Diario Oficial de Galicia
venres, 23 de xaneiro de 2009
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Número do Dog:
16
Páxina do Dog:1.590
Data da Disposición:16 de xaneiro de 2009
Sección:III. OUTRAS DISPOSICIÓNS
Organismo:CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA
Rango:
Orde
Título:
Orde do 16 de xaneiro de 2009 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2009.
Orde do 16 de xaneiro de 2009 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2009.
A Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, fixa a contía das retribucións para o dito exercicio correspondentes aos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.
Así mesmo, a citada Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 mantén, nos mesmos termos e contías que en 2008, as retribucións dos altos cargos da Administración da Comunidade Autónoma, do Consello de Contas, do Consello Consultivo e do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, así como as das persoas titulares das presidencias e vicepresidencias e, se é o caso, das direccións xerais, xerencias, outras direccións ou asimilados cando lles corresponda o exercicio de funcións executivas de máximo nivel nas axencias públicas, fundacións do sector público da comunidade autónoma e as restantes sociedades públicas autonómicas.
Coa finalidade de facilitar a confección das nóminas que se elaborarán para aboar as mencionadas retribucións, esta consellería considera oportuno ditar as seguintes instrucións, que se limitan a aplicar o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e nas precedentes polo que respecta ás súas normas de vixencia indefinida, así como nas demais normas reguladoras do réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Por outra parte, dítanse tamén instrucións para facilitar a confección de nóminas do persoal incluído no V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no DOG do 3 de novembro de 2008, por Resolución do 20 de outubro de 2008 da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se dispón o seu rexistro, depósito e publicación.
DISPOÑO:
Primeiro.-Instrucións sobre a contía das retribucións dos funcionarios públicos que desempeñan postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto no Decreto lexislativo 1/2008.
1. De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, as retribucións dos altos cargos da Administración da Comunidade Autónoma, do Consello de Contas de Galicia, do Consello Consultivo de Galicia e do Tribunal Galego de Defensa da Competencia mantéñense nos mesmos termos e contías que as aprobadas no artigo 15 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008.
En aplicación do indicado no parágrafo anterior, as retribucións dos citados cargos reflítense no anexo I desta orde nos mesmos termos do punto primeiro número 1 da Orde do 16 de xaneiro de 2008, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2008.
2. Con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano 2009, os funcionarios públicos que desempeñen postos de traballo para os que o Consello da Xunta de Galicia aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, percibirán as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías que se detallan nos anexos II e III desta orde.
As pagas extraordinarias dos funcionarios en servizo activo, aos cales lles sexa de aplicación o réxime retributivo do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo, trienios e complemento de destino mensual que se perciba.
3. Polo que respecta aos complementos específicos, a súa contía, que se detalla no anexo IV desta orde, experimentará un incremento do 2% respecto da aprobada para o exercicio de 2008, sen prexuízo, se é o caso, do previsto no artigo 13.un da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
Adicionalmente, en aplicación do disposto nos artigos 12.dous e 21 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, os complementos específicos increméntanse nos meses de xuño e decembro nas contías que se reflicten no devandito anexo IV.
4. As contías das retribucións do persoal docente non universitario establecidas polos acordos do Consello da Xunta de Galicia, do 16 e do 23 de xaneiro de 1992, do 27 de xullo de 2006 e polo Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, son as que se reflicten no anexo V desta orde. Así mesmo, o Decreto 120/2002, do 22 de marzo, regula a consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos. A porcentaxe de consolidación relaciónase no citado anexo V.
De igual maneira e con respecto ás pagas extraordinarias deste persoal, seralles de aplicación o establecido no punto 2 parágrafo segundo destas instrucións.
5. Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10.1º da Lei 13/1988, do 30 de decembro, serán absorbidos por calquera mellora retributiva incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo.
Para os efectos da absorción prevista no parágrafo anterior, en ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de produtividade, nin as gratificacións por servizos extraordinarios, e só se computarán no 50% do seu importe as melloras retributivas derivadas do incremento das retribucións de carácter xeral establecidas no artigo 13 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, entendendo que teñen este carácter o soldo referido a catorce mensualidades, o complemento de destino e o complemento específico, incluídas, se é o caso, as contías dos ditos complementos que se aboan nas pagas extraordinarias e pagas adicionais, respectivamente.
Segundo.-Devengo de retribucións.
