Diario Oficial de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio Axuda / Preguntas máis frecuentes

Preguntas máis frecuentes

Axudas atopadas
Como e desde cando se garante a autenticidade do DOG dixital?

Para garantir a autenticidade, integridade e inalterabilidade do contido do DOG, a edición electrónica publicada na sede electrónica incorpora a sinatura dixital avanzada.

Esta sinatura inclúese por separado en cada unha das disposicións publicadas, o que permite asegurar a autenticidade dunha disposición concreta sen necesidade de descargar o diario completo.

A autenticidade do DOG dixital está garantida desde o 2 de maio de 2011, momento no que a edición impresa perdeu o seu carácter de oficial e auténtica a favor da edición electrónica.

Por que un documento electrónico asinado dixitalmente é inalterable?
O proceso de sinatura electrónica bloquea e conxela o contido dun documento, de tal xeito que calquera alteración del, por mínima que sexa, invalidará a sinatura electrónica incorporada.

O proceso de sinatura electrónica componse de dúas operacións:

1. Calcular un resumo dixital da lonxitude fixa (coñecido como hash) a partir do contido completo do documento.

2. Cifrar ese resumo coa clave privada correspondente ao certificado emisor. O resumo cifrado empaquétase co documento. O contido visible deste non se cifra, para que sexa lexible.

Para validar un documento asinado dixitalmente, é dicir, para confirmar que non foi alterado por ningunha causa desde que foi asinado, deberanse realizar tres operacións:

1. Calcular de novo o resumo (hash) a partir do contido do documento.

2. Descifrar o resumo incluído no documento mediante a clave pública contida no certificado do emisor.

3. Comparar os dous resumos. Se son iguais, significa que o documento non sufriu ningunha modificación desde que foi asinado, e, polo tanto, é valido. Se non son iguais, evidencia que se produciu unha alteración, polo que a sinatura quedaría invalidada automaticamente.

O método de cálculo dos resumos ten tres propiedades interesantes:

1. A súa lonxitude é sempre fixa, independentemente da lonxitude do documento resumido.

2. Unha alteración mínima no contido do documento produce unha gran variación no resumo.

3. O cálculo dun resumo no é unha operación simétrica: deste xeito, pódese calcular facilmente o resumo dun texto, pero é totalmente imposible reconstruír un a partir do resumo.

E, se é unha copia, como podo saber que é unha copia fidedigna?
Ademais dos mecanismos comentados anteriormente, cada páxina do DOG dixital leva impreso un código de verificación electrónica (CVE) que identificará cada anuncio, norma ou acto publicados, o que confire ao documento a consideración de copia fidedigna.

O CVE permitirá cotexar calquera páxina dunha copia coa publicación orixinal, para o cal será preciso:

1. Acceder ao DOG dixital na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Introducir o CVE que figura impreso na copia para acceder directamente ao orixinal.

3. Cotexar a copia co orixinal obtido mediante o CVE.