Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.140

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 76/2000, do 25 de febreiro, polo que se declara monumento natural a Fraga de Catasós, no concello de Lalín (provincia de Pontevedra).

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandato recollido no artigo 45 da vixente Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas.

As competencias en materia de protección do medio ambiente e da paisaxe fóronlle conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30º do Estatuto de autonomía, asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, define no seu artigo 16.1º os monumentos naturais como espacios ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. A dita protección dispénsase a través da oportuna declaración de monumento natural que, segundo o artigo 21.1º da mesma lei, lle corresponde á Comunidade Autónoma no que o ámbito territorial se encontre situado.

A Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga localízase na parroquia de Santiago de Catasós, no concello de Lalín. Este contorno presenta unhas características botánicas de grande importancia, singularidade e beleza, tendo en conta que na súa maior parte constitúe un importante bosque mixto de carballo (Quercus Robur L.) e castiñeiro (Castanea sativa Mill.), os exemplares do cal son considerados como os mellores de Europa pola súa lanzalía, espertando o interese de diversos inves

tigadores. En canto ás súas características climáticas e edáficas, hai que sinalar que se encontra dentro do dominio climático oceánico e asentado xeoloxicamente sobre micacitas metamórficas prehercínicas básicas, que dan lugar a solos pardos ácidos, forestalmente productivos.

Por orde da Consellería de Medio Ambiente, do 31 de maio de 1999, someteuse a información pública e posterior trámite de audiencia ós interesados o informe para a declaración da Fraga de Catasós como monumento natural, sen que rematado o prazo do citado trámite de audiencia fosen presentadas alegacións.

Por estas razóns, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, declárase como monumento natural a Fraga de Catasós, situada no lugar de Quintela, parroquia de Santiago de Catasós, concello de Lalín, cunha superficie total de 4,5185 ha.

2. A declaración como monumento natural implica a protección pola Administración dos procesos ecolóxicos esenciais e dos sistemas vitais básicos existentes na zona, mediante a regulación da utilización ordenada dos recursos, que garantan o aproveitamento sostible das especies e dos ecosistemas e a súa restauración e mellora, para facer efectiva a preservación da variedade, singularidade e beleza do seu ecosistema natural e paisaxe.

Artigo 2º

Os límites do monumento natural, representados graficamente no anexo I, son os que corresponden ás parcelas denominadas Cerre da Costa (24.829 m), Tenza de Monte (1.219 m), Zanca de Arriba (4.712 m) e Val de Fernando (14.425 m).

Artigo 3º

1. A declaración da Fraga de Catasós como monumento natural non impedirá as actividades que non menoscaben os valores naturais que fundamentan a protección que con este decreto se pretende. En concreto, poderán levarse a cabo traballos silvícolas, diminución de matogueiras, limpeza de sendas, poda, eliminación de pés e outros traballos que colaboren ó mantemento deste monumento natural.

Para o resto das actividades requirirase, con carácter previo, autorización da Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo dos permisos, licencias e demais autorizacións que sexan esixidos por outras disposicións legais.

2. En todo caso non se poderán realizar en todo o ámbito do monumento natural as actividades seguintes:

a) A realización de acampadas ou campamentos.

b) As actividades de desmonte ou realización de terrapléns.

c) Os vertidos de lixo, cascallos e residuos sólidos en xeral, así coma o establecemento de calquera tipo de vertedoiro de lixo no interior do monumento.

d) A realización de queimas.

e) A colocación de carteis e anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.

f) A modificación das canles públicas.

g) As explotacións e actividades industriais e agrarias.

h) A instalación de tendidos eléctricos.

i) Os aproveitamentos mineiros de xea presentes na área.

j) A realización de edificacións permanentes de calquera tipo.

k) O estacionamento e circulación de vehículos fóra dos camiños e vías existentes, agás os vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal.

3. Os aproveitamentos forestais autorizaranos, de se-lo caso, o órgano competente en materia forestal, tralo informe favorable do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural.

Artigo 4º

A infracción do réxime de protección establecido ou a non observancia da normativa vixente serán sancionadas de acordo con disposto na Lei 4/1989, do 27 marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, ou nas normas que, de se-lo caso, poidan substituíla e demais disposicións que a teor da natureza da infracción resulten aplicables.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións necesarias para desenvolve-lo presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente