Diario Oficial de Galicia
venres, 25 de setembro de 2009

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog:

189


Páxina do Dog:

15.286


Data da Disposición:

24 de setembro de 2009


Sección:

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Organismo:

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Rango:

Decreto


Título:

Decreto 387/2009, do 24 de setembro, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.



Decreto 387/2009, do 24 de setembro, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, instituído polo artigo 28 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, configúrase como órgano consultivo de carácter colexiado da Administración pública galega, destinado a proporcionar un foro de debate e participación pública con respecto a aquelas iniciativas e actuacións que revistan incidencia sobre o eido ambiental e a sustentabilidade; acollendo a representantes da Administración e de colectivos ambientais, económicos, sociais, académicos e profesionais.


A citada Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, remite ao desenvolvemento regulamentario a determinación pormenorizada da composición, funcionamento e réxime xurídico do Consello, así como o carácter dos seus informes. Atendendo á dita remisión normativa, o Consello da Xunta de Galicia estableceu unha primeira regulación mediante Decreto 155/1995, do 3 de xuño, posteriormente substituído polo vixente Decreto 74/2006, do 30 de marzo, que introduciu na composición e na actividade do Consello as vertentes social e económica que, xunto coa ambiental, conforman os piares da sustentabilidade; e igualmente procedeu a adaptar a súa composición aos cambios experimentados pola estrutura da Xunta de Galicia.


A vixente estrutura da Xunta de Galicia e os seus departamentos resultante do disposto polos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril, exixe levar a cabo unha nova adaptación da composición do Consello no que respecta á representación no seu seo do Goberno e a Administración galegos.


Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de setembro de dous mil nove,


DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación.

Modifícase o artigo 3º do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que queda redactado do seguinte xeito:


«Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estará integrado polos seguintes órganos e membros:


1º Presidencia. Será ocupada pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ademais da presidencia do pleno do consello exercerá as seguintes funcións:


a) Exercer a máis alta representación institucional do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.


b) Convocar as sesións ordinarias e extraordinarias fixando os asuntos que comporán a orde do día.


c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento delas, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do presidente ou presidenta ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente para o suposto de empate.


d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente ou presidenta do órgano.


2º Vicepresidencia. Será ocupada pola persoa titular da Consellería do Medio Rural, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.


3º Secretaría. Será ocupada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que actuará con voz e sen voto. Son funcións da secretaría:


a) Executar a convocatoria das sesións por orde da presidencia, así como proceder á citación dos membros do plenario.


b) Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros do Pleno das cales deba ter coñecemento.


c) Redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Expedir certificacións das consultas, informes ou acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición.

4º Vogais. Nomearanse trinta e oito vogais en representación tanto da Administración autonómica como da sociedade civil.


4.1º En representación da Administración autonómica, trece vogais, designados do seguinte modo:


-A persoa titular da Secretaría Xeral da Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.


-A persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.


-A persoa titular da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, da Consellería de Traballo e Benestar.


-A persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería do Medio Rural.


-A persoa titular da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.


-A persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.


-A persoa titular da presidencia de Augas de Galicia.

-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería de Economía e Industria.


-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.


-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.


-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.


-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería do Medio Rural.


-Un/unha representante designado/a pola persoa titular da Consellería do Mar.

4.2º Vinte e cinco vogais, en representación da sociedade civil repartidos do seguinte xeito:


-Tres representantes dos sindicatos máis representativos de Galicia.

-Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

-Catro representantes de organizacións de carácter ambiental.

-Catro representantes de organizacións de carácter social: Consello da Xuventude, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Confederación Galega de Veciños, Consello Galego de Consumidores e Usuarios.


-Tres representantes das universidades de Galicia, un por cada unha delas.

-Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

-Tres representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas de Galicia.


-Un representante da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

2. A composición e organización do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible rexerase polo principio de paridade e tratará de garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres».


Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.


Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.


Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Lugo, vinte e catro de setembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas




[Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es