Diario Oficial de Galicia
xoves, 29 de xaneiro de 2009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

20


Páxina do Dog:

1.973


Data da Disposición:

23 de xaneiro de 2009


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

AXENCIA DE PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA


Rango:

Resolución


Título:

Resolución do 23 de xaneiro de 2009 pola que se lle dá publicidade ao Plan de Inspección Urbanística para o ano 2009.



Resolución do 23 de xaneiro de 2009 pola que se lle dá publicidade ao Plan de Inspección Urbanística para o ano 2009.

Visto o acordo adoptado polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, na súa reunión do 15 de xaneiro de 2009, polo que se aprobou o Plan de Inspección Urbanística para o ano 2009, e de conformidade co disposto no artigo 18 f) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2009.

Hipólito Pérez Novo
Director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

ANEXO
Plan de Inspección Urbanística para o ano 2009

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O Plan de Inspección Urbanística ten por obxecto programar e coordinar a actuación dos servizos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no exercicio das súas funcións, previndo e corrixindo as infraccións en materia de urbanismo e de costas, consonte o establecido nos estatutos da axencia aprobados por Decreto 213/2007, do 31 de outubro.


Artigo 2º.-Vixencia.

Este Plan de Inspección Urbanística estará vixente durante o ano 2009.

Artigo 3º.-Obxectivos principais.

Os obxectivos principais do Plan de Inspección Urbanística son:

a) Previr e evitar as infraccións urbanísticas e as infraccións da Lei de costas.


b) Preservar o litoral costeiro, consonte o establecido na Lei de costas e no regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei de costas.


c) Preservar a natureza do solo rústico e protexer o seu patrimonio natural e cultural, consonte o establecido na LOUG.


d) Protexer os espazos reservados no planeamento urbanístico para zonas verdes, espazos libres públicos, equipamentos e dotacións públicas.


e) Facilitarlle aos cidadáns o exercicio dos seus dereitos en relación co territorio e, en especial, o exercicio da acción pública fronte ás infraccións de maior entidade e gravidade, consonte o establecido na disposición adicional cuarta da LOUG e no artigo 109 da Lei de costas.


f) Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.


g) Velar pola participación da comunidade nas plusvalías xeradas polo planeamento urbanístico, consonte o establecido no artigo 47 da Constitución e na LOUG.


h) Contribuír a dar maior seguridade xurídica na interpretación e aplicación da lexislación urbanística.


Artigo 4º.-Actuacións prioritarias.

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, desenvolveranse as seguintes actuacións prioritarias:


a) Actuacións de prevención de infraccións:

i. Vixilancia e inspección do territorio.

ii. Actuacións concertadas con concellos integrados na axencia.

iii. Formación do persoal.

iv. Asesoramento xurídico-urbanístico dos concellos.

v. Difusión da normativa urbanística e de costas.

vi. Tramitación de expedientes de autorización de usos na zona de servidume de protección do domino público marítimo-terrestre.


b) Actuacións de corrección de infraccións:

i. Investigación de infraccións administrativas.

ii. Execución de ordes de demolición.

iii. Tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

iv. Tramitación de expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas.

v. Tramitación de expedientes sancionadores e de reposición da legalidade por infracción da Lei de costas.


vi. Impugnación de licenzas ilegais.

Capítulo II

Actuacións de prevención de infraccións administrativas

Artigo 5º.-Vixilancia e inspección do territorio.

1. Actuación.

Organizar e desenvolver operacións de vixilancia e inspección naqueles ámbitos do territorio con maior presión urbanística ou con maiores valores naturais e ambientais, para detectar as obras de construción de novas edificacións ou de ampliación das existentes, en curso de execución ou recentemente terminadas, que non estean amparadas na autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas, ou sen a preceptiva licenza urbanística municipal.


2. Programación.

Na vixilancia e inspección do territorio prestarase especial atención aos seguintes ámbitos:


a) No solo rústico de especial protección de costas, de espazos naturais, de augas e da paisaxe.


b) Nas zonas que foron obxecto de suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos, segundo a Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral.


c) Nos municipios con planeamento urbanístico suspendido polo Consello da Xunta de Galicia.


d) Nos municipios limítrofes aos das cidades de máis de 50.000 habitantes.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 6º.-Actuacións concertadas con concellos integrados na axencia.

1. Actuación.

Concertar cos concellos integrados na axencia que o soliciten algunhas das seguintes actuacións conxuntas:


a) Vixilancia e inspección conxunta do territorio municipal para detectar obras de construción de edificacións, en curso de execución ou recentemente terminadas, que non estean amparadas na preceptiva licenza urbanística municipal ou nas autorizacións autonómicas exixidas na LOUG ou na Lei de costas.


b) Apoio técnico e xurídico para a delimitación de polígonos en solo urbano non consolidado, en aplicación da disposición transitoria primeira da LOUG.


c) Apoio técnico e xurídico para determinar o réxime aplicable aos núcleos rurais tradicionais, en aplicación da disposición transitoria primeira da LOUG.


d) Formación do persoal do concello.

2. Programación e unidades responsables: a determinar de común acordo entre o concello interesado e a dirección da axencia.


Artigo 7º.-Formación do persoal.

1. Actuación.

Dar formación especializada ao persoal da axencia.

2. Programación.

Durante o ano 2009 desenvolverase un curso de formación para os inspectores urbanísticos e outro para os subinspectores urbanísticos.


3. Unidade responsable: a subdirección da axencia.

Artigo 8º.-Asesoramento xurídico-urbanístico dos concellos.

1. Actuación.

Prestar asesoramento xurídico-urbanístico aos concellos de Galicia e emitir informe motivado sobre as consultas que lle sexan formuladas en relación coa interpretación e aplicación da normativa e do planeamento urbanístico.


2. Programación.

As consultas formuladas polos concellos deberán ser contestadas no prazo máis breve posible, dándolle preferencia ás formuladas polos concellos integrados na axencia.


3. Unidade responsable: a subdirección da axencia.

Artigo 9º.-Difusión da normativa urbanística e de costas.

1. Actuación.

Compilar a normativa vixente en materia de urbanismo e de costas e difundila a través da páxina web da axencia ou por outros medios.


2. Unidade responsable: a subdirección da axencia.

Artigo 10º.-Tramitación dos expedientes de autorización de usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.


1. Actuacións.

a) Tramitar os expedientes de autorización de obras e usos do solo na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, consonte o establecido na Lei de costas e no regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei de costas.


b) Realizar obrigatoriamente visita de inspección cando fose denegada a autorización para construír novas edificacións.


2. Programación.

Deberán tramitarse no prazo establecido na Lei de costas e, en todo caso, tramitaranse con carácter prioritario e urxente, as solicitudes relativas a:


a) Obras promovidas directamente polos concellos.

b) Establecementos de acuicultura.

c) Actividades subvencionadas pola comunidade autónoma.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia e o Servizo de Inspección do Litoral.


Capítulo III

Actuacións de corrección de infraccións administrativas

Artigo 11º.-Investigación de infraccións administrativas.

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción urbanística ou da Lei de costas, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias relevantes para o exercicio das potestades de reposición da legalidade e sancionadoras previstas na LOUG e na Lei de costas.


2. Programación.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións relativas a:


a) Obras de construción de edificacións en curso de execución sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas ou na LOUG.


b) Obras de construción de edificacións en curso de execución sen a preceptiva licenza urbanística municipal.


c) Parcelacións urbanísticas ilegais en solo rústico ou en solo de núcleo rural.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da axencia.

Artigo 12º.-Execución de ordes de demolición.

1. Actuación.

Controlar a execución polo suxeito obrigado das ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, ditadas en aplicación da LOUG e da Lei de costas.


En caso de incumprimento, xestionar a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas e a execución subsidiaria pola axencia con cargo ao obrigado, consonte o disposto no artigo 209.6º da LOUG e no artigo 107 da Lei de costas.


2. Programación.

2.1. A execución da orde de demolición deberá realizarse polo suxeito obrigado no prazo requirido na resolución do expediente de reposición da legalidade urbanística ou no expediente sancionador por infracción da Lei de costas.


O director da axencia, por solicitude do interesado, poderá autorizar a ampliación do prazo para executar a demolición ata un máximo de 2 anos. Para estes efectos, o interesado deberá presentar:


-Escrito de solicitude de ampliación do prazo.

-DNI do solicitante.

-Proxecto técnico das obras de demolición e restauración, redactado por técnico competente e visado polo seu colexio profesional.


-Aval suficiente por importe do custo total das obras de demolición e restauración.


-Compromiso de demoler e restaurar a realidade física alterada antes do vencemento do prazo de 2 anos.


No caso de incumprimento do compromiso, a axencia incautarase inmediatamente do aval e iniciará a execución subsidiaria da orde de demolición con cargo ao obrigado.


2.2. As multas coercitivas impoñeranse despois de vencido o prazo sinalado na orde de demolición, agás nos supostos previstos nos artigos 111 e 138 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 129 e seguintes da Lei 29/1988, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e serán reiteradas periodicamente cada 4 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.


En aplicación do disposto no artigo 107 da Lei de costas, só se impoñerán multas coercitivas no caso de que o seu importe sexa superior a 1.000 euros.


3. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística e o Servizo de Inspección do Litoral.


Artigo 13º.-Tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística de conformidade co disposto nos artigos 209 a 215 da LOUG.


2. Programación.

Deberán incoarse con carácter prioritario e urxente os expedientes de reposición da legalidade relativos a:


a) Obras de construción de edificacións en curso de execución sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG.


b) Obras de construción de edificacións en curso de execución, sen a preceptiva licenza urbanística municipal.


c) Parcelacións urbanísticas ilegais.

3. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística.

Artigo 14º.-Tramitación de expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas.


1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes sancionadores por infracción grave ou moi grave, de conformidade co disposto nos artigos 216 a 223 da LOUG.


2. Programación.

Deberá incoarse o expediente sancionador inmediatamente despois de resolver o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.


3. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística.

Artigo 15º.-Tramitación de expedientes sancionadores e de reposición da legalidade por infracción da Lei de costas.


1. Actuación.

Incoar e tramitar expedientes sancionadores por infraccións graves da Lei de costas.


2. Programación.

Deberán incoarse con carácter prioritario e urxente os expedientes sancionadores relativos a obras de construción de edificacións en curso de execución sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas.


3. Unidade responsable: o Servizo de Inspección do Litoral.

Artigo 16º.-Impugnación de licenzas ilegais.

1. Actuación.

Propoñer a impugnación de licenzas incursas nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito sinaladas no artigo 62.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na disposición adicional primeira da Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como nos supostos de parcelacións urbanísticas ilegais en solo rústico ou en solo de núcleo rural (artigos 207 e 213.2º da LOUG).


2. Programación.

A proposta de impugnación realizarase con carácter de urxencia no prazo máis breve posible desde que se teña coñecemento da licenza ilegal.


3. Unidades responsables: os servizos provinciais e os servizos de Inspección Urbanística.


Capítulo IV

Execución e seguimento do plan

Artigo 17º.-Desenvolvemento do Plan.

1. De conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o director da axencia aprobará as circulares ou instruccións de servizo que resulten necesarias para a execución deste plan de inspección.


2. De conformidade co disposto nos artigos 50 e 74 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o director da axencia poderá acordar a tramitación de urxencia e alterar a orde de prioridades sinaladas neste plan de inspección, por razóns de interese público.


3. Para coordinar as actuacións dos servizos provinciais e dos servizos de inspección, a dirección da axencia convocará as reunións que considere necesarias e, como mínimo, unha cada mes.


4. A selección dos ámbitos obxecto das operacións de vixilancia e inspección do territorio corresponde á dirección da axencia, segundo o establecido neste plan de inspección.


5. A selección das denuncias que serán obxecto de investigación e a designación do subinspector responsable de cada investigación corresponderá ao xefe do servizo provincial.


6. Na selección deberá atenderse á orde de prioridades establecida neste plan de inspección, excluíndo os ilícitos de escasa entidade e aqueles respecto dos que teña transcorrido o prazo de 6 meses desde que finalizaron as actuacións de investigación a que se refire o artigo 10 deste plan.


7. Os subinspectores urbanísticos desenvolverán o seu labor inspeccionando as obras e usos do solo co obxectivo de detectar as posibles infraccións urbanísticas ou da Lei de costas, que deberán documentar mediante o levantamento da correspondente acta de inspección.


Así mesmo, realizarán as investigacións necesarias para determinar os feitos que poidan ser constitutivos de infracción, a identidade dos presuntos responsables e as demais circunstancias relevantes para o exercicio das potestades sancionadoras e de reposición da legalidade.


Artigo 18º.-Colaboración coas administracións públicas.

1. A axencia colaborará activamente con todas as administracións públicas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e o litoral, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.


2. A axencia comunicará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e aos concellos afectados as resolucións recaídas nos expedientes de reposición da legalidade urbanística.


3. Na execución deste Plan de Inspección Urbanística promoverase a colaboración coa Dirección Xeral de Interior e coa Garda Civil na investigación de infraccións urbanísticas e da Lei de costas e na execución das ordes de suspensión e de demolición de obras ilegais.



Artigo 19º.-Seguimento da execución do plan.

O director da axencia dará conta ao Consello Executivo, na primeira reunión que celebre no ano 2010, dos resultados da execución deste plan de inspección.





[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es