Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2002 Páx. 16.547

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a continuación acústica.

A Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 159, do 20 de agosto, pretende dar debida resposta ás innumerables denuncias formuladas polos cidadáns ante os órganos municipais e autonómicos competentes en materia ambiental. Neste senso, esta lei veu a consegui-la harmonización do dereito dos cidadáns a organiza-las súas actividades económicas, productivas e recreativas co desfrute da intimidade e o descanso nun ambiente adecuado para o desenvolvemento da personalidade.

Posteriormente á publicación da lei, procedeuse ó seu desenvolvemento a través do Decreto 150/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o regulamento de protección contra a contaminación acústica, en función da previsión contida no artigo 3.2º b da Lei 7/1997, co obxecto de garantir a aplicación homoxénea desta lei en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Malia o anterior, a Lei 7/1997 contén no seu artigo 3.2º c, a potestade de dictar regulamentos de desenvolvemento dela que sexan de aplicación naqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non teñan aprobadas ordenanzas sobre o ruído e vibracións.

Neste punto radica a razón de ser desta norma, concibida como un instrumento de aplicación para aqueles concellos que non teñan aprobadas ordenanzas municipais sobre esta materia e que se entende sen prexuízo das competencias correspondentes ós concellos de conformidade co previsto na lexislación de réxime local, e na Lei 7/1997, do 7 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, en virtude das que corresponde ós concellos exerce-lo control do cumprimento da dita Lei 7/1997, esixi-la adopción das medidas necesarias, sinalar limitacións, realizar cantas inspeccións se requiran e aplica-las sancións correspondentes en caso de incumprimento.

Considerando que, por un lado, moitos concellos de Galicia non dispoñen de ordenanzas propias específicas sobre ruído e vibracións, dada a complexidade técnica para a súa elaboración, que esixe un gran esforzo ós concellos con recursos limitados para contar con facultativos especializados na materia e que, por outro, os cidadáns demandan unha acción máis decidida e rigorosa da Administración en defensa da súa saúde e tranquilidade, desenvólvese o presente decreto polo que se establecen as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica con criterios que determinan unha táboa de valores máximos que constitúan un común denominador no que se fundamente a efectividade do dereito a

non soportar molestias esaxeradas causadas pola contaminación acústica, no espírito de coadxuvalo no exercicio das competencias municipais e respectándose a potestade dos concellos de elaborar ordenanzas sobre ruído e vibracións adaptadas ás súas características e nas que se establezan, se é o caso, unha mellor protección.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de novembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación.

1. Apróbase o Regulamento polo que se establecen as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica, que se xunta como anexo a este decreto, en aplicación da previsión contida no artigo 3.2º c da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, que será de aplicación directa en tódolos concellos de Galicia que non teñan aprobadas ordenanzas sobre ruídos ou vibracións.

2. Este regulamento tamén será de aplicación a aqueles concellos que tendo aprobadas ordenanzas sobre ruídos ou vibracións as teñan sen adaptar á Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e ó Decreto 150/1999, do 27 de maio, que a desenvolve.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os titulares das actividades, instalacións ou prestacións de servicios autorizados con anterioridade á aprobación deste decreto e que non se axusten ós contidos desta disposición dispoñen do período dun ano, a partir da publicación desta norma para adaptarse ás medidas previstas nela.

Segunda.-Os concellos adaptarán as súas ordenanzas municipais en materia de ruídos e vibracións ós contidos desta regulamentación no prazo dun ano desde a publicación do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións autonómicas do mesmo ou inferior rango regulen materias contidas no presente decreto, en canto se opoñan ou contradigan o seu sentido.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Regulamento polo que se establecen as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto o desenvolvemento da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, de conformidade co disposto no seu artigo 3.2º c, e así regula-las actuacións dos cidadáns e da Administración para a protección do ambiente contra as perturbacións producidas polos ruídos e vibracións, en cumprimento desta.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Están sometidos ás prescricións deste regulamento tódalas actividades e instalacións industriais, comerciais e de servicios, construccións e obras, edificacións, actividades de ocio, de espectáculos e recreativas, tráfico que xeran ruídos e/ou vibracións susceptibles de producir molestias, así como aqueloutras actividades que implique unha perturbación por ruídos da veciñanza e se atopen situados ou se exerzan dentro daqueles concellos de Galicia que non teñan aprobadas ordenanzas municipais sobre ruído e vibracións ou que téndoas aprobadas estean sen adaptar ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Artigo 3º.-Competencias.

Corresponderalle á alcaldía ou á concellería en que delegue e, de se-lo caso, á comisión de goberno, esixir, de oficio ou por solicitude de parte interesada, a adopción das medidas correctoras necesarias, sinala-las limitacións, ordenar cantas inspeccións sexan precisas, establecer instrumentos permanentes de control de son nas actividades suxeitas a estas ordenanzas tipo e impoñe-las sancións correspondentes en caso de incumprirse o ordenado, consonte o disposto na lexislación de réxime local e na Lei 7/1997, do 11 de agosto.

Capítulo II

Niveis máximos admisibles de ruído e vibración

Sección primeira

Criterios xerais de prevención

Artigo 4º.-Medidas de prevención.

Nos traballos de execución do planeamento urbano e de autorización e realización de todo tipo de actividades e servicios deberá contemplarse a súa incidencia na xeración de ruídos e vibracións, para que se garanta que os usos e actividades permitidos facilitan o nivel máis axeitado posible de calidade de vida, reducindo a niveis aceptables a contaminación acústica, nos termos e condicións previstos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, e no Decreto 150/1999, do 7 de maio, que a desenvolve, e das prescricións contidas neste regulamento.

Entre outros aspectos deberá prestarse especial atención a:

-Organización do tráfico en xeral.

-Transportes colectivos urbanos.

-Recollida de residuos sólidos.

-Localización de centros docentes, sanitarios e lugares de residencia colectiva.

-Planificación de actividades ó aire libre que poidan xerar ambientes ruidosos en zonas estremeiras.

-Planificación e proxecto de vías de circulación cos seus elementos de illamento e amortecemento acústico.

-Todas aquelas medidas preventivas e/ou correctoras que fosen necesarias.

Sección segunda

Niveis de ruído e vibración admisibles

Artigo 5º.-Zonas de sensibilidade acústica.

1. Son zonas de sensibilidade acústica para os efectos da aplicación das presentes ordenanzas tipo, as sinaladas no anexo I e que se clasifican en función daquela parte do territorio que presenta un mesmo rango de percepción acústica.

2. Os plans xerais de ordenación municipal delimitarán as zonas de sensibilidade acústica. No suposto de que o concello non dispoña de planeamento, as zonas virán delimitadas polo uso predominante existente en cada unha delas.

Artigo 6º.-Niveis de ruído e vibración admisibles.

Ningunha fonte sonora poderá emitir nin transmitir niveis de ruído ou vibración tal que produzan valores de recepción superiores ós fixados nas táboas 1, 2 e 3, relacionadas no anexo II, de acordo coa Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Capítulo III

Condicións específicas de prevención

Sección primeira

Regulamentación do ruído das actividades relacionadas cos usos industriais, terciario e equipamento

Artigo 7º.-Tipos de actividades.

1. Tódalas actividades industriais, comerciais e de servicios susceptibles de producir ruídos e vibracións quedan sometidas ó disposto nesta sección.

2. En todo caso, a transmisión de ruídos e vibracións orixinados como consecuencia daquelas actividades deberá axustarse ós límites establecidos nas presentes ordenanzas tipo e no título II do anexo da Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica. Os titulares destas actividades estarán obrigados a adopta-las medidas de insonorización das fontes sonoras e de illamento acústico dos locais para cumprir en cada caso as prescricións establecidas.

Artigo 8º.-Proxectos de obras ou instalacións.

1. De acordo co prevido no artigo 4.3º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, as actividades que produzan unha perturbación por ruído ou vibracións deberán someterse ó procedemento de avaliación de incidencia ambiental.

2. Para o disposto no punto anterior, en tódolos proxectos de obras ou instalacións industriais, comerciais e de servicios que poidan provocar ruídos ou vibracións incluirase un estudio acústico xustificativo do cumprimento das medidas establecidas na Lei 7/1997 de protección contra a contaminación acústica, e demais normas técnicas, que abranguerá as determinacións recollidas nos parágrafos 2, 4, 5 e 6 do artigo 11 do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, así como o seu orzamento e planos coas indicacións do parágrafo 3 do devandito artigo. Tódalas obras, instalacións ou actividades que, de conformidade co disposto na normativa estatal básica sobre a materia e na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, estean sometidas a un procedemento de avaliación de impacto ambiental ou de avaliación de efectos ambientais deberán conter un estudio acreditativo do seu impacto acústico de acordo coas

esixencias definidas no capítulo III do Regulamento de protección contra a contaminación acústica, aprobado polo Decreto 150/1999, do 7 de maio. Na declaración que se dicte, que terá carácter vinculante, deberanse impoñe-las medidas correctoras precisas.

3. Os estudios de proxectos de actividades clasificadas e/ou suxeitas ó regulamento de espectáculos e actividades recreativas, conterán as medidas específicas adicionais prescritas na sección II deste capítulo.

4. Non serán esixibles as medidas específicas adicionais da sección II deste capítulo ós proxectos daqueles establecementos cun horario de funcionamento que sexa exclusivamente o comprendido entre as 8 e as 22 horas e cuns aparellos musicais que sexan unicamente radio, televisión e fío musical cun nivel de emisión interno (NEI) máximo de 75 dB (A). En calquera caso, nestes supostos os establecementos disporán dun illamento mínimo ó ruído aéreo de 50 dB (A).

Artigo 9º.-Licencia de apertura.

Non se outorgará licencia de apertura das instalacións, das actividades ou dos establecementos sometidos a esta disposición se os proxectos presentados polos interesados non se axustan ó disposto neste regulamento e demais normas de aplicación. Así mesmo, non se poderá inicia-la actividade ou poñer en funcionamento as instalacións mentres non estea comprobado que cumpren a normativa sobre contaminación acústica polos órganos inspectores ou mediante certificación expedida por empresas ou entidades homologadas.

Artigo 10º.-Medidas correctoras e controis.

Nas licencias de apertura e nas declaracións de incidencia ambiental deberán sinalarse as medidas correctoras e os controis que deberán cumpri-las actividades e instalacións, indicándose expresamente que o incumprimento destas pode dar lugar á revogación daquelas licencias ou autorizacións.

Artigo 11º.-Inspeccións.

Unha vez iniciada a actividade ou postas en funcionamento as instalacións, realizaranse as inspeccións precisas para comprobar que as actividades ou instalacións cumpren a normativa. Como consecuencia destas, poderán incoarse os correspondentes procedementos sancionadores ou ben acordar medidas correctoras ou de control.

As comprobacións ás que se refire este parágrafo rexeranse polo disposto na lexislación ambiental de Galicia.

Sección segunda

Actividades de ocio, de espectáculos e recreativas

Artigo 12º.-Ruídos no exterior.

1. Os titulares de establecementos serán responsables de velar, para que os usuarios, ó entrar ou saír do local, non produzan molestias á veciñanza. No caso de que as súas recomendacións non sexan atendidas deberán avisar inmediatamente á policía municipal. Do mesmo xeito actuarán se constatan a consumición de bebidas, expedidas no dito local, fóra do establecemento e dos lugares autorizados. Así mesmo, e sen prexuízo das responsabilidades dos titulares do establecemento, as referidas obrigas serán cumpridas polos dependentes ou encargados que presten servicios no local.

2. Naquelas zonas da cidade onde existan numerosas actividades destinadas ó uso de establecementos abertos ó público sempre que os niveis de recepción no ambiente exterior, producidos pola adición ás múltiples actividades existentes e pola actividade das persoas que utilicen estes establecementos, superen en máis de 3 dB os niveis fixados nesta disposición, o concello establecerá as medidas oportunas, dentro do seu ámbito de competencias, tendentes a diminuí-lo nivel sonoro exterior ata situalo dentro dos límites correctos.

