Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 07 de agosto de 2003 Páx. 10.331

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de xullo de 2003 pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do Regulamento electrotécnico de baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, establece no seu artigo 12.5º que os regulamentos de seguridade industrial de ámbito estatal serán aprobados polo Goberno da Nación, sen prexuízo de que as comunidades autónomas, con competencia lexislativa sobre industria, poidan introducir requisitos adicionais sobre as mesmas materias cando se trate de instalacións radicadas no seu territorio. Polo tanto, a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, está facultada para regula-la aplicación do Regulamento electrotécnico de baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto.

Nesta orde regúlase a clasificación das categorías de instaladores autorizados, fíxase o formato que debe te-la memoria técnica de deseño e o informe de comunicación de accidentes, establécese, así mesmo, o órgano ó que se debe informar sobre os accidentes que se produzan e ante o que se deberá presenta-la documentación relativa ás instalacións eléctricas incluído o período de transición de entrada en vigor do regulamento.

Establécense, finalmente, as equivalencias e correspondentes validacións entre os carnés profesionais xa concedidos cos que implanta o novo regulamento.

Polo exposto, en uso das competencias que esta consellería ten atribuídas en materia de seguridade industrial e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a aplicación de determinados aspectos do Regulamento electrotécnico de baixa tensión aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, en diante regulamento, así como o réxime transitorio para a execución das instalacións ás que é de aplicación o Regulamento electrotécnico de baixa tensión aprobado polo Decreto 2413/1973, do 20 de setembro.

Artigo 2º.-Clasificación dos instaladores autorizados en baixa tensión.

Os instaladores autorizados en baixa tensión clasifícanse nas seguintes categorías:

1. Categoría básica (IBTB).

2. Categoría especialista (IBTE). Esta categoría englobará tódalas modalidades que se enumeran na ITC-BT-03 do regulamento.

Artigo 3º.-Documentación e posta en servicio das instalacións.

A memoria técnica de deseño (MTD) á que fai referencia a ITC-BT-04, redactarase conforme o modelo que se inclúe como anexo I desta orde.

Artigo 4º.-Seguro de responsabilidade civil e medios.

Á entrada en vigor do regulamento, as empresas autorizadas deberán dispoñer dos medios técnicos e humanos esixidos por este, independentemente do regulamento polo cal se rexan as ditas instalacións. Nese momento deberán dispor tamén do seguro de responsabilidade civil do que a súa contía por sinistro será a establecida na ITC-BT-03.

Artigo 5º.-Accidentes.

Segundo o disposto no artigo 27 do regulamento, cando se produza un accidente que ocasione danos ou víctimas, a compañía subministradora remitirá informe del á delegación provincial correspondente, cubrindo para iso o impreso que figura no anexo II. As delegacións provinciais pola súa vez darán traslado da devandita información á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Disposición adicional

Única.-Validación dos carnés profesionais.

Á entrada en vigor desta orde, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio validará de oficio os carnes profesionais de instalador autorizado, ó certificado de cualificación individual en baixa tensión, categoría especialista.

Disposición transitoria

Única.-Instalacións en fase de tramitación na entrada en vigor do regulamento.

Para a execución daquelas instalacións que foran conformes co disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión, aprobado polo Decreto 2413/1973, do 20 setembro, as súas instruccións técnicas complementarias e tódalas disposicións que o desenvolven e modifican, establécese un período transitorio de dous anos, a partir do 19 de setembro de 2003, sempre que antes do comezo do devandito período, se dean e se comuniquen ás correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio as seguintes circunstancias:

a) Instalacións que requiren proxecto: que se dispoña de proxecto eléctrico ou de execución básica visado polo colexio profesional correspondente, con data anterior á de comezo do período transitorio. Comunicarase, así mesmo, a dita data de visado.

b) Instalacións que non requiren proxecto: que a execución da instalación se encontra iniciada.

Transcorrido o dito período transitorio, as delegacións provinciais procederán a declara-la caducidade dos expedientes dos que a súa tramitación non finalizara.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde e a modificación, se é o caso, do contido dos seus anexos.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio