Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 08 de agosto de 2002 Páx. 12.145

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de xullo de 2002 pola que se regula a sinalización nos terreos cinexéticos.

A Lei de caza de Galicia, Lei 4/1997, do 25 de xuño, debuxa un novo panorama que pretende transforma-la actividade cinexética, ó establecer espacios máis amplos que permitan a xestión deste recurso desde unha dobre óptica de sustentabilidade e de rendibilidade. A normativa que se desenvolve e complementa co Regulamento de caza, aprobado polo Decreto 284/2001, do 6 de novembro, introduce importantes novidades que, nalgúns casos, é preciso pormenorizar en disposicións de desenvolvemento. A sinalización dos terreos cinexéticos que prevé a Lei de caza, no seu artigo 10 e á que o regulamento lle dedica unha atención moi especial, mantense nunha liña moi similar á seguida ata agora, co manifestado propósito de que a posta en marcha da lexislación da caza galega se faga paulatinamente e sen traumas para os nosos cazadores. O amplo consenso que acompañou a redacción da normativa de caza de Galicia mantense nesta materia, na que se pulsou o sentir dos distintos sectores implicados nesta

actividade, para establecer unhas regras que resulten pouco gravosas e de sinxela aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde é de aplicación ós terreos sometidos a réxime cinexético especial que se relacionan no artigo 9.2º da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia:

a) Terreos cinexeticamente ordenados (Tecor).

b) Terreos cinexético-deportivos.

c) Explotacións cinexéticas comerciais.

d) Reservas de caza.

e) Refuxios de fauna.

Así como ás zonas de seguridade descritas no artigo 25 da mesma norma.

As zonas de caza permanente e as de adestramento de cans incluídas dentro dos Tecor serán obxecto da mesma sinalización que os mesmos Tecor.

Artigo 2º.-Localización e visualización das sinalizacións.

A sinalización dos terreos de réxime cinexético especial efectuarase, de forma que sexa visible desde o exterior do terreo sinalizado, con carteis ou rótulos ó longo de todo seu perímetro, así como en tódalas vías de acceso e terreos colindantes de uso ou de dominio público que se adentren no terreo de réxime especial. A sinalización terá que ser visible desde a calzada e colocarse en sentido a esta. Poderanse poñer ademais sinais en puntos significativos e relevantes do interior do espacio, que informen sobre a condición cinexética do terreo.

Artigo 3º.-Tipos de sinais.

Os sinais serán de dous tipos, de primeira orde ou descritivas e de segunda orde ou de referencia. A sinalización efectuarase a través de carteis ou de rótulos que se axusten á descrición que se establece nesta orde (anexo).

Artigo 4º.-Distancia entre sinais.

A distancia entre os sinais de primeira orde no perímetro exterior do terreo sinalizado non será superior a 500 m, colocándose ademais á mesma distancia

en tódalas vías de acceso que penetren no terreo cinexético e, de se-lo caso, en puntos significativos e relevantes do seu interior.

Entre os sinais de primeira orde anteriormente citados, colocaranse unha sinalización de segunda orde cunha distancia máxima entre elas de 250 m.

As sinalizacións permitirán, salvo accidentes do terreo que o impidan, que desde o lugar no que se atope unha calquera delas, sexa posible divisa-los dous máis inmediatos.

Artigo 5º.-Características.

a) Sinais de primeira orde.

Os sinais de primeira orde adaptaranse á tipoloxía seguinte:

Material: ríxido e que garanta adecuadamente a súa conservación.

Dimensións: 33 cm de alto por 50 cm de largo.

Altura desde o chan: entre 1 e 2,50 m.

Cores: letras negras sobre fondo branco, con excepción do sinal dos refuxios de fauna que serán en letras brancas, sobre fondo azul escuro.

Dimensións das letras: alto: 5 cm, largo: 3 cm, e cun trazo de 1 cm de grosor.

Lenda: a que lle corresponda ó seu réxime cinexético á que se engadirá a específica que corresponda á súa tipoloxía, e o seu número de matrícula, que terá que figurar no ángulo superior dereito, gravado ou incorporado cunha chapa metálica de 3 cm de alto por 13 cm de largo.

Potestativamente, poderá incluírse na lenda o nome do Tecor en letras que en ningún caso serán de superior tamaño ás sinaladas anteriormente.

O anagrama da Xunta de Galicia figurará no ángulo superior esquerdo, co texto: Consellería de Medio Ambiente, en letras negras sobre fondo branco.

A colocación dos sinais realizarase sobre postes fabricados con materiais que aseguren un soporte sólido delas. Poderanse compartir estes soportes con outras sinalizacións, asegurándose en todo caso que se cumpran as especificacións de todo tipo que se conteñen na presente disposición.

En todo caso prohíbese a realización de todo tipo de pintadas ou a colocación de sinais na vexetación arbustiva ou arbórea.

b) Sinais de segunda orde.

Os sinais de segunda orde como complementarios ás de primeira orde, poden ser carteis ou ben rótulos pintados en rochas, muros ou paredes.

Os sinais de segunda orde ou de referencia axustaranse ós modelos que figuran no anexo desta orde e reunirán as características seguintes:

1. Carteis.

Material: ríxido e que garanta adecuadamente a súa conservación.

Dimensións: 20 cm de alto por 30 cm de largo.

Altura desde o chan: entre 1 e 2,50 m.

Cores: en diagonal (esquerda superior cara á dereita inferior), parte superior dereita en branco; e a parte inferior nas seguintes cores:

Tecor societario: en negro.

Tecor particular: en marrón.

Tecor autonómico e municipal: en laranxa.

Tódolos demais espacios cinexéticos usarán carteis en diagonal (esquerda superior cara á dereita inferior), parte superior dereita en branco; e a parte inferior en negro.

Lenda: potestativamente, poderá incluírse unha referencia ó tipo de Tecor de que se trate.

2. Rótulos.

Os rótulos poderanse pintar nas rochas, muros ou en xeral en calquera outro lugar visible que o faga posible, en letras maiúsculas da cor que lle corresponda, cunha dimensión mínima de 15 cm de altura e de 3 cm de largura, coas lendas e cores establecidas no punto anterior.

Artigo 6º.-A sinalización nas zonas de seguridade.

Nas zonas de seguridade non será obrigatoria a sinalización, con carácter xeral, salvo nos casos seguintes:

-Cando se trate de recintos deportivos, áreas recreativas e de acampada en terreos non cercados, sempre que as instalacións non sexan visibles desde calquera punto situado a unha distancia mínima de 100 m.

-Cando a zona de seguridade fose declarada nun caso concreto por resolución administrativa, para garanti-la protección das persoas e dos seus bens.

-Cando por circunstancias de especial perigosidade o impoña a Consellería de Medio Ambiente para determinados lugares, ben de oficio ou por requirimento da autoridade gobernativa competente.

A correspondente resolución da Consellería de Medio Ambiente determinará a sinalización de que debe ser obxecto a zona delimitada.

A sinalización e a súa conservación, cando a zona de seguridade ou a modificación dos seus límites non fose declarada de oficio pola Consellería de Medio Ambiente, serán por conta dos organismos ou entidades públicas ou privadas, por instancia dos que se producise a declaración de zona de seguridade ou a súa modificación e, de se-lo caso, polos titulares dos recintos deportivos, áreas recreativas e áreas de acampada.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente