Setembro

         
 

Píxide de Ouvigo

     
             
Finais do século XIII
Cobre sobredourado con esmaltes “champlevé”
7 x ø 6 cm.
Nº de inventario: 4176



 
A píxide de Ouvigo, caixiña destinada para a reserva da Eucaristía ou para leva-lo viático ós moribundos, evócanos non só a existencia dunha igrexa de finais do século XIII, senón tamén a unhas xentes que demandaban uns oficios litúrxicos para o que estaban destinados estes obxectos.    
                 


O complexo xacemento paleocristián de Ouvigo, lugar do Concello de Os Blancos (Xinzo de Limia), foi descuberto e dado a coñecer polo Dr. D. Antonio Rodríguez Colmenero no transcurso do verán de 1971 ó ser delegado polo entón director do Museo Arqueolóxico, D. Jesús Ferro Couselo, para efectua-lo inventario artístico da Limia e a súa bisbarra. Notificado o achado, en 1972 efectúase unha primeira escavación de urxencia á que seguirán, dado o interese do xacemento, catro campañas máis que rematarán coa exhumación dunha necrópole e dunha edificación de factura, ó parecer do seu investigador, claramente romana. Construída probablemente a finais do século IV ou comezos do V, foi definida polo seu descubridor, dende un primeiro momento, coma un oratorio cristián de tipo rural, que pasaría dende as súas oríxes por distintas fases constructivas e de ocupación.

A primeira, realizada na segunda metade do século IV, comprende un edificio construído con materiais reaproveitados de edificacións anteriores. A súa planta presenta unha estructura dividida en dous ámbitos - ábsida e nártex - o que evidenciaría unhas funcións comunitarias cristiás. Asociados a estas estructuras e a outras posteriores exhumaranse tamén, nunha estratigrafía revolta e pouco clara, diversos materiais: teselas de mosaicos, estucos pintados de diversas épocas e numismas de difícil catalogación, polo que resulta arriscado chegar a conclusións definitivas sobre o seu uso.

Nun segundo momento, despois das invasións xermánicas, o edificio reconstruíuse de novo respectando a planta e os muros pero invertindo a orientación do mesmo. Esta construcción, segundo o seu investigador, permanecerá en pé ata as invasións do século VIII. Coincidindo co afán repoboador de Alfonso III constátase un novo pulo como o demostran a cerámica e as numerosas sepulturas, unha delas cunha lápida datada no 904. Por último coa nova época de paz, despois das invasións de Almanzor, o lugar restablecerá plenamente a súa función relixiosa. Sen moitas modificacións na súa estructura, a pequena iglesia, xa en plena etapa románica, tendrá unha gran actividade como o testemuñan as numerosas sepulturas desta época e os diversos obxectos litúrxicos, de datación segura, entre os que se atopa a píxide que hoxe presentamos.

Trátase dun coponciño ou píxide realizada en cobre dourado - tanto a superficie exterior como a interior estiveron chapadas en ouro como se percibe en pequenas zonas - decorada con esmalte escavado ou “champlevé” en pasta opaca de cor azul e branca. A caixiña de forma cilíndrica na súa parte inferior ten unha tapadeira cónica que se supón noutrora rematada por unha cruz, que hoxe lle falta. A tapadeira xúnguese ó corpo por un gonzo e o peche realízase por medio dun pasador que encaixa en dous tocóns furados. O seu esquema decorativo estructúrase en catro medallóns, dispostos dous a dous no corpo inferior e dous na parte da tapadeira. Cada un deles presenta no seu interior o anagrama IHS, cunha pequena cruz de brazos iguais ós pés, coroado por un signo parecido a unha omega. Obedece a unha tipoloxía moi común como o demostra a gran cantidade de pezas que se conservan en distintos museos e, ata o concilio Vaticano II, en non poucas igrexas rurais. As súas características formais e iconográficas coinciden cos programas e repertorios utilizados polos talleres de Limoges activos nun momento avanzado do seu período industrial. Estes talleres levarán a cabo multitude de exemplares de calidade desigual que se comercializarán por todo o occidente europeo, sobre todo polo, nesta época, transitado camiño de Santiago.

As píxides - por outros nomes copón ou ciborio son pequenas caixas destinadas a reservar e garda-la Eucaristía ou para leva-la comunión ós enfermos e moribundos. O seu interior adoitaba estar revestido dun pequeno corporal de liño que separaba as hostias as unhas das outras ó mesmo tempo que as protexía do contacto co metal.

A súa orixe remóntase ós primeiros tempos do cristianismo, pero é a partir de finais do século IX cando o seu uso se xeraliza. Por prescrición da Admonitio synodalis en tódalas igrexas deben terse sobre o altar as urnas coas reliquias dos Santos, o evanxeliario e a píxide co corpo do Señor para os enfermos. Foron precisamente os diferentes usos litúrxicos e os diversos tempos os que lle foron dando nomes distintos e adoptando formas diferentes sendo as máis comúns: a de vaso - caixa (pyxis) e a de copa (kiborion). A máis antiga é sen dúbida a primeira; pero dentro destas dúas formas xerais e comúns, adoptáronse en varios países formas especiais, como a pomba eucarística, recipiente de metal en forma de pomba que se abría por riba mediante unha tapa provista de bisagra. Colocábase sobre un prato e, cuberta cun velo, suspendíase do teito do ciborio ou baldaquino, ou diante do altar por medio dunha pequena ménsula de ferro. Das píxides en forma de pomba, non só abundan os textos que as mencionan, senón que aínda se conservan algúns exemplares moi notables, como as do legado Espona, as da colección Plaidura no Museo Nacional d’Art de Catalunya ou a que se conserva en Santo Domingo de Silos, todos eles estudiados magnificamente por Marie Madeleine Gauthier. Segundo López Ferreiro non son menos frecuentes os textos nos que se fala das píxides en forma de torre; nalgunhas partes asociáronse estas dúas clases de píxides para garda-lo Santísimo Sacramento, neste caso a torre viña ser como unha especie de Sagrario. En España e particularmente en Galicia, para reserva-lo Santísimo Sacramento adoptouse a forma máis sinxela de píxide, esto é, a dunha caixa circular con tapadeira cónica, da que a nosa peza resulta un bo exemplo. É raro que se faga mención de torre ou pomba, pero en cambio en tódolos inventarios das igrexas, a partir do século VIII ata o XIII, atopamos rexistradas caixas, de distintos materiais, algunhas das que indubidablemente debían estar destinadas a garda-la Eucaristía.