Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 09 de abril de 2002 Páx. 4.508

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 116/2002, do 1 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia.

O Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, trasladou a xestión das publicacións de carácter institucional á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Como consecuencia, realizouse unha adecuación da composición e funcionamento do Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia e da Comisión Permanente de Publicacións ás novas modificacións establecidas.

A experiencia adquirida no desenvolvemento da actividade relativa ás publicacións desde a entrada en vigor do devandito decreto aconsella realizar cambios no procedemento, de acordo con criterios de eficacia, para mellora-lo funcionamento dos órganos colexiados en materia de publicacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os artigos 5º, 6º punto terceiro, 7º, 8º, 9º e 10º do Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, quedan redactados do teor literal seguinte:

«Artigo 5º.-Serán membros da Comisión Permanente de Publicacións: o director xeral de Promoción Cultural, que a presidirá; o subdirector xeral de Promoción Cultural e do Libro e Bibliotecas, que será o seu vicepresidente; o xefe do Servicio de Estudios e Publicacións Culturais, que actuará como secretario, todos eles da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; o xefe do Servicio de Traducción e o xefe do Servicio do Diario Oficial de Galicia, ámbolos dous da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e un representante da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda para aquelas sesións nas que na orde do día figuren os prezos das publicacións. Formarán parte desta Comisión Permanente de Publicacións, como membros variables, un funcionario de cada consellería, con nivel mínimo de xefe de servicio, que será convocado nos casos que se especifican máis adiante.».

«Artigo 6º, punto terceiro.-Certifica-la idoneidade das publicacións de cada consellería.».

«Artigo 7º.-O Servicio de Estudios e Publicacións Culturais, dependente da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, será a unidade administrativa responsable da edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma. Encargarase, así mesmo, da edición das coleccións que lle competan á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, coordinará a distribución comercial de tódalas obras da Xunta de Galicia e o intercambio de publicacións coas institucións que fixe a comisión.».

«Artigo 8º.1.-O expediente que, para os efectos do previsto no punto terceiro do artigo 6º deste decreto, se lle presente á Comisión Permanente de Publicacións, constará dun exemplar completo do texto e das ilustracións e gráficos de todo tipo, se os hai, e un informe sobre a súa calidade e a súa adaptación ás competencias e funcións da consellería na materia. O Servicio de Traducción da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración

Pública certificará a corrección lingüística do texto. Incluirase, así mesmo, un informe sobre as características físicas do libro (tipo de papel, formato, encadernación), o prezo de producción e o prezo proposto de venda ó público.

A Comisión Permanente de Publicacións, á que poderá asistir, en cada caso, o representante da consellería no consello e un relator especializado no tema da publicación que se vai editar, examinará a obra presentada e coidará, no aspecto formal, que aquela se integre na correspondente colección. A comisión resolverá no prazo máximo de dez días, contados desde o seguinte ó da recepción de toda a documentación. No suposto de falta de resolución expresa neste prazo, entenderase que o sentido do silencio é positivo.

2. Antes de contratar un determinado traballo técnico, a consellería respectiva, con vistas á súa publicación posterior, poderá solicitar da Comisión Permanente que resolva sobre a oportunidade do traballo que se vai realizar, sen prexuízo de cumprir no seu momento o que se dispón no número 1 deste artigo.».

«Artigo 9º.-A certificación da idoneidade dunha publicación por parte da Comisión Permanente de Publicacións deberá constar por escrito e será requisito necesario previo á fase de recoñecemento da obriga por parte da consellería responsable en cada caso da edición.».

«Artigo 10º.-Cada consellería será responsable, administrativa e economicamente, da edición das súas propias obras, e concertará a distribución do seu fondo editorial para Galicia nas condicións que aprobe o Consello Coordinador de Publicacións e a Comisión Permanente de Publicacións, se é o caso. Facilitará os datos necesarios para a elaboración dos catálogos de publicacións da Xunta de Galicia e para a memoria anual de publicacións. Así mesmo, presentará os libros que se vaian editar perante a Comisión Permanente de Publicacións, para a certificación da súa idoneidade.».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA