Xunta de Galicia

Inicio

DNI electrónico

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA  

DNI electrónico

O Documento Nacional de Identidade electrónico é o documento que acredita física e dixitalmente a identidade persoal do seu titular e permite a sinatura dixital de documentos.

A súa principal vantaxe é que, ademais de identificar a persoa usuaria ante terceiros, achega seguridade, rapidez, comodidade e a inmediata realización de trámites administrativos e comerciais a través de medios telemáticos.

O DNI electrónico permítenos levar a cabo unha comunicación telemática, xa sexa para intercambio de información, acceso a datos, compra por internet ou realización de trámites coas entidades financeiras e as administracións públicas. Igualmente, permite xestionar mellor o acceso ao espazo de traballo, ao ordenador persoal e á información que conteña.

O obxectivo é que o DNI dixital, que acreditará ao seu portador igual que o DNI convencional grazas á sinatura dixital, permita acceder no futuro a gran parte dos servizos que presta a Administración.

O chip criptográfico que contén o DNI electrónico ten a seguinte información en formato dixital:

Un certificado electrónico para autenticar a personalidade da persoa.
Un certificado electrónico para asinar electronicamente, coa mesma validez xurídica que a sinatura manuscrita.
Un certificado da autoridade de certificación emisora.
As claves para a súa utilización.
O modelo biométrico da impresión dactilar.
A fotografía dixitalizada da persoa.
A imaxe dixitalizada da sinatura manuscrita.
Os datos da filiación da persoa, correspondentes co contido personalizado na tarxeta.