Diario Oficial de Galicia
venres, 2 de outubro de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

194


Páxina do Dog:

15.738


Data da Disposición:

29 de setembro de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 29 de setembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.



Orde do 29 de setembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.

O vixente Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador foi aprobado pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 3 de setembro de 1996, sufrindo posteriormente varias modificacións, que afectaron fundamentalmente aspectos relacionados coa produción e elaboración destes viños.


Por outra parte, o marco normativo aplicable ás denominacións de orixe vitivinícolas ten variado substancialmente nos últimos anos. Así, no ámbito autonómico, deben axustarse ao contido da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e ao seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. No ámbito estatal é de aplicación a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño e no europeo, desde o 1 de agosto pasado, é de aplicación unha nova regulación contida nos regulamentos do Consello R(CE) 479/2008 e R(CE) 491/2009 e no regulamento da Comisión R(CE) 607/2009.


Para acomodarse a este novo marco normativo, o Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe aprobou en meses pasados un novo regulamento en que se recollían, ademais, algunhas outras modificacións de carácter técnico, necesarias para adaptalo aos cambios que se teñen producido no eido da viticultura e da enoloxía e adecualo ás actuais demandas dos consumidores, sen perder a esencia das características tradicionais destes viños.


A urxente necesidade de dotar de personalidade xurídica de seu ao Consello Regulador -cuestión que supón unha das novidades máis salientables do marco legal autonómico antes citado- foi o motivo que aconsellou realizar unha modificación puntual do actual regulamento, o que se fixo a través da orde do pasado 30 de xullo, retrasándose a publicación do novo regulamento á espera dun estudo máis pormenorizado do texto presentado para comprobar o seu encaixe na normativa de aplicación. Unha vez feita esta análise, mediante esta orde procédese a aprobar o texto presentado.


Na súa virtude, tras a proposta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade no sector alimentario,


DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.


Apróbase o Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador, que figura como anexo desta orde.


Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da Orde do 3 de setembro de 1996.

Queda derrogada a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 3 de setembro de 1996, pola que se aproba o Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e do seu Consello Regulador.


Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO
Regulamento da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
e do seu Consello Regulador

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto na normativa europea reguladora do mercado vitivinícola, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, e a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, quedan amparados coa Denominación de Orixe Ribeira Sacra os viños que, tendo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos por este e pola lexislación vixente.


Artigo 2º.-Extensión da protección.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, na Lei 24/2003, da viña e do viño, neste regulamento e demais normativa de aplicación.


Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos viños amparados, quedan encomendados ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.


2. O órgano de control e certificación dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra será o mesmo Consello Regulador, a través dun órgano integrado na súa estrutura de acordo co disposto no artigo 15.1º letra b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e segundo o establecido no capítulo IV deste regulamento.


Artigo 4º.-Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación da denominación de orixe, en particular as relativas ao proceso de control e certificación.


Capítulo II
Produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

1. A zona de produción dos viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra está constituída polos terreos que o órgano de control e certificación do Consello Regulador considere aptos para a produción de uva das variedades que se indican no artigo 6º, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e sempre que se encontren situados nos concellos e parroquias que compoñen as subzonas seguintes:


a) Subzona de Amandi.

Abarca as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

Concello de Sober: Doade, Amandi, Lobios, Pinol, Santiorxo, Barantes, Bolmente, San Martiño de Anllo e, da parroquia de Anllo, os lugares situados na Ribeira do Sil.


Concello de Monforte de Lemos: Marcelle.

b) Subzona de Chantada.

Abarca as parroquias que se citan nos seguintes concellos:

Concello de Portomarín: Portomarín, Sabadelle, Fiz de Rozas, León e Vilarbasín.

Concello de Taboada: Sobrecedo, Castelo, San Xián de Ínsua, Ínsua, Mourulle e Xián.


Concello de Chantada: Pedrafita, Pesqueiras, San Fiz de Asma, Belesar, Líncora, Camporramiro, Santiago de Arriba, A Sariña, Nogueira de Miño e Sabadelle.


Concello de Carballedo: Erbedeiro, Chouzán, A Cova, Oleiros e Temes.

Concello da Peroxa: San Xes da Peroxa, Graíces, Carracedo, Celaguantes, Beacán, Os Peares e, na parroquia de Vilarrubín, o lugar do Souto.


c) Subzona de Quiroga-Bibei.

Abarca as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

Concello de Monforte de Lemos: Rozavales.

Concello da Pobra de Brollón: Vilachá e Barxa de Lor.

Concello de Quiroga: Quintá de Lor, Nocedo, Quiroga, A Ermida, O Hospital, Fisteus, Sequeiros, Bendollo, Bendilló, Montefurado, Vilanuíde, Paradaseca,Vilaster, A Enciñeira e Augas Mestas.


Concello de Ribas de Sil: Nogueira, Peites, Piñeira, Rairos, Ribas de Sil, Soutordei e Torbeo.


Concello da Pobra de Trives: Barrio, Mendoia, Piñeiro, Sobrado e Navea.

