Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 1999 Páx. 183

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 371/1998, do 10 de decembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

Este decreto desenvolve, en virtude da potestade regulamentaria propia da Xunta de Galicia, o artigo 3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que establece que a Xunta de Galicia levará un rexistro no que se inscribirán tódalas entidades locais de Galicia.

A organización do rexistro é sinxela; está dividido en dúas seccións, unha de entes locais con base

territorial e a segunda para tódolos entes de carácter asociativo.

O contido das inscricións é o básico que permite identificar unha entidade local e establécese en coordinación co do Rexistro de Entidades Locais da Administración xeral do Estado.

Os procedementos de inscrición rexistral axústanse ás características propias dos procedementos de creación, modificación e extinción destas, segundo a regulación dada pola Lei 5/1997, do 22 de xullo.

Por último, establécese un período de seis meses para que tódalas entidades locais existentes accedan ó rexistro agora creado.

Polo tanto, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tralo informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do Rexistro de Entidades Locais de Galicia

Artigo 1º

1. Créase o Rexistro de Entidades Locais de Galicia, baixo a dependencia da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. A organización e réxime de funcionamento do rexistro réxese polas normas do presente decreto.

Artigo 2º

1. No Rexistro de Entidades Locais de Galicia, de carácter público, inscribiranse tódalas entidades locais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, son entidades locais aquelas ás que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. Dará lugar á modificación da correspondente inscrición calquera alteración dos datos que, de acordo co establecido no presente decreto, sexa necesario que se conteñan nela.

3. A extinción de calquera das entidades locais a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, dará lugar á cancelación da súa inscrición, de conformidade co procedemento previsto neste decreto.

4. Serán obxecto da correspondente anotación os datos ou circunstancias que se prevén no presente decreto.

Artigo 3º

O Rexistro de Entidades Locais organízase en dúas seccións xerais referidas, respectivamente, ás entidades de carácter territorial e a outras entidades locais.

Capítulo II

Das inscricións

Artigo 4º

A inscrición rexistral ha de conte-los seguintes datos:

A) Municipios.

a) Denominación.

b) Capitalidade.

c) Provincia á que pertence.

d) Extensión superficial e límites do termo municipal.

e) Poboación.

f) Entidades de poboación.

g) Réxime de funcionamento común, propio ou especial.

h) Entidades locais non territoriais das que forma parte ou nas que se integra.

B) Provincias.

a) Denominación.

b) Capitalidade.

c) Extensión superficial e límites do territorio provincial.

d) Poboación.

e) Denominación da corporación á que corresponde a representación, goberno e administración da provincia.

f) Réxime de funcionamento.

C) Entidades de ámbito territorial inferior ó municipio.

a) Denominación xenérica e nome da entidade.

b) Capitalidade.

c) Municipio e provincia á que pertence.

d) Extensión superficial e límites.

e) Poboación.

f) Réxime de funcionamento.

D) Áreas metropolitanas.

a) Denominación.

b) Número e denominación dos municipios que a integran.

c) Capitalidade.

d) Órganos de goberno e administración.

e) Competencias.

E) Mancomunidades de municipios.

a) Denominación.

b) Número e denominación dos municipios asociados.

c) Sede da entidade.

d) Provincia á que pertence.

e) Órganos de goberno.

f) Obras e/ou servicios da súa competencia.

F) Consorcios locais.

a) Denominación.

b) Número e denominación das entidades locais consorciadas.

c) Administracións públicas distintas das entidades locais consorciadas.

d) Entidades privadas consorciadas.

e) Sede da entidade.

f) Órganos de goberno e xestión.

g) Obras e/ou servicios da súa competencia.

G) Entidades locais menores.

a) Denominación.

b) Capitalidade.

c) Municipio e provincia á que pertence.

d) Extensión superficial e límites.

e) Poboación.

f) Réxime de funcionamento.

Artigo 5º

1. Nos municipios de nova creación farase consta-la orixe e formación do seu territorio, con indicación das entidades locais territoriais de procedencia.

2. Así mesmo, farase constar nas inscricións de cada entidade, a disposición ou acordo corporativo polo que foi creada, con especificación da súa data, diario e boletín oficial no que foi publicada e data da súa efectividade.

Capítulo III

Procedemento para a inscrición

Artigo 6º.

1. Creada unha entidade local, no prazo dun mes desde a constitución do seu órgano de goberno, ou de xestión, se é o caso, o seu presidente, ou a quen corresponda a representación da entidade, presentará ante o Rexistro de Entidades Locais de Galicia solicitude da súa inscrición, e para tal efecto remitirá certificación do texto íntegro da devandita sesión

constitutiva e comunicará os datos, segundo a entidade local de que se trate, ós que se refiren os artigos 4º e 5º deste decreto. Os municipios, entidades de ámbito territorial inferior ó municipio e entidades locais menores xuntaranlle á súa solicitude, ademais, certificación do Instituto Xeográfico Nacional, acreditativa dos seus límites e extensión territorial, e do Instituto Nacional de Estatística, respecto da súa poboación.

2. Transcorrido o prazo previsto no punto anterior sen que a entidade local creada instara voluntariamente a súa inscrición, esta producirase de oficio, pola consellería competente en materia de réxime local, sempre que conste a súa publicación oficial.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, no prazo dun mes, contado desde a recepción da solicitude de inscrición, procederá a dictar resolución inscribindo a entidade local correspondente, salvo que aprecie falta ou insuficiencia dalgún dos datos ou requisitos ós que se refiren os artigos 4º, 5º e 6º. Neste caso, e sempre dentro do indicado prazo, comunicará á entidade local solicitante da inscrición para a súa emenda no prazo dun mes, contado a partir da recepción da comunicación indicada.

Capítulo IV

Das modificacións, das inscricións rexistrais

e das anotacións

Artigo 8º

1. As entidades locais comunicarán ó Rexistro de Entidades Locais, no prazo dun mes, calquera alteración dos datos que contén a súa inscrición. De non producirse esta comunicación no devandito prazo, practicaraa de oficio a consellería competente en materia de réxime local, sempre que conste a publicación oficial daqueles datos ou circunstancias.

2. As modificacións relativas ó número de habitantes comunicaranse anualmente, no prazo dun mes desde o día en que se teña aprobado a revisión anual do padrón municipal. Non obstante, os datos de poboación modificaranse de oficio como consecuencia das alteracións que se producisen nos respectivos padróns, mediante os procedementos previstos nas disposicións vixentes.

3. Ás notificacións das inscricións por instancia da entidade local interesada, seralles de aplicación o procedemento previsto no artigo 7º deste decreto.

Artigo 9º

1. Serán obxecto de anotación no rexistro, en relación con cada inscrición rexistral, a iniciación dos procesos ou procedementos xudiciais ou adminis

trativos que puidesen dar lugar, trala súa finalización, a modificacións dos datos rexistrados na correspondente inscrición.

2. As entidades locais, das que a inscrición rexistral poida ser modificada como consecuencia do referido no parágrafo anterior, solicitarán xuntando certificación do secretario comprensiva dos procesos ou procedementos iniciados, a anotación correspondente.

De non producirse esta solicitude, a anotación practicarase de oficio, ben directamente ou por petición de persoa interesada.

Capítulo V

De cancelacións das inscricións

Artigo 10º

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local procederá de oficio á cancelación da inscrición no rexistro cando se trate da extinción de entidades locais realizada por lei ou por decreto, de acordo co que establece a lexislación de réxime local.

Artigo 11º

1. A cancelación da inscrición no rexistro cando se trate da extinción de mancomunidades de municipios e de consorcios locais practicarase por solicitude do seu presidente.

2. A solicitude de cancelación presentarase no rexistro no prazo dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos de disolución da entidade, e nela expresarase o nome e número de rexistro da entidade, o motivo da extinción, o nome de calquera outra ou outras entidades locais que se puidesen ver afectadas, o Diario Oficial de Galicia no que se publicaron os acordos corporativos de disolución, a data de efectividade da extinción e, de se-lo caso, o órgano encargado da liquidación e distribución do seu patrimonio.

Capítulo VI

Comunicación á Administración xeral do Estado

Artigo 12º

De tódalas inscricións feitas no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, terase que dar conta á Administración xeral do Estado, para os efectos da correspondente anotación no Rexistro Xeral de Entidades Locais e, se procede, publicación no Boletín Oficial del Estado.

Disposición transitoria

Única.-As entidades locais actualmente existentes deberán inscribirse, coa súa denominación actual, no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, no prazo de seis meses, contados a partir da data de entrada en vigor do presente decreto.

Para esta finalidade, os presidentes das entidades locais mencionadas formalizarán a obriga de inscrición mediante a remisión de copia auténtica da súa última inscrición no Rexistro Xeral das Entidades Locais do Ministerio de Administracións Públicas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións considere oportunas para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11943