Diario Oficial de Galicia
luns, 25 de febreiro de 2008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Número do Dog:

39


Páxina do Dog:

3.133


Data da Disposición:

19 de febreiro de 2008


Sección:

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS


Organismo:

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Rango:

Orde


Título:

Orde do 19 de febreiro de 2008 pola que se declaran aprobadas definitivamente as liquidacións practicadas polas respectivas comisións liquidadoras das cámaras agrarias provinciais.



Orde do 19 de febreiro de 2008 pola que se declaran aprobadas definitivamente as liquidacións practicadas polas respectivas comisións liquidadoras das cámaras agrarias provinciais.

O artigo 27.29º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva, sen prexuízo do disposto no artigo 149 da Constitución, en materia de cámaras agrarias.

A disposición adicional terceira da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, senta as bases para proceder á liquidación dos medios persoais e materiais das cámaras agrarias.

O Decreto 194/2006, do 19 de outubro, polo que se establece o procedemento de liquidación dos medios materiais das cámaras agrarias provinciais de Galicia, DOG nº 216, do 9 de novembro, regulamentou as fases nas que a dita liquidación sería realizada.

Así, unha vez recibidos os informes das comisións liquidadoras sobre a situación administrativa, financeira e patrimonial da respectiva cámara agraria extinguida e transcorrido con creces o prazo aberto pola orde da Consellería do Medio Rural do 31 de xaneiro de 2007 (DOG nº 26, do 6 de febreiro), sen que se presentasen alegacións ou reclamacións relativas aos bens mobles e inmobles que integraban o patrimonio desas cámaras, as liquidacións practicadas polas respectivas comisións foron remitidas a informe da Secretaría Xeral e do Patrimonio e á fiscalización pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ambas da Consellería de Economía e Facenda.

Polo anterior, procede declarar aprobadas de xeito definitivo as liquidacións practicadas polas respectivas comisións liquidadoras das cámaras agrarias provinciais.

Na súa virtude, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Primeiro.-Aprobación das liquidacións.
Apróbanse definitivamente as liquidacións practicadas polas respectivas comisións liquidadoras das cámaras agrarias provinciais, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades en que puidesen ter incorrido os liquidadores e da reclamación dos dereitos que lle puidesen corresponder á Comunidade Autónoma de Galicia. As liquidacións atópanse á disposición dos interesados na Subdirección Xeral de Apoio Xurídico da Secretaría Xeral desta consellería.

Segundo.-Adscrición de bens e dereitos.
De conformidade co disposto no punto primeiro da disposición adicional cuarta da Lei 1/2006, do 5 de xuño, e do artigo 6 do Decreto 194/2006, do 19 de outubro, os bens e dereitos non liquidados quedarán, desde a entrada en vigor desta orde, incorporados ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e adscritos á Consellería do Medio Rural, mentres non se resolva a súa aplicación definitiva, segundo os criterios establecidos no punto segundo da disposición adicional da antedita lei.

Terceiro.-Disolución das comisións liquidadoras.
No momento da entrada en vigor desta orde, quedan disoltas as comisións liquidadoras correspondentes, sen prexuízo do establecido no artigo 1º desta orde.

Cuarto.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ante o conselleiro do Medio Rural, consonte co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou ben recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería do Medio Rural para ditar cantas instrucións considere necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2008.
Alfredo Suárez Canal
Conselleiro do Medio Rural



[Páx. Anterior][Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es