Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2000 Páx. 971

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, dispón no seu artigo 10 que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. O mesmo artigo establece no seu número 2 que lle corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia.

Tendo en conta o Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia, contando co preceptivo dictame da Comisión de Toponimia, emitido na súa reunión do día dezasete de decembro de mil novecentos noventa e nove, aínda que os topónimos correspondentes ás entidades de poboación que figuran como anexo a este decreto xa foron aprobados e publicados no Diario Oficial de Galicia, as correccións propostas pola Comisión fan necesario aproba-lo nomenclátor correspondente á provincia de Lugo como corpo único que recolla a forma oficial das ditas entidades.

Polo exposto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda aprobado o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo que figura como anexo a este decreto.

Disposición adicional

Do establecido neste decreto e do seu anexo daráselles conta ás autoridades estatais correspondentes para os efectos que cumpran no exercicio das súas funcións.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública