Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 18 de xuño de 1996 Páx. 5.964

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/1996, do 6 de xuño, sobre o acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Estatuto de autonomía, no seu artigo 4.2, que reproduce o artigo 9.2 da Constitución española, establece que lles corresponde ós poderes públicos de Galicia promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remove-los obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación económica, cultural e social.

Todo isto de acordo co establecido no artigo 49 da Constitución española, que establece como un dos principios rectores da política social a integración e o amparo dos diminuídos físicos e sensoriais para desfrutaren dos dereitos que a propia Constitución lles outorga a tódolos cidadáns.

A presente lei pretende abordar un aspecto concreto da accesibilidade incorporando as axudas técnicas, mediante guías, como un medio para que as persoas con limitacións visuais poidan acceder ó contorno.

A disposición adicional primeira establece a obriga da Comunidade Autónoma de promover campañas para sensibiliza-la poboación e facilitar deste modo a adecuación da infraestructura social ás necesidades dos diminuídos, neste caso das persoas con diminución visual, total ou parcial.

No ámbito estatal, a materia regúlase no Real decreto do 7 de decembro de 1983 e na Orde da Presidencia do Goberno do 18 de xuño de 1985, pero é unha normativa insuficiente e que ademais carece de regulamentación do procedemento sancionador.

A inexistencia dun réxime sancionador específico na materia non lles garante ós deficientes visuais o acceso a lugares, transportes e espacios de uso público. Por isto a lei pretende consegui-lo seu obxectivo mediante un sistema sancionador que permita facer efectivo o exercicio dos dereitos.

A realidade da coexistencia da Administración do Estado, das administracións das comunidades autónomas e das das entidades locais con competencias exercidas sobre o mesmo territorio demanda unha simplificación do procedemento a prol de facilitarlles ós cidadáns o acceso ós servicios administrativos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, que por razón do seu nivel competencial asumiu a xestión

da materia de asistencia social, con esta lei pretende acercar ó cidadán os servicios de tal maneira que o exercicio dos seus dereitos poida levarse a cabo cunha maior efectividade. Para tal fin incluíuse a disposición adicional terceira, para que as corporacións locais, no ámbito das súas competencias, se adapten á lei.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei sobre o acceso ó contorno das persoas con deficiencia visual.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto da lei.

1.-A presente lei ten por obxecto garantirlles ós deficientes visuais que vaian acompañados de cans guía o acceso ós lugares, establecementos e transportes públicos ou de uso público no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido nos artigos seguintes.

2.-Os educadores das escolas especializadas no adestramento de cans guía a que fai referencia o artigo 2 da presente lei, en tanto se encontren realizando exercicios de adestramento previo, e igualmente cando se trate dos de adaptación final individual, terán os mesmos dereitos e obrigas fixados para os deficientes visuais.

3.-O exercicio do dereito de admisión queda limitado polas prescricións da presente lei.

Artigo 2.-Concepto de can guía.

Teñen a consideración de cans guía aqueles dos que se acredite que foron adestrados en escolas especializadas, nacionais ou estranxeiras, de coñecida solvencia e adquirisen as aptitudes precisas para o acompañamento, conducción e axuda dos deficientes visuais.

Artigo 3.-Acreditación.

1.-Para o exercicio dos dereitos establecidos na presente norma o usuario deberá acreditar:

a) Que o animal cumpre a condición de can guía de acordo co establecido no artigo anterior, para o cal se identificará por medio dun distintivo oficial que deberá levar en lugar visible. As condicións de outorgamento deste distintivo, así como os requisitos para a acreditación dos cans guía, desenvolveranse pola vía regulamentaria.

b) O cumprimento dos requisitos hixiénico-sanitarios que se establecen no artigo 4 da presente lei.

2.-Para os efectos do establecido no apartado anterior, a Xunta de Galicia pódelle encomendar a unha entidade pública ou privada a acreditación e identificación dos cans guía.

Artigo 4.-Requisitos hixiénico-sanitarios.

1.-Para obte-la condición de can guía será condición indispensable acreditar que o animal non padece ningunha enfermidade transmisible ó home, entendendo por tales as incluídas no cadro de antropozoonose vixente en cada momento.

En todo caso, o can guía deberá estar vacinado de rabia, con tratamento periódico de equinococose, exento de parásitos externos e dar resultado negativo ás probas de leishmaniase, leptospirose e brucelose.

Para acredita-la carencia de tales enfermidades será preciso o recoñocemento do can guía por veterinarios en exercicio, os cales expedirán a certificación correspondente.

Para mante-la condición de can guía será preciso un recoñecemento periódico cada seis meses, con resultado negativo, sobre os parásitos e as enfermidades a que se refire o parágrafo segundo deste artigo.

2.-Considéranse signos de enfermidade que impedirán o exercicio dos dereitos recoñecidos na presente norma, de acordo co que prescribe o artigo 5 dela, os seguintes:

-Signos febrís.

-Depilacións anormais.

-Deposicións diarreicas.

-Segregacións anormais.

-Sinais de parásitose cutáneos.

Artigo 5.-Obrigatoriedade do cumprimento das condicións esixidas ó can para o exercicio do dereito polo usuario.

1.-Non poderán exercitarse os dereitos establecidos na presente norma se o animal presenta signos de enfermidade de acordo co artigo 4.2, agresividade, falta de aseo ou, en xeral, presumible risco para as persoas.

