Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.613

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 7 de xullo de 2003 pola que se establece o procedemento de incorporación ó Servicio Galego de Saúde de novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios.

O Real decreto 63/1995, do 20 de xaneiro, sobre ordenación de prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde, establece a necesidade de avalia-la seguridade e eficacia clínicas, así como a contribución eficaz das atencións, actividades ou servicios á prevención, tratamento ou curación de enfermidades.

As funcións de avaliación das prestacións sanitarias en relación á súa ordenación, no Sistema Nacional de Saúde, correspóndenlle á Axencia de Avaliación de Tecnoloxías en coordinación coa Dirección Xeral de Planificación Sanitaria, Sistemas de Información e Prestacións do Ministerio de Sanidade e Consumo, e coa Secretaría do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

En Galicia, o Servicio de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías, da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, dependente da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, ten asumidas as funcións de avaliación de tecnoloxías sanitarias, en virtude do disposto no artigo 5.3.4.2 do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

Os continuos avances científicos e técnicos que se veñen producindo no campo da sanidade implican a introducción de novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios, para facer efectivas as prestacións garantidas polo Real decreto 63/1995, de 20 de xaneiro.

Cómpre que as decisións que se toman nos servicios sanitarios e con relación a eles, así como a práctica clínica no nivel do procedemento, estean baseadas moito máis que ata agora na evidencia científica. A aplicación destas novidades ós usuarios do Servicio Galego de Saúde debe realizarse coas máximas garantías de calidade, seguridade, eficacia e eficiencia. Estes aspectos serán valorados pola administración sanitaria antes de proceder á súa incorporación xeneralizada no sistema sanitario público, de modo similar ó que se leva a cabo noutros sistemas de saúde do noso contorno.

O coñecemento detallado dos procedementos asistenciais, tanto diagnósticos coma terapéuticos, que se realizan na rede asistencial pública de Galicia é unha información básica para a planificación e a xestión da sanidade.

En consecuencia, e co obxecto de acadar estes fines, no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regu

ladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da presente orde é o establecemento dun procedemento de incorporación ó Servicio Galego de Saúde de novos procedementos asistenciais, tanto diagnósticos coma terapéuticos, así como das técnicas e outros medios sanitarios, incluídos nas prestacións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde.

2. Para os efectos desta orde, considéranse novos procedementos, técnicas e outros medios sanitarios, todos aqueles que sexan de nova realización no Sergas.

Artigo 2º.-Solicitudes.

As solicitudes de autorización dirixiranse á Secretaría Xeral do Sergas, acompañadas dunha memoria técnica e funcional, de acordo co modelo (anexo I).

Artigo 3º.-Procedemento.

1. A inclusión de novos procedementos, técnicas, materiais e outros medios sanitarios no Sergas, iniciarase a proposta dos centros directivos da Consellería de Sanidade e do Sergas, ou das direccións ou xerencias dos centros sanitarios, e deberá ser autorizada pola Secretaría Xeral do Sergas.

2. Cando a importancia clínica da técnica, procedemento, material e outros medios sanitarios, así o aconselle, requirirase, con anterioridade á súa autorización, informe da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías e proposta da Comisión de Avaliación de Tecnoloxías, que procederán tendo en conta a súa seguridade, utilidade, custo e efectividade.

Artigo 4º.-Especial prescrición e control.

En función da evidencia científica dispoñible, algúns procedementos, técnicas, materiais e outros medios sanitarios poderán considerarse como de especial prescrición e control, quedando suxeitos ós criterios específicos de indicación, realización e avaliación que estableza a Secretaría Xeral do Sergas.

Artigo 5º.-Nova realización nun centro.

A posta en marcha nun centro sanitario de calquera procedemento, técnica, materiais e outros medios sanitarios xa incorporados no Sergas e de nova realización para ese centro, será autorizada pola División de Asistencia Sanitaria, de acordo cos criterios xerais de planificación do organismo.

Artigo 6º.-Baixas.

Os xerentes dos centros deberán comunicar á Secretaría Xeral do Sergas as técnicas e os procesos asistenciais que se deixen de realizar, explicando os motivos e, se é o caso, a técnica pola que se substitúen (anexo II).

Disposición adicional

Queda sen efecto a Circular 5/2002 sobre a solicitude de autorización de novas técnicas diagnósticas e/ou terapéuticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral do Sergas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2003

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Memoria: proposta de novo procedemento

Hospital:...

Servicio:...

Técnica ou procedemento proposto:...

A. Xustificación da proposta:...

B. Forma de coñecemento do procedemento:...

C. Vantaxes:...

D. Riscos:...

E. Indicacións:..

F. Outras consideracións:...

-¿Precisa a súa implantación reorganización de recursos materiais e/ou humanos?.

¿Cales?

-¿Substitúe a outro procedemento xa existente? En caso afirmativo, ¿A cal?

Data de solicitude

Sinatura do/a xefe/a de servicioSinatura do/a xerente

ANEXO II

Comunicación de baixa de procedemento

Hospital:...

Servicio:...

Técnica ou procedemento que se deixa de realizar:...

A. Xustificación do cesamento do procedemento.

B. Técnica pola que se substitúe:...

(No caso de que se trate dun novo procedemento, utiliza-lo anexo I).

Data de solicitude

Sinatura do/a xefe/a de servicioSinatura do/a xerente