Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 07 de maio de 2001 Páx. 6.080

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de marzo de 2001 pola que se establece o réxime de equivalencias e validacións das titulacións de mergullo profesional reguladas na Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, para os posuidores dos títulos expedidos polo Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada).

Publicado o Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se establecen as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, onde recolle as titulacións para o exercicio do mergullo profesional, e visto o seu desenvolvemento a través da Orde do 23 de abril de 1999, pola que se establecen as condicións e requisitos para a obtención das diferentes titulacións de mergullo profesional, así como os correspondentes recoñecementos e validacións.

Por outra parte, como normativa básica da Administración xeral do Estado, está o Decreto 2055/1969, do 25 de setembro, que regula o exercicio de actividades subacuáticas, establece no seu articulado que os títulos militares serán definidos polo Alto Estado Maior na súa misión coordinadora entre os ministerios militares, sinalando a súa equivalencia cos títulos profesionais, regulados neste decreto, ademais, entre outras actuacións nesta materia, prevé a posibilidade de establecer un réxime de validacións para a adquisición de títulos profesionais polos posuidores dos títulos militares.

Seguindo a normativa básica do mencionado decreto, a Orde ministerial delegada 282/1982, do 20 de outubro, do almirante xefe do Estado Maior da Armada, aproba o Regulamento das especialidades e aptitudes de mergullo da Armada, derrogando os títulos militares de mergullo que aparecían dentro dun réxime de equivalencias e validacións, que establece a Orde do 25 de abril de 1973, que regula o exercicio de actividades subacuáticas nas augas marítimas e interiores. Deste modo, a citada orde do Estado Maior da Armada crea un novo cadro de especialidades e aptitudes de mergullo da Armada.

Perante o baleiro normativo nesta materia, e tendo en conta a lexislación básica da Administración xeral do Estado sobre actividades subacuáticas, segundo o Decreto 2055/1969 mencionado, a lexislación da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo profesional e a lexislación do Estado Maior da Armada, Orde ministerial delegada 282/1982, cómpre establecer, unha vez comprobados e avaliados os antecedentes necesarios, o réxime de equivalencias e validacións, das titulacións e especialidades reguladas polo Decreto 152/1998 e desenvolvido pola Orde do 23 de abril de 1999 arriba

reflectidos, polas emitidas polo Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada).

En consecuencia, tendo en conta a disposición derradeira segunda do Decreto 152/1998, do 15 de maio, pola que se faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do devandito decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As especialidades e aptitudes de mergullo expedidas polo Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada), obxecto de equivalencia e validación por esta orde, son as relacionadas a continuación:

a) Aptitude de mergullador axudante.

b) Aptitude de mergullo elemental.

c) Aptitude de mergullo de combate.

d) Aptitude de mergullador.

e) Especialidade de tecnoloxía de mergullo.

f) Especialidade de mergullador.

Artigo 2º

Establécese o réxime de equivalencias e validacións das titulacións de mergullo profesional e especialidades subacuáticas profesionais reguladas no Decreto 152/1998, do 15 de maio, e na Orde do 23 de abril de 1999 polas que se regulan o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, para os posuidores de títulos expedidos polo Organismo Técnico de Mergulladores da Armada (Centro de Mergullo da Armada) conforme a Orde ministerial delegada 282/1982, do 20 de outubro, do almirante xefe do Estado Maior da Armada, pola que se aproba o Regulamento das especialidades e aptitudes de mergullo da Armada, de acordo coa presente orde.

Artigo 3º

O réxime de validacións das titulacións de mergullo profesional, reguladas no Decreto 152/1998, do 15 de maio, terá un carácter de parcial ou total, en función do tipo de aptitude ou especialidade de mergullo da Armada, e será o que se establece no anexo I desta orde, indicando, no caso de validación parcial, os contidos non validados, de acordo coa Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula

o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

O réxime de validacións das especialidades subacuáticas, reguladas no citado decreto, será o que se establece no anexo II desta orde.

Artigo 4º

Para tramita-la validación das titulacións enumeradas no cadro do anexo I, para o caso daqueles títulos que así o require, cómpre superar previamente a realización presencial dun módulo teórico-práctico, que cubrirá aqueles coñecementos non validables e que se organizarán como mínimo una vez ó ano, na Escola de Mergullo de Galicia do Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

Artigo 5º

A documentación que hai que presentar coa solicitude de validación para a obtención da tarxeta de mergullador profesional e especialidade que corresponda, será a seguinte:

1. Documentación para a obtención da tarxeta de mergullador profesional:

a) Ter superado previamente as probas específicas teórico-prácticas, reflectidas no anexo I desta orde, para o caso das titulacións que así o requiren.

b) Solicitude debidamente cuberta segundo modelo do anexo III.

c) Unha fotografía recente de tamaño carné, co nome e apelidos escritos ó reverso.

d) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

e) Fotocopia compulsada da 5ª e 15ª follas do libro de diario de mergullo.

f) Fotocopia compulsada da especialidade ou aptitude profesional da Armada que sexa obxecto de validación.

g) Xustificante de aboamento das correspondentes taxas.

h) Certificado médico de aptitude para o correspondente nivel de mergullo, expedido por un facultativo habilitado. Este certificado acreditativo de supera-las probas establecidas no anexo IX, da Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, pode ser substituído polo recoñecemento médico anual en vigor anotado no libro diario de mergullo.

i) Certificado de avaliación psicolóxica de aptitude para o mergullo expedido por un facultativo habilitado. Este certificado acreditativo, pode ser substituído polo recoñecemento de aptitude psicolóxica en vigor anotado no libro diario de mergullo, de

acordo coa Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Fotocopia compulsada do certificado de que superou o curso de primeiros auxilios para mergulladores profesionais no seu nivel correspondente ou, de se-lo caso, estar en posesión do certificado de que foron realizadas as reciclaxes correspondentes, de acordo co establecido na Orde do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Certificado expedido pola entidade xestora da Seguridade Social de non ser pensionista nin por xubilación nin por invalidez.

m) No caso de solicita-la tarxeta de mergullador profesional de primeira clase, acreditar estar en posesión da correspondente especialidade de mergullo da Armada obxecto de validación por un período mínimo de dous anos.

2. Documentación para a obtención das certificacións de especialidades de mergullo profesional:

a) Acreditar mediante fotocopia compulsada, estar en posesión da titulación de mergullador profesional de 2ª clase.

b) Fotocopia compulsada da especialidade ou aptitude de mergullo da Armada.

c) Solicitude debidamente cuberta segundo o anexo III.

d) Fotocopia compulsada da 5ª e 15ª follas do libro de diario de mergullo.

e) Xustificante do aboamento das correpondentes taxas.

f) Fotocopias compulsadas das follas do libro diario de mergullo correspondente ó recoñecemento médico anual en vigor anotado no libro diario de mergullo, á avaliación psicolóxica de aptitude para o mergullo e de anotación do curso de primeiros auxilios para mergulladores profesionais no seu nivel correspondente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2001.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura