Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 22 de decembro de 1997 Páx. 12.321

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de novembro de 1997 pola que se regulan os requisitos que deben posuí-los profesores dos centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia para imparti-la área de lingua galega e literatura e as materias optativas da educación secundaria obrigatoria e bacharelato; determínanse os coñecementos necesarios de lingua galega dos profesores e o procedemento de habilitación para exerce-la docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Os artigos 10 e 16 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establecen que a educación infantil e primaria serán impartidas por mestres coa especialización correspondente e que, no primeiro ciclo da educación infantil, os centros disporán así mesmo doutros profesionais coa debida cualificación para a atención educativa apropiada ós nenos desta idade. Así mesmo, nos artigos 24 e 28 determínase que a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato serán impartidos por licenciados, enxeñeiros e arquitectos ou por quen posúa titulación equivalente para efectos de docencia e, ademais, deberán estar en posesión dun título profesional de especialización didáctica que se obterá mediante a realización dun curso de cualificación pedagóxica.

Por outra banda, a disposición transitoria oitava da citada Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro e, relacionada con ela, a disposición transitoria novena do Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias, establecen que o disposto na lei e real decreto mencionados sobre requisitos de titulación para a impartición dos distintos niveis educativos non afectará o profesorado que estea prestando os seus servicios en centros docentes privados en virtude do disposto na lexislación actual en relación coas prazas que se atopen ocupando, se ben, conforme se vaian implantando as ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, as prazas vacantes deberán cubrirse con profesores que reúnan os requisitos establecidos.

Ó abeiro da disposición transitoria décima do Real decreto 1004/1991, do 24 de xuño (modificación introducida polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo), dictouse a Orde do 11 de outubro de 1994 (BOE do 19) que establece as titulacións mínimas que deben posuí-los profesores dos centros privados de educación infantil e primaria e a Orde do 24 de xullo de 1995 (BOE do 4 de agosto), que regula as titulacións mínimas que deben posuí-los profesores dos centros privados de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Cómpre, pois, dicta-las oportunas disposicións para complementa-las ordes citadas establecendo

o nivel de coñecementos necesarios de lingua galega para exerce-la docencia nos niveis de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación secundaria postobrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e para determina-las titulacións requiridas para imparti-la área de lingua galega e literatura tanto da educación secundaria obrigatoria coma do bacharelato, así como as titulacións requiridas para imparti-las materias optativas de ámbalas dúas etapas recollidas nos respectivos catálogos de materias optativas da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outro lado, é necesario tamén establece-lo procedemento que permita ó profesorado obte-la certificación de habilitación para desempeñar postos de traballo nos citados niveis educativos.

Por todo isto, e en virtude do disposto no punto vixésimo da Orde do 11 de outubro de 1994 e nos puntos quinto, décimo e décimo cuarto da Orde do 24 de xullo de 1995.

DISPOÑO:

Primeiro.

Regúlanse os requisitos que deben posuí-los profesores de centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia para imparti-la área de lingua galega e literatura e as materias optativas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato; determínanse os coñecementos necesarios de lingua galega dos profesores e o procedemento de habilitación para exerce-la docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Segundo.

Deberán solicita-la habilitación para exerce-la docencia nos centros privados tódolos profesores, agás os que reúnan os requisitos de titulación do anexo I.

Terceiro.

Os profesores para seren habilitados, seren reúnen os requisitos previstos na Orde do 11 de outubro de 1994, na Orde do 24 de xullo de 1995 ou na presente orde, deberán segui-lo procedemento establecido nesta disposición.

Cuarto.

Os profesores para exerce-la docencia nos centros pertencentes ó ámbito de aplicación desta orde deberán ter superado, co fin de facer efectivo o disposto no Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15), polo que se desenvolve a Lei 3/1983 de normalización lingüística, o curso de perfeccionamento de lingua galega ou outros estudios declarados equivalentes pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto.

1. As titulacións requiridas para imparti-la área de lingua galega e literatura da educación secundaria obrigatoria e no bacharelato serán as que se recollen no anexo II e anexo III desta orde.

2. As titulacións requiridas para imparti-las materias optativas da educación secundaria obrigatoria e bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo Orde do 1 de febreiro de 1995 (DOG do 30 de marzo), Orde do 30 de abril de 1996 (DOG do 29 de maio) e Orde do 2 de maio de 1996 (DOG do 30), serán as que se recollen para cada unha delas no anexo IV desta orde.

Sexto.

1. Ademais dos profesores ós que se refire o punto quinto e os anexos II e III desta orde poderán imparti-la área de lingua galega no primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria os mestres, e/ou outros profesores que reúnan os requisitos establecidos no anexo V desta orde, sempre que comezasen a imparti-lo dito ciclo antes de finaliza-lo ano 1997.

2. Ademais dos profesores ós que se refire o punto quinto e o anexo IV desta orde poderán impartir, no primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria as materias optativas que se indican, os mestres e outros profesores que reúnan os requisitos establecidos no anexo VI desta orde, sempre que comezasen a imparti-lo dito ciclo antes de finaliza-lo ano 1997.

Sétimo.

Os profesores dos centros privados que na actualidade están a impartir ensinanzas do bacharelato unificado polivalente, do curso de orientación universitaria e da formación profesional de primeiro e/ou segundo grao que posúan a titulación requirida no seu momento para imparti-las materias das citadas ensinanzas, poderán imparti-las áreas e materias da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato de acordo coa correspondencia que se recolle nos anexos VII e VIII desta orde.

Oitavo.

Os profesores dos centros privados que impartan actualmente materias de bacharelato ou formación profesional de primeiro ou de segundo grao relacionadas no anexo IX poderán imparti-las materias optativas na ESO e no bacharelato, segundo a correspondencia que no dito anexo se establece, sempre que:

a) Posúan a titulación requirida no seu momento para imparti-las referidas materias.

b) Acrediten dous cursos completos de docencia nas citadas materias.

Estes profesores soamente poderán impartir docencia no centro no que se atopen exercendo á entrada en vigor da presente orde.

Noveno.

1. Os profesores formalizarán a solicitude da súa habilitación en instancia axustada ó modelo recollido no anexo X desta orde.

2. A solicitude presentarase na Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependa o centro docente privado no que presta servicios o solicitante.

3. Xunto coa solicitude os interesados presentarán a documentación acreditativa pertinente.

4. A acreditación dos requisitos farase a través da presentación das fotocopias compulsadas dos correspondentes títulos, diplomas ou certificacións ou, de se-lo caso, fotocopia da folla do Boletín Oficial del Estado, Diario Oficial de Galicia, ou de diarios oficiais de comunidades autónomas con competencias en materia educativa.

5. A acreditación de formación suficiente, requirida para a habilitación nalgunhas áreas, materias ou especialidades lograrase mediante algún dos seguintes procedementos:

a) Certificación académica persoal que deberá acreditar que o interesado superou a materia que pretende impartir, cando menos, dous cursos académicos completos, nos estudios conducentes á obtención dun título universitario dos pertencentes ó catálogo oficial de títulos universitarios, recollido no Real decreto 1954/1994, reais decretos que o modifican, e ós homologados que nel se expresen.

b) Experiencia docente na materia que se pretende impartir. Esta experiencia poderá acreditarse a través do documento de organización do centro, das actas de avaliación asinadas polo profesor ou mediante certificación asinada polo director do centro, visada pola Inspección de Educación.

c) Actividades de formación que deberán ser certificadas pola Administración educativa competente, sendo cando menos dun mínimo de 100 horas na área ou materia que se pretende impartir.

Décimo.

1. As solicitudes de habilitación presentaranse no mes de xuño ante a Delegación provincial de Educación e Ordenación Universitaria.

2. En cada delegación provincial constituirase unha comisión de habilitación, designada polo delegado provincial correspondente e que estará composta por un inspector de educación, que a presidirá, e por tres funcionarios, designados todos eles polo delegado. Ás sesións da comisión poderá asistir, con voz e sen voto, un representante designado polos sindicatos do ensino privado e un representante designado polas organizacións patronais, en ámbolos dous casos, con representación nesta Comunidade Autónoma. As organizacións antes citadas comunicaranlle formalmente, con sete días de antelación á constitución da comisión, ó delegado provincial correspondente o nome do seu representante.

3. As comisións de habilitación constituiranse na última semana do mes de xuño.

4. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria verificarán que os solicitantes achegan a documentación esixida e someterán as solicitudes ás comisións provinciais na primeira semana de xullo.

5. Na última semana do mes de xullo as comisións provinciais farán público no taboleiro de anuncios da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os listados provisionais de habilitación e, nos casos en que proceda, indicarase a causa pola que se denega o recoñecemento de habilitación, para que os afectados, nun prazo de 15 días, poidan alega-lo que consideren procedente no seu dereito.

6. Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a comisión provincial elevaralle ó delegado a proposta que proceda. A resolución do delegado publicarase no taboleiro de anuncios da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na primeira semana de setembro; no caso de resultar denegatoria, deberá ser motivada. Contra esta resolución denegatoria poderase interpor recurso ordinario no prazo dun mes perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. A resolución do conselleiro esgota a vía administrativa e poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción do contencioso administrativo.

Décimo primeiro.

Os delegados provinciais expedirán certificacións individualizadas a cada profesor, de acordo co modelo do anexo XI ou anexo XII, segundo corresponda.

Décimo segundo.

Os membros das comisións terán dereito a percibir asistencias de axuda de custos por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño). Para tal efecto as comisións consideraranse incluídas na categoría segunda.

Décimo terceiro.

A Inspección educativa velará polo cumprimento desta orde e solicitará dos centros a documentación que considere necesaria co fin de constata-la efectiva observancia desta.

Disposición adicional

O Real decreto 1692/1995, do 20 de outubro, (BOE do 9 de novembro), regulador do título profesional de especialización didáctica, establece na súa disposición adicional quinta que a esixencia do dito título non afectará ó profesorado que xa estivese prestando servicios en centros privados autorizados en relación coas prazas que viñan ocupando. Non obstante, as vacantes que se produzan a partir da entrada en vigor do dito real decreto serán ocupadas por profesorado que cumpra as esixencias de especialización didáctica que nel se establecen.

A experiencia docente será recoñecida como equivalente ó título profesional de especialización didáctica, sempre que fose desenvolta no mesmo nivel educativo ou equivalente ó que se opta, e durante dous cursos académicos completos ininterrompidamente. A dita experiencia será acumulativa nos distintos centros públicos e privados autorizados.

En todo caso, o certificado de aptitude pedagóxica (CAP) expedido polos institutos de Ciencias de Educación será equivalente ó título de especialización didáctica regulado polo real decreto citado.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Os profesores que, á entrada en vigor da presente orde, estean desempeñando postos de traballo nos centros privados e non teñan superados os cursos de formación previstos no punto cuarto desta orde, disporán ata o 31 de agosto do ano 2000 para a realización destes.

2. A partir da entrada en vigor da presente orde, os profesores que non reunindo os requisitos de formación previstos no punto cuarto se incorporen a un posto de traballo en centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia, disporán de dous anos, desde a súa incorporación, para acredita-la formación necesaria en lingua galega.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para facer efectivo o establecido nos dous apartados anteriores, convocará os cursos de formación que considere necesarios.

Segunda.

Os profesores ós que fai referencia o apartado 1 do punto sexto, se non posuísen a especialidade prevista no anexo V, disporán dun prazo tres anos, a partir da entrada en vigor desta orde, para obtela. Durante este período poderán continuar impartindo lingua galega e literatura no primeiro ciclo da ESO.

Terceira.

Establécese con carácter excepcional e único un proceso de habilitación de acordo co seguinte calendario:

a) Presentación de solicitudes: mes de xaneiro de 1998.

b) Constitución da comisión: última semana de xaneiro.

c) Publicación de listados provisionais de habilitación: 27 de marzo.

d) Resolución definitiva: 30 de abril.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

1) Non será necesario solicitar certificación de habilitación para acredita-la formación á que se fai referencia no punto cuarto da presente orde.

