longo, ferrón, sousón, brancellao e mencía.


Artigo 7º.-Prácticas culturais.

1. As prácticas de cultivo serán as tradicionais que tendan a lograr as mellores calidades.


2. Nas novas plantacións a densidade máxima será de 7.000 cepas por hectárea.

3. A poda anual realizarase de polgar e vasa ou deixando o número conveniente de polgares. As cepas conduciranse con arame ou titores.


4. Non obstante o anterior, o Consello Regulador, tras o informe do órgano de control, poderá autorizar a aplicación de novas prácticas de cultivo, tratamentos ou labores que, constituíndo un avance nas técnicas vitícolas e sen contravir a lexislación vixente, se comprobe que non afectan desfavorablemente a calidade da uva ou do viño producido. Para iso tramitarase a oportuna modificación do contido deste artigo de acordo co procedemento establecido na lexislación vixente.


Artigo 8º.-Vendima.

1. A vendima realizarase co maior esmero, dedicándose para a elaboración dos viños protexidos a uva sá e co grao de madureza necesario.


2. O Consello Regulador, tras o informe do órgano de control, poderá determinar a data de inicio da vendima e realizar recomendacións sobre o ritmo de recolleita e o transporte da uva, co fin de que esta se efectúe sen deterioración da calidade do produto.



Artigo 9º.-Producións máximas.

1. A produción máxima admitida por hectárea será, sen prexuízo do establecido na alínea 2 deste artigo, de 300 quintais métricos de uva. Este límite poderá ser modificado en determinadas campañas polo Consello Regulador, ben por iniciativa propia ou ben por petición en tempo e forma de viticultores interesados na medida, efectuada con anterioridade á vendima logo dos asesoramentos e comprobacións precisas e tras o informe favorable do órgano de control.


2. No caso das parcelas que vaian ser destinadas á elaboración de viños tostados, a produción máxima será de 12.000 quilogramos por hectárea.


3. A uva procedente de parcelas cuxos rendementos sexan superiores ao límite establecido, non poderá ser utilizada para a elaboración de viños protexidos por esta denominación de orixe, debendo adoptar o Consello Regulador as medidas de control necesarias para asegurar o cumprimento deste precepto.


Artigo 10º.-Plantacións.

1. Non se admitirá a inscrición no Rexistro de Viñas do Consello Regulador daquelas plantacións que conteñan algunha variedade distinta das recollidas no artigo 6º deste regulamento.


Capítulo III

Da elaboración e o embotellado

Artigo 11º.-Elaboración de viños brancos e tintos.

1. As técnicas empregadas na manipulación da uva, o mosto e o viño, o control de fermentación e do proceso de conservación tenderán a obter produtos de máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais dos tipos de viños amparados pola denominación de orixe.


2. Na produción de mosto seguiranse as prácticas tradicionais, aplicadas cunha tecnoloxía orientada cara á mellora da calidade do produto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto ou viño, e a súa separación do bagazo, de xeito que o rendemento non sexa superior a setenta litros de viño por cada cen kg de uva.


3. As fraccións de mosto ou viño obtidas por presións inadecuadas non poderán en ningún caso ser destinadas a elaboración de viños protexidos.


4. O límite de litros fixados por cada cen kg de uva poderá ser modificado excepcionalmente en determinadas campañas polo Consello Regulador, por propia iniciativa ou por proposta dos elaboradores inscritos, logo dos informes preceptivos do órgano de control e as comprobacións necesarias, sen superar os límites establecidos na normativa aplicable con carácter xeral.


Artigo 12º.-Elaboración de tostados.

1. Para a obtención dos viños tostados, o proceso de sobremaduración por pasificación realizarase por ventilación natural, en locais cubertos e con axeitadas características de deseño, localización e orientación. Os sistemas empregados para soportar a uva deberán garantir en todo momento as condicións necesarias para un correcto secado e un bo mantemento das condicións sanitarias.


2. O período de secado terá unha duración mínima de tres meses e durante este realizaranse os controis necesarios para evitar perdas na calidade do produto, permitíndose o emprego de compostos con xofre, autorizados polo Consello Regulador no manual de calidade, para o mantemento dun correcto estado sanitario.


3. Ao inicio do proceso de elaboración, o mosto terá un contido mínimo de azucres de 300 gramos por litro. No proceso de elaboración empregarase a tecnoloxía máis axeitada para a obtención de viños de calidade, permitíndose un rendemento máximo de 40 litros de viño por cada 100 quilogramos de uva pasa.


Após a fermentación, o viño pasará por un proceso de maduración en cubas de madeira de carballo ou cerdeira, de xeito que o tempo total de contacto coa madeira, incluído, de ser o caso, o investido na fermentación, non será inferior a seis meses. Despois disto, a súa maduración en botella non será inferior a tres meses.


Artigo 13º.-Tipos de viños e características.

1. Os tipos de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro son:

a) Brancos.

b) Tintos.

c) Tostados.

2. Características:
Ver referencia pdf "14900D015P042.PDF"
Polo que se refire ao resto de parámetros analíticos pertinentes, atenderase á normativa xeral vixente na materia.


3. No que se refire ás características organolépticas e enolóxicas, os viños amparados por esta denominación de orixe deben manter en todo momento os seus atributos varietais e tipicidade característica, segundo se recollan no manual de calidade.


Artigo 14º.-Envases.

O Consello Regulador poderá determinar, mediante a súa inclusión no manual de calidade, os tipos e as medidas dos envases para a comercialización do viño, de maneira que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, facendo obrigatoria a súa utilización para ser protexido. Estes envases serán de vidro, das capacidades autorizadas na normativa vixente ao respecto, con exclusión expresa das botellas dun litro. Excepcionalmente, o Consello Regulador poderá incluír no manual de calidade envases doutros materiais que entenda que non prexudican a calidade ou prestixio dos viños protexidos, logo de solicitude motivada dos operadores inscritos.


Capítulo IV

Rexistros

Artigo 15º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de viñas.

b) Rexistro de adegas.

c) Rexistro de locais de pasificación.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros mencionados, tanto as viñas coma as adegas deberán estar situadas nas unidades xeográficas relacionadas no artigo 5 deste regulamento.


3. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que dispoña o Consello Regulador.


4. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.


5. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.


6. De acordo co establecido na alínea 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderase interpoñer recurso de alzada perante a consellería competente en materia de agricultura.


7. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, e especialmente no Rexistro de industrias agrarias e no de embotelladores e envasadores, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.


Artigo 16º.-Rexistro de Viñas.

1. No Rexistro de Viñas, unicamente poderán inscribirse aquelas situadas na zona de produción e cuxa uva poida ser destinada á elaboración dos viños protexidos.


2. Na inscrición figurará o nome do propietario e, se é o caso, o do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para a explotación dos viñedos; o nome da viña, lugar, parroquia e termo municipal en que estea situada; referencia catastral de cada parcela; superficie en produción, marco de plantación, idade do viñedo, variedade ou variedades, así como os seus portaenxertos; e cantos datos sexan necesarios para a súa correcta clasificación e localización.


3. Coa solicitude de inscrición xuntarase consulta descritiva e/ou certificación catastral, ficha do Rexistro Vitícola e un plano acoutado e detallado das parcelas obxecto dela, que permita identificar a súa situación, e a autorización de plantación expedida polo órgano competente ou documentación equivalente.


4. A solicitude de inscrición no Rexistro de Viñas é voluntaria, do mesmo xeito que a súa correspondente baixa nel, sendo preciso, neste caso, cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador. Unha vez producida esta, deberán transcorrer dous anos naturais antes de que o viñedo en cuestión poida volver a inscribirse, agás cambio de titularidade debidamente documentado.


Artigo 17º.-Rexistro de Adegas.

1. No Rexistro de Adegas inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de produción, realicen algunha das actividades de elaboración, almacenaxe e/ou embotellado de viños procedentes de viñas inscritas e poidan optar ao uso da denominación de orixe Ribeiro. Para iso deben cumprir todos os requisitos que estipula este regulamento. Dentro deste rexistro farase un subrexistro coas adegas de colleiteiro, entendidas como tales aquelas que elaboran menos de 600 Hl de viño ao ano, a partir de uva de colleita propia.


2. Na inscrición figurará: a denominación ou razón social da empresa; o enderezo legal desta; a localidade e municipio onde estean situadas as súas instalacións; características, número e capacidade de envases e maquinaria; sistema de elaboración, sistema de estabilización e de embotellado, se é o caso; e cantos datos sexan necesarios para a perfecta identificación e catalogación da adega; ademais da inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable, no caso de sociedades.



No caso de que o empresario non sexa o propietario dos locais, farase constar acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.


3. Coa solicitude de inscrición xuntarase proxecto de obra visado no colexio correspondente onde se reflectirán todos os detalles da construción e instalacións, así como copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.


4. A inscrición nos Rexistro de Adega é voluntaria, do mesmo xeito que a súa correspondente baixa, e é preciso, neste suposto, cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador. Unha vez producida esta, non poderá ser inscrita a adega afectada ata pasados dous anos naturais, agás os casos de cambio de titularidade.


Artigo 18º.-Rexistro de locais de pasificación.

No rexistro de locais de pasificación inscribiranse todos aqueles que, situados na zona de produción, se dediquen ao secado de uvas procedentes de viñas inscritas e das variedades recollidas no artigo 6º.3.


Artigo 19º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, os requisitos que impón este regulamento e o manual de calidade.


Cumprirá comunicar ao Consello Regulador calquera variación que afecte os datos fornecidos na inscrición cando esta se produza. En consecuencia, o Consello Regulador poderá suspender ou revogar as inscricións cando os titulares destas non se axusten ás citadas prescricións.


2. O Consello Regulador, a través do seu Órgano de Control, efectuará inspeccións periódicas para comprobar a efectividade do que se dispón no presente capítulo, quedando facultado para adoptar as medidas necesarias.


3. Se unha entidade inscrita no rexistro de adegas do Consello Regulador carece de actividade, ou nos últimos dous anos non elaborou ou cualificou produtos amparados pola denominación de orixe Ribeiro, poderá ser suspendida provisionalmente a súa inscrición ou ser dada de baixa nos devanditos rexistros, de acordo coas normas que se establezan no manual de calidade, agás causas de forza maior debidamente xustificadas.


4. A suspensión na inscrición ou a baixa definitiva no rexistro farase tras a incoación e resolución do correspondente expediente.


5. Todas as inscricións nos diferentes rexistros serán voluntarias e se renovarán no prazo e forma que determine o Consello Regulador no manual de calidade.


Capítulo V

Dereitos e obrigas

Artigo 20º.-Dereito ao uso da denominación de orixe.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritos nos rexistros indicados no artigo 15 os seus viñedos ou instalacións poderán producir uva con destino á elaboración de viños protexidos; ou elaborar, almacenar e embotellar viños que poidan ser amparados pola denominación de orixe Ribeiro.


2. Soamente pode aplicarse a denominación de orixe Ribeiro aos viños procedentes de adegas inscritas nos rexistros correspondentes, producidos e elaborados conforme as normas exixidas por este regulamento e o manual de calidade e que reúnen as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.


3. O dereito ao uso da denominación de orixe Ribeiro, e os seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintos ou etiquetas é exclusivo das persoas físicas ou xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador.


Artigo 21º.-Obrigas xerais.

1. Toda persoa física ou xurídica que teña viñas ou adegas inscritas nos correspondentes rexistros desta denominación de orixe, queda obrigada ao cumprimento das disposicións deste regulamento e do manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura e os órganos de goberno do Consello Regulador.


2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poder beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.


3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.


4. O incumprimento do indicado nos números 1 a 3 anteriores comportará a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito ou a súa baixa, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser recorrida ante a consellería competente en materia de agricultura.


Artigo 22º.-Obrigas específicas en relación coa produción e a elaboración.

1. Nas adegas inscritas nos rexistros da denominación de orixe Ribeiro non poderá introducirse máis que uvas procedentes de viñas inscritas e mosto ou viño procedente doutras adegas inscritas.


2. Sen embargo, nas devanditas adegas inscritas autorízase a recepción de uvas, elaboración e almacenaxe de viños non pertencentes á denominación de orixe Ribeiro que procedan de viñedos inscritos, sempre que estas operacións, así como a manipulación e almacenaxe dos produtos obtidos, se realicen de forma separada das correspondentes aos produtos que opten a ser amparados pola denominación de orixe, coa debida identificación dos envases e segundo as normas que estableza o Consello Regulador no seu manual de calidade.


3. As persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas viñas ou adegas soamente poderán ter almacenadas as súas uvas, mostos ou viños en terreos ou locais declarados nos rexistros do Consello Regulador, perdendo en caso contrario o dereito á cualificación.


Artigo 23º.-Uso de marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia aos nomes xeográficos protexidos pola denominación de orixe Ribeiro unicamente se poderán empregar en viños con dereito a protección, sen prexuízo do establecido na normativa comunitaria nesta materia.


2. As marcas comerciais que se empreguen na comercialización de viños da denominación de orixe Ribeiro non se poderán empregar na comercialización doutros viños.


Artigo 24º.-Etiquetaxe.

1. Nas etiquetas de viños embotellados figurará sempre a mención Ribeiro, así como o logotipo da denominación de orixe, ademais dos datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación aplicable.


2. Antes da posta en circulación de etiquetas ou de calquera outro elemento identificador da botella, estas deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, que comprobará os aspectos relativos ás normas da denominación de orixe.


3. Non se poderán autorizar etiquetas incorrectas ou aquelas que, por calquera causa, poidan inducir a erro ao consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando varíen as circunstancias da empresa propietaria dela, instruíndose o oportuno expediente conforme as normas recollidas no manual de calidade. En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.


4. Calquera modificación das etiquetas posterior á súa aprobación polo Consello Regulador requirirá novamente a súa aprobación por este.


Artigo 25º.-Logotipo da denominación de orixe.

1. O Consello Regulador adoptará como logotipo da denominación de orixe Ribeiro o que figura como anexo deste regulamento.


2. O Consello Regulador poderá facer obrigatorio que no exterior das adegas inscritas e en lugar destacado figure unha placa que reproduza o logotipo da denominación de orixe.


Capítulo VI

Do Consello Regulador

Artigo 26º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro é unha corporación de dereito público dotada de personalidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, á que se lle atribúe a xestión da denominación de orixe Ribeiro e o resto de funcións recolleitas na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; e a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.


É misión principal do Consello Regulador aplicar os preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o cal exercerá as funcións que se lle encomendan nel e no ordenamento xurídico vixente.


2. As competencias do Consello Regulador están limitadas aos produtos protexidos pola denominación de orixe en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, embotellado, circulación e comercialización; e ás persoas inscritas nos seus rexistros.



3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, en que se deberá suxeitar ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo, ademais dos recursos presentados polos interesados polo incumprimento das normas de funcionamento do órgano de control.


4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo co anterior, a actividade do Consello Regulador está sometida ás exixencias, requisitos e controis que se recollen nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 27º.-Órganos de goberno.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son: o Pleno, a Presidencia e a Vicepresidencia.


Artigo 28º.-O Pleno. Composición.

1. O Pleno do Consello Regulador é o órgano superior de goberno, elixido por un período de catro anos.


2. O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro estará constituído por:


a) Tres vogais, en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador, con excepción daqueles que sexan socios de cooperativas que sexan titulares, directa ou indirectamente de adegas da denominación, a través das cales transformen a uva e comercialicen o viño.


b) Tres vogais en representación do sector vinícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, con excepción daquelas cuxo titular sexa, directa ou indirectamente, unha sociedade cooperativa e as que teñan a consideración de adegas de colleiteiro, de acordo co establecido no artigo 17º.1.


