Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 12 de setembro de 1997 Páx. 9.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 243/1997, do 25 de agosto, polo que se crea o Instituto Universitario de Acuicultura na Universidade de Santiago de Compostela e os institutos universitarios de Xeoloxía, Estudios Europeos e Medio Ambiente na Universidade da Coruña.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. O sistema universitario de Galicia experimentou unha expansión moi grande, quedando a cuberto dos principios establecidos pola LOSUG para a planificación universitaria dos campus.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da consolidación da calidade, atendendo expresamente os problemas derivados da definición específica de cada campus: directrices de consolidación de calidade e de crecemento de cara á súa propia identificación de perfil académico, á complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas, á complementariedade de ciencias e humanidades e ó avance no perfil académico de acordo cos principios de programación da LOSUG.

A este obxectivo contribúen a creación do Instituto Universitario de Acuicultura no Campus de Santiago de Compostela na Universidade de Santiago de Compostela, e os institutos universitarios de Xeoloxía,

Estudios Europeos e Medio Ambiente no Campus da Coruña na Universidade da Coruña, de xeito que se configuran como centros de investigación, docencia, asesoramento e difusión da información nas áreas científicas e técnicas relacionadas coa promoción e desenvolvemento dos seus respectivos ámbitos.

Por todo isto, en aplicación do artigo 10.2º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, por proposta do Consello Social da Universidade, co informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro), logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acórdase a creación do Instituto Universitario de Acuicultura na Universidade de Santiago de Compostela, no seu Campus de Santiago de Compostela.

2. O Instituto Universitario de Acuicultura rexerase, no que respecta ás súas actividades, pola Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2º

1. Acórdase a creación do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, do Instituto Universitario de Medio Ambiente e do Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga na Universidade da Coruña, no seu Campus da Coruña.

2. Os institutos universitarios de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Estudios Europeos Salvador de Madariaga e do Medio Ambiente rexeranse, no que respecta ás súas actividades, pola Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e polos estatutos da Universidade da Coruña.

Artigo 3º

Para os efectos de adscrición de persoal e vixencia das actividades destes institutos universitarios rexerá o establecido nas normas estatutarias da respectiva universidade, segundo dispón a Lei 11/1983, de reforma universitaria, e no regulamento de réxime interno dos citados institutos universitarios, que deberá axustarse ó establecido para este tipo de centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 1997.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

5600