2) Titulacións que non terán que solicitar certificación de habilitación:

a) Orde do 11 de outubro de 1994 (BOE do 19):

EspecialidadeTitulación

Primeiro ciclo de educación infantil-Técnico superior en educación infantil

-Técnico especialista educador infantil ou xardín de infancia

Primeiro e segundo ciclo de educación infantil-Mestre coa especialidade de educación infantil

-Profesor de EXB coa especialidade de preescolar

Educación primariaMestre, profesor de EXB e mestre de ensino primario

MúsicaMestre coa especialidade de educación musical

Educación físicaMestre coa especialidade de educación física

Lingua estranxeira (francés, inglés)Título de mestre ou profesor de EXB coa especialidade correspondente

Pedagoxía terapéuticaMestre coa especialidade en educación especial

Audición e linguaxeMestre coa especialidade en audición e linguaxe

b) Orde do 24 de xullo de 1995 (BOE do 4 de agosto): titulacións mencionadas nos anexos e apartados da citada orde relacionados a continuación:

AnexoÁrea ou materiaTitulación

ICiencias sociais, xeografía e historiaApartado 1

Lingua castelá e literaturaApartado 1

Linguas estranxeirasLicenciado en filoloxía da lingua de que

se trate

MatemáticasApartados 1, 2 e 3

Ciencias da naturezaApartado 1

Educación plástica e visualApartados 1 e 2

Educación físicaApartado 1

MúsicaApartados 1 e 3

TecnoloxíaApartados 1, 2 e 3

IIXeografía e historiaApartado único

Historia do mundo contemporáneoApartado único

Historia da arteApartado único

Filosofía. Historia da filosofíaApartado 1

Latín. Grego, cultura clásica (ESO)Apartado 1

Lingua castelá e literaturaApartado único

Linguas estranxeirasApartado único

Educación físicaApartado único

Bioloxía, xeoloxía, ciencias da terra e do medio ambienteApartados 1 e 2

BioloxíaApartados 1 e 2

XeoloxíaApartados 1 e 2

Física e químicaApartados 1 e 2

FísicaApartados 1 e 2

QuímicaApartados 1 e 2

MatemáticasApartado único

Debuxo artístico, técnicas de expresión gráfico-plásticas. Fundamentos

de deseño. Volume

Apartado único

Debuxo técnicoApartado único

ImaxeApartados 1 e 2

Electrónica. Mecánica. Tecnoloxía industrialApartados 1 e 2

Economía. Economía e organización de empresasApartados 1 e 2

c) Para lingua galega e literatura, da ESO e do bacharelato, non terán que solicitar habilitación os licenciados en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués).

ANEXO II

Titulacións para imparti-la área de lingua galega e literatura na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato

1. Licenciado en Filoloxía Galega e Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués).

2. Calquera titulación universitaria superior e acreditación de ter cursado un ciclo dos estudios conducentes á obtención dos títulos do apartado anterior.

ANEXO III

Titulacións dos profesores de formación profesional e BUP-COU para imparti-la lingua galega na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato

Os profesores que, á entrada en vigor desta orde, estivesen impartindo as materias de lingua galega, literatura galega e lingua e literatura galega en centros autorizados para ensinanzas de BUP-COU ou FP da Lei 14/1970, e non posúan a titulación prevista no anexo II desta orde, poderán continuar impartindo esta materia na ESO e no bacharelato se teñen titulación universitaria superior da área de humanidades ou da área de ciencias sociais ou xurídicas e acrediten formación suficiente na materia ou ben acrediten que contan con autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para imparti-las ditas materias.

ANEXO IV

Titulacións para imparti-las materias optativas da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato

ESOBacharelatoTitulación

Ciencias medioambientais e da saúde-As mesmas que para impartir ciencias da natureza.

-Licenciado en medicina.

Técnicas de expresión escrita. Taller de comunicación oral.Lit. galega do século XXAs mesmas que para imparti-la área de lingua galega e literatura.

Literatura universal contemporánea. Literaturas hispánicasAs mesmas que para imparti-la área de lingua galega e literatura.