A representación deste sector subdividirase pola súa vez en función da produción de viño cualificado e contraetiquetado como media nos últimos tres anos naturais, de xeito que as adegas cunha produción menor o igual a 400.000 l corresponderalles un vogal e ás adegas cunha produción maior a 400.000 l corresponderanlle dous vogais. Para as adegas de recente creación, se nalgún deses anos non tivesen actividade, faranse os cálculos tendo en conta só os anos en que houbo actividade.


c) Tres vogais en representación do sector cooperativo, constituído polos titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador que sexan socios dalgunha cooperativa que sexa, pola súa parte, titular, directa ou indirectamente, dalgunha adega inscrita na denominación de orixe, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño, así como polos titulares das devanditas adegas de base cooperativa. As cooperativas, adegas de base cooperativa ou as súas agrupacións poderán presentar candidaturas só a este censo específico.


d) Un vogal en representación do sector de colleiteiros segundo a definición do artigo 17º.1. Os electores deste censo non poderán selo en ningún outro censo.


3. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, da persoa que desempeñe a Secretaría do Consello Regulador.


4. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados ou delegadas, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.


5. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 29º-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos membros, sen que necesariamente teña que ter a condición de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal.


2. O nomeamento da persoa que desempeñe a Presidencia farase mediante orde do titular da consellería competente en materia de agricultura.


3. O mandato da Presidencia do Consello Regulador será de catro anos e non se poderá desempeñar por máis de dous mandatos consecutivos, agás nos casos en que a ausencia de candidatos alternativos o xustifique.


4. Non poderá desempeñar a Presidencia quen ocupe calquera cargo electivo dos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e na lexislación autonómica sobre a materia.


5. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 30º.-A Vicepresidencia.

1. O Consello Regulador contará cunha Vicepresidencia, que será exercida pola persoa elixida por e entre os vogais electos. O nomeamento non lle fará perder a condición de vogal.


2. Quen ocupe a Vicepresidencia substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.


3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.


Artigo 31º.-Réxime de convocatorias.

1. O Pleno do Consello Regulador reunirase cando o convoque a Presidencia, ben por iniciativa propia ou ben por petición da metade dos vogais, e será obrigatorio realizar sesión, polo menos, unha vez cada trimestre.


2. As sesións convocaranse por comunicación persoal aos seus membros, mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia da súa recepción e, polo menos, con oito días de antelación.


A citación deberá ir acompañada da orde do día da reunión, en que non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados, agás que estean presentes todos os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.


3. Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado non incorporado pola Presidencia, cumprirá que o soliciten polo menos a metade dos seus membros, con catro días de antelación como mínimo.


4. No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo da Presidencia, citaranse os vogais polos medios axeitados, con vinte e catro horas de antelación como mínimo.


5. A falta de convocatoria e con carácter excepcional, o Pleno do Consello Regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.


6. Cando un membro non poida asistir a unha sesión, notificarao de forma fidedigna ao Consello Regulador, expresando a causa da ausencia.


Artigo 32º.-Réxime de acordos.

1. Os acordos do Pleno do Consello Regulador adoptaranse por maioría dos seus membros presentes e para que sexan válidos cumprirá que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorra máis dun terzo. A Presidencia terá voto de calidade.


2. Os acordos do Consello Regulador que non teñan carácter particular e afecten unha pluralidade de suxeitos, notificaranse mediante o envío de circulares aos inscritos e expóndoas nas oficinas do Consello Regulador.


3. Contra os acordos e resolucións que adopte o Consello Regulador exclusivamente no exercicio de funcións públicas de acordo co que se establece no artigo 26.3º, poderase interpor recurso ante a consellería competente en materia de agricultura, dentro do prazo dun mes contado desde a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


Artigo 33º.-Comisións do Pleno.

1. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se considere necesario, o Pleno do Consello Regulador poderá establecer comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.


