Diario Oficial de Galicia

Xunta de Galicia
Inicio Servizos do DOG / Instrucións para o pagamento de anuncios

Instrucións para o pagamento de anuncios

Pago Telemático de tasas

Obriga de pagamento da taxa por inserción de anuncios

Toda persoa física ou xurídica, pública ou privada, que precise inserir un anuncio no Diario Oficial de Galicia, deberá aboar previamente a taxa que establece a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. A contía fixada, para cada liña de 18 cíceros, é a seguinte:

  • Procedemento ordinario (IVE incluído): 5,42 euros
  • Procedemento urxente (IVE incluído): 10,82 euros

Forma de pagamento

Establécense tres modalidades

  • PRIMEIRA

    O pagamento realizarase, como sistema habitual, de forma telemática, a través da Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Facenda.

    Estes son os pasos que se deberán seguir:

    • Entrar na web da Xunta de Galicia
    • Entrar na Consellería de Facenda, Oficina Virtual Tributaria
    • Entrar en 'Taxas, prezos, multas e sancións' e dentro deste no enlace de 'Pagamento telemático de taxas e prezos' e completar o impreso 730, seleccionando:

      • Consellería: 04 Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
      • Servizo: 011 Diario Oficial de Galicia
      • Delegación: 13 Servizos centrais
      • Taxa: 325300 Anuncios no DOG

    Deberá remitirse unha fotocopia do xustificante de pagamento telemático da taxa ás oficinas do DOG, xunto cunha copia do anuncio remitido para publicación.

  • SEGUNDA

    Como sistema alternativo ao anterior, o anunciante pode dirixirse a calquera das oficinas de NovaCaixaGalicia, onde lle será subministrado o impreso de solicitude de inserción de anuncio (pagamento de taxas), ou ben solicitalo ás oficinas do Diario Oficial de Galicia (edificio administrativo San Caetano n° 1, 15781 Santiago de Compostela).

    Unha vez cuberto o impreso, aboarase a taxa do anuncio (valorada de maneira provisional polo/a propio/a anunciante interesado/a) en calquera das oficinas de NovaCaixaGalicia. Feito o aboamento, enviarase ao Negociado de Anuncios o exemplar para o Diario Oficial de Galicia da solicitude de inserción de anuncio no DOG, debidamente validado e selado pola oficina bancaria correspondente.

    O orixinal do texto do anuncio para publicar enviarase a través do procedemento telemático habilitado na sede electrónica do DOG.

  • TERCEIRA

    No caso da Administración Local, os concellos e as deputacións provinciais de Galicia poderán facer uso do portal Eidolocal para a remisión telemática dos anuncios que desexen publicar no DOG, sempre que estean incluídos no programa. Ao mesmo tempo, quedarán eximidos da obriga de remitir ás oficinas do Diario Oficial de Galicia o impreso de pagamento denominado Exemplar para o Diario Oficial de Galicia, debidamente validado e selado pola oficina de NovaCaixaGalicia correspondente, tal e como se especifica no primeiro parágrafo da 2ª destas instrucións para os anunciantes ordinarios.

Prazo de publicación dos anuncios

Os prazos de publicación para os anuncios urxentes comezarán a contar desde o momento en que teñan entrada telemática no DOG, facendo constar o número de pagamento, sempre que a súa validación poida ser comprobada na consulta de movementos DOG de NovaCaixaGalicia, tanto no suposto de que o pagamento se faga persoalmente como telematicamente (tamén só a través de NovaCaixaGalicia).

Valoración do importe do anuncio

Cómpre ter en conta que o anuncio (e, polo tanto, o que hai que valorar) consta de: a) Sumario (breve resumo do texto do anuncio), b) Texto do anuncio, c) Localidade e data, d) Nome do anunciante e e) Cargo do anunciante.

Os datos das letras c), d) e e) deberán expresarse en tres liñas diferentes.

A valoración pode realizarse de dous xeitos:

  • Automaticamente, desde a páxina do DOG, no enlace Cálculo automático da taxa de publicación
  • Contactando co Negociado de Anuncios do DOG, dalgunha das seguintes formas:
    • A través do correo electrónico taxadoga@xunta.es. O anunciante recibe contestación tamén por correo electrónico.
    • Excepcionalmente, mediante o envío dun fax (981544272) e chamada teléfonica (981544270).

Observacións

Se un mesmo texto debe ser inserido en varios días diferentes, o total que hai que pagar determinarase multiplicando, polo número de veces en que deba ser inserido cada anuncio, a taxa correspondente a cada inserción. Se se trata dun anuncio urxente ese total haberá que multiplicalo por dous.

Se o texto do anuncio xa está nas dependencias do DOG, pendente de publicación por non estar pagado ou por non ser correcta a súa valoración polo/a anunciante, este deberá facer constar no impreso de pagamento os datos necesarios para a súa identificación (número de anuncio, número de valoración, data do anuncio, número de expediente, se o ten, etc.).

No caso dos ANUNCIOS DE PAGAMENTO DIFERIDO ata a súa publicación (licitacións da Administración autonómica, etc.) o pagamento debe levar o número de inserción do anuncio ou ben, xunto co impreso, unha fotocopia da parte do DOG na que foi efectuada a publicación.