Concello de Manzaneda: Cesuris, Reigada, San Miguel de Bidueira, Soutipedre, Manzaneda e San Martiño de Manzaneda.


Concello de San Xoán de Río: Cerdeira.

d) Subzona de Ribeiras do Miño.

Abarca as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

Concello de Paradela: Loio, As Cortes, San Martiño de Castro, San Facundo de Ribas de Miño, Castro, Santalla de Paradela, Aldosende, A Laxe e San Vicente de Paradela.


Concello do Saviñao: Reiriz, Segán, San Vitoiro de Ribas de Miño, Rebordaos, Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi, Mourelos, Rosende e A Cova.


Concello de Pantón: Ribeiras de Miño, Vilar de Ortelle, Atán, Pombeiro, Acedre, Espasantes, Frontón, Siós, Cangas, Toldaos, Moreda, Pantón, Deade, Castillón e Ferreira de Pantón.


Concello de Sober: Rosende, Vilaescura, Canaval, Proendos, Neiras e, na parroquia de Anllo, os lugares situados na ribeira do Cabe.


Concello de Monforte de Lemos: Moreda e Seoane.

e) Subzona de Ribeiras do Sil.

Abarca as parroquias que se citan dos concellos seguintes:

Concello da Teixeira: Cristosende, Lumeares e Abeleda.

Concello de Parada de Sil: San Lourenzo de Barxacova, Sacardebois, Parada de Sil e Chandrexa.


Concello de Castro Caldelas: Alais, Paradela, San Paio de Abeleda, Santa Tegra de Abeleda, Tronceda e Castro Caldelas.


Concello de Nogueira de Ramuín: Viñoás, A Carballeira e Moura.

2. A cualificación dos terreos para os efectos da súa inclusión na zona de produción efectuaraa o órgano de control e certificación do Consello Regulador, e deberán quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica na base de datos do Rexistro Vitícola de Galicia.


3. Para que os viños amparados poidan levar na etiquetaxe o nome dunha das subzonas definidas neste regulamento, será requisito necesario que a materia prima proceda integramente desta e que a elaboración se realice nela.


Artigo 6º.-Variedades.

1. A elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente con uvas das seguintes variedades:


a) Preferentes:

Brancas: Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca, Albariño e Torrontés.

Tintas: Mencía, Brancellao, Merenzao, Sousón, Caíño Tinto e Tempranillo.

b) Autorizadas:

Tintas: Garnacha tintureira e Mouratón.

2. O Consello Regulador poderá propor á consellería competente en materia de agricultura que se autoricen novas variedades, logo dos ensaios e experiencias convenientes e tras comprobar que producen mostos de calidade aptos para a elaboración de viños protexidos, determinándose en cada caso a súa inclusión como preferente ou como autorizada. Para iso tramitaríase unha modificación deste regulamento de acordo co establecido na lexislación vixente.


Artigo 7º.-Prácticas culturais.

1. As prácticas culturais serán fundamentalmente as tradicionais na zona delimitada anteriormente, e que en xeral tendan a optimizar a calidade das producións.


2. A densidade de plantación estará comprendida obrigatoriamente entre un mínimo de 1.500 cepas por hectárea e un máximo de 5.500 cepas por hectárea.


3. Os sistemas de poda e condución serán os seguintes:

a) O tradicional sistema de vaso e as súas variantes.

b) Poderá efectuarse a poda en espaldeira ou conducida, axustándose ás seguintes prescricións: Guyot simple, Guyot dobre ou Dobre cordón.


4. Porén, a consellería competente en materia de agricultura poderá autorizar, por proposta do Consello Regulador, a aplicación de novas prácticas de cultivo, tratamentos ou labores que, constituíndo un avance das técnicas vitícolas, cumpran coa lexislación vixente e non afecten desfavorablemente a calidade da uva ou do viño producido. Para iso tramitaríase unha modificación deste regulamento de acordo co establecido na lexislación vixente.


5. As disposicións precedentes axustaranse aos límites máximos de produción establecidos no artigo 9º deste regulamento.


6. O Consello Regulador poderá autorizar, cando exista déficit hídrico, a rega do viñedo de xeito localizado. O procedemento para dita autorización será desenvolto, de ser o caso, no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


Artigo 8º.-Vendima.

1. A vendima realizarase co maior esmero e para a elaboración dos viños protexidos empregaranse exclusivamente uvas sas e co grao de madurez necesario.


2. O Consello Regulador, logo do informe do órgano de control e certificación, poderá determinar en cada campaña a data de comezo de vendima.


3. No manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, poderanse establecer normas sobre o transporte da uva para que se realice sen deteriorar a súa calidade.


4. A graduación alcohólica natural probable mínima das partidas de uva para os viños Ribeira Sacra será de dez graos.


5. En campañas excepcionais, o Consello Regulador poderá autorizar, logo dos informes do órgano de control e certificación, a modificación das graduacións mínimas fixadas na alínea anterior, ben para o conxunto da zona de produción ben para determinados municipios, respectando o disposto na lexislación vixente sobre a materia.


Artigo 9º.-Producións máximas.

1. As producións máximas admitidas por hectárea serán as seguintes:

a) Nove mil cincocentos quilos de uva por hectárea para as variedades tintas.

b) Doce mil quilos de uva por hectárea para as variedades brancas.

Estes límites poderaos modificar en campañas excepcionais o Consello Regulador, tanto á alza como á baixa, para determinadas zonas, con anterioridade á vendima, logo dos asesoramentos e comprobacións que se precisen e o informe favorable do órgano de control e certificación.


Estas modificacións, no caso de producírense, non poderán implicar un aumento superior ao 25% dos límites establecidos.


2. Así mesmo, para parcelas controladas especificamente sobre o terreo o órgano de control e certificación poderá establecer rendementos inferiores aos máximos fixados na alínea 1, de acordo cos procedementos e prescricións que se fixen no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


3. A uva procedente de parcelas con rendementos superiores ao límite establecido non poderá ser utilizada na elaboración de viños protexidos por esta denominación. O órgano de control e certificación do Consello Regulador adoptará as medidas necesarias para asegurar o cumprimento deste precepto.


4. Para novas plantacións e replantacións de viñedos, a produción máxima admitida será a resultante de aplicar aos valores recollidos na alínea 1 anterior, os seguintes coeficientes en función da idade da plantación ou replantación:

Ver referencia pdf "19400D007P010.PDF"
No caso dos enxertos considerarase que o viñedo terá o 100% de produción ao ano seguinte de ser a cepa enxertada.


Artigo 10º.-Plantacións.

1. Non se admitirá a inscrición no Rexistro de Viñas de plantacións que conteñan algunha variedade distinta das recollidas no artigo 6 deste regulamento.


2. As uvas procedentes de parcelas con plantacións mixtas, en que existan varias das variedades recollidas no artigo 6 citado, só poderán destinarse á elaboración de viños brancos ou tintos que vaian ser protexidos pola denominación se é posible a absoluta separación de variedades na vendima.


3. O Consello Regulador promoverá a reconversión das plantacións mixtas, impulsando a substitución das variedades autorizadas por variedades preferentes.


Capítulo III
Elaboración

Artigo 11º.-Técnicas de elaboración.

1. As técnicas empregadas na manipulación da uva, do mosto e do viño no control da fermentación e no proceso de conservación tenderán a obter produtos da máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais dos tipos de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.


2. Na produción do mosto seguiranse as prácticas tradicionais aplicadas cunha moderna tecnoloxía, orientada á mellora da calidade do produto final. Aplicaranse presións adecuadas para a extracción do mosto e do viño e a súa separación do bagazo, de xeito que o rendemento non sexa superior a 67 litros de mosto ou viño por cada 100 quilogramos de uva.


Os límites fixados neste artigo poderán ser modificados excepcionalmente en determinadas campañas polo Consello Regulador, por propia iniciativa ou por petición dos elaboradores inscritos, logo do informe favorable do órgano de control e certificación, sen contravir as limitacións establecidas na normativa de carácter xeral.


3. As fraccións de mosto ou viño obtidas por presións non adecuadas non poderán, en ningún caso, ser destinadas á elaboración de viños protexidos.


4. En particular, para a elaboración de viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra prohíbese a utilización de prensas coñecidas como continuas en que a presión é exercida por un parafuso de Arquímedes no seu avance sobre un contrapeso.


5. Para a extracción do mosto só poderán utilizarse sistemas mecánicos que non danen ou dilaceren os compoñentes sólidos do acio, quedando prohibido o emprego de máquinas estrulladoras de acción centrífuga de alta velocidade.


6. Na elaboración dos viños protexidos non se poderán utilizar prácticas de prequentamento da uva ou quentamento dos mostos ou dos viños en presenza dos bagazos, tendentes a forzar a extracción de materia colorante.


7. Non se poderán utilizar pedazos de madeira de carballo na elaboración e posteriores procesos, incluído o almacenamento, dos viños protexidos pola denominación.



8. Para os efectos de corrixir as características dos mostos ou viños de determinada colleita permitirase a súa mestura coa añada anterior ata un 15%.


En anos excepcionais, e logo de informe da calidade do produto, poderase autorizar a mestura de dúas colleitas anteriores, co mesmo límite do 15%.


9. O Consello Regulador, por propia iniciativa ou por proposta dos elaboradores inscritos, logo dos informes técnicos e comprobacións necesarias, poderá amparar e certificar viños que, procedentes das variedades propias da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, se obteñan por distintos procesos de elaboración e que signifiquen unha diversificación do produto final. Para iso tramitarase, de ser o caso, a correspondente modificación deste regulamento, de acordo co establecido na lexislación vixente.


Artigo 12º.-Tipos de viños e características.

1. Os tipos de viño amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra son os seguintes:


a) Ribeira Sacra Súmmum.

Serán Ribeira Sacra Súmmum:

-Os tintos elaborados, como mínimo, cun 85% de variedades tintas preferentes, sendo a variedade mencía, polo menos, un 60% do total.


-Os brancos elaborados coas variedades brancas preferentes.

b) Ribeira Sacra.

Serán Ribeira Sacra os tintos elaborados, como mínimo, cun 70% de variedades tintas preferentes.


Só poderán facer referencia á variedade os viños Ribeira Sacra Súmmum elaborados cun mínimo do 85% da variedade que se mencione.


2. Sen prexuízo do establecido na alínea 1 anterior, os viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra poderán facer mención do termo Barrica se cumpren as seguintes condicións:


a) No caso dos viños tintos, deberán permanecer un mínimo de seis meses en barricas de madeira dunha capacidade máxima de 500 litros.


b) No caso dos viños brancos, deberán permanecer un mínimo de tres meses en barricas de madeira dunha capacidade máxima de 600 litros.


Se un viño é presentado para cualificar como barrica, obrigatoriamente deberá facer mención a este termo na súa etiquetaxe.


3. Para a utilización na etiquetaxe doutras mencións permitidas pola lexislación vixente, aplicarase o disposto na normativa xeral de aplicación.


4. As características analíticas dos distintos tipos de viño protexido serán as seguintes:

Ver referencia pdf "19400D007P010.PDF"
A partir de 12,0º en todos os viños a acidez volátil poderase incrementar en 0,06 g/l por cada grao de alcohol.


Para os parámetros analíticos non recollidos neste artigo terase en conta a lexislación xeral.


5. Polo que respecta ás características organolépticas, os viños amparados por esta denominación deben manter en todo momento a tipicidade propia dos viños da zona, tanto en aspecto como en aroma e sabor, de acordo co que se recolla no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


6. Aqueles viños que, a xuízo do órgano de control e certificación do Consello Regulador, non presenten as características fixadas neste artigo, non poderán ser amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.


Artigo 13º.-Zona de elaboración.

1. Sen prexuízo do establecido na alínea 2 deste artigo, a zona de elaboración dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra coincide coa zona de produción definida no artigo 5 deste regulamento.


2. Porén, tendo en conta os costumes e as dificultades orográficas da área de produción, autorízase a inscrición nos rexistros de adegas de elaboración, almacenamento e embotellado daquelas que, cumprindo os demais requisitos establecidos, estean situadas nos terreos das seguintes parroquias:


a) Subzona de Amandi:

Concello de Sober: Brosmos, Bulso, Figueiroá e Proendos.

b) Subzona de Chantada:

Concello de Taboada: Cicillón, Vilela, Carballo e Vilar de Cabalos.

c) Subzona de Ribeiras do Miño:

Concello de Pantón: Eiré, Serode, Següín e San Fiz de Cangas.

Concello do Saviñao: Vilelos, Vilaesteva, Freán, Louredo, A Laxe, Fión, Marrube, Vilasante, Licín e Piñeiró.


d) Subzona de Ribeiras de Sil:

Concello da Teixeira: Montoedo e Pedrafita.

Concello de Castro Caldelas: Mazaira, Trabazos, Camba e Poboeiros.

Capítulo IV
Control e certificación do produto

Artigo 14º.-Proceso de cualificación.

1. O control e certificación dos viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra será realizado por un órgano integrado no Consello Regulador, cumprindo os requisitos sinalados no artigo 15.1.b) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, de desenvolvemento da citada lei en materia de denominacións de calidade.


2. Para poder facer uso da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, os viños elaborados nas adegas inscritas deberán superar un proceso de cualificación, realizado polo órgano de control e certificación do Consello Regulador, de acordo coa normativa vixente na materia.


3. Este proceso de cualificación efectuarase por partidas ou lotes homoxéneos e constará dun exame analítico e un exame organoléptico, que darán lugar á cualificación ou descualificación da partida ou o aprazamento da decisión cando se aprecie un defecto susceptible de emenda.


4. Os viños cualificados deberán manter as calidades organolépticas e características propias, en especial en canto a cor, aroma e sabor. No caso de que se detectase algunha alteración nestas características en detrimento da calidade ou que na súa elaboración se incumprisen os preceptos deste regulamento ou os establecidos na lexislación vixente, o viño será descualificado polo órgano de control e certificación do Consello Regulador, o que implicará a perda do dereito ao uso da denominación.


Considerarase igualmente como descualificado calquera viño obtido pola mestura con outro previamente descualificado.


5. A descualificación dos viños poderá ser realizada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador en calquera fase da súa elaboración.


6. A partir da iniciación do expediente de descualificación, o viño deberá permanecer en envases perfectamente identificados e rotulados, baixo a vixilancia do órgano de control e certificación. Para calquera transvase ou traslado do viño será preciso poñelo en coñecemento do dito órgano de control e certificación coa antelación suficiente para que poida tomar as medidas de control que considere oportunas.


7. Todos os envases en que se expidan os viños con destino ao consumo irán provistos de precintos de garantía, etiquetas ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo órgano de control e certificación, que deberán ser colocadas na propia adega de acordo coas normas que se determinen no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas e sempre de forma que non se permita unha segunda utilización.


Artigo 15º.-Comités de cualificación e de apelación.

1. O órgano de control e certificación establecerá un comité de cualificación ou panel de cata dos viños que opten a ser amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, formado como mínimo por cinco expertos en análise sensorial dos viños.


2. O panel de cata terá como misión informar sobre a calidade dos viños que opten a ser amparados pola denominación. Poderá contar cos asesoramentos técnicos que estime necesarios.


3. Para a revisión das decisións do comité de cualificación, crearase un comité de apelación formado tamén por expertos no produto e cuxo ditame non poderá ser obxecto de revisión.


4. O funcionamento do panel de cata deberá enmarcarse no fixado no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas e na normativa xeral vixente


5. O órgano de control, á vista das análises físicoquímicas, do informe sobre a análise sensorial emitido polo comité de cualificación e, de ser o caso, o de apelación, así como dos demais datos sobre o produto, resolverá o que proceda en relación coa cualificación da partida.


6. No manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas estableceranse as normas precisas para a constitución e funcionamento dos comités de cualificación e de apelación.


Artigo 16º.-Control da produción.

1. O órgano de control e certificación facilitará ás persoas físicas ou entidades inscritas no Rexistro de viñas un documento ou carta de viticultor en que se exprese a superficie de viñedo inscrita, con desagregación de variedades, así como a produción máxima admisible para cada campaña, podendo establecerse outros datos que se consideren necesarios, co obxecto dunha mellor identificación e control. Este documento irá acompañado de talonario con matriz, do cal o viticultor, unha vez cuberto cos datos requiridos, entregará un exemplar á adega inscrita receptora da correspondente partida de uva, no momento da súa entrega ou acompañando o transporte, para os efectos de xustificar a súa orixe.



Os documentos citados no parágrafo precedente poderán substituírse, se así o decide o Pleno do Consello Regulador, por outros sistemas que os avances tecnolóxicos permitan, se se acadan os mesmos obxectivos de control da produción.


2. O órgano de control e certificación verificará en cada campaña as cantidades de viños amparadas pola denominación que poderán ser expedidas por cada empresa inscrita nos rexistros de adegas, de acordo coa produción de uva propia ou adquirida, entradas de mosto ou viños doutras firmas inscritas e existencias de campañas anteriores.


Artigo 17º.-Declaracións para o control.

1. Para controlar a produción, elaboración e existencias, así como as calidades e tipos de viños e canto sexa necesario para poder acreditar a calidade e orixe destes, as persoas físicas e xurídicas titulares de adegas estarán obrigadas a presentar ao Consello Regulador as seguintes declaracións:


a) Todos os inscritos no Rexistro de adegas de elaboración deberán declarar, antes do 30 de novembro de cada ano, a cantidade de mosto e viño obtido, especificando os diversos tipos que elaboren. Será obrigatorio consignar a procedencia da uva e, no caso de venda durante a campaña de vendima, o destino dos produtos que se expidan, indicando o destinatario e a cantidade. Mentres haxa existencias de produto, deberán declarar mensualmente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador as saídas que se produzan.


b) Todos os inscritos no Rexistro de adegas embotelladoras presentarán, dentro dos 10 primeiros días de cada mes, unha declaración de entradas e saídas de produtos amparados durante o mes anterior, indicando a procedencia dos viños adquiridos. En todo caso, distinguiranse os distintos tipos de viño.


2. Os requisitos fixados na alínea 1 anterior non eximen os interesados da obriga de facer as declaracións de existencias, produción e elaboración que se exixan con carácter xeral na normativa vixente.


3. As declaracións a que se refire o número 1 deste artigo non poderán facilitarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.


Artigo 18º.-Circulación do produto.

1. Toda expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto da uva ou subproduto da vinificación que teña lugar entre empresas inscritas, mesmo pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada da documentación establecida pola normativa vixente en cada momento.


2. O expedidor comunicará previamente ao Consello Regulador toda expedición, para que o órgano de control e certificación faga constar a certificación de orixe no documento de acompañamento, de acordo co establecido na normativa vixente.


3. O establecido nas alíneas anteriores será exixible tamén no caso de expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto da uva ou subproduto da vinificación, que teña lugar dunha firma inscrita a outra non inscrita.


Capítulo V
Rexistros

Artigo 19º.-Rexistros do Consello Regulador.

O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de viñas.

b) Rexistro de adegas de elaboración.

c) Rexistro de adegas de almacenamento.

d) Rexistro de adegas embotelladoras.

Artigo 20º.-Rexistro de viñas.

1. Neste rexistro unicamente poderán inscribirse as viñas situadas na zona de produción cuxa uva poida ser destinada á elaboración dos viños protexidos.


2. Na inscrición figurarán: o nome do propietario e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a explotación dos viñedos; o nome da viña, lugar, parroquia e concello en que estea situada; lindeiros e referencia catastral de cada parcela; superficie en produción, marco de plantación, variedade ou variedades, así como os portaenxertos, idade do viñedo e cantos datos sexan necesarios para a súa correcta clasificación e localización.


3. Coa solicitude de inscrición xuntarase certificación catastral e un plano ou bosquexo detallado das parcelas obxecto desta que permitan identificar a súa situación, e a autorización de plantación expedida polo órgano competente ou documentación equivalente.


Artigo 21º.-Rexistro de adegas de elaboración.

1. Neste rexistro poderanse inscribir todas as adegas que, situadas na zona de elaboración, vinifiquen uvas procedentes de viñas inscritas e en que os viños elaborados poidan optar ao uso da denominación de orixe, e que cumpran todos os requisitos que estipula este regulamento e o que se estableza no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


2. Na inscrición figurará: a denominación ou razón social da empresa, o enderezo legal desta, e a localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións; as características, número e capacidade dos depósitos e maquinaria, o sistema de elaboración e demais datos necesarios para a debida identificación e catalogación da adega, ademais da inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable no caso de sociedades.


No caso de que o empresario non sexa propietario dos locais farase constar, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.


3. Coa solicitude de inscrición xuntarase un proxecto de obra visado polo colexio correspondente onde se reflictan todo os detalles da construción e instalacións, así como copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.


Artigo 22º.-Rexistro de adegas de almacenamento.

Neste rexistro inscribiranse todas aquelas adegas que, estando situadas na zona de elaboración, se dediquen exclusivamente ao almacenamento de viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Na inscrición figurarán os datos a que se fai referencia no artigo 21.


Artigo 23º.-Rexistro de adegas embotelladoras.

Neste rexistro inscribiranse todas aquelas adegas que, situadas na zona de elaboración, se dediquen exclusivamente ao embotellamento e comercialización de viño debidamente etiquetado e amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Na inscrición figurarán os datos a que se refire o artigo 21, ademais dos correspondentes ás instalacións e maquinaria de estabilización e embotellamento.


Artigo 24º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que dispoña o Consello Regulador.


2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano interno de control e certificación para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.


3. De ser o caso, tras o informe favorable do órgano de control e certificación, o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición, indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.


4. De acordo co establecido na alínea 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o órgano de control e certificación denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderase interpoñer recurso de alzada perante a consellería competente en materia de agricultura.


5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, e especialmente no Rexistro de industrias agrarias e no de embotelladores e envasadores, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.


Artigo 25º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, cos requisitos impostos polas normas da denominación e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender cautelarmente ou revogar as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.


2. O Consello Regulador a través do seu órgano de control e certificación efectuará inspeccións periódicas para comprobar a efectividade de canto se dispón neste capítulo, quedando facultado para adoptar as medidas necesarias para o seu cumprimento


3. Todas as inscricións nos diferentes rexistros serán renovadas no prazo e forma que determine o Consello Regulador no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


Artigo 26º.-Baixa nos rexistros.

A baixa nos rexistros procederá polas seguintes circunstancias:

a) No Rexistro de viñas:

-Por vontade propia.

-Por falta de pagamento, de acordo co establecido no artigo 42.4º.


-Como consecuencia de infracción a este regulamento e demais normativa da denominación de orixe que leve aparellada como sanción a baixa nos rexistros, logo da instrución e resolución do correspondente expediente.


No caso das baixas por vontade propia o por falta de pagamento de cotas, non se poderá proceder a unha nova alta ata que transcorran tres anos, agás cambio de titularidade debidamente documentado. No caso de baixa por sanción non procederá unha nova alta ata que transcorra o prazo que se indique na resolución do expediente sancionador.


b) Nos rexistros de adegas:

-Por vontade propia.

-Por falta de pagamento, de acordo co establecido no artigo 42.4º.

-Por inactividade durante tres anos consecutivos.

-Como consecuencia de infracción que leve aparellada como sanción a baixa nos rexistros, tras a instrución e resolución do correspondente expediente.


No caso das baixas que se produzan por vontade propia, por falta de pagamento de cotas ou por inactividade, non procederá unha nova alta ata transcorridos dous anos, agás no caso de cambio de titularidade debidamente documentado. No caso de baixa por sanción non procederá unha nova alta ata que transcorra o prazo que se indique na resolución do expediente sancionador.


Capítulo VI
Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 27º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritos os seus viñedos ou instalacións nos rexistros indicados no artigo 19 poderán producir uvas con destino á elaboración de viños amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ou elaborar, almacenar ou embotellar viños que opten a ser protexidos por ela.


2. Só se poderá aplicar a Denominación de Orixe Ribeira Sacra aos viños procedentes de adegas inscritas nos rexistros correspondentes, producidos e elaborados conforme as normas exixidas por este regulamento e que reúnan as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.