Para estes efectos, o concello, trala solicitude dos informes de inspección ambiental e que constaten, de se-lo caso esta realidade, acordará mediante resolución motivada do alcalde, a declaración destas zonas urbanas como «zonas saturadas por acumulación de ruídos». Esta resolución, adoptada nun procedemento contradictorio, poderá acordar algunha das medidas cautelares previstas no artigo 43 deste regulamento e do artigo 20 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e en concreto, a posible paralización da actividade ou clausura de instalacións, o precinto de equipos así como calquera outra que se considere

imprescindible para evita-la persistencia desta situación.

3. As actividades complementarias no exterior, debidamente autorizadas, desenvolvidas polos establecementos de bar, cafetería ou restauración, café bar especial e pub (terrazas na vía pública) non estarán sometidas ás limitacións de illamento acústico ou ós límites máximos de ruído permitidos no exterior. Non obstante, en ningún caso se producirán ruídos que superen, en espacios estremeiros ou superiores, os valores de recepción que figuran no anexo II desta disposición. En todo caso, non poderán situarse ou utilizarse nestes espacios dedicados a estas actividades complementarias equipos de música ou outros reproductores sonoros, así como aqueloutros elementos susceptibles de xeraren ruído.

4. Os titulares dos establecementos coidarán do mantemento da orde nas terrazas, debendo solicita-la actuación da policía local en caso de alteración ou molestia esaxerada para a veciñanza. Neste sentido, nas declaracións ou licencias de actividade ou de apertura que se expidan para estes establecementos abertos ó público preverase que o quebranto reiterado deste deber pode comporta-la revogación da autorización ou licencia, logo dun expediente contradictorio instruído para o efecto. Cando o local público no que se desenvolvan actividades de ocio e que dispoña de licencia de espacios abertos produza uns niveis de ruído superior ós permitidos, considerarase ó titular responsable das molestias, séndolle de aplicación o réxime sancionador previsto nesta disposición.

Artigo 13º.-Aviso de niveis sonoros.

Tódolos establecementos públicos que dispoñan de equipo musical de elevada potencia, independentemente doutras limitacións establecidas nestas ordenanzas tipo, non poderán superar niveis sonoros máximos de 90 dB (A) en ningún punto ó que teñan acceso os clientes ou usuarios, agás que no acceso do referido espacio se coloque o aviso seguinte: «a exposición prolongada ós niveis sonoros do interior poden producir lesións permanentes no oído». O aviso deberá ser perfectamente visible tanto pola súa dimensión como pola súa iluminación.

Artigo 14º.-Sonógrafo.

Para o mellor control dos límites sonoros regulados nestas ordenanzas tipo, poderá establecerse a obriga, para tódalas actividades de café-bar especial, pub, café cantante, café concerto, karaoke, discoteca, salas de baile e salas de festa, whiskerías, de instalar aparellos de control permanente de emisión fónica (sonógrafo ou caixa negra), deseñados para causa-la interrupción da emisión cando se superen os límites máximos de emisión. O dispositivo de control deberá te-las seguintes prestacións:

a) Rexistrar e almacena-lo período de funcionamento ruidoso da actividade, cos datos de data e hora de inicio e data e hora de terminación e os correspondentes niveis de inmisión de ruídos.

b) Rexistrar e almacena-los períodos de funcionamento, con data e hora de acendido e apagado, das fontes sonoras, co obxecto de poder controla-la súa correcta actuación.

c) Conserva-la información durante doce meses para permiti-la súa inspección posterior.

d) Dispor dun sistema que lles permita ós servicios municipais realiza-la inspección dos datos de maneira que se poidan trasladar ós sistemas informáticos do servicio de inspección para a súa análise e avaliación, permitindo a impresión deles. Todas estas operacións non serán destructivas dos datos existentes no dispositivo, nin existirá a posibilidade de manipulación deles mediante o sistema informático.

e) Contar cun dispositivo para evitar posibles manipulacións da caixa negra, mediante claves electrónicas ou claves de acceso.

f) Os dispositivos de control terán que estar homologados polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

Artigo 15º.-Certificado final de obra.

Os locais públicos destinados ó espallamento e ocio terán que dispor do tratamento acústico de paredes, teitos e solos co fin de garanti-los illamentos mínimos requiridos. O certificado final de obra recollerá necesariamente que os materiais proxectados foron instalados.

Artigo 16º.-Dobre porta.

Co fin de evita-la transmisión sonora directamente ó exterior, nos establecementos nos que se instale equipo musical de emisión igual ou superior de 80 dB (A), será obrigatoria a instalación dunha dobre porta, con peche automático e dispositivo antipánico de apertura manual e constituíndo un vestíbulo cortaventos que configure un espacio intermedio que actúe como cámara de control para impedir que as dúas portas estean abertas ó mesmo tempo. Estas portas deberán permanecer constantemente pechadas a partir das 22 horas, agás para a entrada e saída de persoas.

Artigo 17º.-Medidas adicionais específicas do estudio de impacto acústico.

1. Para conceder licencia de apertura dunha actividade con equipo de música ou que inclúa a previsión de actuacións musicais, o estudio de impacto acústico, deberá describir, necesariamente, con carácter específico, os seguintes aspectos da instalación:

a) Características dos equipos musicais (potencia acústica e gama de frecuencias).

b) Localización do equipo, emprazamento e número de altofalantes e indicación das medidas correctoras.

c) Sistemas de illamento acústico con detalle das pantallas illantes, especificación de gamas de frecuencias e absorción acústica.

2. Previamente á apertura, as entidades acreditadas pola Consellería de Medio Ambiente ou os

servicios técnicos municipais comprobarán a instalación reproducindo no equipo a inspeccionar un son co mando do potenciómetro de volume ó máximo nivel e, con esas condicións, medirán o ruído na vivenda ou local máis afectado. O nivel máximo medido non poderá excede-los límites fixados nestas ordenanzas tipo.

3. Fíxanse as seguintes medidas correctoras referentes a teitos, cerramentos, solos, piares e altofalantes.

1. Teitos:

a) Reparación de calquera defecto de forxado que separe o local en estudio dos estremeiros evitando con iso os camiños de transmisión do sonido.

b) Os falsos teitos non deberán ir unidos rixidamente ó teito.

c) Evitaranse as múltiples perforacións para a iluminación.

d) Evitaranse todo tipo de unións ríxidas de instalacións.

e) Utilización do material absorbente na cámara de aire entre ámbolos dous teitos.

f) Nas conduccións de ventilación e aire acondicionado prohíbense retornos de aire polos falsos teitos.

g) Os altavoces instalaranse de forma que non exista contacto directo co forxado do local.

h) Instalar debaixo deste teito os conductos da ventilación, climatización e iluminación.

i) No caso de que como consecuencia da aplicación das medidas correctoras previstas no epígrafe h) o local incumpra outras condicións requiridas, o titular a través do estudio de impacto acústico poderá propoñer outras medidas correctoras que deberán ser sometidas á aprobación municipal.

2. Cerramentos laterais e fachadas.

1. Cerramentos de fachadas (exterior na vía pública):

a) Nos locais de café-bar especial e pub, onde os niveis de emisión sexan iguais ou superiores a 80 dB (A), as portas deberán permanecer sempre cerradas, consonte prevé o artigo 16º.

b) Nos locais destinados a café concerto, café cantante e karaoke, con niveis de emisión de 90 dB (A), deben suprimirse as ventás ou darlles un tratamento especial (dobre ou triple cristal).

2. Cerramento de separación de locais adxacentes.

A magnitude do illamento estará en función dos niveis de ruído que exista no local receptor.

3. Pisos.

Co obxecto de evita-la transmisión directa que ocasionan os altavoces de baixos e os impactos de taconeo ou de baile, establécese como aconsellable a execución de pisos flotantes nestes locais. Esta montaxe será obrigatoria para niveis de ruído de 90 dB (A).

4. Piares.

Para niveis de 90 dB (A) e co obxecto de evita-la transmisión de ruído aéreo ou de impacto a través da estructura é necesario o illamento desta mediante sistemas masa-resorte como paredes de obra de fábrica de ladrillo apoiados sobre sistemas elásticos.

5. Altavoces.

Prohíbese a ancoraxe das instalacións electroacústicas en teitos, piares e paredes.

Os altavoces de son medio e agudo situaranse suspendidos mediante materiais elásticos evitando as pontes acústicas. Os altavoces de baixos deberán colocarse sobre un bloque de inercia sustentada sobre resortes metálicos de baixa frecuencia de resonancia.

Empregaranse preferentemente altavoces de pouca potencia distribuídos homoxeneamente no teito e cun pequeno raio de acción. Está contraindicado o uso de altavoces de grandes niveis de potencia acústica.

Nos locais con niveis iguais a 90 dB (A) leq., deberán separarse as zonas de ruído elevado e pistas de baile das zonas menos ruidosas.

6. Outras condicións.

Deixarase un punto de inspección por cada 50 metros cadrados, no que se poderá observa-lo illamento.

Sección terceira

Regulamentación do ruído do tráfico

Artigo 18º.-Vehículos de tracción mecánica.

1. Todo vehículo de tracción mecánica terá en boas condicións de funcionamento o motor, a transmisión, carrocería e demais elementos del capaces de producir ruídos, especialmente o dispositivo silenciador dos gases de escape, co fin de que o nivel sonoro emitido polo vehículo co motor en marcha non exceda dos límites previstos no Decreto 1439/1972, do 25 de maio, sobre homologación de automóbiles respecto ó ruído.

2. Os límites máximos admisibles para ruídos emitidos polos distintos vehículos de motor na circulación serán os establecidos para as emisións de vehículos terrestres, no decreto citado no parágrafo anterior.

3. Consonte o disposto no artigo 10 do texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, modificado pola Lei 19/2001, do 19 de decembro, non se permitirá a circulación de vehículos con niveis de ruidos superiores ós regulamentariamente establecidos.

Artigo 19º.-Dispositivos acústicos.

Conforme o disposto nos artigos 7 e 110 e seguintes do Real decreto 13/1992, do 17 de xaneiro, polo

que se aproba o Regulamento xeral de circulación para a aplicación e desenvolvemento do texto articulado da Lei sobre o tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial, respectaranse as seguintes limitacións:

1º Os conductores de vehículos de motor, agás os que serven en vehículos da policía gobernativa ou municipal, servicios de extinción de incendios e salvamento e outros vehículos destinados ós servicios de urxencia, non poderán facer uso dos dispositivos acústicos en todo o termo municipal durante as 24 horas do día, agás cando se trate de evitar un accidente ou se realice un servicio urxente de auxilio, supostos nos que serán utilizados de forma axeitada e proporcionada.

2º Prohíbese a circulación de vehículos de motor con escape libre e con silenciadores ineficaces, incompletos, inadecuados ou deteriorados.

3º De igual xeito prohíbese forzar ou violenta-las marchas dos vehículos producindo ruídos molestos ou innecesarios, aínda que estivesen dentro dos límites máximos admisibles.

4º Así mesmo, prohíbese a circulación de vehículos a motor cando, por exceso de carga, produzan ruídos superiores ós sinalados na lexislación estatal vixente.

Artigo 20º.-Restriccións de circulación.

1. De conformidade co artigo 5.3º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, nos casos nos que o ruído do tráfico afecte notoriamente a tranquilidade da poboación, o concello poderá sinalar zonas ou vías nas que algunhas clases de vehículos de motor non poderán circular ou deberán facelo de xeito restrinxido en horario e velocidade.

2. Para efectos do establecido no parágrafo anterior, considéranse as zonas que soportan un nivel de ruído, debido ó tráfico rodado, que alcance valores de nivel continuo equivalente (LpAeq) superior a 55 dB durante o período nocturno (de 22 h a 8 h) e a 65 dB no período diúrno (de 8 h a 22 h).

Artigo 21º.-Inspección e control.

1. A policía local poderalles esixir ós conductores de vehículos de motor e ciclomotores, que ó seu xuízo excedan os límites de emisión permitidos, o sometemento ás probas de control de ruídos consonte o disposto no artigo 10.6º, inciso segundo, da Lei do 19 de decembro de 2001, de modificación do Real decreto lexislativo 339/1990. Así mesmo, e de conformidade co Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, modificado pola Lei 19/2001, do 19 de decembro, os axentes da autoridade poderán inmobiliza-lo vehículo nos casos de supera-los niveis de ruídos regulamentariamente permitidos e nos termos previstos no artigo 70.2º do referido real decreto.

2. Os vehículos cun nivel sonoro que exceda os límites máximos establecidos no Decreto 1439/1972, do 25 de maio, sobre homologación de automóbiles respecto o ruído, serán obxecto da correspondente denuncia.

3. Consonte o disposto no artigo 7 do Decreto 1439/1972, do 25 de maio, sobre homologación de vehículos, os axentes de vixilancia do tráfico formularán denuncias por infracción do disposto neste regulamento cando, coa axuda de aparellos medidores de ruído comproben que o nivel de ruídos producidos por un vehículo en circulación supera os límites sinalados no artigo 6 do devandito decreto. Poderá, así mesmo, ser formulada denuncia polos axentes de vixilancia de tráfico sen necesidade de aparellos medidores, cando se trate de vehículos que circulen co chamado «escape libre» ou produzan, por calquera outra causa, un nivel de ruídos que notoriamente superen os límites máximos establecidos.

O titular do vehículo denunciado poderá unir ó prego de descargo, certificación expedida pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio ou empresa homologada, na que se faga consta-lo nivel de ruído comprobado pola mesma, sempre que presente o vehículo ante aquel organismo no prazo dos dous días hábiles seguintes á entrega ou recepción do boletín de denuncia.

Sección cuarta

Regulamentación do ruído nas edificacións

Artigo 22º.-Concepto de edificación.

Considéranse sometidas para os efectos desta disposición os edificios destinados a calquera dos seguintes usos:

-Residencial privado, no que se entenden incluídos todo tipo de vivendas.

-Residencial público, así hoteis, asilos, e demais establecementos hoteleiros.

-Administrativos e de oficinas.

-Sanitarios, nos que se inclúen hospitais, clínicas e outros centros sanitarios.

-Docentes, tales como escolas e universidades.

Artigo 23º.-Condicións acústicas.

1. Os diversos elementos constructivos dos edificios definidos con anterioridade, deben cumpri-las condicións acústicas determinadas no capítulo III da norma básica de edificación (NBE-CA-88, Orde do 29 de setembro de 1988, BOE nº 242, do 8 de outubro).

2. De coexistir nun mesmo edificio varios usos dos definidos no artigo anterior, aplicaranse as condicións acústicas da NBE a cada local por separado, e nos elementos constructivos de común unión entre varios locais, aplicaranse as imposicións máis esixentes dos locais afectados.

3. Exceptúanse do punto anterior os forxados constitutivos da primeira planta da edificación cando a dita planta sexa de uso residencial e na planta baixa se poidan localizar, conforme o planeamento, usos susceptibles de producir molestias por ruídos ou vibracións. Nestes casos, o illamento acústico bruto ó ruído aéreo esixible será de, polo menos, 55 dB (A).

Artigo 24º.-Maquinaria e instalacións.

1. Os aparatos elevadores, as instalacións de ventilación e acondicionamento do aire e as súas torres de refrixeración, a distribución e evacuación de augas, a transformación da enerxía eléctrica e demais servicios dos edificios serán instalados coas precaucións de localización e illamento que lles garanten un nivel de transmisión sonora ós locais e ambientes próximos que cumpran co disposto no título II do anexo da Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica.

2. Co fin de evitar no posible a transmisión de ruído a través da estructura da edificación, deberán terse en conta as seguintes normas:

a) Todo elemento con órganos móbiles manterase en perfecto estado de conservación, principalmente o que se refire á suavidade dos seus rodamentos.

b) Non se permitirá a ancoraxe directa de máquinas ou soporte delas nas paredes medianeiras, teitos ou forxados de separación de recintos, senón que se realizará interpoñendo os adecuados dispositivos antivibratorios.

c) As máquinas de arrinque violento, as que traballen por golpes ou choques bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo deberán estar ancoradas en bancadas independentes, sobre o chan e illadas da estructura da edificación por medio dos adecuados dispositivos antivibratorios.

d) Os conductos polos que circulen fluídos líquidos ou gasosos de forma forzada, conectados directamente con máquinas que teñan órganos en movemento, disporán de dispositivos de separación que impidan a transmisión das vibracións xeradas en tales máquinas. As bridas e os soportes dos conductos terán elementos antivibratorios. As aberturas dos muros para o paso das conduccións dotaranse de materiais antivibratorios.

e) Nos circuítos de auga evitarase a producción de golpes de elevadores hidráulicos, e as seccións e disposición das válvulas e billas deberán ser tal que o fluído circule por elas en réxime laminar para os gastos nominais.

Artigo 25º.-Certificado de illamento acústico.

1. A partir da presentación do correspondente certificado de fin de obra, o concello procederá a comproba-lo cumprimento das prescricións establecidas neste capítulo, comprobación que poderá omitirse se a achegan os promotores, xunto coa anterior certificación, certificado de illamento acústico expedido por empresas ou entidades homologadas pola Consellería de Medio Ambiente.

2. Non se concederá a licencia de primeira ocupación sen o informe favorable sobre o cumprimento dos requisitos acústicos esixidos.

3. O procedemento regulador de homologación das empresas ou entidades para efectuar mediacións en contaminación acústica e vibracións será o establecido no capítulo II do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Sección quinta

Regulamentación do ruído para actividades varias

Artigo 26º.-Actividades varias.

1. A producción de ruídos e vibracións na vía pública, nas zonas de pública concorrencia ou no interior dos edificios, non poderá superar, tanto de día como de noite, os límites establecidos nesta norma para garantir unha correcta convivencia cidadá.

2. Os donos de animais domésticos deben de evitar calquera tipo de ruído provocado polos animais entre as 10 de noite e as 8 da mañá para velar pola tranquilidade dos veciños. No resto das horas que compoñen o día, non se permitirá que o nivel de ruídos producidos polos animais, exceda os límites da boa convivencia e en ningún caso os valores establecidos nesta disposición. O dono será responsable do ruído producido polos seus animais.

3. Os propietarios ou usuarios de aparellos productores de son e instrumentos musicais ou acústicos, que fagan uso deles, xa sexa no propio domicilio ou en zonas públicas, non deberá excede-los límites de ruído establecidos. Soamente nos casos excepcionais se poderá exceder destes límites se o concello concede a autorización oportuna.

