Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 22 de agosto de 2001 Páx. 11.209

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

O Decreto 262/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, establece no seu artigo 5.2.1, como órgano dependente da Vicesecretaría Xeral o Diario Oficial de Galicia regulando as funcións correspondentes á devandita unidade administrativa, entre as que aparece recollida a do seu funcionamento como servicio central das publicacións da Xunta de Galicia, desenvolvendo as directrices da Comisión de Publicacións en relación coas publicacións que leven a cabo as distintas consellerías, realizando, se é o caso, a súa edición.

Como consecuencia da experiencia adquirida no desenvolvemento da actividade relativa ás publicacións da Xunta de Galicia, e resultando patente a necesidade de centraliza-la xestión das publicacións de carácter institucional, faise imprescindible a modificación do devandito decreto, e polo tanto a modificación da estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública no que se refire as funcións do Diario Oficial de Galicia trasladando a actividade de funcionamanto como servicio central de publicacións da Xunta de Galicia á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo o exposto supón a necesaria modificación, así mesmo, do disposto no Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia (DOG número 118, do martes 19 de xuño), co fin de adecua-la composición e funcionamento do Consello Coordinador de Publicacións e da Comisión Permanente de Publicacións ás novas modificacións establecidas.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia, creado polo artigo 1 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as

publicacións da Xunta de Galicia, adscríbese á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2º

O Consello Coordinador de Publicacións estará constituído polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que será o seu presidente; o director xeral de Promoción Cultural, que será o vicepresidente; o Secretario Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o subdirector xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas e un representante de cada consellería con nivel mínimo de xefe de servicio.

O Consello Coordinador de Publicacións reunirase polo menos dúas veces ó ano con carácter ordinario e, con carácter extraordinario, cantas veces o decida o seu presidente.

Artigo 3º

O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia terá as seguintes funcións:

-Aprobar criterios xerais en materia de edición, impresión, deseño e comercialización.

-Coñecer e aproba-las programacións semestrais das consellerías.

-Aprobar contratos tipo de coedición, impresión e distribución.

-Aprobar proxectos de acordos con asociacións profesionais de escritores, traductores, editores e cantos interveñan no proceso de creación.

-Propoñerlles ás consellerías a realización de coedicións.

-Fixa-los criterios xerais sobre a política de prezos das publicacións da Xunta de Galicia.

-Establece-los criterios para asinar convenios de intercambio de publicacións e, de se-lo caso, para a súa distribución gratuíta.

Artigo 4º

A Comisión Permanente de Publicacións, creada polo artigo 4 do Decreto 316/1998, do 8 de xuño, é un organismo integrado no Consello Coordinador de Publicacións, do que actúa por delegación.

Artigo 5º

Serán membros da Comisión Permanente de Publicacións: o director xeral de Promoción Cultural, que a presidirá, o subdirector xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas que será o seu vicepresidente, o xefe de servicio de Estudios e Publicacións Culturais, todos eles da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o xefe do Ser

vicio de Traducción, e o xefe do Servicio do Diario Oficial de Galicia, ámbolos dous da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o último dos cales actuará como secretario, e un representante da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda para aquelas sesións nas que na orde do figuren os prezos das publicacións. Formarán parte desta Comisión Permanente de Publicacións, como membros variables, un funcionario de cada consellería, con nivel mínimo de xefe de servicio, que será convocado nos casos que se especifican máis adiante.

Artigo 6º

Serán funcións da Comisión Permanente de Publicacións:

-Propoñerlle ó Consello Coordinador de Publicacións contratos tipo de coedición, distribución e impresión.

-Propoñerlle ó Consello Coordinador de Publicacións acordos coas asociacións profesionais de escritores, traductores, editores e cantos interveñan no proceso de creación.

-Aproba-las publicacións de cada consellería.

-Encarga-la elaboración e publicacións do catálogo xeral de publicacións da Xunta de Galicia.

-Elabora-la memoria anual de publicacións.

-Programar cursos, conferencias e seminarios de formación e perfeccionamento do persoal que traballa en materia de publicacións.

-Fixa-los prezos das publicacións da Xunta de Galicia de acordo cos criterios emanados do Consello Coordinador de Publicacións e tendo en conta os informes presentados polas consellerías editoras.

-Calquera outra función que lle encargue o Consello Coordinador de Publicacións.

A Comisión Permanente de Publicacións reunirase polo menos unha vez ó mes en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, sempre que o requira o seu presidente.

Artigo 7º

O Servicio de Estudios e Publicacións Culturais dependente da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, será a unidade administrativa responsable da edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma. Encargarase, así mesmo, da edición das coleccións que lle competan á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, coordinará a distribución comercial de tódalas obras da Xunta de Galicia fóra da Comunidade Autónoma e o inter

cambio de publicacións coas institucións que fixe a comisión.

Artigo 8º

1. O expediente que, para os efectos do previsto na letra c) do artigo 6º deste decreto, se lle presente á Comisión Permanente de Publicacións constará de un exemplar completo do texto e das ilustracións e gráficos de todo tipo, se os hai e un informe sobre a súa calidade e a súa adaptación ás competencias e funcións da consellería na materia. Incluirase, así mesmo, un informe sobre as características físicas do libro (tipo de papel, formato, encadernación), o prezo de producción e o prezo proposto de venda ó público.

A Comisión Permanente de Publicacións, á que poderá asistir, en cada caso, o representante da consellería no consello e un relator especializado no tema da publicación que se vai editar, examinará a obra presentada e coidará, no aspecto formal, que aquela se integre na correspondente colección. A comisión emitirá dictame de resolución no prazo máximo de dez días, contados desde o seguinte ó da recepción de toda a documentación. Transcorrido ese prazo sen resposta expresa, enténdese que a resolución é afirmativa.

2. Antes de contratar un determinado traballo técnico, a consellería respectiva, con vistas á súa publicación posterior, poderá solicitar da Comisión Permanente que emita o dictame pertinente sobre a oportunidade e a idoneidade xeral do traballo que se vai realizar, sen prexuízo de cumprir no seu momento o que se dispón no número 1 deste artigo.

Artigo 9º

A aprobación regulamentaria, expresa ou tácita, dunha publicación por parte da Comisión Permanente de Publicacións deberá constar por escrito e será requisito necesario previo á iniciación do correspondente expediente de gasto por parte da consellería responsable en cada caso da edición.

No suposto de aprobación tácita por transcorre-lo prazo sinalado no artigo 7º deste decreto, o secretario xeral da consellería respectiva poderá emiti-la certificación correspondente.

Artigo 10º

Cada consellería será responsable, administrativa e economicamente, da edición das súas propias obras e concertará a distribución do seu fondo editorial para Galicia, nas condicións que aprobe o Consello Coordinador de Publicacións, e da Comisión Permanente de Publicacións, se é o caso. Facilitará os datos necesarios para a elaboración dos catálogos de publicacións da Xunta de Galicia e para a memoria anual de publicacións. Así mesmo presentará

os libros que se vaian editar perante a Comisión Permanente de Publicacións, para a súa aprobación.

Artigo 11º

As publicacións editadas pola Xunta de Galicia estarán introducidas en coleccións estables e identificadas. Cada libro levará o número de ISBN, o número de depósito legal, a mención internacional de reserva da propiedade intelectual seguida do nome do autor, o prezo de venda ó público impreso e a ficha catalográfica. Tódalas outras publicacións da Xunta de Galicia, libros, folletos carteis, dípticos, follas soltas e outras similares, terán impreso o preceptivo número de depósito legal e o pé de imprenta.

Artigo 12º

De cada publicación da Xunta de Galicia, incluídos carteis, folletos, vídeos, discos e outros, reservaranse dez exemplares que se depositarán no Centro Superior Bibliográfico de Galicia. Destes exemplares, catro poderán ser utilizados en exposicións, catro para traballos de investigación ou estudio e dous quedarán en arquivo permanente. Depositaranse, así mesmo, no Centro Superior Bibliográfico de Galicia os orixinais de textos, deseños, ilustracións, fotos, másters de discos ou vídeos, sempre que estes materiais sexan propiedade da Xunta de Galicia ou sexan cedidos polos seus propietarios para este fin.

Artigo 13º

As publicacións da Xunta de Galicia axustaranse, no que se refire ós orzamentos de impresión, contratos de execución de obras en artes gráficas, contratos de coedición, contratos de autor, contratos de traducción e contratos de distribución, ós modelos tipo, que serán aprobados mediante orde da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposicións adicionais

Única.-Modifícase o punto 5.2.1. Diario Oficial de Galicia, do artigo 5º, do Decreto 262/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que queda redactado da forma seguinte:

«5.2.1. Diario Oficial de Galicia.

Configúrase como a unidade administrativa que terá ó seu cargo a xestión da edición, publicación, venda e distribución do periódico oficial de Galicia así como das publicacións que leve cabo a Consellería da Presidencia e Administración Pública.».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou menor categoría se opoñan total ou parcialmente ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública