Xunta de Galicia

Consello da Cultura Galega

INSTITUCIÓNS  

Consello da Cultura Galega

  •  	  	Consello da Cultura Galega
    Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria: a súa existencia vén determinada polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Foi creado, conforme prevé o artigo 32 deste, por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e mais polo Regulamento desta, aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 237/2000, do 29 de setembro).

Cun carácter de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ó Consello compételle a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Esta institución ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e actúa con independencia respecto ós poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.

O Consello da Cultura Galega é un organismo que, lonxe de interferir coas institucións existentes (Xunta de Galicia, ou as representadas no seu Pleno), asume unha responsabilidade de grande trascendencia respecto do papel da cultura no futuro de Galicia.

O Consello ten como obxectivo a consideración da realidade cultural presente desde unha perspectiva integradora, para, unha vez coñecidos o seu panorama global e as súas características concretas, sometelo a unha rigorosa reflexión, de tensión prospectiva, marcando as liñas básicas que poden orienta-la necesaria acción integradora.

Na medida das súas posibilidades, o Consello tenta ofrecerlle ó país galego un esquema ben fundamentado das necesidades e das opcións con que conta para forxa-la plenitude da súa personalidade mediante a recuperación da cultura propia, aínda que aberta ó diálogo coas outras culturas da humanidade, e especialmente coas do noso contorno europeo e peninsular.

Entre as súas competencias están as do fomento da lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio que cada xeración debe arrequentar. Investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego, tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos tanto da cultura propia coma da universal.

Así mesmo debe analizar cantas cuestións se refiran ó patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ó seu estudio, á súa valorización e á súa difusión. Promover actuacións culturais adecuadas ós seus fins, tales como a organización de congresos, seminarios, conferencias ou exposicións, a creación de grupos de pescuda, reflexión ou debate, o establecemento de arquivos ou centros de documentación, a elaboración de estudios ou informes, ou a realización de publicacións.

Tamén o asesoramento e consulta-los poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén ás deputacións e concellos, e outras institucións; e levar ós poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.