3. O dereito ao uso da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e dos seus símbolos, anagramas e logotipo, en propaganda, publicidade, documentación ou etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos rexistros do Consello Regulador, sen prexuízo do establecido no artigo 34.


Artigo 28º.-Obrigas xerais.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto no Regulamento da denominación, así como no seu manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a Consellería e o Consello Regulador.


2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.


3. As persoas físicas e quen representen as persoas xurídicas inscritas nos rexistros de Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.


4. O incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, tras a decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A reiteración na mesma falta poderá ocasionar a baixa definitiva. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser impugnada perante a consellería competente en materia de agricultura.


Artigo 29º.-Obrigas específicas en relación coa produción, elaboración e o envasado.


1. As persoas físicas e xurídicas que teñan inscritas viñas ou adegas só poderán ter almacenadas as súas uvas, mostos e viños nos terreos ou locais declarados nos rexistros, perdendo, en caso contrario, o dereito ao uso da denominación.


2. Nas adegas inscritas nos distintos rexistros do Consello Regulador non se poderá realizar a elaboración, almacenamento ou manipulación de uvas, mostos ou viños obtidos de uvas procedentes de superficies vitícolas situadas fóra da zona de produción da denominación.


3. A elaboración e o embotellamento dos viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra deberá realizarse exclusivamente nas adegas inscritas.


4. Os viños amparados por esta denominación unicamente poderán circular entre adegas inscritas e ser expedidos por estas en tipos de envases que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, de acordo co que se indique no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


5. Os envases deberán ser de vidro, das capacidades autorizadas pola lexislación vixente, con exclusión expresa das botellas de un litro.


Artigo 30º.-Coexistencia de produtos amparados e non amparados.

1. Nas adegas inscritas nos distintos rexistros da denominación de orixe a que se refire o artigo 19 poderase efectuar a elaboración, almacenamento, envasado, envellecemento ou manipulación de uvas, mostos ou viños non protexidos sempre que as ditas operacións se realicen de forma separada ás referidas aos viños con dereito ao uso da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e que procedan de viñedos inscritos nos rexistros de viñas da denominación de orixe e que se garanta o control destes procesos segundo as normas que estableza o Consello Regulador no seu manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


2. O órgano de control e certificación establecerá as medidas necesarias para garantir o control de tales procesos.


Artigo 31º.-Autocontrol.

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade en primeira instancia dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


Artigo 32º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.


2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6 do artigo 9º la Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no parágrafo 3 do artigo 12 do citado decreto, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra, non poderán ser utilizadas noutros viños que non estean acollidos a súa protección.


Artigo 33º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


2. Nas etiquetas dos viños embotellados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención Denominación de Orixe Ribeira Sacra, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.


3. Na etiquetaxe dos viños amparados pola Denominación de Orixe poderase facer mención á subzona de produción e á variedade coa que están elaborados de acordo co establecido nos artigos 5.3º e 12.1º, respectivamente.


4. Na etiquetaxe, o nome da denominación de orixe figurará con caracteres dunha altura mínima de 4 mm. Pola súa parte, o nome da subzona e da variedade, de se indicar, deberán recollerse con caracteres como máximo da metade da altura que se utilice para o nome da denominación de orixe.


5. Ademais, as mencións relativas a subzonas, variedades de vide, ano de colleita e demais mencións facultativas axustaranse ao disposto neste regulamento e na lexislación vixente que os afecte.


6. Na etiquetaxe dos viños protexidos pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra será obrigatoria a indicación da correspondente marca comercial, nas condicións previstas de acordo coa normativa xeral vixente


Artigo 34º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra adoptará como logotipo da denominación o que figura no anexo deste regulamento.


2. No exterior dos locais das empresas inscritas, nun lugar destacado, deberá figurar unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación, de acordo co que se estableza no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas.


3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da denominación poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor.



Capítulo VII
O Consello Regulador

Artigo 35º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é unha corporación de dereito público, á que se atribúe a xestión da denominación de orixe, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.


2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos viños protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasado, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.


3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas en que deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo, ademais dos recursos presentados polos interesados polo incumprimento das normas de funcionamento do órgano de control e certificación.


4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo co anterior, a actividade do Consello Regulador está sometida ás exixencias, requisitos e controis que se recollen nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 36º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son: o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia primeira, a Vicepresidencia segunda e a Comisión Permanente.


Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.


Artigo 37º.-O Pleno: composición e funcións.

O Pleno está constituído por:

-Seis vogais en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares dos viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do Consello Regulador. Destes vogais, un representará os viticultores que non comercializan uva, dous representarán os viticultores de maior extensión ata a suma dunha superficie de 400 hectáreas e os tres vogais restantes para o resto dos viticultores. Cando haxa unha variación das hectáreas acollidas ao Consello Regulador de máis dun 25%, farase unha revisión polo Pleno do Consello Regulador. As revisións dos censos serán un mes despois da vendima.


