Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 05 de marzo de 2001 Páx. 2.726

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

O Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial, dispón na disposición adicional primeira que por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais se regulará a creación, composición e funcións da Comisión Galega de Bioética, que terá como ámbito xeográfico e institucional de actuación a Comunidade Autónoma de Galicia, e que actuará como órgano asesor da consellería nesta materia.

Na súa virtude, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e ámbito de actuación.

Créase a Comisión Galega de Bioética como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, adscrito á División de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde.

O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Funcións.

A Comisión Galega de Bioética, o obxectivo da cal é velar pola protección dos dereitos fundamentais no ámbito sanitario galego, terá como funcións:

a) Asesorar e orienta-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde en materia de bioética.

b) Emitir informes e realizar estudios sobre as cuestións de bioética que lle sexan suxeridas ou que considere de interese para a comunidade sanitaria galega a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Ser órgano de referencia en materia de bioética para os Comités de Ética Asistencial.

d) Colaborar na elaboración e harmonización de normas e protocolos de actuación que atinxen a cuestións bioéticas.

e) Fomenta-la formación bioética dos profesionais do ámbito sanitario.

f) Calquera outra que lle fose encomendada ou solicitada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º.-Composición.

A Comisión Galega de Bioética estará composta por un presidente, un vicepresidente, o secretario e os vocais. Na súa composición haberá, cando menos:

-Tres licenciados en medicina e cirurxía.

-Un licenciado en farmacia.

-Un diplomado en enfermería.

-Dous profesionais sanitarios de titulación distinta ás anteriores.

-Dúas persoas alleas ás profesións sanitarias; unha delas, polo menos, é licenciada en dereito.

Artigo 4º.-Presidente.

O presidente da Comisión Galega de Bioética será o director xeral da División de Asistencia Sanitaria ou persoa en quen delegue.

Son funcións do presidente coordina-las reunións e ordena-la súa convocatoria, e tódalas demais que lle asigne o Regulamento de réxime interno da comisión e o artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Vicepresidente.

O vicepresidente da Comisión Galega de Bioética será elixido de entre os membros vocais polo voto favorable dun mínimo de dous tercios deles.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 6º.-Nomeamento e mandato dos vocais.

Os vocais da Comisión Galega de Bioética serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais mediante orde, por un período de tres anos, prorrogable por un período igual.

Artigo 7º.-Secretario.

O cargo de secretario será desenvolvido por un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais mediante orde.

O secretario será o responsable da Secretaría Técnica.

Artigo 8º.-Secretaría técnica.

A Comisión Galega de Bioética dispoñerá dunha Secretaría Técnica como instrumento de soporte técnico-administrativo.

A Secretaría Técnica, dependente da División de Asistencia Sanitaria, terá as seguintes funcións:

a) Tramita-las convocatorias das sesións da Comisión Galega de Bioética, por orde do presidente.

b) Redacta-las actas das súas sesións e dos seus acordos.

c) Traslada-los informes solicitados.

d) Comunica-las resolucións e demais notificacións que fosen precisas.

e) Responsabilizarse do arquivo e rexistro da documentación da Comisión Galega de Bioética.

f) Tramita-los expedientes de autorización dos Comités de Ética Asistencial.

g) Elabora-los informes e certificacións que lle sexan solicitados para o efecto da autorización dos Comités de Ética Asistencial.

h) Elaborar unha memoria anual na que se recollan as actividades desenvolvidas pola Comisión Galega de Bioética.

Artigo 9º.-Funcionamento.

A Comisión Galega de Bioética deberá aprobar un regulamento interno no se que estableza a periodicidade de reunión, que deberá de ser, alomenos, semestral. Sen prexuízo do disposto nesta orde e no devandito regulamento interno, a comisión axustará o seu funcionamento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión poderá acorda-la creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudio de temas concretos. No acordo de constitución farase consta-la composición, as funcións e as finalidades do grupo ou da subcomisión.

Así mesmo, a comisión poderá nomear consultores e asesores externos que colaborarán na súa condición de expertos en áreas específicas de coñecemento. Na súa participación nas reunións da comisión, subcomisións ou grupos de traballo os expertos dispoñerán de voz pero non de voto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais