Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2001 Páx. 5.706

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 18 de abril de 2001 pola que se regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

O artigo 59 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sinala que a duración máxima das concesións para a instalación de viveiros será de dez anos, prorrogables por períodos sucesivos de dez anos ata un máximo de dúas prórrogas.

Durante a vixencia do título habilitante xorde circunstancias diversas, tales como a variación nas condicións da zona de cultivo, fatiga dos materiais que forman a estructura do viveiro, incorporación de novas especies á acuicultura ou variación nas características do producto que demanda o mercado, o que leva consigo a necesidade de modifica-las condicións sinaladas na disposición inicial de outorgamento.

Como resposta a estas circunstancias, nos artigos 9, 11, 26 e 29 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado polo Decreto 406/1996, do 7 de novembro, sinálase que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá autoriza-lo traslado do viveiro a outra cuadrícula vacante, a permuta de puntos de fondeadura, a renovación total ou parcial da estructura, o cambio das especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, logo de solicitude por parte do concesionario.

Cómpre agora desenvolve-los procedementos que regulen as ditas autorizacións.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo cambio de sistema, localización e cultivo en viveiros de cultivos mariños (bateas, liñas de cultivo e gaiolas) nas augas de Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os titulares de concesións na zona marítima que desexen modifica-la estructura (cambios de sistema), localización ou especie en viveiros de cultivo, deberán solicitalo presentando os modelos de instancia que figuran nos anexos I, II, III e IV desta orde.

2. As solicitudes, que se dirixirán á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura xunto coa documentación correspondente, poderán presentarse:

a) No rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou nas súas delegacións territoriais e comarcais.

b) De calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Documentación.

As solicitudes irán xunto co orixinal ou fotocopia cotexada da seguinte documentación:

1) Xustificante do pagamento da correspondente taxa de tramitación administrativa.

2) Acreditación da dispoñibilidade do seguro indicado no artigo 65 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

3) Documentación específica segundo a modificación solicitada:

3.1) No suposto de cambio de sistema, o titular da concesión deberá presenta-la seguinte documentación:

a) Proxecto correspondente, que incluirá descrición do cambio de sistema que se solicita, e planos de sección e alzada do novo artefacto, con indicación das medidas.

b) Permiso do concello para o varado e despezamento do artefacto vello, de se-lo caso.

c) En proxectos de cría intensiva de peixes, se o cambio de sistema supón unha variación na capacidade, achegarase:

-Estudio económico-financeiro para un mínimo de cinco anos, subscrito por técnico competente que analice a rendibilidade da explotación trala ampliación.

-Memoria técnico-biolóxica con descrición detallada do proxecto de ampliación, con indicación do incremento da capacidade de producción.

-Declaración ambiental formulada polo órgano ambiental, ou determinación deste na que se sinale que o proxecto non debe ser obxecto de avaliación.

3.2) Cambio de localización.

Memoria na que indicarán a localización e as características tanto da cuadrícula actual como da solicitada. Describiranse os parámetros que se modifican na nova localización e as melloras que se espera conseguir.

3.3) Permuta dos puntos de fondeadura.

Memoria xustificativa da permuta, na que se achegarán datos demostrativos de que favorece o desenvolvemento económico e social do sector.

3.4) Cambios de cultivo.

Memoria biolóxica na que se inclúa tanto a descrición da especie como as condicións previstas de producción (procedencia das crías e proxenitores,

de se-lo caso, tamaño e densidade inicial, alimentación, crecemento, mortalidade, tamaño e densidade final, producción esperada e sistema de comercialización). Indicarase expresamente se se trata dunha ampliación ou substitución da especie.

Artigo 4º.-Tramitación.

1. Cando a documentación se presente en rexistro dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, este procederá á súa remisión á delegación territorial correspondente pola localización do establecemento para a tramitación das solicitudes de cambio de sistema, localización e permuta dos puntos de fondeadura, ou á Dirección Xeral de Recursos Mariños as de cambio de cultivo.

2. Se a solicitude de iniciación non reunise os requisitos esixidos, requirirase do interesado que no prazo de dez días repare a falta ou remita os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición logo de resolución, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, citada.

3. Para a tramitación requiriranse os informes preceptivos que se indican a seguir:

a) Dos servicios técnicos da consellería, agás no suposto de solicitudes de cambio de sistema.

b) Nas solicitudes de cambio de localización solicitarase informe das organizacións do sector máis representativas tanto no polígono de orixe como no de destino. O informe deberá remitirse no prazo de 15 días contados desde o seguinte ó da recepción da solicitude, entendéndose en sentido favorable se transcorrese o dito prazo sen que se emitise en forma expresa. No suposto de que os informes sexan contrarios ó cambio de localización solicitado, deberá xustificarse a razón da dita negativa.

c) Daqueloutros organismos que se considere oportuno, en función da localización e características do establecemento e do tipo de modificación.

4. Completado o expediente, formularase proposta de resolución que se elevará ó órgano competente para resolver.

Artigo 5º.-Resolución.

1. O procedemento concluirá por resolución. No suposto de resolución favorable, esta fará referencia, como mínimo, ós seguintes extremos:

a) Titular da concesión (DNI ou CIF).

b) Tipo de viveiro.

c) Localización.

d) Características da modificación.

e) Condicións particulares baixo as que se outorga a modificación, de se-lo caso.

As resolucións favorables de cambio de localización e permuta de puntos de fondeadura publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de seis (6) meses, contados desde a data de entrada da solicitude no correspondente rexistro.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender estimada a súa petición por silencio, agás as solicitudes de permuta de puntos de fondeadura, cambios de localización e de sistema dos que a estimación tivese como consecuencia que se transfiran ó solicitante ou a terceiros facultades relativas ó dominio público, para as que o silencio terá efecto desestimatorio.

Artigo 6º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que poñerá fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun (1) mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous (2) meses, contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición adicional

Delégase nos delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a competencia para resolver expedientes en materia de cambios de localización e permuta dos puntos de fondeadura dos viveiros de cultivos mariños habilitados mediante concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias ás que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2001.

Amancio Landín Jaraíz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura