Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 22 de xuño de 1998 Páx. 6.941

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia.

A Comisión de Toponimia, creada polo Decreto 42/1979, do 21 de setembro, como órgano para a normalización da toponimia de Galicia foi regulada, no que se refire á súa composición e funcións, polo Decreto 43/1984, do 23 de marzo, que regulou as funcións e a composición da comisión de toponimia para adaptala ás esixencias culturais e legais daquel momento.

Do mesmo xeito, regúlanse agora a composición e funcións da Comisión de Toponimia, co fin de adaptalas ás novas necesidades tanto culturais como legais, así como á nova estructura orgánica da Xunta de Galicia.

Polo tanto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Comisión de Toponimia é o órgano de estudio, asesoramento e consulta da Xunta de Galicia para a determinación dos nomes oficiais da toponimia galega e para evacua-las consultas que sexan necesarias con tal fin.

A Comisión de Toponimia, que presidirá o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, queda adscrita á Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que lle prestará o apoio preciso para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 2º

A Comisión de Toponimia funcionará en Pleno e en Ponencia de Estudios.

Artigo 3º

1. O Pleno da Comisión estará integrado polos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

b) Vicepresidente primeiro: o secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou persoa na que delegue.

c) Vicepresidente segundo: o director xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa na que delegue.

d) Vocais natos:

O director xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais con competencias en materia de Administración local ou persoa na que delegue.

O director xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, con competencias en materia de cartografía ou persoa na que delegue.

O secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal ou persoa na que delegue.

O director do Instituto Galego de Estatística, ou persoa na que delegue.

e) Vocais representativos:

Un representante do Consello da Cultura Galega.

Un representante da Real Academia Galega.

Un representante do Instituto da Lingua Galega.

Un representante do Instituto Padre Sarmiento.

Un representante da Facultade de Xeografía e Historia.

f) Vocais de libre designación: seis expertos sobre toponimia e lingua galega, que serán nomeados polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública entre persoas de recoñecido prestixio.

g) Secretario, con voz e sen voto, que será un funcionario da Consellería da Presidencia e Administración Pública, designado polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública ou un dos vocais de libre designación.

2. Os vocais representativos serán nomeados polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública de entre unha terna proposta polas corporacións ou institucións que representen.

Artigo 4º

A Ponencia de Estudios estará composta polos vocais de libre designación e ás súas sesións, para os efectos de coordinación e asistencia material, asistirá o secretario xeral da Consellería da Presidencia que convocará as reunións, ou o funcionario en que este delegue.

Artigo 5º

1. O Pleno é o órgano competente para evacua-las consultas que se lle soliciten á Comisión e o obxecto das súas deliberacións será, salvadas circunstancias excepcionais que decida o presidente, o material preparado pola Ponencia de Estudios.

2. O Pleno reunirase cantas veces sexa necesario, por convocatoria do secretario, para dictaminar sobre os topónimos propostos pola Ponencia de Estudios.

Artigo 6º

1. A Ponencia de Estudios reunirase cantas veces sexa preciso para realiza-lo seu traballo e poderá ser convocada para varias sesións consecutivas nun único chamamento.

2. As propostas da Ponencia serán trasladadas ó Pleno para o dictame definitivo.

Artigo 7º

As convocatorias do Pleno e da Comisión comunicaránselle ó Delegado do Instituto Xeográfico Nacional de España en Galicia, por se quixese asistir como vocal.

Disposición adicional

Os membros da Comisión que á entrada en vigor deste decreto desempeñan as súas funcións continuaranas exercendo sen necesidade de novo nomeamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia (DOG nº 64, do 31 de marzo de 1984).

Disposicións derradeiras

Primeira.- Queda autorizado o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións que sexan precisas para o cumprimento deste decreto.

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5651