Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 26 de xuño de 2001 Páx. 8.574

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de xuño de 2001 pola que se modifica a do 23 de abril de 1999 pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante o Decreto 152/1998, do 15 de maio, establecéronse as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, norma que foi desenvolvida pola Orde do 23 de abril de 1999, reguladora dos aspectos técnicos e de formación relacionados coa actividade do mergullo.

O Decreto 210/2000, do 21 de xullo, establece as certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo e remite nos aspectos non regulados neste ó Decreto 152/1998, do 15 de maio. Esta remisión significa que para a práctica desta actividade é de cumprimento o establecido nos artigos 3 e concordantes para a autorización da extracción mediante estas técnicas, dándose unha situación de autorización reiterativa ó estar sometida esta posibilidade, segundo a súa disposición adicional segunda, a que o mergullador estea incluído nun plan de explotación deste recurso, que consonte a Lei de pesca de Galicia é aprobado pola consellería para cada ano, sendo requisito para a súa inclusión no plan estar en posesión da titulación ou certificación axeitada para a práctica do mergullo, polo que de feito vén a ser unha reiteración de trámites e autorizacións que é preciso eliminar para favorecer unha xestión máis axil mantendo o nivel de seguridade esixido polas

normas en vigor.

Tendo en conta que a Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, encomenda, dentro do marco constitucional, ó Ministerio de Fomento as competencias relativas á seguridade da vida humana no mar, e que a redacción actual do artigo 2 e concordantes da orde xa citada pode orixinar equívocos, enténdese necesario presisa-las disposicións establecidas para os efectos de lograr maior efectividade no control do cumprimento das normas de seguridade que rexen o exercicio das actividades subacuáticas.

Por todo iso, e tendo en conta a disposición derradeira segunda do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional.

Un. O artigo 3º terá a seguinte redacción:

A realización por mergulladores profesionais de intervencións hiperbáricas e subacuáticas de carácter laboral, profesional e científica de calquera tipo en augas marítimas pertencentes ó ámbito territorial de Galicia deberá ser autorizada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a través das súas delegacións territoriais e deberá contar coa aprobación que, para efectos de seguridade, ten que dar a capitanía marítima correspondente.

Dous. Engádese un apartado ó final do artigo 4º, que terá a seguinte redacción:

2. Cando se trate de extracción de recursos dentro dun plan de explotación aprobado pola consellería, a autorización para realiza-lo mergullo é concedida coa aprobación do plan para a zona e período de vixencia deste, debendo a empresa ou entidade solicita-la aprobación que para efectos de seguridade ten que da-la capitanía marítima correspondente.

Tres. O artigo 8º terá a seguinte redacción:

O xefe de equipo como responsable da intervención, e no seu defecto a empresa de mergullo interveniente ou entidade titular dun plan de explotación, esta obrigado a notifica á capitanía marítima correspondente e á Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, calquera incidencia ou accidente que poida suceder durante a práctica da intervención hipebárica, que se acompañará dun informe detallado se houbese danos persoais.

O informe do accidente deberá cubrirse nos termos establecidos nas normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súas publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2001.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura