Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2001 Páx. 2.109

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Coa entrada en vigor do R.D. 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións eléctricas, quedou derrogada a normativa que a Consellería de Industria e Comercio estaba a aplicar, no que non se opoñía ó disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, na tramitación dos procedementos de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación dos procedementos de execución das instalacións de producción, transporte e distribución de enerxía eléctrica cando o seu aproveitamento non afecte máis que á Comunidade Autónoma de Galicia ou cando o transporte ou distribución non saia do ámbito territorial dela.

A derrogación do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, leva consigo un baleiro na determinación dos órganos competentes para autorizar administrativamente, declarar de utilidade pública e aproba-lo proxecto de execución das instalacións eléctricas no ámbito competencial da nosa Comunidade Autónoma, polo que resulta necesario proceder ó establecemento deles.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Os órganos competentes para outorga-las autorizacións administrativas para a construcción, modificación, explotación, transmisión e peche das instalacións de producción, transporte e distribución de enerxía eléctrica cando o seu aproveitamento afecte só a Comunidade Autónoma de Galicia ou cando o transporte ou distribución non saia do ámbito territorial dela son os seguintes:

a) As delegacións provinciais da consellería competente en materia de enerxía para outorga-las autorizacións das liñas de distribución de enerxía eléctrica de tensión inferior a 132 kV e centros de transformación de potencia inferior a 75.000 kWA, así como para estende-la acta de posta en servicio das instalacións eléctricas executadas.

b) A dirección xeral competente en materia de enerxía, para o outorgamento das autorizacións relativas ós centros de producción de enerxía de calquera natureza ou potencia, centros de transformación de potencia igual ou superior a 75.000 kWA e liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica de tensión igual ou superior a 132 kV e interprovinciais de calquera tensión.

c) O Consello da Xunta de Galicia cando o peticionario e maila Administración, organismo ou empresa de servicio público ou de servicios de interese xeral afectada que emitiu o condicionado manteñan a discrepancia en canto ás condicións técnicas establecidas nel e o órgano competente para autoriza-la instalación eléctrica non acepte as ditas condicións técnicas.

2. O órgano competente para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública das referidas instalacións eléctricas será o que teña atribuída a competencia para a autorización daquelas de conformidade co establecido no punto anterior, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia no caso de que as administracións ou organismos consultados manteñan expresamente a súa oposición ou obxeccións á declaración de utilidade pública e a consellería competente en materia de enerxía discrepe das súas propostas.

Disposición adicional

1. Os expedientes de autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas obxecto deste decreto que se inicien trala entrada en vigor do R.D. 1955/2000, do 1 de decembro, xa citado, tramitaranse de acordo co disposto no título VII do dito real decreto en tanto a Xunta de Galicia non promulgue as disposicións que regulen

as materias obxecto daquel na nosa Comunidade Autónoma.

2. As publicacións das solicitudes e resolucións ás que fai referencia o título VII do R.D. 1955/2000, do 1 de decembro, realizaranse no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial das provincias respectivas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio