Xunta de Galicia

Consello Consultivo de Galicia

INSTITUCIÓNS  

Consello Consultivo de Galicia

  •  	  	Consello Consultivo de Galicia
    Consello Consultivo de Galicia

O Consello Consultivo de Galicia é un órgano consultivo, de carácter técnico xurídico, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, de Galicia, que está ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma, e que, ao igual que outros órganos semellantes existentes no noso país -Consejo de Estado ou consellos consultivos autonómicos-, ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas e, en xeral, pola observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico.

Para iso e a instancia das autoridades da Xunta de Galicia ou das corporacións locais, elabora ditames xurídicos na fase do procedemento inmediatamente anterior á toma de decisión por parte destas, e sobre a base dunha proposta que lle é sometida para o seu exame xurídico. O ditame pode ser confirmatorio ou contrario ao acto ou disposición que se pretende adoptar, segundo estes resulten ou non axustados a dereito.

O Consello goza de independencia no exercicio da súa función e en garantía desta e da súa obxectividade, está dotado por Lei de plena autonomía, orgánica e funcional respecto de calquera outro órgano da Administración.

Compoñen o Consello Consultivo de Galicia o pleno, o presidente, os conselleiros e o secretario xeral.
Integran o pleno cinco conselleiros, nomeados por decreto do presidente da Xunta, por un período de seis anos, podendo ser reelixidos unha soa vez e durante o seu mandato serán inamovibles.

O presidente do Consello Consultivo de Galicia será un dos conselleiros, elixido entre eles, en votación secreta e por maioría absoluta.

As seccións en número mínimo de dúas, estarán constituídas por tres conselleiros e presididas por un deles, nomeado polo pleno. Cada sección contará coa asistencia dun letrado que exercerá as funcións de secretario.

O secretario xeral elíxese polo Consello e noméase polo presidente entre os letrados en servizo activo pertencentes ao corpo creado polo artigo 21 da lei.

Ligazóns relacionadas