Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 29 de novembro de 1996 Páx. 10.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 1996 pola que se autoriza o alleamento mediante permuta dunha parcela, propiedade da comunidade autónoma sita en San Xulián de Veiga, termo municipal da Pobra de Brollón (lugo), por outra propiedade de Luis Rodríguez Menéndez e Marina Gallego Vega.

Luis Rodríguez Menéndez e Marina Gallego Vega solicitaron a permuta dun predio da súa propiedade sito no termo municipal da Pobra de Brollón por outra propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3424/1983, do 28 de decembro, sobre traspaso de funcións e servicios en materia de investigacións agrarias.

Unha vez acreditada a conveniencia e o valor económico da operación tramitouse, segundo o disposto nos artigos 77 e seguintes do regulamento da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o correspondente expediente de permuta pola Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo da desafectación do dominio público do ben obxecto da permuta mediante o Decreto 148/1996, do 17 de abril (DOG nº 83, do 27 de abril).

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e da Intervención Xeral, de conformidade co establecido no artigo 25 (modificado por Decreto 207/1994, do 30 de xuño) da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 77 e seguintes do seu regulamento e o artigo 4.1.c do Decreto 117/1994, do 4 de marzo,

DISPOÑO:

Primeiro

1. Acórdase a permuta dunha parcela propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia por outra propiedade de Luis Rodríguez Menéndez e Marina Gallego Vega que se describen a continuación:

a) Por parte da Comunidade Autónoma de Galicia: parcela A Mina sita en San Xulián de Veiga, termo municipal da Pobra de Brollón (Lugo), integrada no predio Granxa Robles, cunha extensión superficial dunha hectárea cincuenta e unha áreas e vinte centiáreas, igual a trinta ferrados, sete cuartais e un e medio cuartillos. Linda: ó norte, con predios

de Antonio Fernández, camiño de servidume e muro en medio; o muro, coas árbores que ten, mediuse; Saturnino González Macía, e co río Cabe onde ten a súa ribeira, sendeiro público e muro en medio, que non se mediron; ó sur, con camiño veciñal, muro en medio; ó leste, con predios dos herdeiros de Fernando Ballesteros, Clemente Enríquez e outros; ó oeste, con predios de Clemente Menéndez e de Saturnino González, muro deste predio no medio, que non se mediu, segundo a de Clemente.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade de Quiroga no tomo 193, libro 81, folio 43, predio 6.479, inscrición 3ª.

Perténcelle á Comunidade Autónoma en virtude do Real decreto 3424/1983, do 28 de decembro, sobre traspaso de funcións e servicios en materia de investigacións agrarias.

b) Por Luis Rodríguez Menéndez e Marina Gallego Vega: parcela denominada Cortiña de Picais, dunha superficie aproximada de trinta e dous ferrados, equivalente a unha hectárea, cincuenta e seis áreas e corenta e oito centiáreas. Linda: norte e oeste, camiño público; ó sur, co río Picarrejo; ó leste, con camiño que divide ou separa esta sección que se está describindo das seccións coñecidas por Cortiña de Lebrón e Angueiro, que formaron parte do predio matriz de que se segregou o que se está dividindo.

Atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Quiroga (Lugo) no tomo 190, libro 79, folio 46 vto., predio 6.637, inscrición 3ª.

2. Ó considerarse igual o valor dos predios que se van permutar, os contratantes non teñen que aboarse entre si cantidade ningunha.

Segundo.-Tódolos gastos e impostos derivados da formalización en escritura pública da permuta repartiranse por partes iguais.

Terceiro.-A Secretaría Xeral e do Patrimonio realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1996.

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio

8904