4. Comportamento nocturno. Entre as 10 da noite e as 8 da mañá queda prohibido:

a) Cantar, usar instrumentos musicais ou semellantes, berrar ou vociferar.

b) Realizar reparación domésticas ou traballos que produzan molestias, agás autorización expresa.

c) Realizar traballos de bricolaxe cando os ruídos ou vibracións superen os niveis permitidos.

d) Utilizar aparatos domésticos se emiten un nivel de ruído superior ó permitido nesta disposición.

5. Calquera outra actividade ou comportamento singular ou colectivo, non comprendido nos puntos precedentes deste capítulo, que comporte unha perturbación por ruídos para a veciñanza, evitable coa observancia dunha conducta cívica normal, será sancionado conforme o establecido neste regulamento.

Artigo 27º.-Traballos na vía pública e na edificación.

1. Nos traballos realizados tanto na vía pública como na edificación non se autorizará o emprego de maquinaria que teña un nivel de emisión externo (NEE) superior a 90 dB (A), medidos na forma que se fixa regulamentariamente.

2. Os traballos realizados tanto na vía pública como na edificación non poderán realizarse entre as 22 horas e as 8 horas do día seguinte se producen niveis sonoros superiores ó establecido con carácter xeral neste decreto.

3. Exceptúanse da prohibición anterior as obras urxentes, as que se realicen por razóns de necesidade ou perigo e aquelas que polos seus inconvenientes non poidan levarse a cabo durante o día. O traballo nocturno deberá ser expresamente autorizado polo concello, que determinará os límites sonoros que deberá cumprir en función das circunstancias que concorran en cada caso, sen prexuízo do establecido na lexislación laboral.

Artigo 28º.-Carga e descarga.

1. Prohíbense as actividades de carga e descarga de mercancías, manipulación de caixas, contedores, materiais de construcción e obxectos similares na vía pública, entre as 22 horas e as 8 horas do día seguinte, candos estas operacións superen os límites sonoros establecidos no presente regulamento.

É preceptiva a autorización municipal expresa para aquelas actividades que xustifiquen tecnicamente a imposibilidade de respectar os límites establecidos.

2. No horario restante da xornada laboral, estas actividades deberán realizarse co máximo coidado a fin de minimizar as molestias e reducilas ás estrictamente necesarias.

Artigo 29º.-Limpeza e recollida de lixo.

O servicio público nocturno de limpeza e recollida de lixo adoptará as medidas e as precaucións necesarias para reducir ó mínimo o nivel de perturbación da tranquilidade cidadá.

Nos pregos das cláusulas administrativas particulares deste servicio especificaranse, entre as condicións de execución, os valores límites de emisión sonora aplicables ós vehículos e á actividade que estes realizan.

Artigo 30º.-Dispositivos sonoros.

1. Con carácter xeral non se permitirá o emprego de ningún dispositivo sonoro con fins de propaganda, reclamo, aviso ou espallamento.

Esta prohibición non rexerá nos casos de alarma, urxencia ou especial significación cidadá determinada polo concello.

2. Para os efectos desta disposición enténdese como sistemas de alarma todo dispositivo sonoro que teña por finalidade indicar unha manipulación sen autorización dunha instalación, ben ou local.

3. Co fin de evitar ou minimiza-las molestias ocasionadas polos sistemas de alarma, deberán terse en conta as normas establecidas nos seguintes puntos:

a) Os propietarios das alarmas deberán poñer en coñecemento da policía municipal os seus datos per

soais para que, unha vez avisados do seu funcionamento anómalo, procedan de inmediato a súa interrupción.

O descoñecemento do titular ou persoa responsable por parte da policía municipal será entendido como autorización tácita a favor desta para o uso dos medios necesarios para interromper o sistema de aviso.

A anterior medida enténdense sen prexuízo da imposición da correspondente sanción, cando as molestias deriven de actos imputables á actuación do propietario ou industrial subministrador, como consecuencia dunha deficiente instalación do aparello ou dunha falta das operacións necesarias para mantelo en bo estado de conservación.

b) Prohíbese a activación voluntaria dos sistemas de alarma, agás nos casos de proba e ensaio que se indican:

* Iniciais: serán os casos que se realicen inmediatamente despois das instalacións para comproba-lo seu funcionamento. Poderán efectuarse entre as 10 e as 18 horas da xornada laboral.

* Rutineiras: serán as de comprobación periódica do correcto funcionamento dos sistemas de alarma. Só poderán realizarse unha vez ó ano e nun intervalo máximo de 5 minutos, dentro dos horarios anteriormente indicados da xornada laboral. A policía municipal deberá coñecer previamente, o plan destas comprobacións coa expresión do día e hora na que se van realizar.

Capítulo IV

Inspección e réxime sancionador

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 31º.-Normativa aplicable.

Para o non previsto nesta disposición, será de aplicación:

-A Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica desenvolvida a través do Regulamento de protección contra a contaminación acústica, aprobado polo Decreto 150/1999, do 7 de maio.

-A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

-O Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental.

-O capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-O Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

-Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, polo que se aproba o texto articulado da Lei sobre

tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial.

-Lei 19/2001, do 19 de decembro, de reforma do texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade vial.

-Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

-Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.

Sección segunda

Inspección e vixilancia

Artigo 32º.-Competencia.

1. Correspóndelle ó concello exerce-lo control do cumprimento do previsto na presente disposición, conforme o disposto no capítulo II do título III da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, no referente ás denuncias e ás actuacións de inspección e vixilancia.

2. Cando o concello se considere imposibilitado para o exercicio da competencia de inspección, poderá solicita-lo auxilio en tal función á Administración autonómica, ou ás empresas habilitadas ó respecto pola Xunta de Galicia, de acordo co estipulado no artigo 25 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Artigo 33º.-Actividade de inspección.

1. O persoal do concello, debidamente identificado, poderá levar a cabo visita de inspección ás actividades que se veñan desenvolvendo e ás instalacións en funcionamento para os efectos de comproba-lo cumprimento das determinacións das presentes ordenanzas tipo.

Cando para a realización de inspeccións sexa necesario entrar nun domicilio será preceptiva a correspondente autorización xudicial. Nos demais supostos, o persoal, debidamente identificado, estará facultado para acceder ás instalacións ou establecementos, se é o caso, sen previo aviso.

Os propietarios dos establecementos e actividades productoras de ruídos e vibracións deberá permiti-la inspección e facilitala.

2. As visitas de inspección poderán levarse a cabo por propia iniciativa municipal ou logo de solicitude de calquera interesado dirixida á autoridade administrativa competente. As solicitudes conterán, ademais dos datos esixibles ás instancias na lexislación que regulamenta o procedemento administrativo, os datos precisos para a realización da visita de inspección.

Nos casos de recoñecida urxencia, cando os ruídos resulten altamente perturbadores ou cando sobreveñan ocasionalmente por uso abusivo, deterioración ou deficiente funcionamento das instalacións, aparellos ou equipos, a solicitude de visita de inspección poderá formularse directamente ante os servicios de inspección tanto de palabra como por escrito.

3. As visitas de inspección realizaranse tendo en conta as características do ruído e das vibracións. Para ese fin as medicións relativas ó ruído obxectivo realizaranse previa citación do responsable do foco ruidoso e as medicións relativas ó ruído subxectivo practicaranse sen coñecemento do titular, sen prexuízo de que neste último caso poida ofrecerse ó responsable do foco ruidoso unha nova medición na súa presencia para o seu coñecemento.

4. Unha vez concluídas as medicións entregarase ós interesados unha copia do resultado delas. As actas emitidas polos órganos competentes gozan de presunción de veracidade en canto ós feitos contidos nelas e constitúen proba dabondo para os efectos do correspondente procedemento sancionador, non sendo que se achege polos interesados algunha proba en contrario. Tal presunción esténdese ás medicións realizadas con instrumentos que reúnen os requisitos regulamentarios establecidos no punto 6 do Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

Sección terceira

Réxime sancionador

Artigo 34º.-Infraccións.

Consideraranse infraccións administrativas as accións ou omisións que contraveñan as disposicións deste regulamento. As infraccións clasifícanse en leves, graves ou moi graves, de conformidade co tipificado nos artigos seguintes, de acordo co establecido no capítulo III, título III da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Artigo 35º.-Faltas leves.

Constitúe falta leve:

a) A superación dos límites admitidos ata 5 dB (A).

b) A transmisión de niveis de vibración correspondente á curva base inmediatamente superior á máxima admitida para cada situación (anexo Lei 7/1997, do 11 de agosto).

c) Calquera outra infracción ás normas da Lei 7/1997, do 11 de agosto, non cualificada expresamente como falta grave ou moi grave, conforme o disposto no seu artigo 13º.

d) A circulación de vehículos de motor co escape libre e con silenciadores ineficaces, incompletos, inadecuados ou deteriorados.

e) A non presentación dos vehículos ás inspeccións.

f) A contravención das obrigas previstas nos parágrafos 2, 3, 4 e 5 do artigo 26º deste regulamento.

Artigo 36º.-Faltas graves.

Constitúe falta grave:

a) A superación en máis de 5 dB (A) dos valores límite admitidos.

b) A transmisión de niveis de vibración correspondentes a dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación (anexo Lei 7/1997, do 11 de agosto).

c) A vulneración expresa dos requirimentos municipais para a corrección das deficiencias observadas.

d) A negativa ou obstrucción ó labor inspector. Considérase, en todo caso, como resistencia á actuación inspectora impedirlles ós funcionarios competentes a entrada ós recintos e locais onde deban realizarse as inspeccións, sempre e cando a Administración actuante observase os requisitos formais establecidos neste regulamento.

e) A reincidencia en faltas leves no prazo de doce meses.

f) A iniciación de actividades ou a apertura de establecementos e instalacións susceptibles de producir ruídos ou vibracións sen obte-la previa autorización ou licencia.

g) A transgresión ou incumprimento das condicións correctoras sinaladas polo órgano competente. Neste último suposto, os suxeitos responsables poderán evita-la imposición de sanción se proceden voluntariamente á paralización ou non iniciación da actividade.

Artigo 37º.-Faltas moi graves.

Constitúen faltas moi graves:

a) A superación en máis de 15 dB (A) dos valores límite admitidos.

b) A transmisión de niveis de vibración correspondente a máis de dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación (anexo Lei 7/1997, do 11 de agosto).

c) A reincidencia en faltas graves no prazo de 12 meses.

d) O incumprimento das ordes de clausura dos establecementos ou de paralización da actividade acordadas pola autoridade competente.

Artigo 38º.-Sancións.

As infraccións ós preceptos deste regulamento sancionaranse de acordo co establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

a) Infraccións leves, con multa desde 60,10 ata 1.502,53 euros.

b) Infraccións graves, con multa dende 1.502,54 ata 9.015,18 euros, clausura temporal do establecemento ou paralización da actividade por un espacio de tempo non superior a seis meses.

c) Infraccións moi graves, con multa dende 9.015,19 ata 60.101,21 euros, clausura do establecemento ou paralización da actividade por espacio superior a seis meses ou con carácter definitivo.

Artigo 39º.-Atenuantes.

Sempre que a comisión da infracción se produza por primeira vez e a corrección da emisión de ruído que orixinou a sanción se fixese nun prazo de 48 horas, reducíndoa ó nivel autorizado, a sanción imporase no seu grao mínimo. En todo caso, o prazo computarase a partir da comprobación da comisión da infracción.

Artigo 40º.-Clausura.

A sanción de clausura temporal ou definitiva poderá impoñerse naquelas infraccións nas que se aprecie reiterada resistencia ó cumprimento do ordenado pola alcaldía ou manifesta actitude do titular da instalación no sentido de dificultar, falsear ou desvirtua-lo resultado da inspección.

Artigo 41º.-Medidas complementarias.

Na resolución que poña fin ó procedemento sancionador poderá acordarse, á parte da imposición da sanción correspondente, a adopción de medidas correctoras, así como a indemnización dos danos e perdas ocasionados como consecuencia da actividade infractora. Para a execución dos ditos actos, se o infractor non os cumprise voluntariamente no prazo que se lle sinale, poderán impoñérselle multas coercitivas sucesivas de ata 3.005,06 euros cada unha. Igualmente poderá ordenarse a execución subsidiaria nos termos previstos no artigo 98 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 42º.-Prescrición.

