Diario Oficial de Galicia
venres, 4 de xuño de 2010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

105


Páxina do Dog:

10.125


Data da Disposición:

31 de maio de 2010


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 31 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2010.



Orde do 31 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2010.

Coa finalidade de garantir un desenvolvemento sustentable do noso espazo rural é necesario apoiar a mellora da renda das explotacións agrarias nun sentido amplo que inclúa a mellora da calidade das producións, o respecto polo ambiente e a diversificación das actividades.

Neste sentido, a axuda aos investimentos ten por obxecto modernizar as explotacións agrarias, aumentar o rendemento económico a través dunha utilización adecuada dos factores de produción, incluída a utilización de novas tecnoloxías e a innovación, centrándose na calidade e a diversificación, así como en mellorar a seguranza ambiental e a seguranza no traballo, a hixiene e o benestar dos animais nas explotacións.

Este proceso debe continuar no marco do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito Regulamento do Consello, así como no previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora do sistema produtivo, así como á incorporación de agricultores mozos e mozas como titulares das explotacións do sector agrario, no marco dos anteditos regulamentos e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais reflectidas tamén na redacción do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013. O cofinanciamento do Feader nestas axudas poderá acadar unha porcentaxe do 57,56% do gasto executado.

Para acadar os obxectivos é necesario dirixir as actuacións ás explotacións agrarias que acrediten a súa viabilidade económica, que cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, nas cales a persoa titular teña a capacidade e competencia profesionais adecuadas. Así mesmo, é preciso velar pola actividade agraria alén da condición de agricultor/a profesional, sempre que se acredite a viabilidade económica e se cumpran as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.

A incorporación da poboación nova e capacitada á titularidade das explotacións agrarias é unha das mellores vías para estimular a introdución de novas tecnoloxías no sector e contribuír a asegurar a súa competitividade e a continuidade do tecido agrario.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2010 das seguintes liñas de axuda:

a) Realización de plans de mellora nas explotacións agrarias.
b) Primeira instalación de agricultores mozos ou mozas.
2. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións ou que pretendan selo e que cumpran os requisitos recollidos nesta orde.

Artigo 2º.-Definicións.
Para os efectos desta orde, e sen prexuízo das definicións dadas pola Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e polo Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, entenderase por:

1. Actividade agraria: o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de produtos agrícolas e gandeiros.

Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte do agricultor ou da agricultora da produción propia sen transformación, dentro dos elementos que integren a explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.

2. Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola/s persoa/s titular/es no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica. Consideraranse como unha única explotación as pertencentes a unha mesma persoa titular ou sociedade conxugal en réxime de gananciais, aínda que a base territorial radique en lugares xeograficamente distintos e teñan distintas orientacións produtivas.

3. Elementos da explotación: os bens inmobles de natureza rústica e calquera outros que son obxecto de aproveitamento agrario permanente; a vivenda con dependencias agrarias; as construcións e instalacións agrarias, mesmo de natureza industrial, e o gando, máquinas e apeiros integrados na explotación e afectos a ela, cuxo aproveitamento e utilización corresponde á persoa titular en réxime de propiedade, arrendamento, dereitos de uso e desfrute e mesmo por mera tolerancia do seu dono. Así mesmo, constitúen elementos da explotación todos os dereitos e obrigas que poidan corresponder á/s persoa/s titular/es e se encontren afectos á explotación.

4. Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria, organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

5. Agricultor profesional, a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50% da súa renda total a obteña de actividades agrarias ou outras actividades complementarias, sempre que a parte de renda procedente directamente da actividade agraria non sexa inferior ao 25% da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario. Ademais dos anteriores requisitos, e no caso de exercer outras actividades diferentes das agrarias ou outras actividades complementarias, os contratos exclusivamente deberán ser a tempo parcial, e a media xornada, como máximo.

6. Agricultor/a mozo/a: a persoa que cumprise os dezaoito anos e non cumprise os corenta anos e exerza ou pretenda exercer a actividade agraria.

7. Plan de mellora da explotación: o conxunto de investimentos que, con carácter anual ou plurianual e con deseños técnicos, económicos e financeiros adecuados, proxecta introducir a persoa titular da explotación agraria para a súa modernización e a mellora da súa estrutura tal como se indica no artigo 5º.

8. Primeira instalación:
Aquela en que un mozo ou unha moza acceden por primeira vez á titularidade exclusiva ou compartida dunha explotación agraria prioritaria ou á calidade de socio/a dunha entidade titular dunha explotación prioritaria de carácter asociativo.

Tamén se considerará primeira instalación a realizada por unha persoa agricultora moza nos seguintes supostos:

a) Aquela en que se instala por primeira vez como persoa titular dunha explotación agraria non prioritaria, compatibilizando a actividade agraria desenvolvida na súa propia explotación con calquera outra actividade económica.

b) Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supere o 20% da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria.

c) Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo e traballo e de renda unitaria deste, inferiores aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, acaden esta consideración en calidade de agricultor a título principal.

9. Agricultor/a mozo/a cotitular dunha explotación:
Aquela persoa que na súa primeira instalación accede á titularidade compartida dunha explotación agraria conforme as seguintes condicións:

a) Que a persoa titular e o/a agricultor/a mozo/a acorden que este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e os investimentos que nela se realicen, nunha proporción mínima do 50%. O devandito acordo deberá ter unha duración mínima de seis anos.

b) Que a persoa titular transmita ao agricultor mozo ou á agricultora moza, polo menos, un terzo da propiedade dos elementos que integran a súa explotación de xeito referenciado, cuxo uso e aproveitamento continuarán integrados nela.

O acordo previsto na alínea a) deberá formalizarse en escritura pública, e a transmisión a que se refire a alínea b) deberá formalizarse en escritura pública e inscribirse no Rexistro da Propiedade, se están previamente inscritas as leiras a favor do titular.

Para os efectos do sinalado neste número, cando un agricultor mozo ou unha agricultora moza sexa cotitular dunha explotación que reúna os requisitos da explotación prioritaria, bastará, para que a explotación acade tal consideración que o mozo ou moza reúna persoalmente os requisitos exixidos á persoa titular da explotación prioritaria.

10. Unidade de traballo agrario (UTA): o traballo efectuado por unha persoa dedicada a tempo completo, cun mínimo de 1.920 horas durante un ano, á actividade agraria.

11. Renda total do/s titular/es da explotación: a renda fiscalmente declarada como tal pola/s persoa/s titular/es da explotación no último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais. Para estes efectos, imputarase á persoa titular da explotación:


a) A renda da actividade agraria da explotación, que se calculará:
1º No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación obxectiva, sumando ao rendemento neto de módulos os importes das dotacións á amortización e outras reducións efectuadas na súa determinación, sen incluír as correspondentes aos índices correctores aplicados.

2º No caso de declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas en réxime de estimación directa, sumando ao rendemento neto as dotacións á amortización deducidas no exercicio.

b) As rendas procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as rendas procedentes do traballo desenvolvido fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente teña obriga de declarar.

c) O 50% das rendas do capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Non obstante o anterior, poderá utilizarse para a avaliación da renda total do titular da explotación a media das rendas fiscalmente declaradas como tales por este durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, excluíndo do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

Nas zonas xeográficas ou sectores produtivos en que se produzan situacións excepcionais de danos motivadas por secas, xeadas, inundacións, epizootias ou outras causas similares, sempre que oficialmente se declaren e o titular da explotación acredite a súa dedicación á agricultura no último ano fiscal declarado, poderanse eliminar, para o cálculo da media dos cinco últimos exercicios declarados, os exercicios fiscais en que se producisen as circunstancias excepcionais.

No caso de que as situacións excepcionais se producisen no último exercicio fiscal declarado e non sexa posible considerar tres exercicios normais nos catro anteriores, por non terse dedicado o/a titular da explotación á actividade agraria, poderá utilizarse a media das rendas fiscalmente declaradas como tales durante o máximo posible de exercicios normais computables.

12. Renda de referencia: indicador relativo aos salarios brutos non agrarios en España. A determinación anual da súa contía será feita polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, en concordancia co previsto ao respecto na normativa da Unión Europea e tendo en conta os datos de salarios publicados polo Instituto Nacional de Estatística.

13. Renda unitaria de traballo: o rendemento económico xerado na explotación agraria que se atribúe á unidade de traballo e que se obtén dividindo, entre o número de unidades de traballo agrario dedicadas á explotación, a cantidade resultante de sumar a marxe neta ou o excedente neto da explotación e o importe dos salarios debidos.

Para a súa determinación observarase o establecido no artigo 4º desta orde.
14. Explotación agraria prioritaria: aquela que cumpra o indicado na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

15. Agricultor a tempo parcial, persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, dedica a actividades agrarias nela non menos da quinta parte nin máis da metade do seu tempo total de traballo.

16. Viabilidade económica da explotación: considerarase que unha explotación é viable economicamente cando a súa renda unitaria de traballo non sexa inferior ao 20% da renda de referencia.

Tamén se considerarán viables as explotacións clasificadas como prioritarias de conformidade co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

17. Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este indicador creado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, utilízase como referencia do nivel de renda que sirve para determinar a contía de determinadas prestacións ou para acceder a determinados beneficios, prestacións ou servizos públicos.

Sección primeira
Bases reguladoras para a concesión de axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e de novos activos agrarios

1 Plans de mellora.
Artigo 3º.-Requisitos das persoas beneficiarias.
Para solicitar a axuda presentarán unha solicitude, segundo o modelo que se especifica no anexo I, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento das condicións, que, segundo o tipo de titular -persoa física, xurídica ou comunidade de bens-, e as características da explotación, será a seguinte:

1. En todos os casos deberán:
a) Ser titular dunha explotación agraria no momento da solicitude, agás que simultaneamente solicite unha axuda para primeira instalación conforme a sección 2ª.

b) Presentar un plan de mellora da súa explotación conforme o indicado no artigo 5º.

c) Presentar un compromiso asinado de comprometerse a exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados.

Este compromiso será sometido a seguimento, en virtude das inspeccións e controis que se establezan, podéndoselle exixir, para eses anos e unha vez finalizado o período voluntario de presentación da declaración do IRPF, que remita ao servizo provincial de explotacións agrarias a copia cotexada da declaración do IRPF e os boletíns de cotización á Seguridade Social ou o informe de vida laboral.

d) Acreditar a súa viabilidade económica conforme o definido no número 16 do artigo 2º desta orde.

e) Xustificar estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Acadar polo menos unha UTA, tendo en conta a definición de agricultor profesional do artigo 2.5º.

g) Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

2. As persoas físicas titulares deberán cumprir, ademais do indicado no número 1,

a) A condición de agricultor/a profesional:
1º A renda que se obteña das actividades agrarias acreditarase mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por el durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

2º A acreditación dun volume de emprego de polo menos unha UTA efectuarase de acordo co establecido no punto 1 do artigo 4º desta orde.

b) Posuír a capacitación profesional suficiente:
Poderá acreditarse dalgunha das seguintes formas:
1º Coa documentación xustificativa de ter obtido o título de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias ou outra titulación superior na rama agraria.

2º Con cinco anos de exercicio da actividade agraria, que deberá acreditarse, con carácter xeral, cun informe de vida laboral da Seguridade Social ou, de ser o caso, conforme o seguinte:

i) No caso de que unha parte ou a totalidade do exercicio da actividade agraria se levase a cabo como man de obra familiar, será precisa unha declaración da persoa titular da explotación onde realizou tal actividade na cal se especifique o tempo traballado na explotación e as tarefas desenvolvidas.

ii) Os anos en que non se exercese a actividade agraria, ata acadar os cinco anos requiridos, poderán substituírse pola asistencia a cursos ou seminarios de formación agroforestal cunha duración de 50 horas lectivas por cada ano, os cales estarán previamente homologados pola Consellería do Medio Rural ou consellería correspondente, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

iii) En calquera caso, os servizos provinciais de explotacións agrarias estudarán a documentación presentada e establecerán a súa idoneidade para os efectos de xustificar a actividade agraria do solicitante.

3º No caso de agricultores/as mozos/as, ademais de para os efectos da súa primeira instalación, conforme a sección 2ª, para considerar o incremento nas axudas aos investimentos en plans de mellora, a capacitación profesional suficiente xustificarase dalgún dos seguintes xeitos:

i) Mediante copia cotexada da titulación académica de capataz agrícola, de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da familia profesional de actividades agrarias, ou outra titulación superior da rama agraria.

ii) Cun certificado de asistencia a cursos relacionados coa incorporación da persoa moza, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, establecidos pola Consellería do Medio Rural, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

iii) Mediante certificación de asistencia a cursos relacionados coa incorporación da persoa moza, cunha duración mínima de 250 horas lectivas, desenvolvidos por outras entidades competentes en ensinanzas agrarias, sempre que estean previamente homologados pola Consellería do Medio Rural ou consellería correspondente, de acordo co Decreto 247/2000, do 29 de setembro.

c) Ter dezaoito anos cumpridos e non ter cumpridos os sesenta e cinco. O requisito da idade xustificarase mediante copia cotexada do DNI, no caso de non prestar autorización á Consellería de Medio Rural para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.


3. As persoas xurídicas, ademais das sinaladas no número 1, deberán cumprir:
a) Ser unha explotación agraria prioritaria ou acadar tal condición coa aplicación destas axudas, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Que a súa actividade principal sexa a agraria, presentando os estatutos ou documento de constitución, e a declaración do imposto de sociedades do último exercicio. Así mesmo, a procedencia agraria dos ingresos comprobarase en función das marxes brutas das orientacións produtivas e das actividades económicas da explotación.

4. Cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens, ademais dos requisitos sinalados no número 1, deberá presentar:

a) Os estatutos da comunidade e a súa acta de constitución.
b) Acreditar por parte de polo menos, o 50% dos comuneiros ou das comuneiras, que reúnen os requisitos establecidos para os titulares persoas físicas, para o que presentarán toda a documentación especificada no punto 2 deste artigo (persoa física titular de explotación).

5. Así mesmo, cando a explotación pertenza a unha comunidade de bens ou sociedade civil poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo II desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de 5 anos contados a partir da data de certificación dos investimentos realizados. En calquera caso a agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de 4 anos do artigo 35 da citada lei.

6. Plans de mellora (R-non profesionais) de persoas titulares que, non cumprindo os requisitos recollidos nos puntos 2 a) e b) deste artigo para as persoas físicas, número 3 para as persoas xurídicas e 4 b) nas comunidades de bens, poderán solicitar estas axudas, e sempre que cumpran o resto das obrigas, ademais de ocuparen polo menos 1 UTA, e comprometérense a exercer a actividade agraria durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados. Así mesmo, deberán obter polo menos o 10% da súa renda total de actividades agrarias ou complementarias.

Artigo 4º.-Cálculo da renda unitaria de traballo.
Para os efectos do cálculo da renda unitaria de traballo (RUT) a que se refire o punto 13 do artigo 2º, teranse en conta os seguintes criterios:

1. En relación coas unidades de traballo agrario (UTA) da explotación:
a) Cando o titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase, segundo os casos, do xeito seguinte:

1º A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada un deles.

