Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 1997 Páx. 2.527

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 56/1997, do 6 de marzo, polo que se crea a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Un dos principais obxectivos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia é dota-lo seu territorio dunha ampla rede de infraestructuras coa finalidade de supera-lo histórico atraso e deixar atrás as carencias neste ámbito.A conveniencia de coordina-los intereses públicos coas iniciativas privadas e a importancia de impulsa-la realización de investimentos públicos xustifican a busca de novas fórmulas de xestión e financiamento. Neste marco xorde a idea de crear unha entidade capaz de converterse nun órgano xestor dos recursos destinados a infraestructuras de titularidade da Xunta de Galicia, que se plasmou na disposición adicional décimo segunda da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

De acordo coa citada disposición adicional, esta entidade con personalidade xurídica e patrimonio propio, adoptará a forma dunha sociedade anónima promovida pola Comunidade Autónoma de Galicia por iniciativa do conselleiro de Economía e Facenda que, baixo a denominación Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., asuma a responsabilidade de proxectar, construír, conservar, explotar e promocionar, por ela mesma ou por terceiras persoas, actuando por encargo do Consello da Xunta de Galicia, en nome e por conta propia ou en nome propio e por conta da Xunta de Galicia, segundo os termos dos encargos e os mandatos de actuación, toda clase de infraestructuras que a Xunta de Galicia promova ou participe, e tamén os servicios que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestructuras. Nas súas actuacións deberá respecta-los principios de publicidade e concorrencia propios da contratación administrativa.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; así como nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e o regulamento que a desenvolve, de acordo igualmente co Real decreto lei 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, e en execución do disposto na disposición adicional décimo segunda da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo

de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, ó abeiro do artigo 55.2º do Estatuto de autonomía, e de conformidade co previsto no artigo 45.1º e 3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Artigo 2º

O capital fundacional subscrito e desembolsado integramente pola Comunidade Autónoma de Galicia cífrase en cincocentos millóns de pesetas (500.000.000 de pesetas).

Artigo 3º

Apróbanse os estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto e para a realización de tódolos actos precisos para a constitución da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

1971