As infraccións ás que se refire este regulamento prescribirán nos seguintes prazos, desde a comisión do feito:

a) Seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Dous anos, no caso de infraccións graves.

c) Catro anos, no caso de infraccións moi graves.

Artigo 43º.-Medidas cautelares.

Coa independencia das demais medidas que se adopten para garanti-la eficacia da resolución que no seu momento se dicte, con carácter cautelar o concello poderá acorda-la inmediata adopción de medidas correctoras imprescindibles para evita-los danos ou molestias graves que se estean ocasionando como consecuencia das actividades presuntamente infractoras. Igualmente, e co mesmo carácter cautelar, poderá acordarse a paralización da actividade ou a clausura das instalacións ou dos establecementos cando a producción de ruídos ou vibracións supere os niveis establecidos para a súa tipificación como falta moi grave, ou ben cando, acordada a adopción de medidas correctoras, o requirimento municipal resultase incumprido no prazo que para os efectos se sinale. Tamén poderá acordarse o precinto de equipos, así como calquera outra medida que se con

sidere imprescindible para evita-la persistencia na actuación infractora. Estas medidas adoptaranse despois de audiencia do interesado, por un prazo de cinco días, excepto naqueles casos que esixan unha actuación inmediata.

Capítulo V

Acción municipal

Artigo 44º.-Acción municipal.

A acción municipal en materia de contaminación acústica concretarase nun programa xeral de actuacións baseado nos seguintes principios e criterios:

1. Prevención, corrección e mellora.

2. Información.

3. Concienciación.

Como punto de partida haberá que coñece-lo grao de concienciación dos cidadáns ante o problema para, posteriormente, introducir hábitos de conducta compatibles cun maior benestar.

O concello establecerá un programa de auditoría interna bianual como método de seguimento do programa de actuación dos que os seus resultados evidenciarán a necesidade de revisión dos obxectivos marcados por el.

ANEXO I

1. Zonas de sensibilidade e tipos de recintos:

a) Zona de alta sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do territorio que admiten unha protección alta contra o ruído, como áreas sanitarias, docentes, culturais ou espacios protexidos.

b) Zona de moderada sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro medio, como vivendas, hoteis ou zonas de especial protección como os centros históricos.

c) Zona de baixa sensibilidade acústica: comprende tódolos sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro elevado, como restaurantes, bares, locais ou centros comerciais.

d) Zona de servidume: comprende os sectores do territorio afectados por servidumes sonoras a favor de sistemas xerais de infraestructuras viarias, ferroviarias ou outros equipos públicos que a reclamen.

e) Zonas específicas xustificadas polo usos do solo ou a concorrencia doutras causas.

As zonas referidas con anterioridade, agás a zona de servidume, teñen adscritos cinco tipos de recintos, que se clasifican segundo os usos en:

-Tipo I: dormitorios de edificios sanitarios, clínicas ou centros de descanso, auditorios, teatros de ópera.

-Tipo II: dormitorios en vivendas, consultorios médicos, dormitorios de hoteis, teatros.

-Tipo III: salas de estar, aulas de ensino, centros de culto, bibliotecas, oficinas de dirección, cines, salas de exposicións, museos.

-Tipo IV: usos comúns de vivendas, corredores, cociñas, recibidores, salas de espera, laboratorios.

-Tipo V: comercios, restaurantes, polideportivos, piscinas cubertas, estacións de viaxeiros

ANEXO II

Valores de recepción:

Entenderase por valor de recepción os niveis de avaliación máximos recomendados no ambiente exterior ou interior e fíxanse en función do período horario e da zona de sensibilidade acústica. Estes valores serán medidos na forma e nas condicións sinaladas no Regulamento de protección contra a contaminación acústica, aprobado polo Decreto 150/1999, do 7 de maio.

a) Valores de recepción do ruído no ambiente exterior.

Táboa 1

Zonas de sensibilidade acústica

De 8 a 22 horas

LpAeq

De 22 a 8 horas

LpAeq

A6050

B6555

C7060

D/outras esp.7565

Zona de servidume:

A zona de servidume sonora derivada da existencia ou previsión de focos emisores de ruído e/ou vibracións, coma poden se-las infraestructuras viarias, as ferroviarias ou outros equipos públicos que o reclamen, será delimitada polo concello no planeamento urbanístico ou polos procedementos previstos na lexislación de réxime local.

A zona de servidume abranguerá o territorio do contorno do foco emisor e delimitarase nos puntos do territorio ou curva isófona (curva de igual percepción de sonido), onde se midan os valores guía de recepción no ambiente exterior que correspondan de acordo coas zonas de sensibilidade acústica.

En caso de que pola zona de sensibilidade acústica A transcorra unha autoestrada, a zona de servidume derivada desta comprenderá o territorio do contorno da autoestrada ata os puntos do espacio delimitado pola curva isófona 60 dB (A).

Excepcionalmente o concello poderá autorizar unha ampliación determinada de carácter temporal e xustificada, nos niveis máximos no ambiente exterior, en puntos determinados do termo municipal, atendendo a eventos singulares programados tales como celebracións, feiras, festas ou manifestacións, ó mesmo tempo que se darán as ordes precisas para reducir ó máximo as molestias ós cidadáns.

b) Valores de recepción do ruído no ambiente interior.

Táboa 2

Zonas de sensibilidade acústica

De 8 a 22 horas

LpAeq

De 22 a 8 horas

LpAeq

A3025

B3530

C, D4035

c) Valores de recepción ás vibracións no ambiente interior.

Táboa 3

Uso de recinto afectadoPeríodoCurva base

SanitarioDiúrno

Nocturno

1

1

ResidencialDiúrno

Nocturno

2

1,4

OficinasDiúrno

Nocturno

4

4

Almacén e comercialDiúrno

Nocturno

8

8

As curvas base son as da figura 5ª de vibracións de edificios, da norma ISO-2631-2, transcrita na Lei 7/1997, do 11 de agosto.