Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 04 de maio de 1999 Páx. 5.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 107/1999, do 8 de abril, sobre a comisión superior para o estudio do desenvolvemento do dereito civil galego.

O Decreto 71/1984, do 23 de febreiro, crea a comisión superior para o estudio do desenvolvemento do dereito galego, adscrita á Consellería da Presidencia. A comisión nace para se-lo eixe e motor da recuperación do específico dereito galego e dar así cumprimento ó disposto no artigo 27.4º e 5º do Estatuto de autonomía, que atribúe á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva nesta materia.

Tendo en conta a necesidade de adapta-la súa composición ó novo marco competencial xurdido coa creación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, á que agora está adscrita, e, sobre todo, á realidade social e institucional actual coa inclusión de novos vocais que poidan achega-la súa experiencia e coñecementos contrastados, faise precisa a publicación desta norma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A comisión superior para o estudio do desenvolvemento do dereito civil galego, encadrada na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, é o órgano consultivo da Xunta de Galicia nas materias a que se refire o artigo 6º deste decreto.

Artigo 2º

A comisión superior actuará en pleno e poden constituír no seu seo seccións e ponencias.

Artigo 3º

A presidencia da comisión superior, así como das súas seccións e ponencias, correspóndelle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou á persoa en quen delegue.

Artigo 4º

Formarán parte do Pleno, ademais do presidente:

1. O secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que será o vicepresidente e substituirá o presidente da comisión nos casos de ausencia ou impedimento de calquera orde.

2. Como vocais:

a) O director xeral de Xustiza e Administración Local.

b) O director xeral-xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

c) Un representante de cada unha das seguintes institucións, elixidos de entre os seus membros:

-Consello da Cultura Galega.

-Consello da Avogacía de Galicia.

-Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade e Mercantís.

-Colexio Notarial de Galicia.

d) Un representante de cada unha das tres universidades galegas que deberán ser catedráticos das súas facultades de dereito.

e) Un representante nomeado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia entre os membros da Sala do Civil e do Penal.

f) Ata tres vocais designados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais entre persoas de recoñecida competencia profesional na materia.

3. O presidente poderá convocar ás reunións, con voz e sen voto, as autoridades e persoal técnico que coide pertinentes para o mellor asesoramento da comisión. En todo caso, convocaranse representantes xuristas das consellerías competentes en materia de agricultura e ambiente cando se desenvolvan institucións do dereito civil obxecto da súa competencia.

4. O secretario da comisión será designado polo seu presidente entre funcionarios da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local.

Artigo 5º

O número e denominación das seccións e ponencias a que se refire o artigo 2º deste decreto, así como a súa composición, funcións e duración, será determinado polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais por proposta do pleno da comisión.

Artigo 6º

A comisión realizará estudios e emitirá dictames e informes que sexan solicitados pola Administración autonómica, por conducto do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nas seguintes materias:

a) Conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do dereito civil galego (artigo 27.4º do Estatuto de autonomía para Galicia en relación co artigo 149.1.8ª da Constitución española).

b) Normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos poderes públicos galegos (artigo 149.1.18ª da Constitución española e 27.5º do Estatuto de autonomía para Galicia).

c) Calquera outra que lle poida ser encomendada.

2. Os dictames e informes serán sempre facultativos e non vinculantes.

Artigo 7º

1. O presidente representa a comisión convoca e preside as sesións do pleno e das seccións e ponencias creadas no seu seo, dirixe as deliberacións, dirime os empates con voto de calidade e exerce as demais funcións propias dos presidentes de órganos colexiados.

2. Os vocais elaborarán os estudios previos sobre as materias de competencia da comisión e os específicos pertinentes e asistirán ás sesións con voz e con voto. O seu mandato é de cinco anos, cesando con anterioridade en caso de demisión ou por se produci-lo seu cesamento no organismo que representan e que motivou a súa designación, procedéndose neste caso lle solicita-la designación da persoa que o vaia substituír.

3. O secretario é o órgano permanente da xestión ordinaria da comisión; prepara e remite, logo de aprobación do presidente, a orde do día das sesións ás que asiste con voz e sen voto, levantando as correspondentes actas e dando fe dos acordos adoptados, dos que expide certificación co visto e prace do presidente.

Disposición adicional

Única.-En todo o non previsto neste decreto, observarase o disposto no capítulo 2º do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co réxime xurídico dos órganos colexiados.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 71/1984, do 23 de febreiro, polo que se crea a comisión superior para o estudio do desenvolvemento do dereito galego, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantos actos e disposicións considere precisos para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais