Abril 2003
         
   

Cáliz

     
               
    Real Fábrica dePlatería de Martínez. Madrid
Prata sobredourada
1829
Alto 28cm., diámetro pé 12,5 cm., diámetro copa 7,4 cm.
Nº Inv: DX 168

 
    A creación da Real Fábrica de Platería suporá a introducción en España do método de fabricación industrial no ámbito da pratería e, consecuentemente, o progresivo declinar da concepción artesanal tradicional.As súas pezas acadarían unha ampla difusión, e os discípulos que pasaron pola súa Escuela espallarían a súa estética neoclásica e as súas renovacións técnicas por toda España.    
     
       


A Real Fábrica y Escuela de Platería foi fundada en Madrid, en 1778, polo orfebre aragonés Antonio Martínez Barrio, a figura más sobranceira da pratería hispana da segunda metade do século XVIII. Contou para elo coa axuda e protección do monarca Carlos III, quen lle concedeu un préstamo para viaxar a París e Londres co fin de perfeccionar a súa formación técnica, e de onde trae novedosas máquinas e instrumentos que sumar ós da súa propia invención, necesarios para o ensino dos seus discípulos. A intención final deste periplo era a de convencer da necesidade de establecer unha escola e fábrica de pratería en Madrid baixo patrocinio real, na mesma liña en que xa se fixera na época de Felipe V coa Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara ou coa Real Fábrica de Cristales de la Granja de San Ildefonso, e xa con Carlos III, dentro da súa política xeral de favorecer as máis diversas industrias artísticas, coa de Porcelana del Buen Retiro ou coa Real Escuela y Fábrica de Relojes, por citar tan só algunhas das máis coñecidas.

O establecemento de Manufacturas Reais –ben por iniciativa particular, amparada pola Coroa, ou por propia iniciativa Real- responde ó espíritu ilustrado da nova dinastía borbónica que pretende fomentar as artes decorativas en España, promover a industrialización do país para paliar o atraso tecnolóxico e modernizar a estructura económica da sociedade española. A remodelación e nova construcción dos Palacios e residencias reais que demandan para o seu amoblamento e ornato toda unha serie de obxectos suntuarios incluídos no amplo abano das artes decorativas, será tamén factor determinante, de aí a súa prioritaria instalación en Madrid ou nas súas veciñanzas.

A creación da Real Fábrica de Platería suporá a introducción en España do método de fabricación industrial no ámbito da pratería e, consecuentemente, o progresivo declinar da concepción artesanal tradicional, así como unha profunda transformación das antigas estructuras profesionais: os obradoiros. Hai que ter en conta que xunto á Real Fábrica instituiuse a Escuela que dirixía o propio Martínez, quen contaba coa facultade de examinar e conceder o título de mestre, que ata ese momento era outorgado únicamente nos Colexios ou Corporacións gremiais, o que nalgunha ocasión daría lugar a claros enfrontamentos entre eles.

No aspecto técnico, a introducción de maquinaria traerá tamén importantes innovacións, ó que se vén engadir un notable abaratamento do custo, unha meirande producción e un acabado máis perfecto das pezas, aínda que, como contrapartida, acusarase nas mesmas unha crecente estandarización e perda de personalidade.

As obras máis valoradas dentro da producción da Real Fábrica son, sen dúbida, as do período de Martínez, entre as que destacan as de carácter civil, con interesantes novidades tipolóxicas e un deseño das estructuras nunha liña netamente neoclásica, de tradición madrileña. Nas súas pezas, o elemento ornamental pasa a ser algo accesorio, predominando as liñas rectas e as superficies lisas enmarcadas por molduras perladas, que reflicten unha obra moi personal aínda que non faltan elementos que suxiren a influencia dos prateiros franceses e ingleses cos que tivo contacto.

Da Real Fábrica de Platería de Martínez conserva o Museo Arqueolóxico algunhas mostras, entre as que se encontra un cáliz que ingresou como depósito da Xunta de Galicia o 22 de febreiro de 1999 e que hoxe é obxecto da peza do mes.

Componse de pé circular con base cilíndrica e superficie lisa elevada no centro en forma troncocónica. O vástago comeza cunha serie de molduras -unha delas con decoración troquelada xeométrica-, que soportan un longo corpo cilíndrico ó que, mediante pequenos craviños, se aplican sete medallóns ovais que levan gravadas as iniciais B C P C E O M sobre fondo mate raiado. Dous corpos troncocónicos, cun baquetón gallonado entre eles, dan paso a un nó saínte, de forma cilíndrica adornado con sinxelas plaquiñas recortadas en forma de flor que se superpoñen unhas as outras. Segue un estreito gollete entre molduras, decorado por motivos ovais calados e coroado por un corpo convexo. A copa, de borde lixeiramente aberto, mostra na subcopa ornamentación de nubes sobrepostas.

As marcas que leva o cáliz, identifícano como obra madrileña, realizada en 1829 na Real Fábrica de Platería de Martínez. Os tres punzóns sitúanse no borde vertical do pé, dispostos horizontalmente, e son: escudo coroado co oso e o érbedo e outro con un castelo –contrastes oficiais da Vila e Corte de Madrid- ámbolos dous sobre 29, cifras finais do ano de execución do cáliz; o último dos punzóns é o de artífice, z/M, dentro dun selo bilobulado, marca que correspondeu nun primeiro momento ás obras realizadas polo propio obradoiro de Martínez, e que continuou utilizándose como identificativa da producción da Real Fábrica despois do seu falecemento en 1798.

O cáliz enmárcase dentro dos postulados estéticos da Escuela de Platería, destacando a pureza de liñas e a reducción dos motivos ornamentais a pequenos detalles da estructura e no que tan só as nubes da subcopa adquiren protagonismo decorativo.

A data de realización, 1829, remítenos ó período en que dirixe a fábrica Pablo Cabrero y Cosculluela (1818-1846), un militar de gran espíritu empresarial e comercial que ó casar coa filla de Martínez sitúa á fábrica nunha etapa caracterizada pola súa copiosa producción e difusión, aínda que se trata da época máis seriada e artisticamente máis pobre. Nesta época Fernando VII concede á Fábrica o título de “Platería de la Real Casa y Cámara de SS.MM”, confirmando a protección real que de antigo se lle dispensara.

Trala morte de Cabrero a fábrica é arrendada á Compañía General del Iris ata o seu cerre definitivo en 1876, tras un século de funcionamento. As pezas da Real Fábrica acadaron unha ampla difusión, e os discípulos que pasaron pola súa Escuela propagarían a súa estética neoclásica e as súas renovacións técnicas por toda España.