Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 1997 Páx. 12.181

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de decembro de 1997 pola que se crean e regulan as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

A necesidade de que exista unha canle institucional de cooperación entre a Administración educativa e os centros docentes dependentes dela, aconsellan o establecemento dun órgano consultivo e asesor dos/as delegados/as provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que permita a participación e a colaboración dos centros, a través dos seus directores, en diversas decisións que deberá adoptar esta Administración educativa nas materias que os afecten.

Nesa liña, a Orde do 23 de xuño de 1988 (DOG do 12 de xullo) regulou as xuntas provinciais de directores de institutos de bacharelato, a Orde do 24 de xuño de 1988 (DOG do 12 de xullo), modificada pola Orde do 3 de xullo de 1990 (DOG do 27 de xullo), regulou a comisión permanente de directores dos institutos de bacharelato, a Orde do 22 de decembro de 1983 (DOG do 11 de xaneiro de 1984) regulou as xuntas provinciais de directores de institutos de formación profesional e a Orde do 22 do decembro de 1983 (DOG do 11 de xaneiro) regulou a comisión permanente de directores de institutos de formación profesional.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, reestructurou o sistema educativo establecendo cambios nos niveis e ciclos de ensino e, en consecuencia, determinando novos modelos de centros educativos para a súa impartición; centros cunha denominación e competencias distintas ás dos anteriores institutos de bacharelato e institutos de formación profesional. Esta nova situación estructural leva consigo a necesidade de renova-las citadas ordes e amplia-lo seu ámbito de aplicación a outros centros educativos.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En cada provincia créase e regúlase a xunta provincial de directores/as de centros públicos de ensino non universitario, que servirá como canle institucional de participación e colaboración en materia educativa e que terá como función específica o asesoramento naquelas decisións da Administración educativa que incidan nos aspectos organizativos e nos de funcionamento de tales centros, sempre que non interfiran nas competencias atribuídas regulamentariamente a outros órganos.

Artigo 2º

As xuntas provinciais estarán integradas polo delegado/a provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a, dous inspectores/as de Educación, e como vocais os directores/as de centros públicos de ensino non universitario da provincia que resulten elixidos/as, no número que se establece no apartado primeiro desta orde. Actuará como secretario/a, sen voz nin voto, un funcionario/a da delegación provincial.

Poderán participar, con voz e sen voto, nas xuntas provinciais os inspectores/as de Educación da provincia, a requirimento do delegado/a provincial.

Artigo 3º

As reunións desta xunta celebraranse cando as convoque o delegado/a, debendo reunirse necesariamente dúas veces en cada curso académico.

Artigo 4º

O número de directores/as que formarán parte das respectivas xuntas provinciais será o seguinte:

-Dous directores de institutos de ensino secundario/ensinanzas de réxime especial por cada un dos sectores de Inspección de que consta cada provincia, elixidos por e entre o colectivo de directores de centros de ensino secundario/réxime especial que conforman o sector, nas datas que determinen os delegados/as provinciais.

-Dous directores de colexios de E. infantil e primaria/colexios de educación primaria/escolas de E. infantil/educación especial/educación permanente de adultos, por cada un dos sectores de Inspección de que consta cada provincia, elixidos polo e entre o colectivo de directores de centros destes niveis/modalidades que conforman o sector, nas datas que determinen os delegados/as provinciais.

O procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos directores/as na xunta provincial respectiva, determinarase mediante resolución da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Disposición derragotoria

Quedan derrogadas as ordes do 22 de decembro de 1983 (DOG do 11 de xaneiro de 1984), pola que se crean as xuntas provinciais de directores de institutos de formación profesional e pola que se crea a comisión permanente das xuntas provinciais de institutos de formación profesional respectivamente; a Orde do 23 de xuño de 1988 (DOG do 12 de xullo) pola que se regulan a xuntas provinciais de directores de institutos de bacharelato e a Orde do 24 de xuño de 1988 (DOG do 12 de xullo) pola que se regulan as comisións permanentes das xuntas provinciais de directores de institutos de bacharelato, modificada pola Orde do 3 de xullo de 1990 (DOG do 27).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-los actos e resolucións precisos para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

10165