Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 23 de agosto de 1999 Páx. 10.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 1999, da Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, das medidas de seguridade para a utilización de embarcacións de recreo no treito internacional do río Miño, así como para o bo uso das súas illas internacionais.

Por instancia da Delegación do Goberno en Galicia e ó tratarse dun asunto de interese de toda a Comunidade Autónoma

DISPOÑO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo desta resolución, das medidas de seguridade

para a utilización de embarcacións de recreo no treito internacional do río Miño, así como das medidas para o bo uso das illas internacionais do río Miño.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 1999.

Pablo Figueroa Dorrego

Secretario xeral da Consellería da Presidencia

e Administración Pública

MEDIDAS DE SEGURIDADE PARA A UTILIZACIÓN

DE EMBARCACIÓNS DE RECREO NO TREITO

INTERNACIONAL DO RÍO MIÑO

O delegado do Goberno en Galicia e o gobernador civil de Viana do Castelo, de conformidade co establecido no Tratado de Límites de 1864, vixente entre España e Portugal e o anexo de 1866 complementario del, co fin de garanti-lo uso común, o principio de libre navegación e o conveniente aproveitamento do río Miño, establece as seguintes medidas de seguridade para a utilización de embarcacións de recreo de motor ou de vela, sendo a súa fiscalización competencia da Comandancia Naval do Miño e da Capitanía do Porto de Caminha.

Primeira.-As embarcacións de recreo de motor, de remos ou de vela deberán cumpri-los requisitos establecidos pola lexislación vixente do seu país e só poderán ser tripuladas por persoas coa titulación adecuada.

Segunda.-As embarcacións de recreo de motor, de remos ou de vela están sometidas ás normas do Regulamento internacional para a prevención de abordaxes no mar.

Terceira.-Medidas de seguridade xeral:

a) As embarcacións de recreo non poderán navegar a menos de 25 metros das marxes do río. Nas praias fluviais e zonas de baño habituais a distancia mínima ás ditas marxes será de 50 metros. Cando non se poidan cumpri-los límites definidos con anterioridade, terase que navegar coa velocidade mínima de goberno.

b) Só estará permitido entrar ou saír nas praias e zonas de baños habituais, para varar ou ancorar, a velocidade mínima de goberno e polos extremos da praia ou polas zonas asignadas para a entrada e saída de embarcacións, cando existan.

c) Só poderán navegar de noite as embarcacións que teñan unhas características que llelo permitan, cando vaian patroneadas polo persoal coa titulación correspondente.

d) Nas canles existentes entre as illas de Pozas, Varandas, Vimbres, Canosa e Lanhelas, así como entre estas e as súas marxes, a navegación farase á velocidade mínima de goberno.

Cuarta.-Medidas de seguridade con outras embarcacións:

a) As embarcacións de motor deberán dar un resgardo adecuado ás de pequeno porte, de modo que se evite a formación de ondas que as poñan en perigo.

b) As embarcacións a motor deberán dar un resgardo mínimo de 50 metros e diminuí-la velocidade mínima de goberno ó se aproximaren a unha embarcación sen motor.

c) Tódalas embarcacións de recreo deberán dar un resgardo de 25 metros tanto ás embarcacións ancoradas coma ós seus aparellos de pesca e cana.

d) É obrigatorio respecta-los lances de pesca profesional, deberase esperar a que sexan levantadas as artes, sen impedi-lo libre movemento das embarcacións de pesca.

MOTOS DE AUGA E EMBARCACIÓNS SIMILARES

Quinta.-É obrigatorio o uso permanente de chalecos de salvamento de flotabilidade permanente.

Sexta.-Está prohibida a navegación de motos de auga e de embarcacións similares nas canles existentes entre as illas Pozas, Varandas, Vimbres, Canosa e Lanhelas, e entre estas e as súas marxes, excepto no regato de Burro, no cal se permite a navegación a velocidade mínima de goberno.

Sétima.-A navegación de motos de auga e embarcacións similares só está permitida no período comprendido entre o orto e unha hora despois do ocaso e cunha visibilidade de 500 metros.

Oitava.-Prohíbese calquera tipo de remolque con este tipo de embarcacións.

ESQUÍ NÁUTICO E OUTRAS ACTIVIDADES

QUE IMPLIQUEN REMOLQUE

Novena.-Tódalas actividades que impliquen o remolque de obxectos flotantes, coa excepción do esquí náutico, exercidas profesionalmente ou por particulares, só serán permitidas na zona comprendida entre a Canle do Ferry de Caminha e Punta Grosa na desembocadura do río Miño, sendo obri

gatorio dar un resgardo mínimo de 50 metros a calquera dos dous límites da área definida, incluídas as marxes.

Décima.-As embarcacións que efectúen remolque de esquiadores ou outras actividades que impliquen remolque, deberán ter a bordo un mínimo de dous tripulantes, un dos cales deberá te-la titulación correspondente para poder goberna-la embarcación.

Décimo primeira.-Os esquiadores, ou as persoas remolcadas, deberán estar equipados con chalecos de salvamento de flotabilidade permanente, sen poderen as embarcacións, baixo ningunha circunstancia, remolcar máis dunha persoa á vez.

Décimo segunda.-Os esquiadores e outras persoas remolcadas, durante as súas travesías, deberán ter en conta as seguintes distancias de seguridade: un mínimo de 50 metros de distancia ás marxes do río e ós bañistas, e un mínimo de 25 metros ás embarcacións e ós aparellos de pesca e canas.

Décimo terceira.-Está prohibida a práctica de esquí náutico nas canles existentes entre as illas Pozas, Varandas, Vimbres, Canosa e Lanhelas, así como entre estas illas e as súas marxes.

Décimo cuarta.-O inicio ou a finalización das prácticas de actividades de remolque só se poderá efectuar a unha distancia mínima da marxe de 50 metros.

EMBARCACIÓNS SEN MOTOR

Décimo quinta.-Está prohibida a navegación das embarcacións sen motor, incluídas as de competición, antes do orto e despois do ocaso.

Décimo sexta.-As embarcacións a remo deberán navega-lo máis cerca posible das marxes do río.

EMBARCACIÓNS DE PESCA PROFESIONAL

Décimo sétima.-As embarcacións de pesca profesional poderán ser utilizadas polos seus propietarios e familiares directos como embarcacións de recreo, sempre que estean debidamente autorizadas polas autoridades de mariña de cada país.

Décimo oitava.-As embarcacións autorizadas para recreo entregarán a licencia de pesca á autoridade marítima correspondente, durante o período para o que soliciten a referida autorización, período no que non poderán exerce-la pesca profesional.

Décimo novena.-As autoridades marítimas poderán conceder autorizacións puntuais e de curta duración sen perde-lo dereito da actividade de pesca.

Vixésima.-Durante o período en que estean autorizadas para o uso de recreo as embarcacións de pesca estarán suxeitas a estas medidas.

ÓRGANOS DE FISCALIZACIÓN DAS MEDIDAS

DE SEGURIDADE

Vixésimo primeira.-A fiscalización destas medidas de seguridade é competencia da Comandancia Naval do Miño e da Capitanía do Porto de Caminha. O incumprimento destas medidas será sancionado de acordo coa lexislación vixente en cada un dos dous países, constituíndo na lexislación portuguesa unha vulneración do artigo 29.2º do Regulamento de náutica de recreo, publicado por D.L. número 329/1995, do 9 de decembro.

Vixésimo segunda.-Así mesmo, no caso de que unha embarcación de recreo incumpra estas medidas de seguridade no treito internacional do río, os citados órganos de fiscalización poderán dictar unha orde prohibitiva de navegación, da que o incumprimento, unha vez reiterada, será denunciado perante as autoridades xudiciais competentes.

A Coruña, 21 de xuño de 1999.

Juan Miguel Diz GuedesAlberto Marqués de Oliveira e Silva

Delegado do Goberno Gobernador civil de Viana

en Galicia do Castelo

MEDIDAS PARA O BO USO DAS ILLAS INTERNACIONAIS

DO RÍO MIÑO

O delegado do Goberno en Galicia e o gobernador civil de Viana do Castelo, de conformidade co establecido no Tratado de Límites de 1864, vixente entre España e Portugal, e o anexo de 1866, complementario del, establecen as seguintes medidas para o bo uso das illas internacionais do río Miño, sendo a súa fiscalización competencia da Comandancia Naval do Miño e da Capitanía do Porto de Caminha.

Primeira.-Non se permite acampar, montar tendas ou similares desde unha hora antes do ocaso e ata a hora do orto.

Segunda.-Non se permite a corta de árbores ou pólas con ningún fin.

Terceira.-Prohíbese prender lume, coa excepción do cámping-gas.

Cuarta.-Todo o que se instalase durante o día será desmontado e transportado polos usuarios antes do ocaso.

Quinta.-Non se permite o abandono de refugallo ou outros obxectos.

A Coruña, 21 de xuño de 1999.

Juan Miguel Diz GuedesAlberto Marqués de Oliveira e Silva

Delegado do Goberno Gobernador civil de Viana

en Galicia do Castelo