Diario Oficial de Galicia
xoves, 5 de novembro de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

217


Páxina do Dog:

17.206


Data da Disposición:

23 de outubro de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Rango:

Orde


Título:

Orde do 23 de outubro de 2009 pola que se convocan axudas para a realización de rutas literarias durante o ano 2010.



Orde do 23 de outubro de 2009 pola que se convocan axudas para a realización de rutas literarias durante o ano 2010.

As rutas literarias cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o alumno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.


Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actúa como entidade colaboradora co Ministerio de Educación, e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de educación secundaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería


DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 96 axudas (1 grupo de rutas literarias a Balears, 2 grupos á ruta de Andalucía-Juan Ramón Jiménez- e outro grupo a Castilla-La Mancha-La Celestina) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros de réxime xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, para participar na actividade das rutas literarias.


2. As rutas literarias levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 15 de febreiro e o 15 de xuño de 2010.


3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de vinte e catro (24), que serán acompañados por dous (2) profesores/as do seu centro, ou centros, preferiblemente o/a titor/a correspondente, que se responsabilizarán para todos os efectos da adecuada participación do grupo na actividade. En cumprimento do establecido na orde da convocatoria marco que se publica no Boletín Oficial del Estado, non poderán viaxar grupos que conten cun número de alumnos/as inferior a vinte (20).


Segundo.-Cada grupo percorrerá unha das rutas relacionadas no anexo I, ao longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido segundo as instrucións que no seu día a coordinación desta comunidade autónoma determine.


Terceiro.-As axudas a que se refire a presente orde comprenderán:

a) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

b) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta. Unha pequena parte desta axuda poderá dedicarse á preparación pedagóxica da actividade.


c) A cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.

Para o desprazamento desde a localidade do centro ou centros participantes ata a cabeceira de ruta poderánse solicitar axudas para cada grupo participante (composto por 24 alumnos e 2 profesores-acompañantes), en que se incluirán os gastos de preparación e desenvolvemento da actividade, segundo o módulo de distancia en quilómetros (ida e volta):


Menos de 500 quilómetros: ata un máximo de 1.721 €.

Entre 501 e 1.000 quilómetros: ata un máximo de 2.581 €.

Entre 1.001 e 1.500 quilómetros: ata un máximo de 3.155 €.

Entre 1.501 e 2.000 quilómetros: ata un máximo de 3.816 €.

Entre 2.001 e 2.500 quilómetros: ata un máximo de 4.647 €.

Máis de 2.500 quilómetros: ata un máximo de 5.508 €.

Centros que percorran as rutas das illas Balears e Canarias: ata un máximo de 6.427 €.


Cuarto.-Os/as profesores/as acompañantes, que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.


Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.


Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que van realizar e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.


Quinto.-Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II da presente orde, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos).


As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitantes e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).


b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro ou centros e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.


c) Aprobación do Consello Escolar do centro, ou centros, no caso de agrupar alumnos de varios centros, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.


Sexto.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do mesmo día da súa publicación no DOG.


2. As solicitudes poderánse presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, directamente ou a través das dependencias establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no artígo 38.4º da devandita lei.


No caso de optar por presentar as súas solicitudes nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos, antes de ser certificada.


Sétimo.

1. Na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas, que estará presidida polo subdirector xeral de Centros, ou persoa en que delegue, e integrada, en calidade de vogais, por:


-Dous directores de centros de educación secundaria, un do sector público e outro do sector privado.


-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.


-O coordinador de Rutas Literarias en Galicia.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da dirección xeral.

Todos eles serán designados polo director xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. A Comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos relacionados no punto quinto b). Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por concorrer ás sesións conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).


Oitavo.-A Comisión reunirase no prazo máximo de trinta días hábiles, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situado o centro, ou centros docentes, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.


Así mesmo, terase en conta se o centro ou centros participaron nesta actividade nos anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron e que gozarán de preferencia.


Noveno.-O prazo máximo para elaborar por parte da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a proposta de centros seleccionados será de tres meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; consideraranse desestimadas, de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.


Contra esta proposta de centros seleccionados poderase interpoñer reclamación, no prazo de 10 días naturais, segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.


Décimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación, efectuará o seguimento e a avaliación global do Programa de Rutas Literarias; por iso, os centros participantes, a través dos profesores/as acompañantes, coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo dun mes desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 15 folios, en formato DIN A-4.


Décimo primeiro.-A memoria de avaliación a que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:



a) Recollerá os obxectivos da ruta literaria, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.


b) Diario da viaxe en que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.


c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da ruta literaria, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos, o contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.


d) Relación nominal de alumnos e profesores participantes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para dictar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.


Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2009.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Catálogo de rutas

-Comunidade Autónoma de Balears.

Itinerario: o arquitecto e o templario. Dúas historias paralelas na Mallorca medieval e na contemporánea.


Resumo de contidos. Museo de Mallorca e castelo de Bellver. Praza Porta del Camp, Temple, C. del Sol e catedral. Igrexa e museo de Porciúncula. Alcudia: Pollentia, Teatro Romano, Cova de S. Martí, Torre dos Templarios, Formentor. Sant Elm: parque natural Sa Dragonera, Creu Montcades, La Real. Ses Paisses, Coves Artá. Castelo de Capdepera. Palma de Mallorca. Capocorp, Cala Pi, Cura.


Aloxamento: Albergue Praia de Palma. Rúa Costa Brava, 13. 07610 Praia de Palma.

-Comunidade Autónoma de Andalucía.

Itinerario: Vida e obra de Juan Ramón Jiménez.

Resumo de contidos: Moguer: paseo literario polas rúas de Moguer, obradoiro literario Natureza viva, natureza morta, natureza. Porto de Santa María: relacións desta localidade coa infancia de Juan Ramón. Internado. Visita á Fundación Rafael Alberti, paseo pola localidade. Sevilla: paseo literario pola Sevilla de Juan Ramón, visita ao Ateneo de Sevilla. Moguer: visita Casa Museo Zenobia-Juan Ramón, obradoiro literario sobre a figura de Zenobia na obra de Juan Ramón Jiménez: Zenobia entre dunas. La Rábida-Moguer: Visita ao lugar de La Rábida: Universidade Internacional de Andalucía e mosteiro. Obradoiro literario: Unha semana nas nosas vidas.


Aloxamento: Instalación Xuvenil de Punta Umbría. Avenida do Océano, 13; 21100 Punta Umbría (Huelva). Teléfono: 959 31 42 29.


-Comunidade Autónoma de Castilla-La Mancha.

Itinerario: La Celestina.

Resumo de contidos: concíbese como un achegamento dos adolescentes a La Celestina de Fernando de Rojas, obra capital do século XV e unha das máis sobresaíntes tanto da literatura española como da universal. O personaxe que dá nome á obra figura ao lado das grandes creacións humanas de todos os tempos e países, e xunto con Don Quijote, Sancho e Don Juan compoñen a xigante tetraloxía das incorporadas por España á galería de tipos universais.


En busca do autor: La Puebla de Montalbán: igrexa de Santa María de Melque, castelo de Montalbán. Talavera de la Reina: murallas, ribeira do Texo e as súas pontes, a igrexa colexial de Santa María a Maior (onde se conservan os restos de Fernando de Rojas). A cidade da Celestina: Toledo: cidade das tres culturas, o barrio xudeo, Bisagra Vieja, Cristo de la Luz, os alpendres de Santo Domingo El Real, Zocodover e ponte de Alcántara: Os grandes monumentos de Toledo: o Alcázar, a catedral, Santo Tomé, San Juan de los Reyes… De Toledo a Salamanca con Rojas e o Lazarillo. Almorox, Escalona, Maqueda.


Aloxamento: Albergue Castillo de San Servando. Castillo de San Servando, s/n. 45006 Toledo.

Ver referencia pdf "21700D004P058.PDF"
Ver referencia pdf "21700D005P063.PDF"
ANEXO IV

Obxectivos xerais.

1. Descrición do programa. O Programa Rutas Literarias é un recurso educativo pensado para alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria que pretende complementar a formación que se imparta na aula por medio da realización dunha ruta literaria. Con el, á vez que se potencia e consolida o hábito lector da poboación escolar, posibilítase que se coñeca e aprecie a riqueza cultural, natural e lingüística do noso territorio.


2. Obxectivos. Serán obxectivos prioritarios, entre outros:

-Suscitar nos alumnos unha actitude de aprendizaxe permanente, tanto dentro como fóra da aula.


-Desenvolver o hábito lector como fonte de aprendizaxe, coñecemento e desenvolvemento persoal.


-Coñecer os aspectos básicos da diversidade cultural, natural e social co fin de poder valoralos e respectalos.


-Apreciar e disfrutar co pracer que dá a lectura e a posibilidade de recreala vivencialmente.


-Fomentar a convivencia entre os diferentes grupos que comparten a actividade e o traballo en equipo.


3. Aspectos de deseño e metodoloxía. O programa desevólvese seguindo unha ruta literaria que xira arredor dun libro, personaxe e/ou autor relevante sobre o que se traballará previamente nos centros. Isto dará a pauta para coñecer in situ os lugares que serviron de inspiración ou guiaron a narración lida; ou ben os pobos e cidades das comunidades visitadas relacionadas cos autores e persoeiros sobre os que se afondou, así como outras riquezas culturais, sociais e naturais que caracterizan a comunidade.



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es