2º A man de obra familiar da persoa titular da explotación, ata o segundo grao incluído, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu domicilio e estean ao seu cargo, que, estando ocupados na súa explotación, non teñan a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Esta circunstancia acreditarase mediante declaración xurada da persoa titular solicitante ou por calquera outra forma admitida en dereito, acompañada da copia do DNI de cada un dos familiares, dun informe de vida laboral e do correspondente xustificante de que a persoa ou persoas a que se refire a declaración están ao seu cargo como beneficiarios/as na Seguridade Social e tamén na declaración do IRPF.

3º A man de obra asalariada acreditarase documentalmente co DNI, contrato de traballo e informe de vida laboral da empresa.

b) Cando a persoa titular sexa persoa xurídica, computarase unicamente a man de obra achegada polos socios/as asalariados mediante DNI, o informe de vida laboral destes, as súas declaracións do IRPF e os seus certificados de rendementos de traballo; mentres que no caso de asalariados non socios computarase mediante a presentación do DNI, o contrato de traballo e o informe de vida laboral da empresa.

c) No caso de que a persoa titular da explotación sexa unha comunidade de bens, utilizaranse os mesmos criterios para a determinación das UTA que no caso de que a persoa titular sexa unha persoa física (punto 1 a deste artigo).

2. En relación coa marxe neta da explotación, entendida como a diferenza entre os ingresos da explotación derivados do conxunto das actividades produtivas, incluídas as subvencións percibidas da política comunitaria, e todos os gastos fixos e variables, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e da man de obra familiar, poderá determinarse en función do resultado de restar os gastos fixos contabilizados ou, na súa falta, estimados, de cada explotación, non imputados nas marxes brutas, agás os atribuídos á retribución dos capitais propios e do traballo familiar, da suma das marxes brutas estándar das actividades produtivas da explotación, moduladas con criterios técnico-económicos que teñan en conta a dimensión, a orientación técnico-económica e o sistema de produción da explotación.

3. A copia cotexada do DNI a que se fai referencia nos puntos anteriores presentarase no caso de non prestar autorización á Consellería de Medio Rural para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

Artigo 5º.-Condicións dos plans de mellora.
Os plans de mellora das explotacións agrarias suporán unha mellora integral e duradeira da economía da explotación agraria, e deberán cumprir, ademais, as seguintes condicións:

1. O plan de mellora deberá demostrar, mediante cálculos específicos, que os investimentos materiais ou inmateriais están xustificados desde o punto de vista da situación da explotación e da súa economía e que a súa realización suporá unha mellora do rendemento global da explotación agrícola.

Para estes efectos, considerarase que un plan de mellora cumpre as condicións establecidas no parágrafo anterior, cando, tras a súa realización, non diminúa a renda unitaria de traballo da explotación ou, nos casos en que se incremente o número das UTA, non diminúa a súa marxe neta.

Así mesmo, deberá incluír:
a) Unha descrición das situacións anterior e posterior á realización do plan de mellora, establecidas en función dun orzamento estimativo e comprendendo, cando menos, os seguintes datos:

1º Superficie da explotación, especificando a dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.

2º Maquinaria e equipamento, melloras territoriais e edificios.
3º Composición e dedicación da man de obra familiar e asalariada.
4º Produción bruta de cada actividade.
5º Gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.

b) Unha indicación das medidas e, en particular, dos investimentos previstos.
2. Cando o plan de mellora afecte unha explotación gandeira:
a) Deberase cumprir a normativa relativa a campañas oficiais de saneamento gandeiro.

b) Deberá cumprir as normas mínimas en materia ambiental, hixiene e benestar dos animais, conforme se dispón no anexo III desta orde.

Non obstante, cando o plan de mellora inclúa investimentos destinados a cumprir as normas mínimas recentemente establecidas, entendendo por tales as que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda, poderase conceder para o seu cumprimento, un prazo de ata 36 meses a partir da data en que a devandita norma fose obrigatoria. En todo caso, os agricultores e as agricultoras deberán cumprir estas normas mínimas antes de que finalice o período de realización dos investimentos.

Así mesmo, no caso de agricultores/as mozos/as beneficiarios/as da axuda á primeira instalación, poderáselles conceder unha axuda para os investimentos destinados a axustarse ás normas comunitarias existentes. O período de graza en que deberán axustarse estas normas non poderá superar os 36 meses desde a data da instalación.

Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural emitirán os informes correspondentes sobre o cumprimento destas normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.

3. Se os investimentos a que se refire o plan de mellora se realizan en obra civil, deberase presentar o correspondente bosquexo e memoria descritiva da construción, adaptándose esta á tipoloxía da zona. No caso de que o investimento en obra civil sexa superior a 30.000 euros, esta documentación completarase, como mínimo, cun anteproxecto con orzamento, asinado polo persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, tal como se indica no artigo 41.2º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo. Nesta circunstancia deberase achegar o proxecto, asinado polo persoal técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, ademais da certificación final de obra valorada, o máis tardar, no momento da certificación dos investimentos. Sobre os anteriores puntos, e en referencia ao proxectista, ao director de obra e ao director da execución da obra, terase en conta o reflectido no capítulo III da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.


4. Así mesmo, as construcións novas deberán contar coa preceptiva licenza municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso será suficiente con que entre a documentación que se vaia xuntar coa solicitude de axuda aos plans de melloras (sección 1ª.1) ou de primeira instalación de agricultores/as mozos/as (sección 1ª.2), presente a solicitude de licenza de obras, debendo presentarse antes do 1 de decembro de 2010 a licenza municipal outorgada. O non cumprimento deste requisito suporá a non aprobación da axuda. A certificación final de obra valorada presentarase no momento da solicitude de pagamento dos investimentos.

5. Todos os proxectos, anteproxectos e memorias presentados cos plans de mellora terán que incluír, obrigatoriamente, un anexo relativo á produción e xestión dos residuos da explotación.

6. O investimento en adquisición de maquinaria previsto no plan de mellora, incluído o tractor, de ser o caso, poderá chegar ata o 20% do volume máximo de investimento establecido no primeiro parágrafo do artigo 7.1º a), segundo o tipo de peticionario e o número de UTA e, en todo caso, sen superar o tramo libre de investimento de que dispón cada beneficiario tendo en conta os plans de mellora que solicitase nos últimos seis anos, tal como se determina no segundo parágrafo do mesmo artigo 7.1º a).

No caso de explotacións con orientacións produtivas maioritariamente agrícolas, estes importes poderán chegar ata un 100% do volume máximo do investimento.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na certificación dos investimentos aprobados, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6º.-Condicións dos investimentos obxecto da axuda.
1. Investimentos obxecto de axuda:
a) A mellora das condicións de vida e traballo dos/as agricultores/as e dos/as empregados/as das explotacións. Os investimentos considerados destinaranse, en exclusiva, á mellora das prácticas agrarias e tarefas derivadas da explotación agraria.

b) A mellora cualitativa e a ordenación de producións en función das necesidades de mercado e, se é o caso, con vistas á adaptación ás normas comunitarias de calidade, así como para a diversificación das actividades agrarias, especialmente mediante investimentos destinados á clasificación, acondicionamento, fabricación, transformación e comercialización dos produtos agrarios da propia explotación. Porén, os investimentos destinados á transformación e comercialización realizados na propia explotación limitaranse aos que dean como resultado un produto incluído no anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

c) A adaptación das explotacións con vistas a reducir os custos de produción, aforrar enerxía ou auga, ou á incorporación de novas tecnoloxías, incluídas as de informatización e telemática.

d) O cumprimento das novas normas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais establecidas recentemente. Para estes efectos, entenderanse como recentemente establecidas as normas que entrasen en vigor no prazo máximo dun ano anterior á data de solicitude da axuda.

e) A mellora das condicións de hixiene das explotacións gandeiras e de benestar dos animais, a protección e mellora do solo, da cobertoira vexetal e do ambiente serán só elixibles os investimentos con estes fins que vaian alén dos requisitos obrigatorios, de acordo coas normas comunitarias aplicables.

2. Investimentos exceptuados de axuda:
Non se concederán axudas para os seguintes investimentos:
a) Os investimentos de simple substitución non poderán optar a axudas ao investimento. Excepto no caso de maquinaria, non se considerará simple substitución unha vez transcorridos 10 anos desde a data de fabricación, indicada na súa ficha técnica ou, na súa falla, a de adquisición, se se adquire outra máquina que sirva para os mesmos traballos e conte con mellora tecnolóxica substancial. A máquina que se substitúa deberá estar inscrita no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) a nome do beneficario ou pentencer á explotación.

b) Os investimentos na compra de dereitos de produción, animais e plantas anuais e a súa plantación.

c) Os investimentos en vehículos de transporte distintos dos considerados como maquinaria agrícola.

d) Gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

e) Os gastos non subvencionables distintos dos anteriores, e a que fai referencia o artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

3. No caso de investimentos en equipamentos de muxidura, deberán axustarse, no relativo á instalación e funcionamento, ao establecido na norma UNE 68050/98.

4. No caso de investimentos en equipamentos de refrixeración de leite, deberán cumprir os requisitos da norma UNE-EN 13732/03.

5. a) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento da subvención, os investimentos subvencionados non deberán sufrir ningunha modificación importante:

1º Que afecte a súa natureza ou as súas condicións de execución, ou
2º Que resulte, ben dun cambio na natureza do réxime de propiedade dunha determinada infraestrutura, ben da interrupción ou do cambio de localización dunha actividade produtiva.

b) O incumprimento da obriga de destino referido anteriormente, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor, agás o referido no artigo 29.4º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no anterior punto cando:

1º Tratándose de bens non inscribibles nun rexistro público, fosen substituídos por outros que sirvan en condicións análogas ao fin para o cal se concedeu a subvención e este uso se manteña ata completar o período establecido, sempre que a substitución sexa autorizada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2º Tratándose de bens inscribibles nun rexistro público, o cambio de destino, alleamento ou gravame sexa autorizado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no suposto de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 7º.-Contía dos investimentos e das axudas.
1. Contía dos investimentos:
a) O investimento poderá chegar a un máximo de 100.000 euros por UTA sen superar 200.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 800.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA. Estes investimentos enténdense para un período de seis anos.

O número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a, para ese volume de investimento, será como máximo de 3 nos seis últimos anos, contados desde a data a que corresponda a aprobación do último plan solicitado nas axudas das ordes para a modernización de explotacións agrarias de anteriores exercicios. Ademais, no caso da fusión de explotacións permitirase solicitar un plan adicional para a creación dunha entidade asociativa. Tamén os titulares de explotacións agrarias afectadas por unha catástrofe natural poderán solicitar un plan adicional, logo de informe técnico emitido polo Servizo Territoral de Explotacións Agrarias.

Para estes efectos, atribuiranse a unha soa explotación beneficiaria o conxunto de plans de investimentos agrarios realizados por calquera titular dela.

En calquera caso, serán denegadas aquelas solicitudes de axuda cando a explotación ou o peticionario tivesen pendentes de certificación un expediente de plan de mellora na data en que remata o prazo para a solicitude.

b) Para o cálculo do investimento máximo, en función do límite máximo por UTA, consideraranse as UTA iniciais indicadas no artigo 4º.1 desta orde.

Cando se trate dun plan de mellora dun agricultor/a mozo/a que se presente simultaneamente á primeira instalación, o límite máximo de investimento por UTA calcularase en función do número de UTA correspondente á situación posterior á realización do plan de mellora.

c) A determinación das axudas aos investimentos que se vaian realizar nas explotacións a que se refire o punto 2 do artigo 2º desta orde efectuarase de acordo coas condicións específicas que correspondan ao municipio asignado á explotación, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos bens, dereitos e elementos da explotación.


2. Contía e tipo de axudas.
a) A contía máxima de axuda, expresada en porcentaxe do investimento, con carácter xeral, poderá chegar ata:

1º O 50% do investimento para bens inmobles e o 30% para bens mobles nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, que poderán acadar os beneficiarios, agás os incluídos na letra c).

2º O 40% para bens inmobles e o 25% para bens mobles nas demais zonas, que poderán acadar os beneficiarios, agás os incluídos na letra c).

3º O 50% do investimento para bens inmobles e o 30% para bens mobles nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i) e ii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, que poderán acadar os beneficiarios incluídos na letra c).

4º O 40%, para bens inmobles, e o 25%, para bens mobles, nas demais zonas, que poderán acadar os beneficiarios incluídos na letra c).

b) No caso de agricultores ou agricultoras non profesionais, a axuda para bens inmobles reducirase un 10% e a de bens mobles un 5% con respecto ao indicado nos parágrafos 2 a) 1º e 2 a) 2º deste artigo.

c) Se o beneficiario da axuda é un agricultor/a profesional, menor de 40 anos no momento da súa primeira instalación que, simultaneamente a ela, ou nos seguintes 5 anos, presente un plan de mellora para a súa explotación, poderá obter unha axuda suplementaria do 5% do investimento, como máximo, das previstas nos parágrafos 2 a) 3º e 2 a) 4º deste artigo. Esta axuda suplementaria concederase, na súa integridade, cando o plan de mellora da explotación corresponda a un agricultor/a mozo/a instalado ou que se vaia instalar na modalidade de titularidade exclusiva ou cando se trate dunha explotación prioritaria asociativa e, polo menos, a porcentaxe de socios/as mozos/as que cumpran este requisito sexa igual ou superior ao 50% dos socios totais.

d) No caso de que o beneficiario da axuda sexa titular dunha explotación de produción ecolóxica, obterá unha axuda suplementaria de ata o 5% das previstas nos parágrafos 2 a) 1º e 2 a) 2º deste artigo, que en ningún caso poderá superar os límites de intensidade establecidos no Regulamento 1698/2005.

e) A axuda consistirá nunha subvención directa de capital ou nunha subvención de capital, total ou parcial, dunha ou varias anualidades de amortización de préstamos formalizados para levar a cabo o investimento, tendo en conta que a subvención non poderá superar o límite de intensidade de axuda sobre o investimento total indicado na letra a). Estes préstamos non poderán superar o 90% do investimento total que se vaia realizar, e formalizaranse no marco do convenio financeiro entre a Consellería do Medio Rural e a entidade financeira en vigor.

f) A axuda á amortización non poderá superar o 80% do importe do préstamo e poderá aboarlla a consellería, dunha soa vez, directamente á persoa beneficiaria, logo de formalizado o préstamo e certificada a realización dos investimentos previstos.

g) Non obstante, serán denegadas as solicitudes para investimentos de plan de mellora cuxo investimento auxiliable sexa inferior a seis mil (6.000) euros por explotación, salvo que o tramo de investimento que reste sen auxiliar, de acordo co límite que corresponda conforme o sinalado no número 1, non supere a dita cantidade.

Artigo 8º.-Prazo de execución do plan de mellora.
As axudas recollidas nesta sección terán carácter plurianual e o prazo de execución dos investimentos será, como máximo, de 18 meses, computados a partir do día seguinte ao da data da notificación da concesión da axuda.

En casos excepcionais en que a persoa beneficiaria, por causa debidamente xustificada, non poida rematar a mellora no prazo previsto, deberá solicitar unha prórroga do prazo de execución, con anterioridade ao transcurso do prazo máximo, especificando os motivos e o prazo de prórroga de execución, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Artigo 9º.-Modificación dos plans de mellora.
1. Cando se produzan modificacións do plan de mellora relacionadas coa produción ou co programa de investimentos, presentarase un plan de mellora complementario ou alternativo. No caso de modificacións de menor entidade recoñecidas pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, bastará a certificación da realización dos investimentos que comprenda o dito plan.

2. Non obstante o establecido no número anterior, nos casos en que a persoa beneficiaria non execute o plan de mellora para o cal ten concedidas axudas ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e o aprobado para a execución do plan ou o préstamo formulado, reducirase a axuda segundo a normativa de aplicación.

Así mesmo, axustarase, se é o caso, ao importe que corresponda a axuda suplementaria para o/a agricultor/a mozo/a.

2 Primeira instalación de agricultores/as mozos/as.
Artigo 10º.-Requisitos dos/as beneficiarios/as.
1. Os/as agricultores/as mozos/as que desexen acceder a estas axudas, ademais dos requisitos que se desprenden da definición recollida no artigo 2.8º, deberán cumprir os seguintes:

a) Posuír, no momento da súa instalación, o nivel de capacitación profesional suficiente, segundo o punto 2 b) 3º do artigo 3º desta orde ou comprometerse a adquirilo nun prazo de dous anos. Este prazo computarase desde a data da súa instalación.

b) Instalarse nunha explotación agraria que requira un volume de traballo equivalente polo menos a unha UTA ou acadar esta condición nun prazo máximo de dous anos desde a súa instalación.

c) Comprometerse por escrito a exercer a actividade agraria durante cinco anos, contados desde a data de certificación da axuda.

d) Cumprir a explotación as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, segundo o indicado no anexo III desta orde, no prazo máximo de dous anos desde a instalación do/a mozo/a.

e) Persoa maior de 18 anos e menor de 40 anos de idade no momento da solicitude de axuda.

2. A solicitude da axuda deberá presentarse antes da primeira instalación do peticionario ou dentro dos seis primeiros meses posteriores a ela. Os investimentos ou gastos de instalación realizados polo/a mozo/a dentro dos referidos seis primeiros meses poderán ser considerados auxiliables. Os beneficiarios presentarán a solicitude de axuda, segundo o modelo que se especifica no anexo I, acompañada da documentación seguinte:

a) Copia cotexada do DNI, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural para a consulta dos datos de identidade, no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

b) Plan de explotación (plan empresarial do artigo 13 do Regulamento (CE) 1974/2006) que reflicta o grao de viabilidade económica e a situación da explotación en que se instala e prevexa para el, en xeral, unha renda procedente daquela, medida en termos de marxe neta, polo menos do 35% da renda de referencia e inferior ao 120% desta. A marxe neta anterior deberá acadarse nos dous anos seguintes á instalación, e a revisión do plan empresarial farase ao final dos 5 anos da data da aprobación da axuda, e consistirá en comprobar o mantemento das súas condicións e unha avaliación dos progresos e previsións expostos nel.

O plan de explotación non será requirido no caso de que o/a mozo/a que se instala presente un plan de mellora.

c) Informe de vida laboral, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social sobre afiliación, tipo de réxime e períodos de alta.

d) Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria sobre as declaracións do IRPF presentadas polo/a solicitante e, se é o caso, copia das indicadas no punto 2 a) 1º do artigo 3º desta orde.

e) Solicitude de cambio de titularidade da explotación, se é o caso, en favor do agricultor/a mozo/a, axustado ao modelo normalizado da consellería.

f) Solicitudes de transferencia, en favor da nova persoa titular, de ser o caso, dos dereitos de prima e da cota láctea que tivese a explotación, agás no caso de instalación nunha explotación asociativa.

g) A xustificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias, fiscais e coa Seguridade Social.

h) O cumprimento na explotación das normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, segundo o anexo III desta orde, mediante a presentación de informe, emitido polos servizos técnicos competentes desta consellería, que o confirme ou, de non ser ese o caso, mediante documento asinado en que se manifeste o compromiso de cumprilas no prazo de dous anos, contados desde o momento da súa instalación.

Considerarase como data de primeira instalación a máis antiga da alta na Facenda na actividade agraria ou alta na Seguridade Social.

Non obstante, e para os efectos da axuda, naqueles casos en que o/a mozo/a estean dados de alta na Seguridade Social Agraria e o titular da explotación sexa outra persoa, poderase considerar como data da instalación a da alta na Facenda na actividade agraria.

Non procederán estas axudas cando a instalación do/da mozo/a implique unha segregación de parte da explotación.

Os documentos públicos sinalados nos puntos 1 e 2 do artigo 11º, así como a solicitude de cambio de titularidade da alínea e) e as solicitudes de transferencia recollidas na alínea f), poderán ser presentados unha vez aprobado o expediente xunto coa xustificación da realización dos investimentos. Nestes casos, coa solicitude de axuda á primeira instalación xuntarase un compromiso debidamente asinado polas dúas partes.


Artigo 11º.-Modalidade da primeira instalación prevista.
A primeira instalación dun/ha agricultor/a mozo/a poderá realizarse mediante as seguintes modalidades:

1. Acceso á titularidade exclusiva ou compartida da explotación agraria, por compra, herdanza, pacto sucesorio, doazón, arrendamento, parzaría ou figuras xurídicas análogas, asumindo o/a mozo/a que se instala, polo menos, o 50% dos riscos e das responsabilidades civil, fiscal e social da xestión da explotación. Isto acreditarase mediante a escritura pública correspondente, así como a declaración do IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso, do anterior titular.

2. Acceso á cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria.
Na escritura pública que se asine para tal efecto deberá constar o seguinte:
a) A relación de todos os elementos que compoñen a explotación, valorados a prezo de mercado dos que, sendo propietario ou titular, estean integrados nela, con expresión detallada dos que se lle transmiten ao/á mozo/a, que deberán representar, polo menos, un terzo do valor total daqueles. Sen prexuízo do anterior, incluirase na transmisión, polo menos, un terzo da propiedade, tanto dos predios rústicos como do conxunto dos restantes bens inmobles. En todo caso, deberá indicarse expresamente que os usos e o aproveitamento de todos os elementos da explotación transmitidos ao/á mozo/a cotitular continuarán integrados na referida explotación.

b) O acordo, cunha duración mínima de seis anos, entre a persoa titular e o/a agricultor/a mozo/a conforme este compartirá as responsabilidades xerenciais, os resultados económicos da explotación, os riscos inherentes á súa xestión e aos investimentos que nela se realicen, nunha proporción igual ou superior ao 50%.

3. Integración como socio/a nunha entidade asociativa con personalidade xurídica, preexistente ou de nova constitución, que sexa titular dunha explotación agraria prioritaria presentarase a seguinte documentación:

a) Unha certificación expedida polo órgano reitor da entidade, onde se especifiquen as condicións de participación do/a agricultor/a mozo/a e a súa contribución.

b) Os estatutos da entidade.
c) A relación de socios/as que exercen a dirección técnica e de xestión, e
d) A condición da explotación como prioritaria, conforme o disposto no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Cando entre os gastos ou investimentos dun/ha mozo/a que se instale como socio/a dunha entidade asociativa figure o concepto de achega económica do/a mozo/a á entidade, a xustificación do gasto poderá realizarse mediante a acreditación correspondente da achega en diñeiro do/a mozo/a á entidade xunto á acreditación do gasto realmente efectuado pola sociedade nos ditos investimentos.

4. Instalación por primeira vez nunha explotación agraria non prioritaria: aquela en que o/a mozo/a se instala por primeira vez como titular persoa física, que acade, polo menos, o 15% da renda de referencia en termos de marxe neta, compatibilizando a actividade agraria desenvolvida na súa propia explotación con calquera outra actividade económica. Neste caso, a axuda será de ata o 60% dos indicados no artigo 12º. Ademais, a dimensión da explotación deberá absorber 0,25 UTA. No momento da certificación presentará a alta na Facenda na actividade agraria e a declaración da renda que xustifique a obtención de ingresos agrarios, ou compromiso de presentala.

5. Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuxa marxe neta non supere o 20% da renda de referencia, pase a ser titular dunha explotación prioritaria, ademais de cumprir os requisitos do artigo 10.1º, terase en conta:

-Que a persoa moza solicitante sexa titular de explotación agraria, o cal se acreditará coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

-Que a explotación non teña recibido axudas para o plan de mellora nin primeira instalación, nin tivese a cualificación de explotación prioritaria (agás se estiver situada en zona de montaña).

-Que a marxe neta da explotación sexa inferior ao 20% da renda de referencia.
-Que na última declaración do IRPF da persoa solicitante debe acreditar unha renda agraria inferior ao 20% da renda de referencia.

6. Cando, sendo titular dunha explotación agraria cuns niveis de dedicación de tempo e traballo e de renda unitaria deste inferiores aos mínimos establecidos para os titulares de explotacións prioritarias, acaden esta consideración en calidade de agricultor a título principal, ademais de cumprir os requisitos do artigo 10.1º, terase en conta:

-Que a persoa moza solicitante sexa titular de explotación agraria, o cal se acreditará coa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

-Que a explotación non teña recibido axudas para plan de mellora nin primeira instalación, nin tivese a cualificación de explotación prioritaria (agás se estiver situada en zona de montaña).

-Que a marxe neta da explotación sexa inferior ao 35% da renda de referencia.
-Que na última declaración do IRPF da persoa solicitante debe acreditar unha renda agraria inferior ao 35% da renda de referencia.

Artigo 12º.-Axudas á primeira instalación.
A axuda á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, dirixida a auxiliar gastos e investimentos derivados dela consistirá en:

1. Unha prima por explotación, nunha contía máxima de 20.000 euros que se poderá substituír, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuro equivalente.

2. Unha bonificación de xuros, que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade, por un importe non superior a 20.000 euros dun préstamo formalizado no marco do convenio financeiro establecido entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras, o importe do cal non poderá superar o 90% do gasto total e será compatible coas axudas do número 1.

A contía máxima de axuda expresada anteriormente poderase incrementar nun 10% nos seguintes casos:

a) Cando se xere na explotación, polo menos, 1 UTA asalariada adicional á do/a mozo/a que se instala;

b) Cando a explotación estea situada nas zonas desfavorecidas incluídas nas listas a que fan referencia os incisos i), ii) e iii) da alínea a) do artigo 36 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005.

c) Cando o/a mozo/a teña aprobado un contrato de explotación sustentable. Neste caso, o incremento virá condicionado a que a dita aprobación sexa anterior á data de certificación do expediente de primeira instalación.

3. Non obstante o establecido nos parágrafos 1 e 2, as axudas á primeira instalación non poderán superar os 52.000 euros nin o importe dos gastos e investimentos da instalación realizados.

Artigo 13º.-Casos especiais de primeiras instalacións.
1. Respecto dunha mesma explotación non poderá percibirse máis dunha prima por primeira instalación, durante o prazo dos cinco anos seguintes á data da súa concesión. No caso de instalacións múltiples, as axudas distribuiranse en función do grao de participación de cada mozo/a no conxunto dos gastos e investimentos derivados das ditas instalacións. Exceptúanse desta regra as primeiras instalacións dos/as mozos/as mediante a súa integración como socios nunha entidade asociativa, que se outorgarán de forma íntegra a cada mozo/a solicitante, sempre que o volume de traballo na explotación asociativa requira unha UTA para cada mozo/a que se instale.

2. As axudas á 1ª instalación de agricultores/as mozos/as poderanse conceder tamén naqueles casos en que a instalación se produza nunha explotación de nova creación. Nestas situacións deberase acreditar o acceso á explotación, mediante documento público, xa sexa de arrendamento do predio ou predios, compravenda, cesión, etc., ou documento de arrendamento a través do Bantegal.

3. Os cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, en réxime de separación de bens, serán asimilados ás axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as nalgunha das modalidades indicadas no artigo 11º. No caso de cónxuxes ou parellas de feito legalmente recoñecidas, en réxime de gananciais, só poderán ser beneficiarios das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando o/a mozo/a se incorpore nunha explotación en que o titular sexa o seu cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, e constitúan unha sociedade entre si, sempre que a explotación proporcione polo menos unha RUT do 35% da renda de referencia para cada un dos membros.

b) Cando se instale por integración como socio/a dunha entidade asociativa, que sexa resultado da fusión de, polo menos, dúas explotacións preexistentes en funcionamento, aínda que figure como socio/a partícipe o outro cónxuxe ou parella de feito legalmente recoñecida, sempre que a explotación resultante proporcione unha RUT para cada mozo ou moza, polo menos, do 35% da renda de referencia.

Artigo 14º.-Aplicación das axudas da primeira instalación.
Para os efectos de aplicación das axudas previstas neste artigo, teranse en conta os seguintes gastos e investimentos:

-Pagamento da anualidade dun contrato de arrendamento de terras.
-Gastos notariais e rexistrais derivados da primeira instalación.
-Gastos de permisos, licenzas e autorizacións administrativas orixinados pola instalación do beneficiario.


-Achega económica do/a mozo/a á entidade asociativa para a súa integración como socio/a nela.

-Adquisición de dereitos de produción e dereitos a prima de carácter individual e transferible conforme a normativa vixente de carácter sectorial que resulte de aplicación.

-Custos de avais dos préstamos de primeira instalación.
-Pagamento dos dereitos hereditarios, se é o caso, a coherdeiros/as da explotación familiar en que se instala a persoa beneficiaria.

-Adquisición ou acondicionamento da vivenda, a cal deberá constituír a residencia habitual do/a mozo/a e estar situada na mesma comarca ou nunha comarca limítrofe á da explotación. Ademais, a construción nova efectuarase nun soar da propiedade, privativa ou ganancial, do mozo ou moza.

Pola súa banda, a construción ou acondicionamento exterior da vivenda deberá ser acorde coa tipoloxía da zona e coa normativa urbanística correspondente.

Así mesmo, as construcións novas deberán contar no momento da solicitude coa preceptiva licenza municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística.

-Adecuación do capital de explotación.
Artigo 15º.-Prazo de execución e acreditación da primeira instalación.
1. O prazo de execución dos investimentos e gastos para a primeira instalación será o mesmo que o previsto para os plans de mellora, aplicándose o previsto no artigo 8º desta orde.

2. A acreditación de que se produciu a primeira instalación, con carácter previo á percepción da axuda, efectuarase coa presentación de:

a) A documentación suficiente xustificativa da realización dos gastos de instalación aprobados.

b) O documento de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime de autónomos na actividade agraria e o documento de alta no censo de actividades económicas do Ministerio de Economía e Facenda (declaración censual modelo 036 ou 037).

c) A declaración do IRPF correspondente ao último período, se é o caso.
d) Os documentos indicados no último parágrafo do artigo 10º, de non telos presentado coa solicitude de axuda.

3. Será de aplicación o disposto no artigo 10.1º c) desta orde, canto ao compromiso de exercer a actividade agraria durante cinco anos.

Sección segunda
Procedemento de concesión das axudas
Artigo 16º.-Presentación de solicitudes.
1. A presentación das solicitudes de axudas para cada medida das incluídas nesta orde realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida nesta orde para cada tipo de axuda solicitada.

Nesta convocatoria, para dar cumprimento ao requisito da presentación da licenza municipal (artigos 5.4º e 14º desta orde), será suficiente con que entre a documentación que se vaia xuntar coa solicitude de axuda, entregue a correspondente solicitude de licenza de obras, debendo presentarse con anterioridade ao 1 de decembro de 2010 a preceptiva licenza municipal; mentres que a certificación final de obra valorada presentarase no momento da solicitude de pagamento dos investimentos. No caso de non cumprirse estes requisitos, serán causa de revogación da axuda.