1. A diferenza, en cómputo mensual, entre a xornada regulamentaria de traballo e a efectivamente realizada polo funcionario dará lugar, salvo xustificación, á correspondente dedución proporcional de haberes.
Para o cálculo do valor hora aplicable á dita dedución tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o funcionario dividida entre o número de días naturais do correspondente mes e, pola súa vez, este resultado polo número de horas que o funcionario teña obrigación de cumprir, de media, cada día.
No caso de toma de posesión no primeiro destino, no de cesamento no servizo activo, no de licenzas sen dereito a retribución e, en xeral, nos supostos de dereitos económicos que normativamente deban liquidarse por días, ou con redución ou dedución proporcional de retribucións, deberá aplicarse o sistema de cálculo establecido no parágrafo anterior.
2. Cando, con suxeición á normativa vixente, o funcionario realice unha xornada inferior á normal, a contía das súas retribucións determinarase na forma prevista nas normas ditadas para a aplicación do réxime retributivo a que estea suxeito.
a) Os funcionarios que realicen unha xornada de traballo diminuída, de acordo co disposto no artigo 76 g) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e no artigo 48.1º g) da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, experimentarán a redución correspondente en cada caso, sobre a totalidade das súas retribucións básicas e complementarias, con inclusión dos trienios.
Para o cálculo do valor da hora aplicable á dita redución nas pagas ordinarias, tomarase como base a totalidade das retribucións íntegras mensuais que perciba o funcionario dividida entre o número de días naturais do correspondente mes e, pola súa vez, este resultado polo número de horas que o funcionario teña a obriga de cumprir, de media, cada día.
O importe total da paga extraordinaria afectada por un período de tempo en xornada reducida será o correspondente á suma dos respectivos importes de cada un dos dous períodos, con e sen redución de xornada, dos seis meses computables nas ditas pagas, segundo o seguinte sistema de cálculo:
Para o período, ou períodos, non afectados pola redución de xornada pero incluídos nos seis meses anteriores ao seu devengo, sobre o dito devengo cando o número de días é inferior ao do total computable nela, dividirase a contía da paga extraordinaria que, na data do 1 de xuño ou do 1 de decembro, segundo os casos, se devengaría na xornada completa por un período de seis meses, entre cento oitenta e dous (cento oitenta e tres en anos bisestos) ou cento oitenta e tres días, respectivamente, multiplicando este resultado polo número de días en que se prestase servizo sen redución de xornada.
Para o período, ou períodos, afectados pola xornada reducida, aplicarase o mesmo sistema de cálculo anterior pero tomando como dividendo a citada contía reducida de forma proporcional á propia redución de xornada.
b) Aos restantes tipos de xornada reducida, se é o caso, aplicaráselles a redución de retribución establecida na súa normativa específica.
3. As retribucións básicas e complementarias que se teña dereito a percibir con carácter fixo e periodicidade mensual faranse efectivas por mensualidades completas e con referencia á situación e dereitos do funcionario referidos ao primeiro día hábil do mes a que correspondan, agás nos seguintes casos, en que se liquidarán por días:
a) No mes de toma de posesión do primeiro destino na comunidade autónoma nun corpo ou escala, no de reingreso ao servizo activo e no de incorporación por conclusión de licenzas sen dereito a retribución.
b) No mes de iniciación de licenzas sen dereito a retribución.
c) No mes en que se cese no servizo activo na comunidade autónoma, incluído o derivado dun cambio de corpo ou escala de pertenza, agás que sexa por motivos de falecemento, xubilación ou retiro de funcionarios suxeitos ao réxime de clases pasivas do Estado e, en xeral, a calquera réxime de pensións públicas que se devenguen por mensualidades completas desde o primeiro día do mes seguinte ao do nacemento do dereito.
Dado que o complemento específico se percibe en catorce mensualidades, sen modificación do seu devengo, que seguirá sendo en doce, as regras previstas neste punto son de aplicación a este complemento, polo que, en caso de cambio ou cesamento no posto de traballo, liquidarase a parte que corresponda á paga adicional, do mes de xuño ou decembro segundo o semestre en que se produza o cambio, ben referida ao primeiro día do mes hábil, ben por días, segundo as ditas regras.
Se é o caso, idéntica regra aplicarase para liquidar a cantidade correspondente respecto das citadas pagas adicionais no novo posto de traballo.
4. As pagas extraordinarias devengaranse o primeiro día hábil dos meses de xuño e decembro e con referencia á situación e dereitos do funcionario nas ditas datas, agás nos seguintes casos:
a) Cando o tempo de servizos prestados na Administración da Comunidade Autónoma ata o día en que se devengue a paga extraordinaria non comprenda a totalidade dos seis meses inmediatos anteriores aos meses de xuño ou decembro, o importe da paga extraordinaria reducirase proporcionalmente, computando cada día de servizos prestados no importe resultante de dividir a contía da paga extraordinaria que na data do seu devengo lle correspondese por un período de seis meses entre cento oitenta e dous (cento oitenta e tres en anos bisestos) ou cento oitenta e tres días, respectivamente.
b) Os funcionarios en servizo activo que se encontren desfrutando de licencias sen dereito a retribución nas datas indicadas devengarán a correspondente paga extraordinaria, pero a súa contía experimentará a redución proporcional prevista no parágrafo a) anterior.
c) No caso de cesamento no servizo activo na comunidade autónoma, incluído o derivado dun cambio de corpo ou escala de pertenza, a última paga extraordinaria devengarase o día do cesamento e con referencia á situación e dereitos do funcionario na dita data pero en contía proporcional ao tempo de servizos efectivamente prestados, agás que o cesamento sexa por xubilación, falecemento ou retiro dos funcionarios a que se refire o punto segundo 3º c), neste caso, os días do mes en que se produce o dito cesamento computaranse como un mes completo.
Para os efectos previstos nesta orde, o tempo de duración de licenzas sen dereito a retribución non terá a consideración de servizos efectivamente prestados.
Se o cesamento no servizo activo se produce durante o mes de decembro, a liquidación da parte proporcional da paga extraordinaria correspondente aos días transcorridos do dito mes farase de acordo coas contías das retribucións básicas vixentes nel.
O persoal que preste servizos na comunidade autónoma percibirá as pagas extraordinarias segundo os servizos efectivamente prestados nela, computándose para estes efectos como se todos os servizos prestados polo funcionario na comunidade autónoma fosen na última consellería, organismo ou centro a que estivese adscrito e en situación de activo o primeiro día hábil dos meses de xuño ou decembro.
Terceiro.-Descontos.
1. No ano 2009 a porcentaxe de cotización que se aplicará aos mutualistas das mutualidades xerais de funcionarios será do 1,69% sobre a base de cotización establecida como haber regulador para efectos de cotización de dereitos pasivos.
No anexo VI desta orde exprésanse as cotas mensuais de cotización dos funcionarios á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface) e do persoal da Administración de xustiza (Muxexu), que corresponden ao tipo do 1,69%.
2. As cotas de dereitos pasivos que os habilitados de persoal deben reter en nómina cada mes, continuarán sendo do 3,86% dos haberes reguladores pasivos que fixa a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2009, de modo que para todos os funcionarios do mesmo corpo, escala, emprego ou categoría, calquera que sexa a súa antigüidade no servizo das administracións públicas, a cota supón unha cantidade única e idéntica.
Estas cantidades, en cómputo mensual, reflíctense, así mesmo, no anexo VI desta orde.
O persoal funcionario que estivese suxeito ao réxime xeral da Seguridade Social continuará cotizando de acordo con este sistema.
3. As cotas de dereitos pasivos e de cotización dos mutualistas ás mutualidades xerais de funcionarios correspondentes ás pagas extraordinarias reduciranse na mesma proporción en que mingüen as ditas pagas como consecuencia de aboarse estas en contía proporcional ao tempo de servizos efectivamente prestados, calquera que sexa a data do seu devengo.
As cotas a que se refire o parágrafo anterior ao igual que as correspondentes ás pagas ordinarias dos períodos de tempo en que se desfrute licenza sen dereito a retribución non experimentarán redución na súa contía.
4. O disposto nos números anteriores enténdese sen prexuízo das reducións que deba experimentar a cota de dereitos pasivos nos supostos en que así proceda por xornada reducida ou a tempo parcial.
Cuarto.-Outras instrucións.
1. Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2009, o persoal laboral incluído no ámbito de aplicación do V Convenio colectivo único percibirá o salario base, complementos, antigüidade e pagas extraordinarias nas contías que se detallan no anexo VII.
Adicionalmente, en aplicación do disposto nos artigos 12.dous e 21 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, percibirán nos meses de xuño e decembro as contías que se detallan no citado anexo VII.
O complemento de singularidade corresponderá aos postos en que figure, se é o caso, nas relacións de postos de traballo aprobadas polos respectivos acordos do Consello da Xunta de Galicia.
2. Os complementos persoais e transitorios e demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
3. Os funcionarios interinos incluídos no ámbito de aplicación do artigo 10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, percibirán as retribucións básicas, incluídos trienios e pagas extraordinarias, e as retribucións complementarias que correspondan ao posto de traballo para o que sexan nomeados, excluídas as que, se é o caso, estean vinculadas á condición de funcionario de carreira.
As pagas extraordinarias dos funcionarios interinos, a que resulte de aplicación o réxime retributivo do Decreto lexislativo 1/2008, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo, trienios e complemento de destino mensual que perciba.
O complemento de produtividade poderá atribuírselles, se é o caso, aos funcionarios interinos a que se refire o parágrafo anterior, así como ao persoal eventual e aos funcionarios en prácticas cando estas se realicen desempeñando un posto de traballo e estea autorizada a aplicación do devandito complemento aos funcionarios de carreira que desempeñen análogos postos de traballo, agás que o dito complemento estea vinculado á condición de funcionario de carreira.
4. As retribucións do persoal contratado administrativo a que se refire a disposición transitoria oitava do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, introducida pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, mentres non se conclúa o proceso de extinción previsto na dita lei, serán as mesmas que viñan percibindo no ano 2008, incrementadas no 2%, sen prexuízo do establecido nos artigos 12.dous e 21 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
De igual maneira, as pagas extraordinarias do persoal contratado administrativo, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo e complemento de destino mensual que perciba.
5. De conformidade co disposto no artigo 24.un da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, cando non sexan de aplicación as retribucións establecidas no artigo 19 da dita lei, estas veranse incrementadas no 2% con relación ás devengadas no ano 2008, sen prexuízo do establecido nos artigos 12.dous e 21 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
6. Os funcionarios de carreira que cambien de posto de traballo na comunidade autónoma, agás nos casos previstos na letra a) do artigo 15 da Lei 13/1988, terán dereito durante o prazo de toma de posesión á totalidade das retribucións tanto básicas como complementarias, de carácter fixo e periodicidade mensual.
Para a aplicación do disposto nesta orde, no caso de que a finalización do dito prazo se produza dentro do mesmo mes en que se efectuou o cesamento, as citadas retribucións faraas efectivas a dependencia que dilixencie o dito cesamento e, de conformidade co disposto no referido artigo 15, por mensualidade completa e de acordo coa situación e dereitos do funcionario referidos ao primeiro día hábil do mes en que se produza o cesamento. Se, polo contrario, o dito termo recaese en mes distinto ao de cesamento, as retribucións do primeiro mes faranse efectivas da forma indicada e as do segundo aboaraas a dependencia correspondente ao posto de traballo a que se accede, así mesmo por mensualidade completa e na contía correspondente ao posto en que se tomou posesión, sen prexuízo do disposto nas letras b) e c) do citado artigo 15 da Lei 13/1988.
7. Os titulares de postos de traballo que se supriman nas relacións de postos continuarán percibindo, ata que sexan nomeados para desempeñar outros postos de traballo e durante un prazo máximo de tres meses contados a partir da data en que produciu efectos económicos a citada supresión, co carácter de á conta do que lle corresponda polo novo posto de traballo, as retribucións complementarias correspondentes ao posto suprimido, sen que proceda ningún reintegro, no caso de que as cantidades percibidas á conta fosen superiores.
8. As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos para os efectos do cálculo dos anticipos reintegrables a funcionarios, entenderanse sempre feitas ás retribucións básicas e complementarias que estes perciban nos seus importes líquidos.
9. No caso de adscrición, durante o ano 2009, dun funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ao posto de traballo a que se adscriba, este percibirá as retribucións que correspondan ao posto de traballo que desempeñe, logo da oportuna asimilación que deberá autorizar a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por proposta da consellería interesada.
Só para os efectos da asimilación a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do funcionario.
10. A provisión de postos de traballo que vaia desempeñar o persoal funcionario ou a formalización de novos contratos de persoal laboral fixo, así como a modificación da categoría profesional destes últimos, requirirá que os ditos postos figuren detallados nas respectivas relacións de postos de traballo, e que o seu custo en cómputo anual estea dotado orzamentariamente ou, no seu defecto, o autorice a Consellería de Economía e Facenda.
En calquera caso, a provisión de postos de traballo de persoal funcionario requirirá a plena observancia do disposto na normativa vixente sobre incompatibilidades.
11. A alta en nómina do persoal laboral temporal e interino deberá, en todo caso, contar coa autorización establecida no artigo 31.catro, da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.
12. As referencias relativas ás retribucións contidas nesta orde entenderanse sempre feitas a retribucións íntegras, agás no previsto no punto catro número 8 dela.
13. De conformidade co establecido no artigo 17 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, as retribucións das persoas titulares das delegacións provinciais e territoriais dos departamentos da Xunta de Galicia mantéñense nas contías aprobadas no artigo 17 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. Así mesmo, terán dereito a percibir os trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ao servizo das administracións públicas.
De conformidade co establecido no artigo 18 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, as retribucións das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior mantéñense nas contías aprobadas no artigo 18 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008, sen prexuízo do dereito ás indemnizacións, axudas de custo e aplicación de coeficientes por razón de servizo que puidesen corresponderlles por residencia no estranxeiro. Así mesmo, terán dereito a percibir os trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ao servizo das administracións públicas.
As retribucións a que se refiren os dous parágrafos anteriores imputaranse ao concepto orzamentario 100.00 dentro do programa correspondente. As ditas retribucións recóllense no anexo I.
14. Así mesmo, e con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2009, as retribucións do persoal que desempeñe algún posto de traballo no Servizo Galego de Saúde dos dotados no seu orzamento de gastos para este ano, conforme o anexo de persoal correspondente, así como as do resto do persoal a que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (transitoriamente Real decreto lei 3/1987) e o Decreto 226/1996, do 26 de abril, polo que se regula o réxime retributivo das unidades e servizos de atención primaria e normativa complementaria, experimentarán un incremento do 2% respecto ás fixadas para o exercicio 2008.
As retribucións do persoal estatutario serán as que se detallan no anexo VIII desta orde.
As retribucións do persoal residente en formación rexeranse polo establecido no Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en ciencias da saúde, e serán as que se detallan no anexo VIII.
15. Complementos de carreira do persoal estatutario.
a) Os complementos de carreira do persoal estatuario (categoría de licenciados sanitarios) do Servizo Galego de Saúde, recoñecidos en anos anteriores, en execución do Decreto 155/2005, experimentarán un incremento do 2%.
Os complementos de carreira que se perciban no ano 2009, como consecuencia de novos recoñecementos ou de recoñecemento de novos graos, aboaranse nas contías por grao establecidas no devandito decreto.
Contía anual por grao: 3.000 €.
b) Os complementos de carreira do persoal estatutario (categorías de diplomados sanitarios) que se perciban no ano 2009, recoñecidos en anos anteriores, novos recoñecementos ou recoñecementos de novos graos en execución da Resolución conxunta do 28 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, aboaranse nas contías que se recollen na citada resolución.
Contía anual por grao: 1.875 €.
c) Os complementos de carreira do persoal estatutario (categorías de xestión e sanitaria de formación profesional) que se perciban no ano 2009, recoñecidos no ano anterior, novos recoñecementos ou recoñecementos de novos graos en execución da Resolución conxunta do 25 de outubro de 2007, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, aboaranse nas contías que se recollen na citada resolución.
Contía anual por grao:
Ver referencia pdf "01600D005P010.PDF"
16. O persoal recollido na Orde do 28 de outubro de 2008, para o acceso á carreira profesional do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e integrado no réxime estatutario polos procesos previstos no Decreto 91/2007, percibirá como complemento de carreira os seguintes importes:
a) Para o persoal licenciado sanitario, os importes percibidos no ano 2008 por complementos de carreira experimentarán un incremento do 2%.
Os complementos de carreira que se perciban no ano 2009, como consecuencia de novos recoñecementos ou recoñecemento de novos graos, aboaranse na contía de 3.000 €/ano por grao.
b) O persoal diplomado sanitario, percibirá como complemento de carreira no ano 2009 o importe de 1.800 €/ano por grao.
c) O persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional, percibirá como complemento de carreira os seguintes importes por grao e ano:
Ver referencia pdf "01600D005P010.PDF"
17. O persoal estatutario, sanitario non facultativo e non sanitario, a que lle resulte de aplicación o acordo sobre aspectos retributivos e outras condicións de traballo, publicado pola Resolución conxunta do 26 de xaneiro de 1996, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, percibirá o complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade, modalidade de quendas, conforme o réxime previsto na devandita disposición e demais de desenvolvemento, nas contías que figuran no anexo IX.
Así mesmo, o complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade ordinario, correspondente ás categorías sinaladas no punto segundo 3) da devandita disposición, percibirase en función do réxime de quendas concorrentes e nos importes sinalados no anexo X.
18. O persoal estatutario das unidades e servizos de atención primaria a que fai referencia o artigo 1 do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, percibirá ademais das retribucións recollidas no anexo VIII, como complemento de produtividade fixa, os importes correspondentes conforme os factores e criterios recollidos na letra a) do artigo 7 do Decreto 226/1996, do 25 de abril, modificado polo Decreto 156/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria e que figuran no anexo XI.
Os médicos de familia, pediatras, odontólogos, diplomados en enfermaría e fisioterapeutas das unidades e servizos do cadro de persoal que atendan a cota de pacientes adscritos a outros profesionais percibirán, como contía complementaria, os importes polos conceptos retributivos que se recollen no número 2 do artigo 4º do Acordo sobre determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal das unidades e servizos de atención primaria, publicado na Orde do 4 de xuño de 2008, pola que se publican determinados acordos sobre ordenación e provisión de postos de traballo e condicións de traballo e retributivas no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
19. Os médicos de urxencias hospitalarias percibirán como retribucións complementarias, en función dos factores concorrentes no desempeño do posto de traballo, conforme o disposto no artigo 3.2º da Resolución conxunta do 17 de abril de 2007, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional e da División de Asistencia Sanitaria, pola que se regula a xornada, retribucións e condicións de traballo do persoal médico de urxencias hospitalarias deste organismo, e na Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se publica o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, os importes que se recollen no anexo XII.
20. As retribucións adicionais dos médicos dos puntos de atención continuada, conforme o disposto no acordo sobre ordenación e provisión de postos de traballo, xornada, retribucións e condicións de traballo do persoal médico e diplomado en enfermaría dos puntos de atención continuada, publicado na Orde do 4 de xuño de 2008 pola que se publican determinados acordos sobre ordenación e provisión de postos de traballo e condicións de traballo e retributivas no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde e na Orde do 1 de decembro de 2008 pola que se publica o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde conforme os factores específicos no desempeño dos postos PAC, serán as que se recollen no anexo XVI.
21. As retribucións adicionais do persoal de enfermaría dos puntos de atención continuada, conforme o disposto na normativa recollida no punto anterior, en atención ás características dos postos de traballo de PAC, serán as que se recollen no anexo XVII.
22. As retribucións do persoal estatutario que percibe o seu salario polo sistema de cota incrementaranse nun 2% con respeto ás percibidas no ano 2008. Os premios de antigüidade correspondentes ao persoal de cota e zona rexeranse pola súa normativa específica. Estes premios de antigüidade faranse efectivos a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte á data en que se complete o período de tres anos necesarios para o seu perfeccionamento.
23. As pagas extraordinarias do persoal do Servizo Galego de Saúde, así coma as do resto do persoal a que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (transitoriamente Real decreto lei 3/1987) e o Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo das unidades e servizos de atención primaria e normativa complementaria, terán un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de soldo, trienios e complemento de destino mensual que perciba, nas contías recollidas nos anexos II e III desta orde.
O persoal que perciba o complemento de destino en catorce mensualidades, percibirá tamén a paga extraordinaria do dito complemento en catorce mensualidades coa contía mensual que se recolle no anexo XIII.
24. As retribucións correspondentes ao complemento de atención continuada do persoal do Servizo Galego de Saúde, así coma as do resto do persoal ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (transitoriamente Real decreto lei 3/1987) e o Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo das unidades e servizos de atención primaria e normativa complementaria, serán as percibidas no ano 2008, incrementadas nun 2%, coas modificacións derivadas polo disposto na Orde do 1 de decembro de 2008, pola que se publica o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, nas contías que se recollen no anexo XIV.
25. O importe anual das pagas extraordinarias do persoal pertencente á clase de sanitarios locais (APD), así como as do persoal que se retribúe polo sistema de cota e zona, incorporará unha retribución adicional polo importe que resulte de incrementar un 2% á contía percibida en aplicación do disposto no número 24 do punto cuarto da Orde do 16 de xaneiro de 2008, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2008, distribuída nas mensualidades de xuño e decembro. A base de cálculo desta retribución adicional para o persoal de novo ingreso, será o 3,62% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, excluídos, se é o caso, os conceptos derivados de antigüidade e carreira profesional.