2.-Nos lugares, establecementos e transportes previstos no artigo 6 da presente lei, os cans deberán permanecer xunto ó usuario debidamente suxeitos.

Artigo 6.-Determinación de lugares, establecementos e transportes públicos ou de uso público.

Para os efectos do sinalado no artigo 1, terán a consideración de:

a) Lugares e establecementos públicos ou de uso público:

-Os parques, xardíns e outros espacios de uso público.

-Os centros de lecer e tempo libre.

-As residencias, fogares e clubs para a atención á terceira idade, os centros de recuperación e de asistencia a minusválidos e mailos establecementos similares, sexan de titularidade pública ou privada.

-Os centros oficiais de toda índole e titularidade, dos que o seu acceso non se encontre vedado ó público en xeral.

-Os centros de ensino de tódolos niveis, públicos e privados.

-Os centros sanitarios e asistenciais públicos e privados, coa única excepción das zonas restrinxidas ó público en xeral.

-Os centros relixiosos.

-Os museos e as salas de exposicións e de conferencias.

-Os edificios e locais de uso público ou de atención ó público.

-Os hoteis, albergues, campamentos, bungalows, apartamentos, cidades de vacacións, balnearios, campings, parques de atraccións e zoolóxicos e os establecementos turísticos en xeral destinados a proporcionarlles, mediante prezo, habitación ou residencia ás persoas, así como os restaurantes, cafeterías e cantos establecementos sirvan ó público, mediante prezo, comida e bebidas, calquera que sexa a súa denominación, e calquera outro lugar aberto ó público no que se presten servicios directamente relacionados co turismo.

-Os espacios de uso xeral e público das estacións de autocar, de metro e de ferrocarril e dos aeroportos, paradas de vehículos lixeiros de transporte e portos, calquera que fose a súa titularidade.

b) Transportes públicos:

Calquera tipo de transporte colectivo que sexa público ou de uso público e os servicios urbanos e interurbanos de transportes de automóbiles lixeiros que sexan competencia das administracións galegas.

Artigo 7.-Gratuidade do acceso.

O acceso dos cans guía ós lugares sinalados no artigo anterior, nos termos establecidos na presente lei, non dará lugar a ningún gasto por este concepto para a persoa con diminución visual.

Capítulo II

Réxime sancionador

Artigo 8.-Infraccións.

O incumprimento do disposto nos artigos 1 e 7 constitúe infracción administrativa e débese sancionar de acordo co establecido no presente capítulo.

Artigo 9.-Clasificación das infraccións.

1.-As infraccións establecidas na presente lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2.-Constitúen infraccións leves:

a) O cobro de gastos en contravención do artigo 7.

b) Tódalas conductas que, sen infrinxiren os dereitos recoñecidos na presente lei, dificulten o seu exercicio.

3.-É infracción grave o incumprimento do disposto no artigo 1 en canto ós lugares, aloxamentos, establecementos, locais e transportes de uso público.

4.-É infracción moi grave a reincidencia e a reiteración en infraccións graves.

Artigo 10.-Procedemento.

En canto á tramitación e resolución dos expedientes sancionadores polas infraccións establecidas na presente lei, é aplicable o disposto na lexislación vixente en materia de procedemento administrativo sancionador.

Artigo 11.-Responsabilidade.

Son responsables solidariamente das infraccións as persoas que organicen ou exploten realmente as actividades ou os establecementos e as persoas titulares da correspondente licencia ou, se é o caso, a entidade pública ou privada titular do servicio.

Artigo 12.-Órganos competentes.

1.-A incoación e a resolución dos expedientes sancionadores correspóndenlles ós concellos nos que tivese lugar a infracción dentro do seu ámbito territorial.

2.-Na resolución dos expedientes sancionadores teranse en conta os informes que, con carácter de preceptivos e non vinculantes, poden emiti-los distintos departamentos afectados en razón da materia.

3.-A Comunidade Autónoma poderá subrogarse na dita potestade sancionadora por pedimento do interesado cando o órgano municipal competente non adoptase acordo de incoación do expediente sancionador no prazo de tres meses, contados desde a data de presentación da denuncia, ou non dictase resolución no prazo de seis meses, contados desde a mesma data.

Artigo 13.-Sancións.

1.-As infraccións leves sanciónanse cunha multa de ata 50.000 ptas.

2.-As infraccións graves sanciónanse cunha multa de 50.001 a 500.000 ptas.

3.-As infraccións moi graves sanciónanse cunha multa de 500.001 a 2.000.0000 de ptas.

Artigo 14.-Prescrición.

As infraccións administrativas establecidas na presente lei prescriben:

a) As leves, ós seis meses de seren cometidas.

b) As graves, ó ano de seren cometidas.

c) As moi graves, ós dous anos de seren cometidas.

Disposicións adicionais

Primeira.

1.-O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá e levará a cabo campañas informativas e educativas dirixidas á poboación en xeral

para sensibilizala no referente ás persoas con diminución visual, total ou parcial, acompañadas de cans guía, para que a súa integración sexa real e efectiva.

2.-O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia pode actualizar por decreto os máximos das sancións pecuniarias establecidos no artigo 13.

Segunda.

Facúltase a Xunta para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a execución e aplicación da presente lei.

Terceira.

As corporacións locais, no ámbito das súas respectivas competencias, adaptarán as súas ordenanzas municipais sobre a materia ás normas contidas na presente lei no prazo de tres meses, contados a partir da entrada en vigor dela.

Santiago de Compostela, seis de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

948