As mesmas que para imparti-la área de lingua castelá e literatura.

Iniciación profesional á electricidade e á electrónica. Iniciación profesional marítima. Iniciación profesional á mecánica. Iniciación profesional á tecnoloxía informática.

As mesmas que para imparti-la área de tecnoloxía.

Taller de matemáticasMétodos estatísticos e numéricosAs mesmas que para imparti-la área de matemáticas.

Ética e filosofía do dereitoAs mesmas que para imparti-las materias de filosofía e historia da filosofía.

Filosofía da ciencia e da tecnoloxía-As mesmas que para imparti-las materias de filosofía e historia da filosofía.

-As mesmas que para imparti-las áreas de tecnoloxía e ciencias da natureza.

Historia e xeografía de GaliciaAs mesmas que para imparti-las áreas de ciencias sociais, xeografía e historia.

Introducción ás ciencias políticas e socioloxía.-Licenciado en ciencias políticas e socioloxía.

-As mesmas que para imparti-las áreas de ciencias sociais, xeografía e historia.

-As mesmas que para imparti-las materias de filosofía e historia da filosofía.

Xeometría da arteAs mesmas que para imparti-las áreas de educación plástica e visual.

ANEXO V

Os mestres, diplomados en EXB, mestres de primeira ensinanza e profesores que posúan un título que sancione ensinanzas universitarias dunha duración superior ou igual á de mestre poderán imparti-la área de lingua galega e literatura no primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria sempre que reúnan algún dos seguintes requisitos:

a) Diploma de especialización de lingua galega nos cursos convocados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Teñan superados os tres primeiros cursos de Filoloxía Galega o Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués).

c) Certificado de aptitude de galego da Escola Oficial de Idiomas.

d) Autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para imparti-la materia.

ANEXO VI

Titulacións de mestres e outros profesores para impartir materias optativas do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria

Materia: taller de comunicación oral

As mesmas que para imparti-la área de lingua e literatura galega recollidas no anexo V desta orde e as mesmas que para imparti-la área de lingua e literatura castelá recollidas no anexo III da Orde do 24 de xullo de 1995, pola que se regulan as titulacións mínimas que deben posuí-los profesores dos centros privados de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (BOE do 4 de agosto).

Materia: taller de matemáticas

As mesmas que para imparti-la área de matemáticas recollidas no anexo III da Orde do 24 de xullo de 1995, pola que se regulan as titulacións mínimas que deben posuí-los profesores dos centros privados de educación secundaria obrigatoria e bacharelato (BOE do 4 de agosto).

ANEXO VII

Correspondencia, para a súa impartición, entre materias de BUP-COU, formación profesional de primeiro e segundo grao e áreas ou materias de educación secundaria obrigatoria e bacharelato

Materias de BUP-COU-FP

Correspondencia coas áreas ou materias de educación

secundaria obrigatoria e bacharelato

Lingua galega e literatura.

Lingua galega. Literatura galega.

Área de lingua galega e literatura.

Lingua galega e literatura.

ANEXO VIII

Correspondencia, para a súa impartición, entre materias de BUP-COU-FP de primeiro e segundo grao e materias optativas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato

Materias de BUP-COU-FP

Correspondencia con materias optativas de educación secundaria

obrigatoria e bacharelato

Lingua española e literatura.

Literatura. Lingua española.

Técnicas de expresión escrita.

Taller de comunicación oral.

Literatura universal contemporánea.

Literaturas hispánicas

Filosofía.

Ética.

Ética e filosofía do dereito.

Filosofía da ciencia e da tecnoloxía.

Historia das civilizacións e da arte.

Xeografía. Historia de España.

Historia do mundo contemporáneo. Historia da arte.

Formación humanística.

Historia e xeografía de Galicia.

Introducción ás ciencias políticas e socioloxía.

Lingua galega e literatura.

Lingua galega.

Literatura galega.

Técnicas de expresión escrita.

Taller de comunicación oral.

Literatura galega do siglo XX.

Literatura universal contemporánea.

Literaturas hispánicas.

Matemáticas. Matemáticas I. Matemáticas II.