2. Todas as resolucións que tomen estas comisións serán comunicadas ao Pleno do Consello Regulador na primeira reunión que este realice.


Artigo 34º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime laboral, de conformidade co cadro de persoal aprobado polo Pleno de acordo coa súa capacidade orzamentaria.


2. Na contratación de persoal, o Consello Regulador axustará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.


3. Para a contratación e cesamento do persoal do órgano de control seguirase ademais o que se dispón na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e o Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.



Artigo 35º.-A Secretaría.

O Consello Regulador terá un secretario ou secretaria designado, por proposta do presidente, polo Pleno, do que directamente dependerá e que terá como cometidos específicos os sinalados na alínea 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007.


Capítulo VII

Réxime económico

Artigo 36º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos establecidos na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e o Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.


2. Segundo o anterior, os inscritos aboarán unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral, que se establecerá de acordo co Decreto 4/2007.


Ademais, os inscritos aboarán unha cota variable en función da súa actividade, que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota será como máximo do 2% do valor do produto calculado en función do prezo medio da unidade de produto estimado de acordo coas normas que se recollan no manual de calidade e segundo os valores aprobados polo Pleno do Consello Regulador.


3. Ademais, o Consello Regulador contará tamén con:

a) As subvencións que poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.


b) As rendas e produtos do seu patrimonio.

c) As doazóns, legados e demais axudas que poidan percibir.

d) Os rendementos pola prestación de servizos, incluídos os relativos a expedición de certificados, expedición de contraetiquetas ou precintos e ao control e a certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o Pleno do Consello Regulador.


e) Calquera outro que lle corresponda percibir.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. No caso de que no devandito prazo non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, tras a instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento. Todo o anterior debe ser entendido sen prexuízo da comunicación do non-pagamento á consellería competente en materia de agricultura, para os efectos da incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador, dada a consideración deste feito como infracción grave, de acordo co artigo 39.2º letra e) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.


Artigo 37º.-Orzamento e memoria de actividades.

1. O Consello Regulador elaborará e aprobará, dentro do último trimestre de cada exercicio, o orzamento do exercicio seguinte. Se finalizado o devandito trimestre non se chegase a aprobar o orzamento, entenderase prorrogado, por períodos mensuais, o do exercicio económico anterior, ata a aprobación do novo orzamento.


2. Ademais, o Consello Regulador elaborará anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria de actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.


3. Os documentos mencionados no parágrafo anterior serán remitidos á consellería competente en materia de agricultura no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo Pleno, co fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas de aplicación.


Capítulo VIII

Réxime electoral

Artigo 38º.-Réxime electoral.

O réxime electoral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro será o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.


Capítulo IX

Control e certificación

Artigo 39º.-Órgano de control.

1. Para o ámbito competencial da denominación de orixe Ribeiro constitúese dentro do seu Consello Regulador un órgano de control que terá como función esencial verificar o cumprimento dos requisitos que son exixibles aos viños acollidos á denominación de orixe Ribeiro.


2. O órgano de control cumpre os requisitos sinalados no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, de desenvolvemento da citada lei en materia de denominacións de calidade e dos seus consellos reguladores. De acordo con isto, as súas actuacións realizaranse sen dependencia xerárquica respecto dos órganos de dirección do Consello Regulador, actuando baixo a tutela da consellería competente en materia de agricultura.


3. No seu funcionamento, o órgano de control servirase da estrutura administrativa e profesional do Consello Regulador.


4. O órgano de control financiarase integramente coa dotación económica que lle sexa asignada e xestionada polo Consello Regulador, sen prexuízo da asistencia administrativa que facilite o propio Consello Regulador.


5. A actuación do órgano de control poderá ser de oficio ou segundo o programa de control establecido polo Consello Regulador, para realizar labores de inspección e control do cumprimento da normativa da denominación de orixe; ou por instancia do operador, en petición cursada a través do Consello Regulador, cando a súa actividade se refira ao control mínimo necesario, previamente fixado polo Consello Regulador no manual de calidade, para a obtención da certificación de produto ou ao control do cumprimento dos requisitos necesarios para a regular inscrición nos rexistros do Consello Regulador.


6. O órgano de control exercerá aqueloutras funcións técnicas que lle sexan expresamente encomendadas por acordo do Pleno do Consello Regulador, sempre que non sexan incompatibles ou menoscaben a súa independencia no exercicio das funcións de control.


Artigo 40º.-Persoal do órgano de control.

1. Para os efectos da presunción de veracidade da súas actuacións de control os membros que compoñan o órgano de control serán habilitados pola consellería competente en materia de agricultura.


2. No órgano de control integrarase un corpo de inspectores ou vedores que sexan especialistas en vitivinicultura e sexan seleccionados mediante convocatoria do Consello Regulador que garanta suficiente publicidade, cumprindo os requisitos da Lei 2/2005, do 18 de febreiro e do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


3. O director técnico será o responsable último das actuacións do órgano de control, terá o máximo nivel xerárquico das funcións técnicas e de control e emitirá un informe en cada caso que será vinculante para o Consello Regulador.


Artigo 41º.-Proceso de cualificación.

1. Todos os viños elaborados en adegas inscritas, para poder facer uso da denominación de orixe Ribeiro, deberán superar un proceso de cualificación de acordo co que se dispón neste regulamento e no manual de calidade así como co que se estableza na normativa xeral de aplicación nesta materia.


2. O proceso de cualificación efectuarase por cada partida ou lote homoxéneo e deberá ser supervisado polo órgano de control integrado no Consello Regulador e ineludiblemente constará dun exame analítico e un exame organoléptico, que dará lugar á cualificación, localización ou descualificación da partida. O exame organoléptico será realizado polo comité de cualificación e, se é o caso, polo comité de apelación, aos que se refire o artigo 42º.


3. O órgano de control, á vista dos informes técnicos preceptivos do comité de cualificación, ou, se é o caso, do comité de apelación, así como dos resultados das análises físicoquímicas e demais datos sobre o produto, emitirá un informe en que acorde a cualificación, localización ou descualificación do viño. Este informe, que será vinculante, será trasladado ao Consello Regulador para que este emita resolución en que acorde a certificación ou non certificación do produto e a expedición, no primeiro caso, dos correspondentes precintos.


4. A resolución do Consello Regulador non será recorrible en vía administrativa agás no caso en que o recurso se fundamente no incumprimento das normas que lle son aplicables ao funcionamento do órgano de control.


5. Os viños cualificados deberán manter as súas calidades organolépticas características, especialmente no que se refire ao aspecto, aroma e sabor. No caso de que se constate algunha alteración nestas características en detrimento da calidade, ou que na súa elaboración e conservación se incumpran os preceptos deste regulamento ou os sinalados na lexislación vixente, o viño será descualificado, o que implicará a perda do dereito ao uso da denominación de orixe para el.


Así mesmo, considerarase como descualificado calquera viño obtido por mestura con outro previamente descualificado.


6. A descualificación dos viños poderá ser realizada en calquera fase da súa elaboración.


A partir do inicio do expediente de descualificación, o viño deberá permanecer en envases perfectamente identificados e rotulados, baixo a supervisión do órgano de control. Para realizar calquera movemento do viño cumprirá poñelo en coñecemento do órgano de control, con antelación suficiente para que poida tomar as medidas de control que coide precisas.



7. O Consello Regulador recollerá no seu manual de calidade as normas necesarias para levar un seguimento e control dos viños cualificados.


8. Todas as adegas inscritas terán por parte do órgano de control do Consello Regulador, polo menos, un control anual dos seus viños, que se someterán a exame analítico e organoléptico.


Artigo 42º.-Comité de cualificación e comité de apelación.

1. O órgano de control establecerá un comité de cualificación dos viños, formado por cinco expertos como mínimo. O comité de cualificación terá como misión emitir informe de calidade dos viños que opten a ser amparados pola denominación de orixe Ribeiro, de acordo co que se establece no artigo 41º deste regulamento. O devandito comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que coide necesarios. Este proceso será supervisado polo órgano de control, de acordo coas prescricións que figuren no manual de calidade no referido ao proceso de cualificación.


2. Para a revisión das decisións do comité de cualificación crearase un comité de apelación formado tamén por expertos, cuxo ditame non poderá ser obxecto de revisión.


3. No relativo á constitución e ao funcionamento do comité de cualificación e do comité de apelación terase en conta o que se dispoña no manual de calidade e na normativa xeral vixente nesta materia.


Artigo 43º.-Control dos volumes de produción.

1. O órgano de control do Consello Regulador verificará, en cada campaña, as cantidades de viños amparados pola denominación de orixe que poderán ser expedidos por cada empresa inscrita no Rexistro de Adegas, de acordo coa produción de uva propia ou adquirida, entradas de mostos ou viños doutras empresas inscritas e existencias de campañas anteriores.


2. Por requirimento das adegas inscritas, o Consello Regulador emitirá un certificado de orixe no modelo oficial, que avale a expedición de viños amparados.


Artigo 44º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar a produción, elaboración e existencias, así como as calidades, tipos e canto cumpra para poder acreditar a orixe e calidade dos viños, as persoas físicas ou xurídicas titulares de viñas e adegas estarán obrigadas a presentar, ante o Consello Regulador, nos modelos correspondentes, as seguintes declaracións:


a) Todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de viñas presentarán, unha vez rematada a recolección e, en todo caso, antes do 30 de novembro de cada ano, declaración da colleita obtida, indicando o destino da uva e, en caso de venda, o nome do comprador. Se se producen distintos tipos de uva, deberán declarar a cantidade obtida de cada unha delas.


b) Todas as empresas inscritas no Rexistro de Adegas deberán declarar, antes do 30 de novembro de cada ano, a cantidade de mosto e viño obtido, especificando os diversos tipos que elaboren. Será obrigatorio consignar a procedencia da uva e o destino dos produtos que se expidan, indicándose destinatario e cantidade sempre segundo o procedemento establecido no manual de calidade.


c) Todas as empresas inscritas no Rexistro de Adegas presentarán, dentro dos dez primeiros días de cada mes, unha declaración de entradas e saídas de produtos amparados durante o mes anterior, indicando a procedencia dos viños adquiridos. En todo caso, distinguiranse os diferentes tipos de viños.


2. As obrigas fixadas na alínea anterior non eximen os interesados do cumprimento de efectuar as declaracións de existencias, produción e elaboración, que se prevén na lexislación vixente.


Artigo 45º.-Circulación de produtos.

1. Toda expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto ou subproduto da vinificación que teña lugar entre empresas inscritas, mesmo pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada pola documentación establecida na lexislación vixente en cada momento e remitirase copia do documento ao Consello Regulador.


2. O expedidor comunicará previamente ao Consello Regulador toda expedición, para que este faga constar obrigatoriamente a certificación de orixe no documento de acompañamento.


3. O que se establece nos puntos anteriores será exixible tamén no caso de expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto da uva ou subproduto da vinificación, que teña lugar dunha empresa inscrita a outra non inscrita.


Artigo 46º.-Precintos de garantía e contraetiquetas.

Calquera que sexa o tipo de envases en que se expidan os viños para o consumo, irán provistos de precintos de garantía ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo Consello Regulador, que deberán ser colocados na propia adega de acordo coas normas que se establezan no manual de calidade e de xeito que non se permita unha segunda utilización.


Capítulo X

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 47º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da denominación de orixe Ribeiro é o establecido no capítulo II do título III da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.


2. Complementan a disposición legal mencionada na alínea anterior o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análise; a Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no relativo a inspección e medidas preventivas; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993; e cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.


Artigo 48º.-Actividade dos inspectores do órgano de control.

1. De acordo co que se establece no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do órgano de control que realice actuacións de inspección e que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera Administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguranza.


2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do órgano de control, debidamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, detecte irregularidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da devandita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

Ver referencia pdf "14900D016P053.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es