Diario Oficial de Galicia
xoves, 3 de setembro de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

173


Páxina do Dog:

14.325


Data da Disposición:

26 de agosto de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 26 de agosto de 2009 pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Rías Baixas para as campañas 2009, 2010 e 2011.



Orde do 26 de agosto de 2009 pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Rías Baixas para as campañas 2009, 2010 e 2011.

Consonte coa proposta elevada pola Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, relativa á solicitude de homologación dun contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas, formulada polos representantes das organizacións agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores, das adegas cooperativas Martín Códax, Condes de Albarei e Vitivinícola Arousana e das asociacións empresariais Asociación Adegas do Salnés e Asociación Empresarios Bodegueros Rías Baixas.


De conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento e co fin de que os solicitantes poidan dispoñer dun documento acreditativo da contratación de materia prima.


Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia,


En virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,


DISPOÑO:

Artigo 1º

Homologar o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas, cuxo texto figura no anexo desta disposición.


Artigo 2º

O período de vixencia da homologación deste contrato tipo será de tres campañas vitícolas a partir da entrada en vigor desta orde.


Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO
Contrato de compravenda de uva para a súa transformación en viño
Campañas 2009, 2010 e 2011

..., ... de ... de 20..

Reunidos

Dunha banda, ..., de agora en diante o/a vendedor/a, con documento NIF/CIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.


E doutra ..., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF/CIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., representado neste acto por ..., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento do... de... de 20... no cal adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de Pontevedra (datos de inscrición).


Recoñécense ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizar este contrato, fano conforme as seguintes estipulacións:


Primeira.-Obxecto do contrato.

A compravenda de uva das parcelas que se establecen como anexo a este contrato, que reúnan as seguintes condicións:


1. Grao alcohólico mínimo: 11º.

2. Acidez máxima: 11,8 g/l, variable segundo o estudo que faga a Comisión de Seguimento no mes de setembro e que revisará a cifra en función da media que se acade.


Estas condicións só se aplicarán á variedade de uva albariña e caíño branco.

3. Cantidade máxima: a correspondente aos metros cadrados que figuran no anexo.

Se a uva non reúne algunhas das condicións expostas anteriormente, o/a comprador/a non estará obrigado a comprala.


Segunda.-Duración do contrato.

A vixencia deste contrato comeza o día da súa sinatura e rematará o 31 de decembro de 2011, será revisable anualmente dentro do ano natural antes da floración.


Este poderá ser rescindido antes do 31 de xullo de cada ano, por mutuo acordo das partes. Cuestión que será notificada nun prazo de 7 días á Comisión de Seguimento.


Terceira.-Especificacións técnicas.

O vendedor non poderá utilizar produtos fitosanitarios distintos dos autorizados polo rexistro do ministerio correspondente, cumprindo sempre a normativa de rastrexabilidade vixente, tampouco poderá exceder as doses máximas recomendadas e debe respectar os prazos de seguridade de cada produto e a normativa ao respecto.


Cuarta.-Prezo.

Os prezos mínimos de referencia que pagará o/a comprador/a serán os que a seguir se relacionan:

Ver referencia pdf "17300D006P021.PDF"
Sobre este prezo aplicarase, anualmente e de forma acumulativa, unha revisión con base no índice de prezos ao consumo interanual publicado en agosto polo Instituto Nacional de Estatística no BOE. Este índice aplicarase sempre que sexa positivo, no caso negativo quedará o prezo do ano anterior. Sobre o importe resultante, do prezo mínimo e o IPC, aplicarase o imposto sobre o valor engadido (IVE) correspondente para a realización da factura.


Para as variedades tintas establécese unha prima de materia colorante para media e alta capa que se establecerá de mutuo acordo entre as dúas partes consistirá nun céntimo por décima.


Quinta.-Condicións de pagamento.

As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato pagaranse nos prazos que a seguir se indican:


-O/a comprador/a liquidará antes do 31 de decembro do ano da vendima un mínimo do 33% da cantidade que teña que aboar en cumprimento deste contrato.


-A restante cantidade farase efectiva antes do 30 de xuño seguinte.

Sexta.-Recepción, control e imputabilidade de custos.

A cantidade de uva correspondente a este contrato será entregada na súa totalidade na adega ou nalgún dos puntos de recepción máis próximos ao das parcelas do/a vendedor/a, instalados para o efecto polo/a comprador/a.


O control da calidade e peso do froito efectuarase no momento da entrada na adega ou punto de recepción. Poderá estar presente, para efectos deste control, unha persoa habilitada para o efecto polo/a vendedor/a.


No caso de discrepancia entre as partes sobre as condicións de calidade do produto marcadas neste contrato, recorrerase a un/unha técnico/a designado polos interesados. Os gastos ocasionados correrán a cargo da parte que estivese errada na súa apreciación.


Sétima.-Comisión de Seguimento.

Estabelecerase unha Comisión de Seguimento que gozará de personalidade xurídica privada, sen ánimo de lucro, que terá carácter representativo e composición paritaria entre as partes. Corresponderalle a esta o seguimento, vixilancia e control do contrato.


Aqueles anos en que se dean circunstancias anormais en relación ao cultivo da uva poderanse establecer novos parámetros, tendo presentes estas circunstancias.


Oitava.-Indemnizacións.

Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, circunstancias que deberán comunicarse dentro das setenta e dúas horas seguintes e se produciren, o incumprimento deste contrato para efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25% do valor da produción, sempre que no dito incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facerse pola correspondente Comisión de Seguimento, dentro dos 30 días seguintes á recepción do comunicado pola parte afectada.


Para o cálculo da indemnización usaranse os informes publicados, ao final da campaña, polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas relativos ás producións e graos medios da subzona en que estea/n inscrita/s a/s parcela/s deste contrato.


A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.


Novena.-Arbitraxe.

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non puider resolverse de mutuo acordo, ou pola Comisión de Seguimento a que se fai referencia na cláusula oitava, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural.


De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e na data expresados no encabezamento deste contrato.


Asdo. O/a vendedor/a Asdo. O/a comprador/a
Ver referencia pdf "17300D007P023.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es