Tecnoloxía de informática de xestión.

Taller de matemáticas.

Iniciación á tecnoloxía informática.

Métodos estatísticos e numéricos.

Física e química. Física. Química.Filosofía da ciencia e da tecnoloxía.

Ciencias naturais. Bioloxía. Xeoloxía.

Tecnoloxía sanitaria. Tecnoloxía da madeira.

Ciencias medioambientais e da saúde.

Filosofía da ciencia e da tecnoloxía.

Tecnoloxía sanitaria. Tecnoloxía da madeira.Ciencias medioambientais e da saúde.

Tecnoloxía de electricidade. Tecnoloxía de electrónica.

Tecnoloxía de automoción.

Tecnoloxía marítimo pesqueira. Física e química. Física.

Iniciación profesional á electricidade e á electrónica.

Tecnoloxía do metal. Tecnoloxía de automoción.

Tecnoloxía agraria. Tecnoloxía marítimo pesqueira.

Física e química. Física.

Iniciación profesional á mecánica.

Tecnoloxía marítimo pesqueira.Iniciación profesional marítima.

ANEXO IX

Outras correspondencias, para a súa impartición, entre materias de BUP-FP de 1º e 2º grao e as materias de iniciación profesional da educación secundaria obrigatoria

Materias de BUP-COU-FP

Correspondencia con materias optativas de educación secundaria

obrigatoria e bacharelato

Prácticas de informática de xestión.

E.A.T.P de Informática.

Iniciación á tecnoloxía informática.

Prácticas de electricidade.

Prácticas de electrónica.

Prácticas de automoción.

Prácticas de marítimo pesqueiras.

E.A.T.P. de electricidade.

E.A.T.P. de electrónica.

Iniciación profesional á electricidade e á electrónica.

Prácticas de metal.

Prácticas de automoción.

Prácticas agrarias.

E.A.T.P. de industrias mecánicas.

Iniciación profesional á mecánica.

Prácticas de marítimo pesqueirasIniciación profesional marítima

ANEXO X

Modelo de solicitude de certificación de habilitación

DATOS PERSOAIS

Apelidos Nome DNI.................. Telf....................

Domicilio particular

Código postal Localidade Provincia

DATOS PROFESIONAIS

Titulación académica

Ensinanzas que imparte

Centro de traballo

Dirección

Código postal Localidade Provincia

Solicita, de acordo co disposto na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 25 de novembro de 1997, Orde do 11 de outubro de 1994 (BOE do 19) e Orde do 14 de xuño de 1995 (BOE do 4-8) certificación de habilitación que lle permita optar ós seguintes postos de traballo:

1.

2.

3.

4.

Etc.

Para tal efecto, presenta os seguintes documentos acreditativos:

1.

2.

3.

4

Etc.

..................................., ..... de..................... de 199....

Delegado Provincial de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO XI

Documento de certificación de habilitación

O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en

Vista a proposta formulada pola comisión constituída para o efecto e ó abeiro do establecido na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 25 de novembro de 1997,

CERTIFICA:

Que don/dona natural de

provincia de nado o...... de...................... de....... con DNI...................

coa titulación académica de expedida pola

obtivo a certificación de habilitación para desempeña-los postos de traballo seguintes:

1.

2.

3.

4.

Etc.

Esta certificación faculta o seu titular para o exercicio da docencia nos citados postos de traballo en centros privados.

..................................., ..... de..................... de 199....

Delegado de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO XII

Documento de certificación de habilitación

O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en

Vista a propuesta formulada pola comisión constituída para o efecto e ó abeiro do establecido na orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 25 de novembro de 1997,

CERTIFICA:

Que don/dona natural de

provincia de nado o...... de...................... de....... con DNI...................

coa titulación académica de expedida pola

obtivo a certificación de habilitación para desempeña-los postos de traballo seguintes:

1.

2.

3.

4.

Etc.

Esta certificación faculta o seu titular para o exercicio da docencia nos citados postos de traballo unicamente no centro privado

..................................., ..... de..................... de 199....

Delegado de Educación e Ordenación Universitaria

10324