2. Ademais, de acordo co artigo 11º e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas que soliciten as axudas previstas nesta orde, acreditarán, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por concepto ningún, coa Xunta de Galicia. A presentación da solicitude de concesión da axuda pola persoa interesada comportará, durante todo o período de compromisos, a autorización á Consellería do Medio Rural para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As oficinas agrarias comarcais asesorarán as persoas solicitantes na realización dos estudos técnico-económicos necesarios para a elaboración dos plans de mellora das estruturas das explotacións e das axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, iniciando a instrución dos expedientes, os cales serán remitidos debidamente cubertos aos servizos de explotacións agrarias nun prazo máximo de dous meses desde a data de rexistro da solicitude.

Artigo 17º.-Conformidade previa á formalización do préstamo.
Na tramitación de calquera das solicitudes de axuda previstas nesta orde que estean vinculadas a préstamo, e como condición para que a axuda sexa aprobada, a persoa solicitante deberá achegar a conformidade coa concesión do préstamo correspondente dunha entidade financeira asinante do convenio financeiro.

Artigo 18º.-Criterios de prioridade.
Posto que as axudas previstas nesta orde se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación e coa seguinte puntuación máxima por criterio:

1. Plans de mellora:
O conxunto de solicitudes para investimentos en explotacións agrarias clasificarase en dous grupos, distinguindo as explotacións prioritarias das do resto de solicitudes, tendo as primeiras prioridade sobre as segundas.

Posteriormente a cada un destes grupos aplicaránselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Tipo de investimento que supoña unha diminución da carga gandeira ata: 5 puntos.

b) Titular muller: 4 puntos.
c) Investimento por UTA ata: 4 puntos.
d) Tipo de axuda ligada a préstamo ata: 4 puntos.
e) Plan de mellora ligado a primeira instalación, modalidade de cotitularidade: 4 puntos.

f) Plans de mellora para agricultores/as profesionais: 3 puntos.
g) Diversificación da produción ata: 2 puntos.
h) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.
i) Explotacións de produción ecolóxica ata: 2 puntos.
j) Suscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.
k) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.
l) Persoas titulares inscritas nalgún rexistro de denominacións de calidade en materia agroalimentaria ata: 2 puntos.

m) Orientación produtiva da explotación de vacún de leite ata: 1 punto.
2. Axudas á primeira instalación:
a) Titular muller: 4 puntos.
b) Axuda ligada ao préstamo ata: 4 puntos.
c) Primeira instalación ligada a un plan de mellora ata: 4 puntos.
d) Maior dimensión produtiva da explotación ata: 3 puntos.
e) Instalación nunha explotación ecolóxica: 3 puntos.
f) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.
g) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.
h) Subscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.
i) Instalación do/a mozo/a mediante a modalidade A: 1 punto.
Artigo 19º.-Tramitación e resolución.
1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución de cada expediente corresponderá ao conselleiro do Medio Rural por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, que estará presidido pola subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Posteriormente serán notificadas as persoas interesadas e, de ser o caso, a entidade financeira correspondente, segundo o previsto na normativa vixente e nos convenios establecidos ou que se establezan entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será antes do 31 de decembro de 2010. Se transcorrer o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 20º.-Certificación dos investimentos e gasto.
1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e cuxo gasto e pagamento se xustifiquen, con posterioridade á data de presentación da solicitude, e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos, agás o previsto no artigo 10.2º desta orde. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, tamén serán auxiliables aqueles gastos elixibles, previos á solicitude de axuda, derivados da obtención da preceptiva licenza de obra para o caso de investimentos en obra civil que así o exixan, e sempre que a solicitude da devandita licenza fose presentada no concello nos doce meses anteriores á data de solicitude de axuda.


2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicarllo, por escrito, preferentemente, ás oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución das melloras, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro de 2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

3. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro).

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con Fondos Comunitarios».

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:
a) Número e, se é o caso, serie.
b) A data da súa expedición.
c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola de outro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizara a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.
h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que si o recoñece.

k) Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tickets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

4. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

5. Cando se trate de investimentos en maquinaria, ademais da factura, achegarase xustificante da inscrición no rexistro de maquinaria agrícola. No caso de maquinaria arrastrada, presentarase a documentación de matriculación.

6. Condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

d) Os anteriores supostos deberán respectar o establecido no artigo 5 do Real decreto 1852/2005.

7. Unha vez comunicada a finalización dos investimentos, o persoal técnico das oficinas agrarias comarcais, dos servizos provinciais de explotacións agrarias ou outro designado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizarán as correspondentes certificacións previas ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 6.000 euros de investimento, agás nos casos referidos no último parágrafo do artigo 7º.

8. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, e quedará sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

9. Antes do pagamento das axudas para plans de mellora ou da primeira instalación de agricultores/as mozos/as, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

10. a) Os beneficiarios das axudas establecidas na sección 1ª.1 (plans de melloras) poderán solicitar o aboamento dun anticipo, o cal non poderá superar o 50% da axuda aprobada.

b) Así mesmo, e consonte o referido artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006, a súa liquidación deberá supeditarse á constitución dunha garantía bancaria ou dunha garantía equivalente que corresponda ao 110% do importe anticipado, e a garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do anticipo.

11. Sen prexuízo dos anteriores puntos, e para os efectos da xustificación dos investimentos, terase en consideración o establecido no artigo 4 do Real decreto 1852/2009, de 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

12. O beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.


Artigo 21º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.
1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda, excepto as previstas no Real decreto 457/2010, do 16 de abril, polo que se regulan as bases para a concesión de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 22º.-Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 23º.-Modificación da resolución de concesión.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión a instancia da persoa beneficiaria, sempre que cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24º.-Reintegro das axudas.
1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:
a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.
e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Axudas non reintegrables.
a) Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

1º Falecemento do beneficiario.
2º Longa incapacidade profesional da persoa beneficiaria.
3º Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

4º Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación.

5º Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.
6º Epizootia que afecte a totalidade ou a unha parte do gando do/a produtor/a.
A persoa beneficiaria ou o seu habente causa notificará por escrito á autoridade competente os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas pertinentes á satisfacción da devandita autoridade, no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a persoa beneficiaria ou o seu habente causa estea en condicións de facelo.

b) Cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria transfira a súa explotación a outra persoa que cumpra os requisitos exixidos, esta poderá asumir o compromiso e subrogarse en compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas. Poderá non exixir o reembolso se, no caso de cesamento definitivo das actividades agrarias por parte dunha persoa beneficiaria que cumprise unha parte significativa do compromiso, a asunción do compromiso polo/a sucesor/a non resulta factible.

3. a) Cando se concedese un anticipo de acordo co sinalado no artigo 20.11º a), e unha vez certificados os investimentos, consonte o artigo 20, se a axuda definitiva a que ten dereito resultar inferior ao importe do anticipo, o beneficiario reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais contados desde o momento do pagamento do anticipo, salvo que concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

b) Se o beneficario percibir un anticipo e non executar os investimentos no prazo máximo previsto nos artigos 8 e 15, deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuros legais contados desde a data do pagamento, salvo que concorra algunha das causas de forza maior sinaladas no número 2.

Artigo 25º.-Recursos administrativos.
As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 26º.-Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader, e informarase tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

2. Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 e 500.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa ou un panel publicitario, respectivamente, no cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural». Ademais o modelo de cartel identificativo deberá cumprir tamén o disposto no Decreto 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010. Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, e nas infraestruturas cuxo custo total supere os 500.000 euros instalarase un panel publicitario.

3. Así mesmo, neste senso deberase tamén cumprir o establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.


Artigo 27º.-Controis, reducións, exclusións e sancións.
1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, previos e posteriores ao pagamento, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a estas medidas.

2. Para estes efectos, será de aplicación o Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro de 2006.

3. Os pagamentos calcularanse sobre a base do que se considera elixible, tras determinar:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento. Para tal efecto, tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada.

A cantidade a pagar ao beneficiario será a definida no importe b). Cando o importe a) supera o importe b) en máis dun 3%, a cantidade pagadoira é igual ao importe b) menos a diferenza entre os dous importes. Esta redución non se aplicará cando o beneficiario poida demostrar que non é responsable da inclusión do importe non elixible.

As reducións prescritas aplicaranse igualmente sobre os gastos non elixibles identificados nos controis sobre o terreo, cando son posteriores ao pagamento, e nos controis a posteriori.

4. Cando se determine intencionalidade na presentación dunha declaración falsa, o beneficiario quedará excluído da axuda Feader en cuestión e do resto das axudas vinculadas á medida durante o exercicio Feader de que se trate e os dous seguintes. Ademais, recuperaranse os importes aboados pola operación ata ese momento, no caso de ter pagamentos parciais.

5. Así mesmo, será aplicable o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007. Todo o anterior é sen prexuízo das sancións a que puideren dar lugar a aplicación da lexislación vixente en materia de axudas.

Sección terceira
Convocatoria 2010
Artigo 28º.-Convocatoria.
Convócanse para o exercicio orzamentario 2010 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nos artigos anteriores.

Artigo 29º.-Prazo.
1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días a partir da entrada en vigor da orde.

2. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

3. Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos/as motivado/as por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas a que fai referencia o artigo 23 do Regulamento 1698/2005, de Feader, ou por falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.

Artigo 30º.-Financiamento das axudas.
O financiamento das axudas recollidas nesta orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 57,56%, efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. 11.02.712B 772.0, para as axudas previstas na sección primeira número 1: Plans de mellora da devandita orde, na cal existe crédito adecuado para o ano 2010, de cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2011 de tres millóns novecentos mil euros (3.900.000 euros); para o ano 2012 de cinco millóns cincocentos mil euros (5.500.000 euros); e para o ano 2013 de cinco millóns cincocentos mil euros (5.500.000 euros). A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. 11.02.712B 772.0 para as axudas previstas na sección primeira número 2: Primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2010 de cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2011 de novecentos mil euros (900.000 euros); para o ano 2012 dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 euros); e para o ano 2013 dun millón cincocentos mil euros (1.500.000 euros). A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar con fondos adicionais, comunitarios, e da comunidade autónoma.

No suposto de existir remanente na aplicación sinalada no punto 2 poderíase utilizar para financiar solicitudes da aplicación sinalada no punto 1.

Disposicións adicionais
Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.
Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa abonda e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Produción Agropecuaria efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Segunda.-Normativa subsidiaria.
No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 1975/2006 da Comisión, do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, así como na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, do 4 de xullo.

Terceira.-Publicidade das axudas.
De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Cuarta.-Documentación en poder da Administración.
Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos, non será necesario que os presente a persoa solicitante, xa que serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, a folla de saneamento gandeiro, a cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para o establecemento das marxes brutas das principais actividades produtivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde, as cales serán publicadas na web da Consellería do Medio Rural.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2010.
Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural
ANEXO I
Ver referencia pdf "10500D011P033.PDF"
ANEXO III
Aspectos relacionados coas limitacións sectoriais e o cumprimento das normas ambientais de hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias destas axudas

A) Limitacións sectoriais.
1. En razón do produto, do tipo de investimento e da capacidade actual e prevista da explotación, poderán excluírse deste réxime de axudas os investimentos que aumenten a produción sen saídas normais do mercado. En todo caso, serán de aplicación as limitacións á produción, investimentos ou axudas reguladas nas organizacións comúns de mercado.

2. Os investimentos que se vaian realizar naqueles sectores para os cales se teñan establecido cotas, primas ou calquera outro dereito de produción, serán auxiliables sempre que se acredite, á súa finalización, a dispoñibilidade deles en contía suficiente, o cal se comprobará na base de datos da consellería.

3. Estas axudas non serán de aplicación aos investimentos dirixidos a mellorar a produción agraria que sexan auxiliados acolléndose aos fondos establecidos nas organizacións comúns de mercado. No caso concreto da viña, non se concederán axudas para a súa reestruturación previstas no Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece a OCM vitivinícola e normativa de desenvolvemento.


4. No sector da produción do mel non se auxiliarán as accións establecidas no Regulamento (CE) 797/2004, do Consello, do 26 de abril, relativo ás medidas destinadas a mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos da apicultura.

5. Estas axudas non se aplicarán a investimentos no sector forestal, xa contempladas na subsección segunda do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

B) Para poder acceder ás axudas ao desenvolvemento rural no período 2007-2013, e en particular ás destinadas á mellora das estruturas agrarias, a normativa aplicable ao dito período establece no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no artigo 26 na súa alínea b) que as explotacións agrarias cumpran as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate.

1. Normas mínimas de ambiente, hixiene e benestar dos animais exixibles ás explotacións beneficiarias.

a) As explotacións con actividade gandeira obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra enfermidades, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 8/2003, de sanidade animal, e normativa que a desenvolve.

b) As explotacións con actividade agrícola obxecto de auxilio deberán levar a efecto as accións sanitarias derivadas dos plans oficiais de profilaxe e loita contra os axentes nocivos, establecidos ou que se establezan no futuro, de acordo co previsto na Lei 43/2002, de sanidade vexetal, e normativa que a desenvolve.

A seguir enuméranse as normas de aplicación:
Normas ambientais.
Directiva 96/61/CE, do Consello de 24 de setembro de 1996 relativa á prevención e ao control integrados da contaminación.

Lei 4/1989, de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres (Directiva 79/409 CEE e parte da Directivo 92/43/CE), e as súas modificacións.

Lei 42/2007 do Patrimonio natural e da biodiversidade.
Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitat naturais e da fauna e flora silvestres (Directiva 92/43 CE), e as súas modificacións.

Lei 10/1998, sobre residuos (Directiva 91/156/CEE), e as súas modificacións.
Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/76CE), e as súas modificacións.

Real decreto 1310/1990 e Orde do 26 de outubro de 1993 sobre o emprego de lodos de depuradora en agricultura e as súas modificacións.

Normas de hixiene.
Entre as normas de hixiene que requiren adaptación das explotacións e de recente entrada en vigor figuran:

Regulamento (CE) 852/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, relativo á hixiene dos produtos alimenticios.

Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.

Directiva 2002/99/CE sobre normas zoosanitarias aplicables á produción, transformación, distribución e introdución dos produtos animais destinados a consumo humano.

Normas de benestar dos animais.
Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, relativo á protección dos animais en explotacións gandeiras (Directiva 98/58/CE), e as súas modificacións.

Sector vacún (becerros).
Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativo ás normas mínimas para a protección de becerros, modificado polo Real decreto 229/1998, do 16 de febreiro. (Directiva 91/629/CEE), e as súas modificacións.

Sector avícola.
a) Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e as súas modificacións.

b) Real decreto 1084/2005, do 16 de setembro, de ordenación de avicultura de carne, e as súas modificacións.

Sector porcino.
a) Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativo ás normas mínimas para a protección de porcos, e as súas modificacións.

b) Decreto 324/2000, do 3 de marzo, polo que se establecen normas básicas de ordenación das explotacións porcinas, e as súas modificacións.

Sector cunícola.
Explotacións cunícolas: Real decreto 1547/2004 do 25 de xuño, que establece as normas de ordenación das explotacións cunícolas, e as súas modificacións.

Sector apícola.
Explotacións apícolas: Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, modificado polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e as súas modificacións.




[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es