Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.218

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de marzo de 1999 pola que se crea o censo de profesionais autónomos prestadores de servicios á pesca.

A pesca como sector reúne un amplo abano de actividades económicas, que van desde aquelas meramente extractivas de recursos mariños a aqueloutras que prestan servicios a estas en calquera dos chanzos do proceso que leva os productos pesqueiros desde o mar ó consumidor.

Aínda que a pesca extractiva é a columna vertebral do sector, non é menos certo que é dependente deste conxunto de servicios, e que calquera mellora da pesca pasa por un proceso de mellora nestas outras actividades.

Unha gran parte destes servicios son prestados por traballadores autónomos que con dedicación total ou parcial veñen realizando unhas funcións imprescindibles para o mantemento da capacidade productiva do noso sector pesqueiro, singularmente no campo da reparación de redes e da comercialización de productos pesqueiros.

A formación destes profesionais adquírese no mundo do traballo mediante a acumulación de experiencia, sen que exista ningún tipo de formación establecido para o acceso ós coñecementos necesarios para o seu exercicio.

Nun momento que os mercados piden maior calidade dos productos, e que é neste campo onde se dá a maior competencia, é necesario poñer en marcha programas de formación e mellora para o sector en tódolos ámbitos que afectan á calidade final dos productos pesqueiros.

Dadas as características dos profesionais que prestan estes servicios, é moi dificil poder chegar a eles con proxectos formativos que incidan na mellora das actividades que prestan, polo que se fai necesario a creación dun instrumento que estimule e impulse a súa participación en actividades de formación, a través da concesión de vantaxes a aqueles que se inscriban nel, tanto tendo preferencia na asistencia ás actividades formativas como na concesión de axudas que poidan convocarse pola Administración pesqueira galega ou outras administracións, se é o caso.

Neste obxectivo, a creación dun censo voluntario e actualizado permanentemente de profesionais autónomos prestadores de servicios auxiliares á pesca parece unha ferramenta útil para coñece-la realidade actual destas profesións en Galicia, poder programar actividades formativas para elas e desenvolver sistemas de axuda tanto económicas como doutra índole, para a súa mellora.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o censo de profesionais autónomos prestadores de servicios á pesca, no que poderán inscribirse todos aqueles profesionais que o soliciten e cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 2º

Aínda que o censo será único para a Comunidade Autónoma, organízase en seccións por profesións en cada unha das delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 3º

1. A solicitude de inscrición no dito censo será realizada polo interesado dirixíndoa ó correspondente delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o modelo do anexo, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada da alta no imposto de actividades económicas, como autónomo.

c) Documentación que acredite os coñecementos profesionais para o desenvolvemento da actividade, ben sexa como certificado de ter realizado actividades formativas impartidas por unha entidade pública ou autorizada ou acreditando ter unha experiencia mínima de dous anos de actividade profesional.

2. Os datos de carácter persoal só se utilizarán para a finalidade recollida na presente orde.

Artigo 4º

A inscrición no censo deberá renovarse cada ano mediante solicitude no modelo do anexo, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia da declaración do Imposto da Renda das Persoas Físicas onde consten os ingresos obtidos na actividade no ano anterior ou calquera outro documento oficial que acredite a realización de actividade no ano anterior.

b) Fotocopia do último recibo da Seguridade Social.

Artigo 5º

Se procede a inscrición ou renovación da mesma no censo, a delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura emitirá o correspondente certificado de inscrición, onde constará a sección profesional na que está inscrita e a validez da inscrición.

Artigo 6º

A realización e mantemento do censo corresponde ás delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través da súa Sección de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 7º

A inscrición no censo suporá prelación, respecto ás que non estean inscritas, na concesión de axudas ou no acceso ás actividades formativas que relacionadas coa actividade se convoquen pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e será requisito imprescindible cando así se estableza nas correspondentes disposicións normativas.

Artigo 8º

Inicialmente o censo estará composto polas seguintes seccións:

a) Redeiros/as e atadeiras.

b) Operadores de productos da pesca fresca.

c) Outras. Neste caso o certificado de inscrición levará anotada, a continuación da indicación da sección, a actividade que realiza o inscrito.

Artigo 9º

A solicitude de renovación da inscrición realizarase dentro dos 30 días seguintes ó de finalización da inscrición anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura