Convocar axudas destinadas a grupos de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) co fin de posibilitar que melloren a súa formación académica adquirindo coñecementos de materias específicas por medio de estadías formativas de curta duración noutros centros de estudos superiores, empresas ou institucións, contribuíndo ao establecemento e fomento do contacto entre estudantes das universidades galegas e a realidade práctica de fóra da comunidade.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 15.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, cunha contía máxima de 36.000 euros.
As actividades formativas de curta duración, máximo sete días, que se subvencionan nesta convocatoria terán que ser realizadas no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2012.
Selección e contía
1. Na selección dos grupos de alumnos beneficiarios realizada pola comisión avaliadora terase en conta a actividade programada segundo a documentación presentada, de acordo cos seguintes criterios xerais de avaliación:
a) Memoria da actividade, ata 4 puntos.
- Tipo de actividade que se vai realizar: ata 1 punto.
- Vinculación da actividade cos estudos cursados: ata 1 punto.
- Centros ou institucións que se pretenden visitar: ata 1 punto.
- Adecuación da estadía cos obxectivos que se propoñen: ata 1 punto.
b) Valoración da actividade polo departamento, ata 2 puntos.
c) Número de alumnos do grupo, ata 1 punto.
- 10-12 alumnos: 0.5 puntos.
- 13-15 alumnos: 1 punto.
d) Lugar de destino, ata 1 punto.
- Estado Español: 0.5 puntos.
- Estranxeiro: 1 punto.
e) Adecuación da actividade á duración da viaxe, ata 1 punto.
f) Contar con invitación ou aceptación de centros ou institucións de destino segundo a programación, 1 punto.
2. Unha vez aplicados os criterios xerais de avaliación a contía da axuda será outorgada a cada membro do grupo de alumnos ao que lle foi concedida a subvención, aboándose unha cantidade de 45 euros por alumno e día, ata esgotar o orzamento.
Beneficiarios:
Poderán solicitar estas axudas grupos de estudantes dun mesmo centro universitario matriculados no último curso da mesma titulación.
Obrigas dos beneficiarios
1. O representante ou apoderado do grupo de estudantes será a persoa responsable ante a Secretaría Xeral de Universidades, asumindo a delegación que nel fan os compoñentes do grupo para a tramitación da axuda obxecto desta orde.
2. Os alumnos participantes do grupo comprométense a cumprir as obrigas seguintes:
a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da axuda, sen que caiba cambio ou modificación ningunha do obxecto e da finalidade para a que foi concedida. En calquera caso, toda incidencia que supoña modificación do programa inicial da actividade deberá ser autorizada pola Secretaría Xeral de Universidades.
b) Comunicar por escrito, á Secretaría Xeral de Universidades, a renuncia á axuda tan pronto como se produza a causa que determine dita renuncia.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes da calquera Administración ou ente público ou privado.
d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente.
3. Os beneficiarios farán constar, sempre que sexa posible, nas publicacións e materiais que se utilicen para a difusión das actividades subvencionadas a seguinte expresión «Co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia».
4. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro segundo o disposto no artigo 33 da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Requisitos:
1. Estar matriculados no derradeiro curso dos seus estudos universitarios de carácter oficial conducentes a un título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, mestre ou diplomado nalgunha das universidades do SUG.
2. Participar na realización dunha actividade formativa como compoñente dun grupo de 10 alumnos como mínimo e de 15 como máximo, cunha duración máxima da estadía de 7 días, incluídos os días da viaxe. No caso de que a duración total sexa superior só se concederá axuda polo período máximo de duración establecido nesta orde.
3. Cursar a mesma titulación todos os alumnos membros dese grupo e estar matriculados neste curso académico, polo menos, nunha materia coa que se relacione a actividade formativa proposta.
4. Elixir entre todos os membros do grupo a un representante ou apoderado único da agrupación, que será un alumno do grupo, que actuará como coordinador, e será o responsable do obxecto da axuda ante a Secretaría Xeral de Universidades.