26. O importe anual das pagas extraordinarias do persoal laboral de institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde non suxeito ao V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, así como do persoal residente en formación, incorporará unha retribución adicional polo importe que resulte de incrementar un 2% á contía percibida en aplicación do disposto no número 25 do punto cuarto da Orde do 16 de xaneiro de 2008, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2008, distribuída de conformidade co previsto na normativa que lle resulte de aplicación. A base de cálculo desta retribución adicional para o persoal de novo ingreso será o 3,62% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, excluídos, se é o caso, os conceptos derivados de antigüidade e carreira profesional.
27. O importe anual das pagas extraordinarias do persoal non recollido nos puntos anteriores incorporará unha retribución adicional polo importe que resulte de incrementar un 2% á contía percibida en aplicación do disposto no número 26 do punto cuarto da Orde do 16 de xaneiro de 2008, pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2008, distribuída nas mensualidades de xuño e decembro. A base de cálculo desta retribución adicional para o persoal de novo ingreso será o 3,62% das súas retribucións anuais fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, excluídos no seu caso os conceptos derivados de antigüidade.
No caso de que se perciban máis de dúas pagas extraordinarias, a contía adicional resultante, definida no parágrafo anterior, distribuirase entre as ditas pagas, de modo que o incremento, en termos anuais, sexa idéntico ao do resto de persoal.
28. O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o resto do persoal a que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (transitoriamente Real decreto lei 3/1987) e o Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo das unidades e servizos de atención primaria e normativa complementaria, percibirá adicionalmente nos meses de xuño e decembro, en aplicación do establecido no artigo 12.dous da Lei 16/2008, do 23 de decembro, e no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de novembro de 2007, os importes de complemento específico, produtividade fixa e PRD, que se recollen no anexo XV.
O persoal a que fai referencia o primeiro parágrafo do punto 18 desta orde percibirá adicionalmente, ademais dos importes recollidos no anexo XV, no mes de xuño o 66,66% da media mensual de produtividade fixa que perciba entre os meses de xaneiro e xuño, conforme os factores e criterios recollidos na letra a) do artigo 7 do Decreto 226/1996, do 25 de abril, modificado polo Decreto 156/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servizos de atención primaria; e no mes de decembro o 100% da media mensual que perciba entre os meses de xullo a decembro.
29. O persoal non recollido nos puntos anteriores en aplicación do establecido no artigo 12.dous da Lei 16/2008, do 23 de decembro, percibirá adicionalmente o 3,40% das súas retribucións anuais, fixas na súa contía e periódicas no seu devengo, distribuída o 40% no mes de xuño e o 60% no mes de decembro. A base de cálculo da dita porcentaxe debe excluír, polo tanto, os conceptos derivados da antigüidade, carreira profesional, e as contías percibidas no ano 2008 en aplicación do disposto no artigo 12.dous da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.
30. As contías das indemnizacións por razón de servizo serán as reguladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño, e pola Resolución do 20 de xuño de 2008 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de xuño de 2008.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2009.
José Ramón Fernández Antonio
Conselleiro de Economía e Facenda
Ver referencia pdf "01600D005P010.PDF"
5º.-Consolidación parcial do complemento específico dos directores dos centros escolares públicos.
A porcentaxe de consolidación con referencia ao importe do compoñente singular por tarefas de dirección, segundo o período de tempo de permanencia no posto, será, acumulativamente a seguinte:
-Primeiros catro anos de permanencia: 25%.
-Segundos catro anos de permanencia: 15%.
-Terceiros catro anos de permanencia: 20%.
O total acumulado destas porcentaxes non poderá exceder o 60%.
6º.-Profesorado e conceptos retributivos non incluídos nos puntos precedentes:
As retribucións do profesorado e dos conceptos retributivos non incluídos nos puntos precedentes deste anexo pero que estean recoñecidos expresamente pola normativa vixente aplicable o 31 de decembro de 2008, experimentarán así mesmo, a partir do 1 de xaneiro de 2009, un incremento do 2% sobre as contías fixadas para 2008 e incorporarán un incremento dun 66,66% no mes de xuño e dun 100% no mes decembro, do complemento específico mensual.
Ver referencia pdf "01600D005P010.PDF"
A contía anual do complemento de destino percibirase distribuída en 14 pagas.
Ver referencia pdf "01600D005P010.PDF"
© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es