-Seis vogais en representación do sector vinícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do Consello Regulador. Destes vogais, tres representarán as adegas que representen un 65% de quilos de uva vinificada, un representará o seguinte tramo de adegas de maior cantidade ata un 14% e as restantes terán unha representación de dous vogais.


Para elaborar estes baremos terase en conta a listaxe das adegas de maior elaboración a menor.


Para a realización dos cálculos a que se refiren os parágrafos anteriores e a determinación dos censos electorais terase en conta a media das tres últimas campañas.


2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario do Consello Regulador.


3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.


4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno así como os dereitos e deberes dos seus membros serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 38º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.


2. O presidente ou presidenta non ten por qué ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Artigo 39º.-As vicepresidencias.

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias, a Vicepresidencia primeira e a Vicepresidencia segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector viticultor unha, e por e entre os vogais do sector adegueiro a outra.


2. As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato. No primeiro Pleno do Consello Regulador logo da súa constitución e nomeamento da Presidencia e vicepresidencias, acordarase cal das dúas vicepresidencias é a primeira durante os dous primeiros anos de mandato. De non haber acordo, decidirase por sorteo.


3. As persoas que exerzan as vicepresidencias substituirán, pola súa orde de prelación, o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.


4. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.


Artigo 40º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, as dúas vicepresidencias e, se así o decide o Pleno, un ou varios dos seus vogais.


2. O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son os cometidos específicos que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a Comisión Permanente seranlle comunicadas ao Pleno do Consello Regulador na primeira reunión que teña lugar.


Artigo 41º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra contará co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo ao establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal, o Consello Regulador axustará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.


2. O Consello Regulador terá un secretario-xerente, designado polo Pleno, que terá como cometidos específicos os sinalados na alínea 2ª do artigo 28 do citado Decreto 4/2007.


3. Para os labores de control e certificación o Consello Regulador disporá dunha unidade composta polo persoal necesario que actuará baixo a responsabilidade do director técnico e de acordo cos requisitos sinalados na letra b) da alínea 1ª do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 65º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


Capítulo VIII
Recursos económicos

Artigo 42º.-Recursos económicos do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


2. Conforme coa citada normativa, establécense as cotas que deberán aboar os inscritos:


a) Os titulares de viñedos:

-Cota de inscrición: satisfarase por unha vez, no momento de realizar a alta no Consello Regulador.


-Cota pola actividade na denominación: satisfarase anualmente o equivalente a unha porcentaxe do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie inscrita, o rendemento medio por unidade de superficie e o prezo medio de uva.A dita porcentaxe será determinada polo Pleno cos límites recollidos no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.


-Cota por extravío de tarxeta de viticultor: satisfarana os titulares de viñedos no caso de renovación da tarxeta por extravío.


b) Os titulares de adegas:

-Cota de inscrición: satisfarase por unha vez cando a alta no Consello Regulador.


-Cota pola actividade na denominación: aboarase anualmente, nun ou en varios pagamentos segundo determine o Consello Regulador e equivalerá a unha porcentaxe do valor teórico do viño cualificado á adega polo Consello Regulador, calculado en función do volume de viño e o prezo medio unitario teórico en orixe.


-Cota polo servizo de control en vendima: será aboada nun único pagamento anual polas adegas que reciban uva para a súa vinificación e equivalerá a unha porcentaxe do valor medio estimado das ditas uvas.



-Cota polo servizo de cualificación: será aboada polas adegas a que o Consello Regulador cualifique viño para a súa comercialización como viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e equivalerá a unha porcentaxe do seu valor medio, calculado en función do volume de cada partida e do seu prezo medio unitario estimado.


-Cota polo servizo de expedición de contraetiquetas: será satisfeito polas adegas que soliciten contraetiquetas para o seu emprego nos viños da denominación de orixe, e o seu importe será o dobre do valor material de produción e distribución das contraetiquetas.


-Cota por caducidade da cata: será satisfeito polos titulares de adegas que non embotellen os viños nos dous meses posteriores á cualificación da partida. Esta cota satisfarase no momento en que se volva presentar a partida para a súa cualificación.


3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada ano os rendementos por hectárea e os prezos unitarios das uvas, o viño e as contraetiquetas, para os efectos do cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de caracter fixo e as porcentaxes das variables dentro dos límites sinalados polo Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Cando non se fixen novos valores, enténdense vixentes os do ano anterior.


4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada tipo de cota. En caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá fixar outros prazos para exixir este pagamento. En caso de que no dito prazo adicional non se realizase o pagamento, o inscrito poderá ser suspendido nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano o inscrito non liquidase a débeda, poderá ser dado de baixa definitivamente tras a instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento e da sanción que poida recaer sobre el de acordo co establecido no artigo 39.2º letra e) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.


Capítulo IX
Réxime electoral

Artigo 43º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.


Capítulo X
Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 44º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra é o establecido no capítulo II do título III da Lei estatal 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.


2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no relativo á inspección e medidas cautelares; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

ANEXO
Logotipo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
Ver referencia pdf "19400D007P010.PDF"




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es